jueves, 7 de septiembre de 2017

COA LIMA DO CORTAÚÑAS



            Pé esquerdo en auga quente. Con sal. Para aliviar a dor do calo. E para abrandalo, claro. Logo, cando xa vexa que se pode furgar nel, ale, a facelo. A ver se o quito; polo menos un cacho. Para que non me doa moito cando me atope no Rosario das Antorchas. E que vou ir. Faltaría máis. Aínda que me deite ás dúas. Aínda que me levante ás sete. É a noite máis bonita do ano. Para un servidor e creo que para toda a contorna molguesa. E non digo nada xa sobre o día de mañá. O día 8. Coñécese así, e punto. Nada de o día da Virxe nin sequera algo semellante; simplemente O día 8.
Pé esquerdo na auga que xa non está tan quente. Meneando a cabeza ó ritmo do jazz de Bill Evans. Creo que cando remate este relato, non queda outra que ir ó baño para furgar no maldito calo. Voulle meter a punta da lima do cortaúñas ata o mesmo corazón. Aínda que súe coa dor. Aínda que berre. Pero téñolle que buscar as entrañas e arrincarllas! Estar de pé e quieto é algo que me mata, que me fai sufrir horrores. Porque, para máis aquel, sempre me apoio moito máis sobre o pé esquerdo. De toda a vida. De aí creo que foi de onde me apareceu o maldito calo… de fincarme nese pé continuamente.

            Finca Fierro. Xoves, 7 de setembro de 2017

martes, 5 de septiembre de 2017

QUERÍA QUE MARCARAN



            Eu quería que marcaran os xogadores de Liechtenstein, pero, pobriños, non marcaron. A verdade é que me deron algo de pena. E máis sabendo que con eles xogaba un fillo de galego. Estamos en todos os lugares do mundo. Ata en Liechtenstein! A ver!, habendo un galego na lúa, como non vai estar algún á beira dos Alpes. E aínda hai uns cantos, xa que oín perfectamente como alguén que estaba no campo berraba un “veña, Iaguiño!”, en clara alusión a Iago Aspas.
Eu quería que se levaran unha alegría os xogadores e o público dese país case impronunciable. Qué menos… sen liga, sen practicamente profesionais, con, non sei se dixeron, pouco máis de 2000 licenzas e 35.000 habitantes. Pobriños, levaron oito goles acá e oito alá. A eles téñenselle que facer a maioría dos partidos moi longos, eternos; e case sempre pechadiños no seu campo. Entendo perfectamente á súa xente alentándoos cando conseguen ir máis alá do medio do campo. Ata eu me alegraba. De todo isto, quizais a súa gran recompensa estea no intercambio de camisetas con xogadores de prestixio, sexan españois, ingleses, alemáns ou italianos.

