domingo, 7 de enero de 2018

A BANDA SONORA DUN ASUBÍO

Levo 15 minutos escoitando o álbum musical “Live at the Apollo” de James Brown e fóra chove. Ou marmaña. A man dereita refrega as cellas dos meus ollos e tan só un pensamento bule polo espazo baleiro dunha cociña pequena. Non teño por que dicir o pensamento. Chega con que imaxinedes a contemplación dun debuxo sen liñas que colga no medio da parede nun cadro sen marcos. Hai rarezas que se acochan entre unhas ideas que non significan nada.
Agora mesmo non sei se segue chovendo. Ou marmañando. Non teño opción nin ganas de levantar da cadeira para ollar pola fiestra. Así é que sigo sentado e escoitando a inconfundible voz de James Brown. Asoma pola miña boca un bocexo e penso que pode ser polo aburrimento ou porque as palabras dunha oración non acaban de formar unha frase. Así é que moito menos un parágrafo. É complicado ás veces reter un pensamento. Non queda entón outra que dicir que a banda sonora dun asubío compúxena no tempo de cando era rapaz, alá polo monte Medo. E principalmente cando a néboa era espesa. Nunca me volveu saír outra banda sonora tan boa.

Finca Fierro. Domingo, 7 de xaneiro de 2018

sábado, 6 de enero de 2018

A EXPRESIÓN DUN PENSAMENTO

A cidade respira gases tóxicos porque o alalá dun vehículo xeme cancións que ninguén canta. Oxalá as pingas de orballo mollen uns beizos secos porque unha vida chea de espiñas non adoita bañarse nunhas herbas molladas. Os gases tóxicos pérdense pola outra cara da lúa na procura duns astronautas que saíron a un paseo espacial pero sen ningunha ruta turística. Algún deles xa está programando unha andaina intergaláctica. Por entre as estalactitas e estalagmitas duns meteoritos que pasan polo lado esquerdo da lúa vella.
Quen quere ser a lixo de po que se pousa na punta da antena da nave espacial que navega polo espazo sen tan sequera despegar? Ás veces é complicado comprender o que non se entende. Ás veces o entendemento non ten quen o escriba. E toda palabra escrita queda aí, para sempre, para que un iluminado lle dea mil voltas e ó final non entendas o que se quixo dicir. Se algo se quixo dicir. Moitas veces por moito que se diga non se di nada. Outras veces, unha simple palabra chega para que a expresión dun pensamento sexa todo un soño.

Finca Fierro. Sábado, 6 de xaneiro de 2018

viernes, 5 de enero de 2018

CANTAR OS REIS

Non tiña pensado ir, pero fun. Á cabalgata dos Reis Magos de Ourense. Non sei que lle comentei á muller e esta, claro, apuntouse ó momento. Sempre lle gustaron estas algaradas. Non tiña pensado ir, pero fun. Fomos. E xa que fun ilusioneime coma un neno. Porque vía a ilusión dos propios nenos; o mellor regalo que pode existir hoxe (certo que sempre fun un caso especial para os nenos). E vendo a ilusión dos propios nenos, un tamén se ilusiona e, voilà!, tamén me sinto neno. Como tal baixei o lombo con ilusión para recoller os caramelos que botaban os Reis e os seus paxes. (Paréntese para dicir que a esta cabalgata tan só se vai polos caramelos; os nenos porque lles fai ilusión collelos e os adultos porque todos os anos se gastan bromas á conta dos caramelos: que se a xente os colle en bolsas -é certo-, que se a xente pon os paraugas ó revés, que nos agachamos coma avarentos, coma migalleiros, etc.)
E como neno percorrín o camiño de volta á casa contándolle á muller aquelas noites dos 5 de xaneiro nas que saiamos a cantar os Reis por todo Baños de Molgas: Que se as primeiras dúas ou tres pesetas ían para mercar o Celtas. Que o resto, de parviño, dáballas á nai e xa non lles volvía ver nin a cara nin a cruz. Que a vergonza que pasabamos para iniciar as panxoliñas. Que algúns ricachóns da vila eran os que nunca daban (claro que, ante isto, axiña lles cantabamos aquilo de “perica marrana, canteiche os Reis e non me deches nada”, e despois escapabamos coma fuxitivos). Que os que non daban cartos (aquilo tiña que doer; o que lles custaba ganalos naqueles tempos e ter que darllos a uns cativos) ofrecían algunha galletiña, se a había, ou algún bocadiño de algo. A miña muller di que nunca saíu a cantar os Reis. Eu, de rapaz, sempre. E pasabámolo ben. Aínda que despois non vise unha cadela. Agora creo que xa nin nas aldeas máis pequenas se leva o de cantar os Reis. Xa se leva máis o do Papá Noel. Unha pena. Se ata era bonito o de “perica marrana, canteiche os Reis e non me deches nada”. Espero que este ano se portasen ben con vós.

