domingo, 13 de mayo de 2018

SOBRE AS PRESENTACIÓNS DOS LIBROS

Agora os días son tan grandes que ós que traballamos na labranza fánsenos eternos. Antigamente, para matar un pouco o tempo, asubiabamos e cantabamos. Agora deixamos que canten outros, é dicir, metemos uns auriculares nos oídos e deixamos que a música que temos no móbil faga o resto. O que pasa é que coa música, por aquilo de que será porque é morriñosa, pensamos unha barbaridade. E neses días tan longos dá tempo de pensar en todo. Por exemplo; que Cataluña volve estar na súa máxima actualidade; que a Liga de Campións está aí, á volta da esquina; que a rula mira para o norte e o pombo canta para o sur; que o día estaba raro-raro, pois tan axiña saía o sol como unhas nubes negras se apoderaban da Costa da Gándara.
Mais houbo un pensamento que me mantivo moi ocupado: o das presentacións dos libros (ás veces asisto a algunhas). Entendo que os autores queiran vender ben as súas novelas, queiran facerlle abondo publicidade; pero as presentacións non deberían existir. Así de simple. E se queren facelas, pois moi ben, que falen sobre o autor, que este se saiba vender. É que falar dos libros é moi complicado. Ás veces contan cachos de trama, ou de estilo, ou de xénero. Por que non deixamos que sexa o lector o que descubra todo? Os libros nin tan sequera deberían poñer nada nas contraportadas ou nas solapas. Lelo a cegas? Pois si! Co bonito que é descubrir un por si mesmo o argumento, os personaxes, as características. Nin tan sequera deberían dicir se é un thriller ou unha novela policial ou de aventuras ou se se nota certa soidade nela. Que sexa o lector o que descubra se hai mortes ou se hai retranca, se hai escenas de sexo ou amores compartidos. Como se pode vender ben entón un libro? Unha portada rechamante? Un título que engaiole? As editoriais adoitan ter xente que vale para esas cousas. Nas presentacións, cando se fala dos libros xa vas un pouco condicionado sobre o que vas ler. Co bonito que é descubrir por un mesmo todo ese mundo que puxo aí o autor. Durante boa parte do día, a este labrego, para evadirse, para liscar un chisco do cansazo, déuselle por pensar neses libros ós que quere entrar a cegas.

Finca Fierro. Sábado, 12 de maio de 2018

jueves, 10 de mayo de 2018

NON QUEDAR A LINGUA PEGADA Ó CU DA NAI

A tarde estaba tan nubrada que incluso ameazaba chuvia. Pero aínda así Tadeu Deus Aramaico puxo o saco de centeo enriba do burro e marchou cara ó muíño do Dositeo. Testán como era, non colleu ningún paraugas.
Cando chegou á altura da estación do ferrocarril atopouse con Ubaldo Valeroso, O Cagado e, alí mesmo, sen tan sequera saudalo esbardallou contra este porque o outro día unha vaca do Cagado lle comeu catro verzas na leira que tiña alá por Vazcovaz. A verdade é que a Tadeu Deus, O Diaño, non lle quedou a lingua pegada ó cu da nai. Soltoullas todas. O Cagado fixo honor ó seu nome; non dixo non deu un chío, asentiulle a todo con meneos afirmativos da cabeza e cando o seu veciño acabou de bruar seguiu camiño cara á vila de Baños de Molgas. Tadeu Deus, O Diaño, xa tiña fama de fanfurriñeiro, de buscabullas. Cantáballe as corenta á calquera; dáballe igual que fora o alcalde da vila como a lúa inversa, que fora o crego como a farmacéutica ou unha doncela durmida. A ver, para que valen os alcumes? O Cagado era un cagadiño e O Diaño era o demo mesmo en persoa. Tiña o xenio máis negro que a nube que viu sobre o Outeiro de Brandín. E agora si, agora soubo que se mollaría. Dito e feito, o ceo descargou, pero Tadeu Deus seguiu camiño do muíño do Dositeo.

