viernes, 9 de marzo de 2018

O RUXERRUXE DUN ASUBÍO

Non te metas en camisa de once varas, rapaz. Pero eu métome incluso ó mar sen roupa de augas, aínda que non saiba nadar. A ver, se quero ser astronauta, como non me vou meter en fregados, en fandangadas. Eu métome onde me peta, e punto. Son libre para decidir sobre a miña vida. Libre? É un dicir. Libre, libre sería polo espazo sideral e polo universo infinito. Quen me pillara flotando por entre os meteoritos da miña señardade. Seguro que os esquivaba a todos, un por un. Teño que esquivalos se non quero que me escacharren contra a velocidade dun suspiro.
Síntome Supermán sen capa pero con todas as ansias libres de querer voar. E voo, vaia se voo! Voo como ánimas que leva o demo e voo ata o infinito e máis alá. Que bonito debe ser ese máis alá. Deixo as fandangadas no recanto dun sentimento para poñerme un chisco serio. Só un chisco. Para dicir que un é libre se ten liberdade para ser libre. Isto é o peor, o gran problema, algo así como o ruxerruxe dun asubío, que nin é canción nin é apupada, nin é melodía nin reclamo. Por moito que nos sentimos libres estamos presos dunha independencia inexistente. Hai que maraña de pensamentos! Igual que o ruxerruxe dun asubío.

Finca Fierro. Venres, 9 de marzo de 2018

jueves, 8 de marzo de 2018

Ó CÉSAR O QUE É DO CÉSAR

Ó César o que é do César. Cando escribo as reportaxes (como son moitos máis longas que un Pingas ou un Hebdomadario) adoito facelo diante duns cafés e sobre un borrador, é dicir, un caderniño que teño ex profeso. Despois, este borrador pásoo a limpo, ou sexa, ó ordenador. Segundo as vou pasando tamén se me ocorren ás veces novas ideas que axiña as traslado ó parágrafo correspondente. E así, algunhas veces, bailo tanto pola reportaxe adiante que case é normal que se me pase algo, que cometa algún erro.
Cando escribín a reportaxe sobre Antonio Fernández Carnicero, o galeno molgués fuxido a México, fixen constar que toda a información que acadara sobre el partira dunha crónica que publicara no ano 2010 José Luis Fernández Díaz. Fíxeno constar no borrador, claro. Porque despois, cando pasei a reportaxe a limpo e nese baile que cometo ó intentar perfeccionar ou agrandar outros parágrafos, tal “coletilla” desapareceu coma por arte de encantamento do escrito. Así é que non queda outra que entoar o mea culpa (por non repasar ben os dous folios que mando ó xornal; confío en exceso na simple corrección ortográfica que fai o propio ordenador) e darlle ó César o que é do César.

Finca Fierro. Xoves, 8 de marzo de 2018

lunes, 5 de marzo de 2018

A VENECIA OURENSÁ

Arestora non chove. Pero choveu. E seguirá chovendo. Estamos no tempo. Iso din. É certo, estamos no tempo. Se non chove no inverno en Galicia, non sería Galicia. Choveu sobre o Dacia Sandero que estaba aparcado no cruce das Lagoas, en Baños de Molgas, e sobre as follas dos amieiros que hai na presa da Porfía. Choveu tamén sobre Entreloríos e sobre a Pitediña. Agora mesmo imaxino que xa non hai burga. Para os que non son do meu lugar de nacemento direilles que iso significa que o río Arnoia alaga a burga, non que desapareza a burga. Acabo de publicar que a burga é eterna, que tan só secou durante un par de minutos de cando o terremoto de Lisboa.
Agora mesmo, ou mañá, ou pasado, Baños de Molgas si pode ser a Venecia ourensá. Se é que segue a chover. Que parece ser que si. Se é que baixa toda a neve da serra de San Mamede. Que terá que baixar. Entón, xusto no Parque Ansuíña ou, máis en concreto, xusto na ponte nova fórmase tal embude que as augas dos ríos Sor, Tioira e Arnoia non lles queda outra que expandirse pola Ansuíña, polos Campos, polas Lamas, polas Mestras, pola Pitediña, incluso polos Poulos e por Entreloríos. Xa está: a Venecia ourensá.

