domingo, 8 de octubre de 2017

MASACRES NUN PAÍS CIVILIZADO



            Estados Unidos é un país civilizado. Estados Unidos é un país rico. Estados Unidos aínda é máis rica e poderosa na industria armamentística. Segundo en Galicia a un neno a primeira palabra que lle ensinan é “carallo”, en Estados Unidos ándanlle no almorzo, no xantar e na cea coa palabra pistola, ou revólver, ou rifle, ou metralleta. Segundo en Galicia un neno soña ou xoga cun aradiño de pau, en Estados Unidos cólganlle a un cativo sobre o varanda da cama un revólver metido nunha cartucheira. Segundo en Galicia a un neno lle ensinas como se fai un carro de vacas cunha cabeza de nabo, en Estados Unidos a un neno lévano a un monte ou simplemente detrás da casa e iníciano na marabillosa arte de apuntar e disparar.
Porque en Estados Unidos todo o mundo ten moitas armas e con licencia para matar. E entre a facilidade que se lles dá co arsenal á man e que a gran maioría queren ser Rambos de película, ó xuntarse esas dúas ecuacións, asoman nun santiamén todas esas masacres polas que, despois si, botan as mans á cabeza. Calquera cativo pode abrir calquera caixón da súa casa e atoparse con todo un arsenal. E ós nenos sempre lles gustou experimentar. Despois, pasa o que pasa, matanzas sen control por todos os Estados ianquis. Algúns inícianse cedo, outros vólvense tolos a unha certa idade. Pero un tolo, se non tivera as armas que ten ó seu alcance, penso que pouco mal podería facer. Cun coitelo non creo que eliminase a 59 persoas e ferise a máis de 500. Un neno non mataría a outro, aínda que fose por erro ou por accidente, se non se atopase con ningunha pistola na súa casa. Así de simple. O que pasa é que, claro, a industria… E precisamente esa industria produce, ocasiona moitos beneficios económicos. Por iso, a min, e sentíndoo moito polas vítimas, non me angustian tanto esas carnicerías porque, creo, eles mesmos as buscan. Podíanse evitar. Pódense evitar. Pero non interesa. Así é que… que carguen eles coa súa conciencia.

