jueves, 13 de diciembre de 2018

A IMPOSICIÓN DO APALPADOR

Algúns están a queixarse de que por Barbadás non pasa nin semella que pasará o Papá Noel. E todo por culpa da concellaría de Cultura que seica trata de impoñer a tradición do Apalpador. Isto da imposición foi o que me chamou a atención, porque se me veu ó pensamento a eterna carallada e pallasada da “imposición do galego”. No caso desa queixa, fágome tamén a pregunta: quen impón a quen? Quen impón, quen impuxo o Papá Noel? É acaso castelán (ou español) o Papá Noel? Para un servidor, anos atrás, nin existía o Papá Noel nin existía o Apalpador. Tan só existían os Reis Magos. Pero todos sabemos que dun tempo para acá, tanto os ianquis ou anglosaxóns como os grandes centros comerciais, son os que ditan as imposicións de todo: desde o venres negro ata o día do pai, desde Halloween ata o día da nai, pasando por suposto polo día dos namorados. Non tardaremos en celebrar con eles o 4 de xullo ou día da independencia e o día de acción de grazas, por exemplo. Admitiría a imposición se dixeran os Reis Magos polo Apalpador, pero que poñan de exemplo o Papá Noel... isto non acaba de entrarme.

Finca Fierro. Xoves, 13 de decembro de 2018

miércoles, 12 de diciembre de 2018

POR UN CÁNTARO DE VIÑO

Hai vodas que levan a desgraza encima xa desde o primeiro momento. Tal como sucedeu en Marzás, no concello de Baños de Molgas, no mes de abril de 1921. Resulta que alí había a costume, como noutras aldeas, de que os que se casaban obsequiasen á mocidade do lugar. Pero Vicente Muñoz Delgado negouse a elo, a esa costume (quizais por non querer agasallar a ninguén) e sostivo co seu circunveciño Ramón Delgado Vila unha violenta disputa que acabou mal, moi mal. E todo por un simple cántaro de viño, que era o que lle reclamaba Ramón ó casado de Marzás.
Neses casos de veciñanza, de voda as tirapuxas case sempre se inician en broma. Logo, xa se sabe, as bromas acaban en caralladas. Ramón deulle a Vicente un golpe na cabeza cunha pedra producíndolle tan grave ferida que non tardou máis de catro horas en morrer. Ó agresor, solteiro e con 27 anos de idade, os mesmos que o seu xa defunto circunveciño, detívoo ó día seguinte do crime a Benemérita, que o entregou ó momento no xulgado municipal de Baños de Molgas. O que tiña que ser unha felicidade practicamente eterna para o casado, converteuse, por culpa dun arroutado, nun descanso eterno. Por un cántaro de viño.

Finca Fierro. Mércores, 12 de decembro de 2018

martes, 11 de diciembre de 2018

CABEZA DURA!

Se remato coa cabeza pode ser gol ou podo romper a parede. Mellor a parede, pois romper a cabeza, non creo. Téñoa dura, moi dura. E aínda que lle diga a todo que si, despois póñolle o rabo ás cereixas cando me peta, ou sexa, fago e desfago ó meu xeito. A ver se alguén vai pensar que me domea. A todos lles digo que si porque queda mellor. Eles quedan contentos, eu non dou máis explicacións, e, ale, despois... Deus dirá.
Pero a gran dureza da miña cabeza está no que escribo. Eu ben sei que a moitos non lles gusta o que escribo... politicamente. Cando me insinúan algo, pois o dito, dígolles que si; pero á volta da esquina, á volta da folla, do escrito, deixo que o bolígrafo risque eses pensamentos que, eu mesmo, ás veces, ata confeso que son algo retorcidos, revirados. Teñen que ser! Porque se ve cada cousa. Porque se le cada frase, cada sentenza. A testán non me gana ninguén. Ata a miña probe nai me dicía que lle era o máis rosmón. Falando claro: que lle saín torto. Eu, a ela tamén, máis que a ninguén -por ser nai- dicíalle que si... a todo. Despois xa outro galo me cantara. Cabeciña dura! Certo. Porque aínda que me censuren eu insisto. Unha e outra vez. Antes rompo a parede que a cabeza.

