domingo, 9 de septiembre de 2018

NATUREZA SABIA E SALVAXE

Houbo treboada e fixo dano. A natureza é sabia, pero tamén é salvaxe. A saragana é bonita, pero manca e escachiza. A etapa da Volta Ciclista a España do domingo chegaba ós Lagos de Covadonga, pero antes andou por toda esa zona na que, por sorte, tamén eu andei na segunda semana de agosto. Non quedaba outra que... recordos, lembrar os recordos. Etapa por entre a néboa, é dicir, linda, preciosa, pero o ciclista... o ciclista pedalea, afoga, abre a boca, bambea dunha cuneta para a outra, e segue. Que remedio!. A montaña é fermosa, pero tamén é un calvario, algo así como unha subida ó monte Calvario.
Todo en esta vida ten o seu revés, a súa contradición, o seu paradoxo. A propia vida ten o seu: a morte. Branco, negro. Montaña, val. Dereito, esquerdo. Triunfo, derrota. Labazada, aloumiño. Ruído, silencio. Bágoas, risas. Tempestade, calma. Agora mesmo, esta, a calma, reina no asento deste escrito, logo de saborear un café que sabe a gloria, a gloria bendita. Espero que o revés da gloria, o inferno, non asome nesta purificación habitable por unha tarde normal, de sol e con pequenas nubes que recordan á natureza sabia e salvaxe.

Café Paladium da Valenzá. Domingo, 9 de setembro de 2018

sábado, 8 de septiembre de 2018

A TRADICIÓN QUE NON É COMO ERA

Hoxe, oficialmente, pola contorna de Baños de Molgas empeza o inverno. E non me refiro ó inverno climatolóxico, senón ó inverno poboacional. Cara á finais de agosto marcharon xa moitos emigrantes, pero é que ó rematar as Novenas de Os Milagres, definitivamente, marchan aqueles, chamémoslles, xubilados que sempre adoitan quedar para visitar á Santiña do Medo. Así é que, rematadas esas, quedamos os de sempre, os do inverno. As Novenas finalizaron o sábado, co seu famoso Día 8, o día da Virxe e o día no que era e aínda é tradición o de xantar pola contorna logo da misa maior. Aínda que, a tradición, hai que recoñecer que non é como era.
Agora, uns van directamente a restaurantes, por moito que se teñan que afastar bastante do recinto do Santuario; e outros baixan ata as zonas da Pitediña, As Mestras e A Ansuíña de Baños de Molgas. Cando, antigamente, todo o mundo se quedaba polo monte Medo, o máis preto posible do Santuario. Véñenme á cabeza aqueles anos nos que percorriamos a pista de terra e coios que partía de Baños de Molgas con toda a comida metida nas alforxas que levaba o burro e por entre os piñeiros celebrabamos o gran xantar, a gran festa de Os Milagres. A comida, hai que dicilo, non é que fose moita: a base de unha empanada e un roscón que se cocían o día anterior no forno do concello, as torradas e algunha chouriza, se por un casual quedaba na casa; pois naqueles anos todo o de valor, todo o máis rico se vendía. Así é que, o xamón, nin cheiralo, porque xa se vendera moitos meses antes. Pero, por encima da comida, estaba a tradición; é dicir, a ilusión de días antes porque estaba a piques de chegar o Día 8; a preparación, o día anterior, do que había que levar e do que non era necesario levar; o camiño, a pé e co burro de ramal, subindo polo Medo, parándose a beber na fonte da Portela, collendo o atallo e deixando o burro preso a un piñeiro mentres asistiamos á misa e á procesión. E rematabamos xa co gran xantar, coa gran reunión familiar, coa típica sesta dos maiores e cos paseos dos rapaces polo recinto das poucas diversións que había: os carruseis, as barcas e, como moito, os coches de choques, que, para un servidor, por suposto, estaban máis que prohibitivos. Como moito, subía algunha vez ás barcas, só para facer contrapeso.

Finca Fierro. Sábado, 8 de setembro de 2018

jueves, 6 de septiembre de 2018

O ASUBÍO DO TEMPO

Di un que sabe moito, que o sentimento é coma un asubío do tempo: que sae da folla da melancolía para acougar na á dunha ruliña. Non é nada fácil traspasar os percorridos da experiencia. Ou da realidade. Porque hai realidades que non deixan que as melodías asubiadas sigan o bo ritmo dos latexos do corazón que vai e vén polas corgas do amor.
Ese que sabe moito, asubía por entre os codesos da memoria. Aqueles codesos que, hai tempo, arroupaban a voaxa das leiras de medio universo. O asubío do tempo soa por entre as ondiñas do mar e en cada son vai un verso para formar, ó final, un poema eterno. Sempre haberá reloxos con agullas brancas que Medirán o asubío entre a saída dos beizos e a chegada á illa da felicidade ou da nostalxia. E sempre haberá asubíos que contarán toda unha historia. Por exemplo, a que abarca desde o inicio dun pensamento ata os confíns dun sentimento. De moitos sentimentos. O asubío do tempo baila por entre as corredoiras da lembranza e senta, finalmente, á esquerda dun salgueiro que está ante o portelo dun lameiro. Di un que sabe moito, que é bonito asubiar. E eu, aínda que non saiba nada, e por se aquel, xunto os beizos e asubío no tempo.