Finca Fierro. Xoves, 10 de maio de 2018

martes, 8 de mayo de 2018

UN PAÍS QUE MORRE DE PENA

Donald Trump quere guerra. E un escornabois cruza o carreiro que vai ó longo do río Arnoia, á altura da ponte das Cabras. O Senado é a cámara de representación territorial. Pero o Senado non deixa falar en catalán. O Regulamento do Senado regula en diferentes artigos os procedementos nos que os senadores poden usar as linguas oficiais diferentes do castelán. O regulamento do Senado é un mentiroooossooo!
É igual, a vida segue igual. O caso é que o can rañe a barriga e o mico miañe nas noites de xaneiro. Quen é capaz de burlar os xestos dun monicreque facendo carantoñas? Cousas máis raras se viron neste universo noso. En que universo, oh, en que universo! Donald Trump non quere que alguén se enriqueza co uranio. Donald Trump quere enriquecerse el. E cruzaremos o Canón de Colorado todo acalorados porque quenta de carallo. Agora tócalle a quenda a un senador galego: se quere falar na lingua de Rosalía que intente chupar cámara no “Luar” de Gayoso. No hemiciclo non terá nin voz nin voto. Menos mal que os lobos do monte Medo oulean por un país que morre de pena. Non queda outra que facer penitencia, porque sempre haberá raposos que rouben nos galiñeiros

Finca Fierro. Martes, 8 de maio de 2018

sábado, 5 de mayo de 2018

BOA VIAXE, DON ÍÑIGO

Todos os sábados, cando imos para Ramiras, en Castrelo de Miño, sempre poño a radio en RNE no programa “No es un día cualquiera”, de Pepa Fernández. Porque me parece un programa moi ameno e con moito interese. Non obstante, no programa deste sábado pasado, axiña notei algo raro, principalmente no ton de voz da locutora. Comenteille o detalle á muller e esta pensaba que se debía ó asunto da ETA (porque estes días non se fala doutra cousa). Pero esa voz tan triste de Pepa Fernández non me cadraba. Axiña se emendou o torto: acababa de morrer José María Íñigo.
Sinceramente, a min tamén me impresionou. Quedei abraiado, medio pampo. Era un crack. Coñecino de sempre, de cando asomou por Televisión Española cos seus marabillosos programas. Pero quizais, onde mellor o descubrín foi precisamente en “No es un día cualquiera”. Nas súas seccións ou cada vez que falaba el, eu ás veces é que me partía. Nunca o imaxinara tan divertido. O de bo comunicador xa se presupón, pero que a isto lle achegue unha bonanza e un faladeiro tan gracioso non o consegue calquera. Íñigo, cunha simple frase facía rir ó auditorio. E cando falaba das súas viaxes... uff. Por certo, boa viaxe, don Íñigo.