            Finca Fierro. Martes, 5 de setembro de 2017

O FILÁNTROPO QUE MERCOU UNHA ILLA



 
            Busca, busca e encontrarás. Ou furga, furga polas veas abertas das páxinas web, que che descubrirán o que nunca imaxinaches. A verdade é que cando hai tempo e te dedicas a fochicar pola Internet, atópaste con agradables sorpresas (ou non tan agradables). O que me aconteceu hai uns días buscando algo sobre Baños de Molgas. A descrición tan só che amosaba unhas poucas palabras, coma se fora un título, e aínda para máis aquel, mal escritas. E cada vez que me aparecen novas relacionadas co balneario, non vou máis alá do título porque sei que están relacionadas coa asistencia a tomar as augas termais de tal ou cal personaxe coñecido, importante ou famoso. Sei que desas augas radiactivas, bicarbonatadas, sódicas, silicatadas y oligometálicas (aí é nada!), e desde que o mundo é mundo, beberon xa persoas de todos os rangos e condicións; desde xente ben ata probes labregos, desde políticos ata empresarios, desde xente da farándula ata xente eclesiástica. Por iso “pasaba” un pouco de abrir esas noticias. Só me dicían que chegaba ó balneario tal eminencia ou que regresaba ó seu traballo cal duquesa.
            Pero non sei por que, déuseme por abrir unha nova na que me chamaron a atención estas palabras: “llegó basta nosotros ayer tarde: en Baños de Molgas (Orense), donde se bailaba sometido a cura de aguas, falleció...” e estoutras: “...cinco de la mañana. Será traído en automóvil desde Baños do Molgas. La Federación Gallega de Atletismo ruega a los atletas...”. Como non explicaba moito, quixen saber realmente quen era ese falecido. Abrín entón a información. “O cadáver de D. Martín Echegaray chegará a Vigo, hoxe, domingo, 19 de xullo de 1931, ás cinco da mañá”. Isto era o que se pode chamar o encabezamento da noticia. Despois xa aparecía unha extensa reportaxe sobre o personaxe, incluída a súa necrolóxica.
            Cando lin algo de que creara, con outros socios, a Compañía de Tranvías Eléctricos (alá pola primeira década de 1900), xa optei por seguir furgando algo máis para pescudar, para verificar quen era realmente este señor que se dignou poñer os pés no meu Baños de Molgas e que os medios xornalísticos lle dedicaban un bo espazo nas súas páxinas.
            Este señor, neses anos, é certo que non era un calquera. Así, sen pensalo dúas veces e a maiores de gran empresario, era político, filántropo e membro da RAG, a Real Academia Galega.
            Martín Echegaray Olañeta nacera en Freixeiro (Vigo) o 28 de outubro de 1866. En Galicia, e tamén desde que o mundo é mundo, unha das saídas existentes para acadar algo nesta vida era, é e, por desgraza, seguirá sendo a emigración. Lembrade: o galego non pide, emigra. Nos tempos de agora adoitamos emigrar por Europa adiante; antigamente era buscar as Américas. Martín Echegaray marchou a Bos Aires con tan só 13 anos. Dille hoxe a un rapaz que se busque a vida desa maneira… xa se perde no primeiro cruce de camiños co que se atope.
            Ó outro lado do charco empezou como dependente de comercio e co tempo amosou unha gran fortuna con negocios de navegación e comercio transoceánico. En 1906 puxo en marcha un proxecto de navegación de grandes trasatlánticos entre Europa e o Río da Prata. Compaxinou certas actividades coa diáspora galega, sempre grande e importante, na capital arxentina.
            Volveu a España o 13 de maio de 1906 para instalarse en Xixón e catro anos máis trade en Vigo. Crea os citados tranvías e figura como o primeiro presidente da compañía. Logo, así coma quen non quere a cousa, mercou a illa de Toralla, que está a uns 200 metros da praia do Vao en Vigo (ó saber disto, acordeime do capitán Jonathan Clark (Gregory Peck) que quixo mercar Alaska no filme “O mundo nas súas mans”). E isto da adquisición dunha illa naqueles tempos foi o que me fixo exclamar que este home merecía un recoñecemento pola miña parte, este Testemuñas. Non calquera pode mercar toda unha illa e vir pasar uns días a Baños de Molgas!
            Martín Echegaray Olañeta casou con Inocencia García Iglesias e tivo sete fillos. O seu falecemento ós 64 anos evitou asistir ós reveses que levou a súa familia a partir de 1936, a partir da Guerra Civil, xa que o seu fillo Segundo Echegaray García foi asasinado polos falanxistas en setembro de 1936. Cinco fillos máis, xunto coa nai, tiveron que exiliarse á Arxentina. E outro máis, que era pintor, refuxiouse en Francia. Tiñan que pagar o seu republicanismo e a masonería do pai. Pagárono con sangue, suor e bágoas.
            O noso protagonista fora concelleiro en Vigo en 1922 e presidente do Centro Republicano vigués, así como membro da Loxa Masónica Vicus nº 8. Na súa cidade quedou para a posteridade como un home cun sentido da sociabilidade, da sinxeleza sempre espontánea, de magnanimidade silenciosa e de gran corazón. Mais este, o corazón, falloulle nun lugar ó que fora precisamente “a curarse en saúde”. Foi soterrado no cemiterio de Pereiró, aínda que máis tarde os seus restos trasladáronse a Bos Aires, onde descansan nun panteón familiar.

