sábado, 8 de diciembre de 2018

QUE A VIDA TEN QUE SEGUIR

40 anos de constitución. 40 anos de presunta democracia. 40 anos de liberdade. Todo é moi relativo. 169 artigos que non se cumpre ningún, que non cumpre ninguén. O da democracia creo que é tan só sobre o papel. Por exemplo, hai máis censura ca nunca; da falada, da escrita e da divulgada polas redes sociais. Se falamos de liberdade... Liberdade para quen? Estamos máis escravizados ca nunca; das grandes empresas, dos Bancos e dos políticos.
Os tres grandes piares do Estado español están de capa caída: a educación, a sanidade e a xustiza. O da xustiza é un caso especial, un caso á parte. Non dá unha a dereitas. A Fiscalía ataca ós que debía defender e os xuíces... os xuíces ditan sentenzas co ollos pechos. A xustiza é tan cega que non ve como a balanza se inclina sempre máis para un lado que para o outro. A verdade é que non é tan cega; mira ben para quen ten que mirar. E xa coñecemos para quen. Menos mal que sabemos o que temos, e tiramos para adiante igual. Tiramos nós; sen axuda de ninguén. É máis, temos que arrodear ou choutar todos os atrancos que nos poñen... na educación, na sanidade, na xustiza. Que a vida ten que seguir.

Finca Fierro. Sábado, 8 de decembro de 2018

OS BIOSBARDOS QUEDAN EN MIN

Non sei se me pare a contemplar os coches que pasan pola rúa ou se indague nos biosbardos que asomaron na miña vida cando tiven un tempo no que soñaba. Agora mesmo venme un flash coa Nicolasa ourensá. Si, esa que estafou a unhas vinte persoas vendéndolles traballo dicindo que tiña influencias do PP. Ai, que terá este PP... Cando o río soa... Ó mellor son os propios biosbardos os que me levan a fixarme na romana da xustiza. Nunca está equilibrada. Nunca.
Non sei se pense nese alucine que collín cando souben de que en Suíza seica se celebrou un referendo para saber se se prefería que as vacas mantivesen ou non a cornamenta. E máis cabreo collín aínda cando lin que un gandeiro galego (e imaxino que algúns máis) é partidario de serrarlle os cornos ás vacas. Eu sei o que lle había que serrar a eles. E estou por apostar que non fai falta que lance un referendo. Os galegos, ás vacas, deberiamos de telas nun pedestal e non maltratalas desa maneira. Ó final, os biosbardos venceron á contemplación duns coches que corren e van e fan ruído e contaminan e detéñense e pitan e lévante. Os biosbardos quedan en min.

Finca Fierro. Sábado, 8 de decembro de 2018

viernes, 7 de diciembre de 2018

GALA DE CLAUSURA DO OUFF

Aínda que no inicio da gala de clausura da 23 edición do Festival de Cine de Ourense o protagonismo da mesma era para a miña feisbuqueira Olga Brañas dándolle ás teclas do piano e para Susanna Blanco pasando a variña máxica polo violonchelo, a realidade foi outra. A realidade foi que alguén lles roubou o protagonismo a estas inmensas artistiñas que coa súa marabillosa música acompañaron as imaxes dunha película muda de Charlot: Este foi, ou sexa, don Charles Chaplin o que, pouco a pouco, se apoderou dos sorrisos, primeiro, e das gargalladas, despois. Ó principio pareceume que a xente se contiña por respecto a Olga e a Susanna. Eu tamén. Porque a actuación era para elas. Pero é que Charlot... Charles Chaplin brilla moito máis que as estrelas do firmamento.
E vendo a peliculiña, e vendo a Charles Chaplin, e vendo o personaxe de Charlot, e sentíndoo moito pola pianista e pola violonchelista, non me queda outra que berrar unha vez máis que tanto as televisións públicas como as privadas son incompetentes de todo. Levo denunciado moitas veces que ningunha delas programe nada de nada daquel cine mudo que facían xenios como Chaplin, Harol Lloyd, Buster Keaton, o Gordo e o Flaco, etc. Certo, que nin do mudo nin das obras mestras que se fixeron polos anos 40 e 50. De cando en vez visiono “O maquinista da Xeneral”, de Buster Keaton, e penso que esa película tiña que ser obrigatoria en todos os colexios. Por lei deberían de proxectar cine, polo menos unha ou dúas veces á semana, en todos os colexios e institutos do país. Porque no cine pódese dicir que están incluídas todas as artes e materias habidas e por haber. O cine é a sétima arte que engloba a todas as demais. E aquí, no noso país, en vez de apoialo, semella que lle estamos dando para atrás.
Volvendo á gala de clausura do Festival de Cine; chapeâu para a música desas dúas marabillosas mullerciñas. Os presentadores, moi ben (que vou dicir, se Rubén Riós xa se pode dicir que é amigo). A película... a película “O home fiel” é tan bonita que merece un Fábrica de Soños. E un 10 para a organización por non deixar morrer os soños cinematográficos da nosa cidade.