Pizzería Vivaldi da Valenzá. Xoves, 6 de setembro de 2018

miércoles, 5 de septiembre de 2018

VISITANDO DÚAS AIRAS

Canso de estar sentado no mazadoiro da fonte da Aira de Arriba, decido baixar polo Lugar e cando chegue á burga, volver sentar. Pero xusto cando estou á altura das escaleiras que van á Aira de Dentro deteño os meu pasos e dubido en seguir baixando ou pasar a botarlle unha ollada á citada aira. Creo que desde mozo non volvera poñer os pés nela. É máis, penso que non o volvera facer desde a derradeira malla que se fixo nesa aira, alá pola década dos 70, creo.
Empezo a subir os seis banzos e cando vou na metade xa vou pensando de botarlle unha ollada tamén á Aira dos Canastros. A esta si que é verdade que se poden contar cos dedos das mans as veces que entrei ou pasei por ela. As airas, aínda que sexan un pouco comunais, é como un mundo á parte na vida das vilas ou aldeas. O de un pouco comunais refírome a que pertencen tan só a un certo número de veciños, xeralmente os lindeiros da mesma. Se son airas pequenas, o número de veciños é pequeno. E aínda que Baños de Molgas sexa unha vila pequena, cuns veciños tes máis confianza que con outros. Así, ás veces, había airas que esquivabas un chisco por iso de estar nun territorio que non coñecías ben. Ó final, camiñei por as dúas e xa baixei definitivamente sentar á burga.

Finca Fierro. Mércores, 5 de setembro de 2018

martes, 4 de septiembre de 2018

PARECER A AIRA DOS PAUS

A pesar de que parecía a aira dos paus (porque levaba malleiras a esgalla), Quintín Crende Meira era un arroutado, un botado para adiante que se metía nas conversas de todo o mundo e nas barafundas que houbese en calquera lugar. Despois, claro, parecía a aira dos paus. Ía de malleira en malleira e sufría contratempos e desgrazas a moreas.
Non obstante, testán coma o seu pai, non aprendía. Quintín Crende Meira era fillo de Quinto Crende Trabada e de Gabriela Hebrea Celestial, Os Avésporas. Ó fillo chamábanlle, vaia por Deus, O Avesperiña. Tanto alcume na nosa terra está moi ben, pero ás veces, temos pouca imaxinación... Quinto e Quintín, Avésporas e Avesperiña. Sigo. Xa o seu pai, é dicir, Quinto, levaba tundas a darlle cun sacho. E o pai do seu pai. E todos sabemos que nas aldeas cando se zorrega, zúrrase de verdade. Quintín Crende, O Avesperiña, choraba un pouco na súa habitación ou detrás dun palleiro (nunca ninguén o vira chorar en público), pero ó momento xa estaba metendo a zoca alá onde houbese algo de mobilización. Ó pouco, os outros, e como xa o coñecían, ale, dálle que dálle. Se é parvo toda a vida, para que vai cambiar. E Quintín, O Avesperiña, parecía a aira dos paus.

Finca Fierro. Martes, 4 de setembro de 2018

lunes, 3 de septiembre de 2018

DE POUCO LLE VALEU

O río Arnoia, ó seu paso por Baños de Molgas leva as augas mansas. O río Arnoia tiña fama de troiteiro. O río Arnoia, cos seus 84,5 quilómetros é o río máis longo da provincia de Ourense. No río Arnoia xa teño escrito que se afogaron algunhas persoas a principios do século XX, principalmente, a causa de caídas das cabalgaduras. O río Arnoia tamén vale para acubillo de troitas de dúas patas.
Como a troita chamada Teodoro Bouzas Rodríguez, de 23 anos, e veciño do concello Baños de Molgas, que, alá por principios de agosto de 1913, cando os alguacís do xulgado de instrución de Allariz o trasladaban desde ese lugar ata o cárcere da mesma vila, déuselle por darlle sebo ós pés e viu a ocasión de pasar desapercibido debaixo dunha ponte que cruzaba o río Arnoia. De pouco lle valeu a acción (a de fuxir e a de esconderse), xa que tan axiña como o xulgado puxo en coñecemento o asunto nas mans da Garda Civil, esta saíu na súa persecución e, como teño relatado tamén noutros Pingas, a benemérita é moito benemérita en cuestión de... como dicía a canción: “síguele los pasos a esa”, neste caso, a ese. E nun chiscar de ollos, nun alustro devolvérono de novo ó xulgado.

Finca Fierro. Luns, 3 de setembro de 2018

sábado, 1 de septiembre de 2018

O RELOXO DA IGREXA DE BAÑOS DE MOLGAS

O reloxo do consistorio de Lugo parou. O reloxo do consistorio de Lugo parou durante uns días nas nove menos cuarto. Dá igual que foran da mañá como da noite. Parou, e punto. A moitos, isto, como se ladrase un can, pero a un servidor conmoveuno a noticia. Porque a un servidor, ese titular transportouno ó reloxo da torre da igrexa de Baños de Molgas.
Esta ten catro esferas a unha altura de preto de 30 metros que, cando paraban... como se botaba de menos! Porque ó parar, as campás non tocaban e cando non tocaban, un servidor e calquera veciño que andásemos sen reloxo, por exemplo, no monte Medo, quedabamos a velas vir, é dicir, sen saber en que hora viviamos, en que momento tiñamos que tanguer as vacas para a casa. Sei de xente forasteira que, ó chegar a Baños de Molgas, baduaba en contra do maldito reloxo porque non os deixaban durmir. Mentres que nós, os que viviamos alí de por vida, e incluso prestando atención para saber en que hora vivías, había momentos que non te decatabas de cando tocaban as campás, de cando anunciaban os cuartos ou as horas. Hoxe creo que as catro esferas están escaralladas, pero as campás si anuncian os cuartos e as horas. Algo é algo. Entendo a preocupación dos lugueses. Xa digo, nós, cando non tocaba, botabámolo de menos.

Finca Fierro. Sábado, 1 de setembro de 2018