Finca Fierro. Sábado, 5 de maio de 2018

LOLY VILLOCH, FOTÓGRAFA DE METÁFORAS

Xeralmente, a xente exprésase falando. Despois hai outra que o fai escribindo (eu mesmo, pois aínda que son un laretas, sei que me expreso mellor co bolígrafo), hainos que usan a expresión por medio do cine, ou da pintura, ou da música, ou de calquera outra arte. Loly Villoch, maiormente, usa a fotografía. Maiormente, porque tamén debuxa, tamén escribe contos, tamén fai maquetas, tamén realiza cómics, tamén esculpe figuras, tamén imparte talleres sobre creatividade fotográfica, e tamén dá guerra no mellor sentido da palabra. Dou fe diso. Téñoa no feisbuq e é unha activista a tope. Esta xente “guerrilleira” encántame, sempre me encantou.
Loly Villoch presentou o venres, 13 de abril, na libraría Eixo, a súa exposición “Metauniversos cotidianos”, acompañada por un fotolibro coas súas 44 fotos e unha exposición de 29 polas paredes da Eixo que nos deixou coa boca aberta. Á súa beira estaba Gabriel Aúz, que foi o que abriu o acto falando, claro está, da protagonista deste Testemuñas e gabándoa de tal maneira que ata confesou cousas que ruborizaron a Loly. Esta seica non é moi partidaria de confesar a súa formación académica, “porque son unha persoa moi modesta e non me considero máis que ninguén por ter máis ou menos estudos; e tampouco me sinto tan representada niso; estudei moito pero foi principalmente por afán de coñecemento, non para poñelo nun currículo”, segundo me confesou máis tarde nun correo electrónico. Detalle que a honra, porque podía moi ben presumir das súas catro carreiras e dos seus sete idiomas.
As súas fotos reflexionan sobre os roles das mulleres e da necesidade de rachar con eles. Loly Villoch parte dos espazos máis íntimos e persoais, algo que amosa nas fotos usando a súa propia casa ou as dos familiares. E bota man da metáfora para falarnos de desigualdade entre homes e mulleres, que a houbo sempre, que a hai e que, imaxino, aínda seguirá por moito tempo. A fotógrafa, coas súas metáforas, amosa, simplemente, a vida. O proxecto partiu dunha foto que todos os que a viron notaron unha certa intimidade: unha nai bañando a unha nena, a súa filla. Enfoque dunha perspectiva feminista. E a partir desa foto creo algo así como un storyboard ou guión gráfico.
Tal historieta levoulle un ano, xa que traballou sobre bosquexos nos que anota todo, desde as cores ata a luz e pasando pola vestimenta. Sobre esta confesou que a súa propia nai lle botaba de cando en vez unha man. (O de sempre: unha nai sempre é unha nai) Tivo que encargar incluso figuras fóra do noso país. Fixo á protagonista tan real, que a tal Rosa non é outra que a súa propia bisavoa. A primeira foto, claro está , ensínanos a Rosa de nena. E a partir de aí toda unha vida por diante na que vaias metáforas nos van ensinando o noso devir, a nosa sociedade, a enorme diferenza que hai nunha “presumible” felicidade matrimonial. Ó final, Rosa séntese tan esgotada, tan infeliz que se mira ó espello e non se recoñece. Normal, casara cun moble, como a maioría dos matrimonios, nos que ela traballa e el mira como traballa ela.
Loly Villoch Bañobre naceu na Coruña o 23 de novembro de 1978. Conta polo tanto con 39 anos. Leva facendo fotografía 30 anos, desde os nove, aínda que ó principio dun xeito moito menos profundo. A ver!, unha nena por moi madura que sexa, non é unha persoa adulta, é simplemente unha nena. “Cando era moi pequeniña, meu pai tiña unha cámara réflex analóxica e saía con el a darlle ó clic clic”, e cando remataban tocaba o revelado no cuarto de baño da casa e entre os olores dos líquidos e o ver como empezaban a asomar as imaxes naceu aí o seu amor pola fotografía. Aínda que estudou algo desta arte, a súa formación chegou a base de práctica e máis práctica, e algún que outro cursiño pola súa contorna. Axiña empezou a participar en eventos fotográficos e a coñecer xente relacionada con esa arte.
Ata hai uns anos non ensinaba a obra que estaba construíndo, pero cando se incorporou ó Fotoforum Compostela empezoulle a amosar o que facía a outras persoas e, estas, claro, animárona a ensinar a súa arte, que é moita. Con Fotoforum Compostela participou en oito exposicións colectivas. Tamén participou noutra exposición de fotografía submarina, en concreto no 2015. E agora xa ten varios traballos fotográficos rematados. O primeiro deles, Underwater, amosa esa marabilla de seres vivos que se agochan no mundo submarino. O segundo, Paisajes Efímeros, trata da relación entre o home e a natureza. E o terceiro é este que acabamos de presentar.
Como non para, xa anda coa segunda parte de Underwater e está traballando cun proxecto con bonecos a escala que seica tratará sobre mulleres viaxeiras e o turismo tipo “praga de langostas” que fai tanta xente hoxe. E anda con algo de autorretratos e coas emocións que producen as distintas obras dun autor xaponés de banda deseñada. E anda, e segue, e non para. Loly, non pares, que dá gusto contemplar as túas obras.