Finca Fierro. Venres, 7 de decembro de 2018

jueves, 6 de diciembre de 2018

O POTE GRANDE DENTRO DO PEQUENO

Gael Souto Carballo saca un paquete de Celtas do interior da chaqueta de pana e ofrécelle un cigarro ó seu amigo e veciño Hadrao Hipótese González. Están os dous sentados no mazadoiro da fonte da Aira de Arriba falando do que se lles ben encima. “Están a piques de chegar os días nos que hai que meter o pote grande dentro do pequeno”, dille Gael a Hadrao. Os dous refírense ós banquetes farturentos e que non se fan habitualmente.
Hadrao Hipótese afirma coa cabeza unha e outra vez mentres lle pega unha longa chupada ó pito que lle deu o seu amigo. Hadrao é de poucas palabras, ó revés de Gael Souto, que fala e fala aínda que sexa co cigarro na boca. Noméalle todos os produtos que, en principio, pensa mercar. “E iso que aínda queda case un mes”, sentenza. Durante todo o ano non fará outra cousa, pero eses días é certo que pensa meter o pote grande dentro do pequeno. Logo dunha longa chupada, Gael tamén lle numera, axudándose cos dedos das mans e co cigarro na boca, claro está, a familia que vai sentar á súa mesa. Unha mesa que ten que instalar nunha sala á parte, porque nin na cociña nin no comedor que ten na casa lle collerían. Porque Gale Souto é de moita familia. Máis de corenta, que xa é dicir.

Finca Fierro. Xoves, 6 de decembro de 2018

martes, 4 de diciembre de 2018

OITO DÍAS DE CINE

Amo o cine. Gústame o cine. Sigo o cine. Vexo cine. Pero, por fin, rematei de ollar cine... seguido. Foron oito días de cine que me saía polos ollos, pola cabeza e polos dedos das mans ó darlle ás teclas dun teclado para plasmar nun ordenador unha crónica ou crítica ou relato ou columna para este xornal que tedes nas mans. E sigo amando o cine. E seguirei amando o cine.
Pero exclamei “por fin” porque estes oito días mantivéronme tan ocupado que case non puiden ler, que case non puiden escribir Pingas e que case non puiden saír a dar unha volta pola Valenzá ou simplemente a tomar o aire. E de todos é sabido a miña repulsión ó espazo cerrado dunha casa (certo, o espazo cerrado dun café non importa, como tampouco importa o espazo cerrado dun cine ou dun teatro; pero é que, unha casa... unha casa... é distinto). Xa podo dicir que todo volve á normalidade; coas tardes libres e as noites libres para ver... cine! Non, non irei tanto ás salas cinematográficas, pero para ver cine chega tamén coa televisión. Xa sei que non é o mesmo, pero... Pero un tampouco ten 20 anos e os desprazamentos custan; a pachorra, a nugalla fai cama mulida axiña no sofá ou na cama. Tanto nun coma na outra seguirei a ver... cine!

Finca Fierro. Martes, 4 de decembro de 2018

lunes, 3 de diciembre de 2018

A VER QUEN A TEN MÁIS GRANDE!

Asunto serio o do iluminado do Nadal? Ou tema de sarcasmo, de mofa nas redes sociais e non tan sociais? Hai pouco dixen que cando nos descoidemos, tal acendido xa empeza ó rematar as Novenas de Os Milgares. Pero é que, agora, a maiores, deste asunto, deste tema xa empezamos a sacar o ouro e o mouro... inauguracións que semellan festas, pistoletazos de saída con autoridades a cal máis rango mellor, presunción dalgunhas vilas pequenas que ata o Vigo de Caballero se queda nunha pantomima, nunha simulación. A onde estamos a chegar!
E falando do Vigo de Caballero ou do Caballero de Vigo, tanto escarnio, tanta burla pola excentricidade dese alcalde e resulta que en Ourense, no noso Ourense están que botan chispas porque o fastuoso, o pomposo acendido de Nadal se apraza ou se pospón unha e outra vez. Como dicía aquel: a ver quen a ten máis grande, non si? Máis de medio país clamando contra soldos e recortes e miserias e, non obstante, deixamos seguir adiante esta dilapidación estúpida e envexada. Envexada porque non queremos ser menos excéntricos que Caballero. E aínda que nos custe un ollo da cara (ou os dous), ti tira para adiante que malo será.

Finca Fierro. Luns, 3 de decembro de 2018

domingo, 2 de diciembre de 2018

CUNETAS CHEAS DE VENCIDOS

Tremen os brazos e o tempo non pasa. O traballo acompaña coma se fora unha sombra invernal. Pero aínda que o cansazo invada o camiño que vai dunha cepa a outra, hai que tirar para adiante. Quen dixo medo. Loitemos con A Quenlla pola verdade, pola noite máis longa de “Silencios na memoria”. Treme un corazón que latexa para honra duns vencidos e polo silencio duns mortos. Con delicadeza hai que calmar os momentos de ruído por entre as tumbas dun cemiterio. Que cada quen rece cara as tapias dos fusilamentos.
Treme unha ansiedade que vai e vén na procura duns versos que alguén escribiu acochado entre uns penedos de silencio. Queda o jazz de Miles Davis aniñando na ladaíña dun sentimento. Pero sempre hai alguén que treme por entre a escuridade dunhas rúas vixiadas polos que venceron nun tempo de medo, de moito medo. Treme o silencio nesta noite escura, na que os recordos furgan por entre as cunetas ensanguentadas e polos camiños incertos dunha etapa intensa, maldita e chea de pensamentos calados. De olladas perdidas. De sorrisos amargos. De acochos infames. Treme o propio medo. Só non tremen as cunetas que quedaron cheas de vencidos... e en silencio.

Finca Fierro. Sábado, 1 de decembro de 2018