Finca Fierro. Venres, 5 de xaneiro de 2018

OS PASADOS POLAS ARMAS NO CONCELLO DE BAÑOS DE MOLGAS

 
            Moita xente imaxina as guerras como campos de batalla entre trincheiras e foxos, entre medos e ansiedades. Pero unha guerra, calquera guerra vai moito máis alá dunhas balas disparadas e dunhas bombas lanzadas. Hai, o que se lle chama, secuelas das guerras. Que moitos, sen comelo nin bebelo ou simplemente porque pensan distinto, pagan nas súas carnes ese desatino, esa insensatez. Unha guerra, calquera guerra sempre será unha estupidez. Moitos seguirán pagando coa vida moito máis alá de transcorrida a propia conflagración. No noso país sabémolo ben; en algúns lugares foi peor a posguerra que a propia contenda. Remata esta e en vez de chegar a calma asoma de novo o inferno.
            Moita xente imaxina que a Guerra Civil Española tan só se desenvolveu por Madrid, o Ebro, Cataluña e para de contar. Case se pode dicir que en Galicia, por exemplo, non nos tocou a contenda. Falsa afirmación ou dedución! A Guerra Civil Española abarcou todo o territorio nacional, incluída Galicia, e aínda que as trincheiras foran as menos, as ideas, envexas e odios afloraron por todos os recantos das aldeas e do que é peor: das familias. Empezaba a época na que se fixo usual, tráxica e imperativa a frase “pasados polas armas”.
            Xa desde as primeiras semanas da asonada militar do 36, a prensa franquista preparaba os bandos de guerra co ánimo de demostrar que as cousas ían en serio, co ánimo de meter medo. Se era preciso matar, matábase. E vaia se asomou o medo! E vaia se se matou!
            No concello de Baños de Molgas pasaron polas armas, que eu saiba, a tres e pegáronlle o “paseo” a outros tres, que vén a significar o mesmo: a morte. Os executados era ante un paredón (nestes casos no Campo de Aragón de Ourense, xunto ó mosteiro de San Francisco) e os “paseados” asomaban polas cunetas ou polos camiños do concello.
            Gabriel Barrio Gómez era natural de San Pedro de Ribeira. Traballaba no ferrocarril e cando tiña 35 anos collérono para xulgalo en Ourense por rebelión militar (é dicir, imaxino que por “roxo”) co resultado de sentenza de morte. Pasárono polas armas nese Campo de Aragón o 27 de marzo de 1937.
            Serafín Pousa Prol nacera en Almoite no 1889 e polos mesmos motivos do anterior fusilárono no mesmo lugar o 31 de decembro de 1936. Vaia noitevella para a familia! Tiña 47 anos. Era xastre.
            A Arturo Salgado Villar pasoulle o mesmo o 30 de xaneiro de 1938, e tamén no Campo de Aragón e por rebelión militar. Nacera en Xocín facía 42 anos. Tamén era obreiro do ferrocarril.
            Imos con máis mortos, cos “paseados”, cos que se demostra que a conciencia da maioría dos humanos era e é efémera. Porque creo que é moito peor, que causa peor impresión un “paseado” que un fusilado. A este, aínda que sexa nunha fosa común, entérrano; pero o paseado queda abandonado coma os cans e a familia sen saber del. A xente, aínda que o saiba ou aínda que o atope, fai coma que non o ve. Por medo. Porque saben que moitas veces os que son tirados ás cunetas é precisamente para meterlle medo ós demais, para que vexan o que pode pasar se comungas doutra maneira.
            Eustaquio Barrio Díaz, de 40 anos, de San Pedro de Ribeira. Muiñeiro. Morto o 3 de setembro de 1936, no muíño de Baños de Molgas a causa “da revolución”. Proceso incoado en Ourense por rebelión militar o 13 de maio de 1937 co resultado de declaración de rebeldía.
            Camilo Bóo Enríquez, de Calvelo. Labrego. Tiña 43 anos cando morreu o 6 de decembro de 1936 no hospital de Ourense a causa de contusión cerebral. É dicir, que o deixaron como o deixaron. A un labrego, que estaría máis pendente das súas vaquiñas que de rebater as ideas doutros.
            E aínda que non aparece nos papeis que tiven a man para esta pequena reportaxe (e que quede como homenaxe ós caídos polas súas ideas), sei por veciños molgueses que a Jaime Cid González, natural de Xocín, tamén o pasearon pola carreira das Lagoas da propia vila de Baños de Molgas.
            Non falo dos que estiveron en prisión e dos que foron xulgados porque son abondos e o espazo do xornal é o que é. Mais creo que tampouco é necesario para demostrar que os campos de batalla das guerras realízanse en calquera recanto das conciencias. Chega unha simple contra de pareceres para que uns e outros nos pasemos polas armas, para que o Campo de Aragón fose o lugar apropiado e elixido no que rematar esas ideas contrarias a quen ten o poder.
            Eu Ourense houbo tamén moitos outros lugares onde foron asasinados moitas persoas durante aqueles días de dominio fascista, como foron O Cumial, o Alto do Furriolo, a curva das Revendeitas, por A Gudiña e Viana, a ponte de Castrelo de Miño (da que me falou e me fala moitas veces o sogro) desde a que tiraban ós condenados coma monicreques. Creo recordar que a un, porque non se soltaba do pernil, chegaron a cortarlle as mans. Ou sexa, a barbarie das guerras.