            Finca Fierro. Sábado, 7 de outubro de 2017

viernes, 6 de octubre de 2017

ALDAOLADO OU O CABARET LÍRICO


 
            O normal é que os poetas reciten versos e os cantantes canten ou toquen música. O dúo feminino Aldaolado recitan temas musicais e musicalizan fermosos poemas. Dunha maneira ou doutra, fano estupendamente. Presenciei a súa actuación o xoves, 17 de agosto, no parque da Solaina da Valenzá e xa no primeiro tema me engancharon de tal maneira que axiña sentei na herba do parque para escoitalas a gusto. Logo, ó final, cando as quixen coñecer persoalmente e cando elas souberon case ó momento de que era de Baños de Molgas (gozo puclicitando a miña vila), confesáronme que actuaran alí o ano pasado. Aínda lembraban os parques Ansuíña e As Mestras. Como comprenderedes, foi dicirme isto e confesarlles que acababan de entrar neste Testemuñas da Memoria.
            Desde o primeiro momento imaxinaba un recital en plan serio, porque, a ver!, a poesía sempre tivo fama de seria, de sentimental e ata de carraxe ou de protesta. Poida que sexa así… ata que chegaron Aldaolado. Porque non soportan a idea dun poeta aburrindo ó público cos seus textos. Lucía Aldao dicíalle á súa amiga María Lado, cando se coñeceron, que lle gustaba moito recitar pero que en moitas actuacións aburríase como unha ostra e que non sabía como cambiar iso. “A ver, Lucía, ti e máis eu que sabemos facer ben?”. Esta mirouna estrañada e díxolle cun medio sorriso na cara: “Ir de festa, non si?”. “Pois iso! Daquela temos que facer do recital unha festa!”. “Que caralluda es, María! Onde estea un cubata que se quite un soneto!”. E con esta marabillosa frase naceu o seu primeiro gran espectáculo.
            Como testemuña da súa actuación na Valenzá confeso que é un auténtico espectáculo velas en escena. A verborrea de María, as súas laretadas fante rir aínda que non teñas ganas. Claro que, ás veces, ata me compadecía un chisquiño de Lucía porque á súa compañeira e amiga non lle deixaba meter baza. Non obstante, vese e nótase ás leguas que se compaxinan moi ben. Normal, levan xa 15 anos xuntas e 12 cando inventaron un formato de lectura (“o aldaolado”) no que cantan as súas cancións favoritas, contan historias abondo simpáticas que teñen que ver cos seus poemas, a literatura ou a súa azarosa, aventurada vida de escritoras. Tamén lle propoñen ó público que se convertan en autores dadaístas a través de divertidos xogos. Como elas mesmas din: “o que faga falta para que o respectable asista a unha velada chea de poesía, emoción e divertimento”. Prometo que divirten. Cos seus poemas cantados e coas súas cancións recitadas.
            Lucía Aldao e María Lado coincidiron por primeira vez no mes de novembro de 2002 nun congreso da Asociación de Escritores que se celebraba en Mondoñedo, xusto o mesmo día no que o Prestige seica deixaba escapar os “hilillos” de Mariano Rajoy nas costas galegas. Menos mal que para este dúo o encontro non foi unha desgraza, un afundimento, senón que aboiaron marabillosamente para as xentes que amamos a poesía e a música.
            Empezaron con vídeopoemas e con actuacións que lles custaban os ollos da cara e que eran “un cristo de carallo”, en clara referencia ós aparellos que había que instalar escenario tras escenario e que, moitas veces, lles fallaban. Así é que pouquiño a pouco decidiron cargar só cos seus poemas, unha guitarra e moitas risas. Suficientes para facer gozar ó público. Os lugares das súas actuacións tamén teñen o seu aquel; desde igrexas ata muíños, desde parques de bombeiros ata barcos, pasando por vodas e bautizos, museos e institutos, cafés e casas de cultura… ata o Luar.
            María Lado naceu no taxi número 124 de Cee a noite do 14 de abril de 1979 camiño de Compostela. Como de neniña quería ser Agatha Christie, pensou que escribindo ó mellor conseguíao. E niso anda, aínda que o que máis escribe é poesía. Con esta iniciouse entre as xentes do Batallón Literario da Costa da Morte, onde participou das tres antoloxías poéticas editadas do colectivo. Publicou xa varios libros individuais, un conto para nenos e a novela “Entre os dous hai un río”. Conta con numerosas colaboracións en volumes colectivos de diversa índole. Os seus textos xa se publicaron ó castelán, catalán, portugués, ruso, croata e irlandés; aí é nada!. É guionista de radionovelas, dirixiu versións teatrais de contos e en ocasións convértese en actriz. Unha todoterreo.
            Lucía Aldao naceu no mítico barrio dos Mallos, na Coruña, en 1982, e empezou a recitar por todos os lugares habidos e por haber á idade de 16 anos e baixo a tutela desa marabilla chamada Yolanda Castaño. A súa obra aparece en diferentes publicacións periódicas, así como en varias antoloxías. No 2005, publica o volume “Un ducia (máis un)”, acompañando os poemas con fotos do arquitecto Luis Muñoz. Colabora en programas de radio e televisión. Como cantante leva desde o 2004 ofrecendo concertos por toda Galicia e nos escenarios máis variados. Logo, iso si, tamén ten que aguantar as bromas de María. As dúas ofrecen un cabaré lírico de auténtico prestixio.

            Café O Chicote da Valenzá. Luns, 4 de setembro de 2017

Publicado en La Región o venres, 06-10-2017

miércoles, 4 de octubre de 2017

SALUSTIANO, O PRUDENTE


 
            O home sae dun portal cun maletín na man. O home ten o pelo rizo e viste traxe, pero sen chaleco e sen gravata. O home chámase Salustiano Sober Sufrido. Os veciños chámanlle O Saído. Non sei por que. Salustiano diríxese ó coche que ten aparcado dúas rúas máis adiante. Sobe. Dálle ó contacto. E antes de poñer incluso o cinto de seguridade, pon música. Axiña se decata da hora e cambia o CD pola radio, para escoitar as noticias. Salustiano, agora si, pon o cinto e arrinca.
Vai amodiño. Respectando os sinais de circulación. Non quere que o multen. Sabe da fama que ten a estrada pola que circula; que nela caen multas cada dous por tres. O Saído non é parvo. Tan axiña como rematan os titulares, só os titulares, das novas radiofónicas, opta por cambiar de emisora e escoitar un programa musical que lle gusta moito. A música do CD xa a escoitará cando poida. No medio do camiño crúzase cun coñecido e dálle á bucina. Salustiano, O Saído, sempre confesou que un saúdo non se lle nega a ninguén. El, como se ve, ata co coche saúda. Ós poucos metros ve ós de Tráfico multando a un condutor. Uff. Respira. Menos mal que el é prudente.