            Café Paraxe da Farixa, Ourense. Luns, 28 de agosto de 2017

Publicado en La Región o venres,01-09-2017

A DIVERSIDADE DE OS DO FUELLE


 
            Xa tiña ganas de meterlle o dente. A Os do Fuelle. Porque son coñecidos. Porque son veciños. E porque moitos deles son amigos. Convivo con eles desde practicamente toda a miña vida, e como agrupación musical desde hai cinco anos, desde 2012, desde que se fundou. Non obstante, xa vedes, todo un lustro para falar deles. Pero, ollo ó dato, desde o día 18 de agosto de 2015 (hai dous anos), desde que iniciei esta sección de Testemuñas da Memoria estiveron sempre na miña cabeza. Sempre. E iso que, en directo, teño que recoñecer que non os escoitei máis alá de dúas ou tres veces e tan só ós cachiños (nas festas patronais de Maceda), pero sempre os seguín polas redes sociais e por eses amigos que me mandan as súas cousas polo guasap.
            Por fin, hai uns días, cando os dous coincidimos mercando unhas barras de pan, pillei a Tito González, o director musical do grupo e director tamén da Escola de Música (por certo, a condición esixente para pertencer á agrupación Os do Fuelle é a de estar, antes, matriculados nesa escola municipal), e concretamos  unha pequena cita para que se me "enrollara" un pouquiño. A ver!, como lle dixen un chisco antes, sentíame e síntome competente para escribir así, "ás cegas", sobre Os do Fuelle. Polo dito ó inicio: coñecidos, veciños e amigos; onde se ve que aquí teño para dar e tomar. Emporiso, sempre é bo contrastar ou cotexar certos asuntos ou datas ou temas ou puntos ou materias ou datos.
            Desde o momento, é dicir, desde sempre, en que asimilei que tiña que escribir sobre esta agrupación, tan só unha palabra me bombardeaba, me encaixaba na cabeza unha e mil veces. Souben que na reportaxe (e como se ve ata no título) tiña que aparecer á forza a palabra "diversidade". Porque Os do Fuelle son unha auténtica pluralidade. Diversidade de oficios. Diversidade laboral. Diversidade de afeccións. Diversidade de concellos. Diversidade de caracteres. Diversidade administrativa. Diversidade de idades. Diversidade de xénero. Diversidade política. Hai funcionarios e comerciais e gardas civís e policías locais e operarios municipais e alcaldes e ex alcaldes e ex banqueiros e estudantes. Ata hai labregos, carallo, ata hai labregos, que iso xa son palabras maiores, xa é máis ca mérito. Hainos de todos os concellos da contorna, ou sexa da comarca de Maceda (a este respecto, un amigo da agrupación sempre me premía con que remarcase a convivencia entre os concellos de Baños de Molgas e de Maceda, porque é sabido que nos anos da polca, da pera había certa rivalidade entre as dúas vilas, xa sabedes, algo así coma no fútbol os típicos derbis. Eu tamén opino que esas rivalidades hai xa tempo que deron ó esquecemento, que pasaron á historia. Eu mesmo levo case 25 anos estando máis en Maceda que na miña propia vila... como non lle vou querer a Maceda, entón). Hai dous integrantes que non son da contorna, que pertencen ós concellos de Celanova e de Chantada, en Lugo. Isto é porque son profesores da Escola. Dobre mérito para eles ó ter que desprazarse para uns actos e para outros desde tan lonxe.
            A agrupación dá para moito máis dos dous folios cos que teño que cubrir este Testemuñas. E como vexo que cada vez queda menos espazo para completar a sección, non queda outra que empezar a dicir cousas sen parar mentes e a treu, tal como pillei os apuntamentos que me foron cantando Tito e máis Mino, o cal entrara desde un principio na conversa.
            Os do Fuelle é unha agrupación sen ningún ánimo de lucro, que nunca cobra polas súas actuacións nin pensa cobrar. Son 40 compoñentes con tan só dúas mulleres. E recalcáronmo, sinaláronmo de tal maneira que me deron a entender (polo menos así o entendín eu) que tiñan que animarse a entrar moitas máis, que o grupo está aberto a todos. O membro máis veterano ten 80 anos e o máis párvulo 16. Ensaian dúas veces á semana. Os que poden, claro. Pásalles coma coas actuacións: que nunca conseguirán xuntarse os 40 por esa diversidade laboral, xa que se non traballan uns traballan outros. Proba disto é que precisamente este ano tiveron que rexeitar unha invitación de Nigrán porque a ver quen era o chuliño que lle esixía a algúns dos compoñentes que deixaran as súas vacacións coas familias para ir actuar. E entre os que xa fallarían polos traballos...
            O nome Os do Fuelle débese a que a maioría dos instrumentos son acordeóns. Adoitan celebrar actos solidarios gratuítos polo Nadal nas residencias xeriátricas ou da terceira idade en Esgos, Baños de Molgas e Maceda. Tamén no instituto para os rapazolos. Gravaron xa un CD cos seus propios medios nos Milagres e están preparando outro. Hai pouco fixeron unha peculiar versión do famoso "Despacito" que empeza a circular polas redes como a pólvora. Eles, faltaría máis, titulárono "Despaciño".
            Non podía faltar nunha agrupación altruísta, e na que hai moitos integrantes, o detalle sensible, esa acción sentimental que penetra no peito de cada un, de cada lector, de cada oínte. Resulta que un dos membros de Os do Fuelle, e a causa dun accidente, perdeu unha perna que case o fundiu mentalmente ó verse con esa minusvalía; mais o seu amor á música, o seu altruísmo á agrupación e o seu propio ánimo fixérono rexurdir das súas cinzas. O que nos acontece máis ou menos a nós cando escoitamos os temas da agrupación. A verdade é que Os do Fuelle, coa súa música, resucitan ata un morto. Ou como diría Juan Luis Guerra, ó escoitalos, sóbesenos a bilirrubina.