Finca Fierro. Luns, 5 de marzo de 2018

sábado, 3 de marzo de 2018

POR ESPAZO DE DOUS OU TRES CREDOS

Se hai un lugar que a un veciño de Baños de Molgas lle ocupa todo o seu pensamento, ese non é outro que a Burga; máis incluso que o balneario (quizais por aquilo de que é privado) e o mesmo santuario dos Milagres, que é moito dicir. Pero a Burga, ai a Burga! Aí estaba máis de media vida dunha persoa molguesa. Polo que se visitaba, polo que se dicía alí. Ademais, nunca seca, sempre bota a mesma cantidade de auga e á mesma temperatura. É dicir, unha máquina de manar auga quente.
Non obstante, non todos saben que si houbo unha vez que secou; foi o día 1 de novembro de 1755, cando ás dez da mañá e durante uns sete ou oito minutos houbo un tremor de terra nada menos que en Lisboa e que fixo mover as casas e igrexas durante un curto período de tempo. Logo, inmediatamente, subseguiu outro que durou case un carto de hora e no que tamén os templos, as cruces, as casas e os terreos bailaron ó son do terremoto. E contan as crónicas que en Baños de Molgas parou a Burga sen botar auga algunha “por espazo de dous ou tres credos” (entre minuto e medio e dous minutos, máis ou menos), e despois empezou a botala da cor do aceiro con demasiada abundancia e con dúas porcións máis das que acostumaba e non só polo cano senón polo corpo do mesmo. Semella que non volveu á normalidade ata o cabo de vinte e catro horas. Tamén a zona do baño que estaba ó seu carón saía do seu natural levantándose en ondas como se fora a mar cando está embravecida, cando está picada. Ós habitantes da vila entroulles, como non, un chisco de temor e espanto. Nas dúas noites seguintes houbo máis réplicas, pero xa non con tanta intensidade, que incluso algúns xa nin se decataron. Durante un longo período de tempo non se falou doutra cousa nos parladoiros que acontecían, precisamente, ó lado da Burga ou na mesma Burga, cando as mulleres baixaban a lavar as súas roupas e os homes a buscar os caldeiros de auga quente. Nunca máis volveu secar a Burga.

Finca Fierro. Sábado, 3 de marzo de 2018

viernes, 2 de marzo de 2018

PARA AS MESTRAS

Quixen ir pero non fun. Vou? Non sei. A onde? Tampouco sei. Non sempre sabemos decidir ó momento. Moitas veces as dúbidas chegan a angustiarnos de tal maneira que optamos por non facer nada, por quedar quietos. E co bonito que é ir. A onde sexa. Á fin do mundo. Ata o infinito e máis alá. Quedarse na cama é unha parvada. Acaban encollendo os ósos. O mellor é ir. E, iso si, sempre para adiante. Claro que, se te atopas cun atranco, por exemplo un penedo deses que non podes mover, non che queda outra, amiguiño, que arrodealo. Ou escalalo, claro.
Veña, vai. Ti ó mellor si sabes a onde ir. Eu, agora mesmo, non o sei. Quero ir pero non sei onde. O dilema, queirades que non, é grave. Porque se collo para a estación de Baños de Molgas non podo ir para As Mestras. E co bonitas que son As Mestras. Xa está; ante esta frase non me queda outra que cambiar de parecer e saber xa definitivamente para onde vou: para As Mestras. Á estación xa irei outro día. Hoxe tocan As Mestras. Desde a Aira da Igrexa boto unha carreiriña, cruzo a pasarela do río Arnoia e, zas, abrázome ós vellos carballos das Mestras. Quixen ir e ó final fun. Para As Mestras.