            Café O Chicote da Valenzá. Venres, 8 de decembro de 2017

Publicado en La Región o sábado, 05-01-2018

miércoles, 3 de enero de 2018

PENA ANTE TAL SITUACIÓN

Os ourensáns non temos ganas de troulas nocturnas. Aínda que para practicar sexo non é necesario marcar as horas... sempre é bo a calquera momento. Parece que Ourense é a provincia española na que caeu máis a poboación en 40 anos. É dicir, que non fochicamos e, pola outra banda, caemos coma moscas.
Claro que, deixada a retranca, non queda outra que confesar unha inmensa pena ante tal situación. Situación que, por suposto, se entende. A ver quen é o chuliño que se dedica hoxe a ter as proles de noutrora. Porque se a situación económica está mal en todo o país, aquí moito peor... polo que xa sabedes: que somos o ollo do cu do cu do mundo. Ou sexa, últimos en todos os aspectos que se poden considerar positivos e primeiros nos considerados negativos. Non hai traballo. Non hai cartos. E os cartos é o esencial da vida. Si, para min, incluso máis que a saúde. Xa podes ter boa saúde que como non teñas cartos, non comes, deveces e patéalas. Así de sinxelo. Están os tempos ourensáns como para alimentar a uns cantos fillos. A mellor proba témola na categoría de familia numerosa; que abonda con tres. Ben pouquiños son, pero os tempos... ai os tempos!

martes, 2 de enero de 2018

O CARBÚNCULO EN NOCELO NO 1903

O carbúnculo ou o ántrax maligno é unha enfermidade contaxiosa, aguda e grave do gando por un bacilo que se atopa no solo e que se pode, moi facilmente, transmitir ó home. A severidade do carbúnculo ou carbuncho no ser humano varía segundo o modo de contaxio e a velocidade do tratamento; o carbúnculo cutáneo, o máis común, presenta unha mortalidade baixa; pero o carbuncho pulmonar é letal na maioría dos casos.
Pois ben, resulta que o 24 de outubro de 1903 asomaba nos xornais galegos unha nova que dicía que, en Nocelo, no concello de Baños de Molgas, no termo de dúas horas, morreron, a consecuencia do “carbunclo”, dous porcos de ceba e catro vacas. Foi saberse iso e empezar os ruxerruxes e os medos de que se vendese nos pobos distantes as carnes dos animais mortos. Por iso, as autoridades dos concellos limítrofes exerceron vixilancia continua para previr desgrazas. En concreto, o que máis rapidamente actuou foi precisamente o alcalde de Baños de Molgas, que ditou enérxicas disposicións recomendando a maior actividade no seu cumprimento. Lóxico, pois tal enfermidade non era nin é asunto de tomalo a broma.

Finca Fierro. Martes, 2 de xaneiro de 2018

lunes, 1 de enero de 2018

A RUTINA DIARIA

Acabouse o que se daba. O ano 2017 xa queda para o recordo, para as hemerotecas. E con el tamén queda, grazas a Deus, todo o barafunda feisbuqueira e guasapeira de felicitacións, desexos e ruxerruxes. Sinceramente, canto tempo quitan, meu Deus! Aínda que, por outra beira, tamén é bonito tanta correspondencia. A min, en concreto, vaime todo iso; gústame parolar e sorrir e rir e gozar coas amizades das redes sociais.
Van xa dezanove horas de Ano Novo e, sabedes?, todo segue igual: Albert King dándolle ó seu blues, o reloxo percorrendo unha hora detrás doutra, as pingas de auga caendo do ceo gris coma onte pola mañá, Jerry Goldsmith facendo soar a guitarra española nesa marabilla de “Under Fire” (tamén coma onte, e antonte; a ver!, é o tema musical que máis me fascina de todo a música), os coches pasando polas rúas e dándolle a razón a Julia Iglesias: que a vida segue igual. Tanto rechouchío por estas datas e resulta que non hai como a rutina diaria. A maioría estamos desexando esa rutina, a de todos os días, ou sexa, a calma, a parsimonia, as comidas normais e creo que incluso ata o traballo. Así é que, como dicían Tip e Coll: mañá falaremos do Goberno.

Finca Fierro. Luns, 1 de xaneiro de 2018