            Finca Fierro. Mércores, 4 de outubro de 2017

lunes, 2 de octubre de 2017

EPIDEMIA DE FEBRES TIFOIDES


 
            Hai epidemias que marcan e que poñen a cada un no seu sitio. Nos meses de xuño e xullo de 1890 incrementouse de forma ostentosa a epidemia de febres tifoides nalgunhas aldeas do concello de Baños de Molgas, do meu concello. Tanto foi o incremento que empezou a propagarse, a espallarse o pánico entre os aldeáns ata o punto de abandonar ós enfermos por medo ó contaxio.
Ó alcalde do municipio non lle quedou outra que solicitar o auxilio das irmás da caridade para que botasen unha man naqueles lugares máis contaminados e para afundirlle ánimos ós aterrados campesiños. Pero as fillas de San Vicente de Paúl, e como quen non quere a cousa, escusaron a súa presenza achacando que o seu instituto non lles permitía asistir ós enfermos máis que nos hospitais. Como se no século XIX fose fácil achegarse ós hospitais desde aldeas que, algunhas, ata poida que nin tiveran camiños. Así é que, mira, son pobres, estarán no cu do mundo e que Deus mire por eles. Menos mal que, pasados os días, as febres remitiron e a conciencia das irmás da caridade quedou máis tranquila.

            Finca Fierro. Luns, 2 de outubro de 2017

domingo, 1 de octubre de 2017

LER A LADAÍÑA


 
            O sol acababa de poñerse polo outeiro de Brandín e xa era hora, entón, de emprender o camiño de volta á casa. Amoedo Ruso, O Raposo, andaba no monte por Detrás da Lomba e as súas vacas pacían na parcela de Luisa, A Salerosa. A ver!, non deberían andar alí, pero aquilo pódese dicir que todo era del, porque era o único que adoitaba ir por eses lugares coas vacas. Empezou a tanguer nestas, cando se decatou de que lle faltaba o burro. Arre, carallo!, agora si que a armou.
Desde un primeiro momento xa sabía que era inútil buscalo, que non o atoparía. Que o seu burro, cada vez que desaparecía, largaba dereitiño para o muíño do Dositeo, alá case á beira da ponte das Cepas, é dicir, a uns cinco ou seis quilómetros do Medo. Amoedo, O Raposo, non tardou en amosar un xesto de preocupación no seu rostro. Porque sabía que ó chegar á casa, a súa nai íalle ler a ladaíña. A súa nai sempre lle lía a ladaíña, por arre ou por xo. E detrás da ladaíña ía case sempre unha labazada que lle facía asomar as bágoas ós ollos. Cando meteu as vacas na corte e viu a cara da súa nai xa soubo que a partir de xa! empezaba a lectura da ladaíña.

            Finca Fierro. Domingo, 1 de outubro de 2017

DEMOCRACIA A BASE DE GOLPES


 
            Contemplo a paisaxe e non vexo nada de nada; nin matogueiras, nin árbores, nin intelixencia detrás dos outeiros. Tan só ó lonxe vexo porras que rebentan a liberdade dun pobo. E detrás dos outeiros están acochadas as decisións covardes de filibusteiros sen ningún respecto á democracia. Democracia a base de golpes.
Quero ser libre e voar sobre os recantos verdes do Medo. Quero ser libre e xogar coa tranquilidade dun neno polos currunchos de Pinouzos. E desde o alto da Chaira berrar pola independencia dun país. Custa horrores acadala. Custa urnas manchadas de sangue. Furgo na memoria e próeme a alma ante o esquecemento de todo un pobo pola súa historia. Canto nos custa ver as ansias de liberdade dun país asoballado, oprimido! Democracia a base de golpes. Contemplo o pasado e vexo que non aprendemos nada. É máis, ás veces, moitas veces, botamos man da bota que preme, que calca, que esmaga. O caso é manter a vida en calma. Que ninguén alborote. Que ninguén se alce contra o poder establecido e contra esa bota ben calzada e mellor atada. A mellor solución: democracia a base de golpes.

            Finca Fierro. Domingo, 1 de outubro de 2017