Finca Fierro. Martes, 11 de decembro de 2018

lunes, 10 de diciembre de 2018

COBRAR OU NON COBRAR

Sigo co fútbol. Están os equipos estratosféricos. Están os equipos grandes. Están os equipos modestos. E están os equipos pobres ou equpiños. O Reus é destes últimos. As estrelas dos estratosféricos ganan cartos ata o infinito e máis alá. Os bos xogadores dos equipos grandes cobran moitos cartos. O cadro dos equipos modestos cobran... o van cobrando. Os xogadores dos equipos pobres cobran de cando en vez.. e cando cobran.
Os xogadores do Reus levan tres meses sen cobrar. Os xogadores do Reus teñen familias. E aínda que non teñan familias, teñen dereito a cobrar porque traballan o mesmo que os galácticos, que os bos e que os modestos. O outro día, no partido Alcorcón-Reus, quedaron achantados no campo durante o primeiro minuto, en protesta por un soldo que merecen coma outro xogador calquera. O fútbol é un xogo, pero é o seu traballo. O Alcorcón, nese minuto, puido marcar. Dedicouse a pelotear dentro da súa propia parcela en solidariedade cos seus compañeiros de traballo. Eu, agora mesmo, dáballe o famoso “xogo limpo” ó equipo madrileño. Eu, agora mesmo, collía ós responsables desa situación tan desastrosa e sacáballes os cartos das asaduras. Que non é un mes sen cobrar, señores, que son tres meses xa.

Finca Fierro. Luns, 10 de decembro de 2018

domingo, 9 de diciembre de 2018

O PESADELO DO REAL MADRID

Sigo a traxectoria de David Ferreiro coma se fose un parente. Non é parente, pero é veciño (O meu concepto de veciñanza pode estar á altura do familiar). Intento ver os seus partidos para poder gozar do seu fútbol, que é moito. O domingo pasado, contra o Real Madrid, xa me sentei ante o televisor con media hora de antelación. Non fose que no café me pillasen as boas mesas. Tívenas todas á miña disposición. Despois, o mellor, estaba por chegar.
Chegou a actuación estelar do rapaz. Nin esaxero nin me deixo invadir pola emoción; pois tanto os comentaristas da televisión coma tres mozos que estaban na mesa de atrás e que eran do Real Madrid estaban de acordo, todos eles, de que o mellor do partido era David Ferreiro. Que estaba a ser o pesadelo do Real Madrid. Tan só lle faltou o gol (maldito Courtois!). Tamén foi moi triste que, a pesar da impresionante actuación de Ferreiro e de todo o equipo de Huesca, o Real Madrid saíse vivo do Alcoraz. O Huesca non só merecía o empate, senón incluso a vitoria. Pero xa se sabe o que pasa no fútbol... O estadio coreou o nome de Ferreiro. Un servidor deixa aquí plasmada a súa admiración por ese corre camiños de Baños de Molgas.

Finca Fierro. Domingo, 9 de decembro de 2018

sábado, 8 de diciembre de 2018

QUE A VIDA TEN QUE SEGUIR

40 anos de constitución. 40 anos de presunta democracia. 40 anos de liberdade. Todo é moi relativo. 169 artigos que non se cumpre ningún, que non cumpre ninguén. O da democracia creo que é tan só sobre o papel. Por exemplo, hai máis censura ca nunca; da falada, da escrita e da divulgada polas redes sociais. Se falamos de liberdade... Liberdade para quen? Estamos máis escravizados ca nunca; das grandes empresas, dos Bancos e dos políticos.
Os tres grandes piares do Estado español están de capa caída: a educación, a sanidade e a xustiza. O da xustiza é un caso especial, un caso á parte. Non dá unha a dereitas. A Fiscalía ataca ós que debía defender e os xuíces... os xuíces ditan sentenzas co ollos pechos. A xustiza é tan cega que non ve como a balanza se inclina sempre máis para un lado que para o outro. A verdade é que non é tan cega; mira ben para quen ten que mirar. E xa coñecemos para quen. Menos mal que sabemos o que temos, e tiramos para adiante igual. Tiramos nós; sen axuda de ninguén. É máis, temos que arrodear ou choutar todos os atrancos que nos poñen... na educación, na sanidade, na xustiza. Que a vida ten que seguir.

Finca Fierro. Sábado, 8 de decembro de 2018

OS BIOSBARDOS QUEDAN EN MIN

Non sei se me pare a contemplar os coches que pasan pola rúa ou se indague nos biosbardos que asomaron na miña vida cando tiven un tempo no que soñaba. Agora mesmo venme un flash coa Nicolasa ourensá. Si, esa que estafou a unhas vinte persoas vendéndolles traballo dicindo que tiña influencias do PP. Ai, que terá este PP... Cando o río soa... Ó mellor son os propios biosbardos os que me levan a fixarme na romana da xustiza. Nunca está equilibrada. Nunca.
Non sei se pense nese alucine que collín cando souben de que en Suíza seica se celebrou un referendo para saber se se prefería que as vacas mantivesen ou non a cornamenta. E máis cabreo collín aínda cando lin que un gandeiro galego (e imaxino que algúns máis) é partidario de serrarlle os cornos ás vacas. Eu sei o que lle había que serrar a eles. E estou por apostar que non fai falta que lance un referendo. Os galegos, ás vacas, deberiamos de telas nun pedestal e non maltratalas desa maneira. Ó final, os biosbardos venceron á contemplación duns coches que corren e van e fan ruído e contaminan e detéñense e pitan e lévante. Os biosbardos quedan en min.

Finca Fierro. Sábado, 8 de decembro de 2018