Finca Fierro. Venres, 2 de marzo de 2018

ANTONIO FERNÁNDEZ CARNICERO, O GALENO MOLGUÉS FUXIDO A MÉXICO

Ata o máis inocente sabe que se colle unha cadea e ve o primeiro elo, o primeiro aro, este vai prendido a outro e ó seguinte e ó seguinte, así ata o remate, polo que axiña chega á conclusión de que todo nesta vida está conectado como unha sucesión de elos. Cando empecei a fochicar pola Internet sobre as etapas máis antigas e máis escuras do século XX en Baños de Molgas, uns asuntos leváronme a outros e unhas noticias enlazaban con certos acontecementos. Como levo uns días na busca e captura de información sobre a época da Guerra Civil e da represión franquista, pouco a pouco, páxina web a páxina web atopo novidades ou reportaxes máis que interesantes e completamente descoñecidos para min. Tan interesantes que, pola miña parte, merecen un redescubrimento ou un certo coñecemento de algúns veciños do meu concello.
Así, hai pouco, atopeime cun médico molgués -que eu non sabía que existía- que ó non comungar co réxime fascista acosárono e perseguírono de tal maneira que non lle quedou outra que emigrar forzosamente para o outro lado do charco. Como moitos máis naqueles tempos.
Antonio Fernández Carnicero naceu ás dez da mañá do 7 de xullo de 1904 en Baños de Molgas, froito do matrimonio formado por Carmen Carnicero e Antonio Fernández Ramos, que era o médico da vila molguesa. Tivo catro irmáns; tres mulleres (Cándida, Contempla e Aser, falecida por tifo ós 16 anos de idade) e un home (José, farmacéutico)
Antonio Fernández Carnicero quixo seguir os pasos do seu pai e para iso marchou para Santiago de Compostela a estudar medicina. Rematou a carreira en 1925. Un ano máis tarde casa con María Bouzas Pérez, unha rapaza de Allariz, ó mesmo tempo que lle confesa ós seus pais de exercer a profesión no propio Baños de Molgas “para ser unha persoa respectable”, ganar bastante diñeiro e acomodarse a un estado social, do cal non quere falar e que tampouco quere describir na carta que lle mandou ós seus proxenitores, por se as moscas. Con isto referíase, por suposto, ás súas ideas políticas.
Resulta que en Santiago contactara con xentes do Partido Comunista e estaba convencido de loitar coas súas ideas para un mundo mellor e máis xusto ó lado dos máis necesitados. E tanto que cumpriu, xa que, instalado xa como médico en Ourense (asinou un contrato de traballo coa compañía Vías e Construcciones, S.A.), máis en concreto, na rúa Vicente Risco, enfronte da estación, no antigo concello de Ponte Canedo, os luns tiña consulta gratuíta para as familias máis pobres. Algo moi semellante ó que realizaría máis tarde o doutor Luis Gallego.
O 17 de agosto de 1933, e por medio tamén dunhas consultas médicas, coñecería a unha familia portuguesa que, máis tarde, terían protagonismo na súa fuga ó exilio. Porque entre 1931 e 1932 faría xa públicas as súas ideas políticas ó participar na edición dun xornal obreiro chamado El Soviet (o nome xa o di todo).
Así é que tan axiña como chegou o golpe de estado de 1936, os falanxistas lanzáronse a cachón sobre a súa vida, sobre a súa familia. Polo que non lle quedou outra que coller o seu Fiat Topolino e darlle sebo ós pés ou fuxir coma can con vincha ó rabo con destino á “raia seca”. Axiña tivo que apearse do Topolino debido a que as estradas xa estaban máis que controladas, máis que vixiadas. Botouse a andar a través dos montes. Cando intentou pasar a noite nun hotel da rúa Magdalena de Chaves, as autoridades portuguesas atrapárono. É aquí, entón, cando contacta con esa familia portuguesa que falabamos liñas atrás e que debido á boa liñaxe da mesma conseguiu chegar a Lisboa para cruzar axiña o Atlántico. Fixo unha paradiña en Cuba para que lle deixaran cartos e marchou definitivamente para México, a onde chegou o 19 de xaneiro de 1937. Alí exerceu ó momento de galeno porque un descoñecido conseguira salvar o título de médico dos rescaldos, da borralla do seu domicilio -arrasado polos falanxistas- e remitírallo para alá o seu irmán.
Consegue reunir en México á súa familia (muller e dous fillos: Roberto, de cinco meses e Antonio, de tres anos), que conseguiron salvarse de milagre da represión dos falanxistas. Outros familiares achegados foron asasinados nas primeiras semanas xa do inicio da guerra. Había que empezar a dar escarmento canto antes. Para meter medo.
En México prosegue co seu activismo político e cultural participando na revista Vieiros, que editou catro números entre 1959 e 1968. Por certo, no primeiro número tamén participaron Domingo García Sabell, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas e Ramón Cabanillas, auténticas institucións literarias galegas. A revista estaba dirixida por Luis Soto, o cineasta de Cartelle Carlos Velo e o poeta Florencio Delgado.
O seu fillo máis vello, Antonio, tamén foi logo médico en México e un dos seus netos, Antonio Armonía, é guionista cinematográfico, que en algún dos seus filmes xa deixou caer algo sobre o seu avó e desde hai uns anos seica prepara outro proxecto centrado na súa familia, e no que imaxinamos que teña un papel destacado a figura do seu avó exiliado. E, por que non, ó mellor ata este neto pode ter tamén o seu protagonismo nestes Testemuñas. En principio xa estou intentando entrar en contacto con el.

Café O Chicote da Valenzá. Sábado, 06 de xaneiro de 2018

Publicado en La Región o venres, 02-03-2018

jueves, 1 de marzo de 2018

NON DAR AS LIÑAS

O tempo está tan gris que ameaza chuvia sobre Baños de Molgas. E a Caetana Soliño Alegre isto pona dos nervios. Porque agora non sabe se conseguirá dar as liñas, é dicir, se dará feito o traballo que se lle vén encima. Non perde tempo: larga correndo á aira do Pombal para recoller a roupa que tiña tendida ó sol que xa non hai. Da aira do Pombal sae como fume de carozo para a aira da Maquieira, onde ten unha morea de leña picada que quere tapar para que non se lle molle. Da aira da Maquieira bótase a trotar para baixar pola carreira que leva ó muíño da fonte porque, non sabe, se o muiñeiro lle deixara a saca da fariña a cuberto.
Caetana Soliño non dá as liñas. Case ningún día consegue dar as liñas porque sempre está moi atarefada. A probe enviuvou hai moi pouco tempo e botóuselle o mundo enriba. Cando chegou ó muíño da fonte deixou escapar un longo suspiro ó ver o saco da fariña baixo o alpendre que está xusto enfronte do muíño. Marchou contenta para a casa, no barrio da Igrexa, e díxose que mañá xa iría co burro polo saco. Agora xa lle chegara o momento de descansar e de ver como empezaba a chover. Porque, definitivamente, empezaba a chover a cachón.

Finca Fierro. Xoves, 1 de marzo de 2018