Café América de Celanova. Venres, 20 de abril de 2018

Publicado en La Región o sábado, 05-05-2018

viernes, 4 de mayo de 2018

POR TRAPOS OU POR FARRAPOS

Cando vou no coche tan só acostumo escoitar as noticias ó ir ó traballo, é dicir, entre as sete e cuarto ou e vinte e as oito menos cuarto. Despois, se me acordo e me coincide, nas horas en punto procuro poñer o dial nelas. Pero tan só para escoitar os titulares. Ditos estes axiña me dedico á música, porque a política abúrreme, cánsame e cabréame. Non obstante, o venres, pola tarde, e non sei se foi mentres cambiaba un CD ou porque coincidiu no momento de que cando acendín o coche tiña a radio posta, o caso é que oín algo de alguén que dicía que había moitas máis mortes por violencia de xénero que as cometidas por ETA (entendo que estaban a falar do final de etapa desa organización terrorista), pero que, polo que fose, non se lle estaba dando a importancia que se merece. Ó momento xa estaba poñendo música, pero hai que recoñecer que ese alguén tiña razón, principalmente no da cantidade das mortes. ETA é certo que matou a moitos, pero é que por violencia de xénero... ufff, asusta ata pensar no número das vítimas.
O de matar, sexa polo que sexa, vennos no instinto. E na maldade. Moitas veces porque se cruzan os cables. Pero desde tempo inmemorial somos propensos a matar, e a matar, e a matar. Polo que sexa e de calquera maneira; con motivo ou sen motivo; por trapos ou por farrapos. O caso é matar desde que o mundo é mundo. Teño un exemplo á man acaecido no mes de xaneiro de 1912, cando a Garda Civil de Maceda detivo no seu propio domicilio a María, a Elena e a Bernardino Cid Guede, irmáns, naturais e veciños da Venda, parroquia de Betán, concello de Baños de Molgas, por supoñerlle á primeira, autora dun infanticidio, e ós demais como cómplices, os cales axiña os puxeron a disposición do xuíz de instrución. Non sei se no 1912 A Venda pertencía á parroquia de Betán; hoxe sei que pertence á de Cantoña. É igual; haxa erro ou non nese xornal galego que publicaba a noticia o 28 de xaneiro, o caso é que aí temos un exemplo de... maldade?, cruce de cables?, descontrol? Porque non debe ser fácil matar a un cativo, case sempre ó teu propio cativo. E non obstante, nin foi o primeiro caso nin, por desgraza, será o último. Porque seguimos levando o demo metido no corazón.

Finca Fierro. Venres, 4 de maio de 2018

miércoles, 2 de mayo de 2018

INFANCIA E XUVENTUDE EN SUDALOMBA

A dous quilómetros, máis ou menos. A dous quilómetros de Baños de Molgas. Sudalomba se chama o lugar, o monte. Como para esquecelo. Case 30 anos pisando as súas carpazas. Case a diario correndo por entre os seus toxos. Case todas as mañás ollando para as vacas; para que non pelexasen.
Porque en Sudalomba había ducias de vacas, moreas de vacas mesturadas. De varios veciños. Había pelexas. Había cornadas. Era igual. O caso era andar ós niños das lavercas. Ou xogar ó fútbol. Ou brincar cos cans. Ou celebrar carreiras de burros. Toda unha infancia. Toda unha adolescencia. Tempos de rozar os toxos e, máis tarde, cargar o carro. Tempos de ir na procura da Turina á casa porque, a moi condenada, tan axiña como ventaba que a chamaban para xunguir, levantaba o rabo e... pés para que vos quero. A malfadada abeiraba! Así é que, dous quilómetros de ida. Dous quilómetros de volta. Porque non quería tirar do carro. E non había carroucho que lle ensinaras. Como soubese (e sabíao) que llo ofrecías para xunguila, adeus moi boas. Condenada vaca! Vela abeirar por Sudalomba era un espectáculo. O peor era que había que ir buscala á casa. Infancia e xuventude en Sudalomba.

Finca Fierro. Mércores, 2 de maio de 2018