            Café Brétema da Valenzá. Mércores, 16 de agosto de 2017

Publicado en La Región o venres, 25-08-2017

domingo, 3 de septiembre de 2017

ERROS DE ANTES, ERROS DE AGORA



            Ás veces parece mentira que hoxe en día a prensa sega cometendo erros en plan de localizacións ou de nomeamentos e a pesar de contar coa Internet, coa que cun simple clic de rato descobres todo un mundo. Poño un exemplo, moitos seguen metendo a pata dicindo que Os Milagres pertence a Maceda. E xa non quero dicir nada dos nomes de aldeas que aparecen nos medios (Miamán por Meamán ou Nocedo por Nocelo). Pois ben, no marzo de 1893 asomou unha noticia que dicía que nas proximidades de Baños de Molgas apareceu afogado no río Arnoia un veciño do pobo da Granxa. Crese que ó pasar a ponte de madeira que hai sobre dito río, no camiño de Vigueses (Vixueses) a Tioira, arrastrouna a corrente.
O gran erro está no río Arnoia, xa que para ir dunha destas aldeas á outra pasarías, en tal caso, polo río Tioira ou polo río Covelo (dependendo de onde estea esa ponte, eu persoalmente non coñezo ese camiño); o Covelo desemboca no Tioira e este si o fai no Arnoia. De todas formas, entendo ese erro, pois en 1893 collerías a referencia do río máis importante da zona e, ale, alá polo Arnoia. Por certo, xa é o segundo afogamento que atopo nas noticias antigas na contorna de Baños de Molgas.

            Finca Fierro. Domingo, 3 de setembro de 2017

sábado, 2 de septiembre de 2017

A PEOR LACRA DE TODAS



            Falaba a semana pasada sobre as lacras que temos hoxe en día e a última ía sobre a seca, que, por certo, segue. Pero cando non segue, cando precisamente ese Recuncho estaba nas pranchas de La Región, unha sarabiada veu a amargarlle a vida ós labregos, e nesta ocasión, maioritariamente ós viticultores do Ribeiro. A min, particularmente, o tempo climatolóxico esnaquizoume a viña por segunda vez. Na primeira fora a xeada e tivera que podala toda de novo. E agora arrasouna a pedra de tal maneira que xa tiven que vendimar as pouquiñas uvas que estaban un pouco ben. Unha miseria, claro. De 683 cestos que collín o ano pasado, acabo de recoller, de apañar 190. De 15.000 quilos creo que non chego ós 3.000 (aínda non fun recoller a pesada).
Outro atranco, outro trastorno por culpa da xeada e da pedra: que teño que vendimar en varias quendas: xa vendimei as uvas brancas que servían, dentro dunha semana empezarei coas de clase que poidan servir e a finais deste mes ou principios do que vén haberá que vendimar de novo as que quedaron por verdes e a ver se valen ou se aguantaron. Un desastre! Logo, para máis aquel, e por se alguén pensa que a vida do viticultor ou do labrego non é tan negra como a pintan, aínda teño sen cobrar a colleita do ano 2015. Claro que a este respecto penso tomar medidas xa esta semana. Se ese bodegueiro non paga polas boas, xa o farán pagar polas malas. E co que eu odio andar en barullos, en confrontacións. Mais non me deixa outra opción; xa que tampouco é plan de andar de escravos para que outros vivan e se rían á conta dun. Si, é verdade, non hai peor lacra que o propio ser humano. Confías un pouco nel e cando te decatas xa se converteu no piollo que non ves.

            Finca Fierro. Sábado, 2 de setembro de 2017