lunes, 7 de enero de 2019

SEN CALMAR A SEDE

Non sei calmar a sede. Porque aínda bebendo, estou a pensar nos biosbardos que están acochados detrás daquel penedo. O que está alá, na distancia, ó lonxe, alá onde non se ve tal penedo. Pero intúoo. Porque a miña intuición é moito máis aguda que calquera heroe da Marvel, por exemplo. Tampouco é moi necesario que pense nos da Marvel. Hai heroes por todas as partes. Heroes anónimos. Eu mesmo. Ninguén o sabe, pero son o heroe que baila o bolero de Ravel por enriba dunha simple cadeira.
Para asubiar prefiro a Marcha Imperial de John Williams. Ou calquera tema de Ennio Morricone. Aínda que o que mellor asubío é a Marcha do Coronel Bogey, esa mesma que sae na Ponte sobre o río Kwai. A verdade é que son moi quimérico. Pégolle outro longo trago, pero sigo sen calmar a sede. Porque hai ansiedades que nin os trasnos dos biosbardos son quen de acougar sobre o soño intenso dunha almofada branca. E aínda que lle bote limón á auga, a heroicidade do meu pensamento non é quen de buscar a aventura que ti, lector, estás a imaxinar. Porque ninguén, fíxate ben, sabe soñar esperto como o fago eu. Son capaz de que a letras dunha canción durman sobre os compases dos asubíos que saen dos meus beizos.

Finca Fierro. Luns, 7 de xaneiro de 2019

domingo, 6 de enero de 2019

72´ 43´´

Ou o que é o mesmo: 27 minutos e 43 segundos da segunda parte, do segundo tempo. Ese foi o instante supremo, o momento xusto no que David Ferreiro se lanzou en prancha e marcou un gol histórico. Histórico para el. Histórico para Baños de Molgas. Histórico para toda a contorna. E ata pode ser histórico para o propio Huesca. Xa que aí nese seu primeiro gol foi onde o equipo oscense empezou a rexurdir dese letargo na clasificación no que se metera desde os primeiros partidos da Liga española.
Penso que será histórico polos séculos dos séculos que un rapaz de Baños de Molgas acadara xogar na primeira división e que chegara a marcar goles nesa categoría... á que non chega calquera. El non sei que pensaría nese momento. Pero un servidor, no 72´ 43´´, viu ó fillo do Villar e da Concha, ó neto do Inocencio e da Irene, cabecear na Pitediña, cabecear na Chaira, cabecear nas rúas e nas airas molguesas e cabecear incluso nas canchas de tenis. Sabemos que a memoria, ás veces, é efémera. Por iso escribo o que estou escribindo. Porque hai instantes na vida, por exemplo, no 72´ 43´´, do sábado 5 de xaneiro de 2019, nos que se para o mundo e unhas bágoas de emoción escorrentan por algunhas caras abaixo. Grazas, David.

Finca Fierro. Domingo, 6 de xaneiro de 2019

sábado, 5 de enero de 2019

CANTAR OS REIS POLAS CASAS

Agora si que é verdade que se acabou o que se daba. Agora si que é verdade que todo volve á rutina. Coa festividade dos Reis Magos remataron días de fartura, días de consumismo e días de moitos desexos coa boquiña pequena. Coñecemos ós Reis Magos porque con eles chegan os agasallos. Pero eles non son tamén os que traen a orde de que, ó día seguinte, aquí paz e despois... a traballar nugalláns? Pois iso, entra, entrou xa a rutina invernal.
Agora, xeralmente, os Reis Magos representan tan só as famosas cabalgatas e os sempre desexados agasallos. Pero na miña época, e máis en concreto ós que eran labregos coma un servidor, iso dos agasallos era un dicir. Ou, aínda máis, era case un día odioso porque ó ir á misa, vías a aqueles nenos acomodados cos seus cochiños ou as súas bonecas e caía a envexa por nós abaixo. Iso si era un calvario. Na miña época, a auténtica festividade dos Reis Magos era o día 5 pola noite. Ó andar no monte coas vacas semellaba que non acababa nunca a tarde para tanguer os animais e, logo de meter algo á boca, xuntarse tres ou catro amigos e ir casa por casa cantando as panxoliñas. Que nós nunca diciamos panxoliñas nin rabo de gaitas. Nós simplemente era: imos cantar os Reis.
E iamos. Coa vergonza nas meixelas das caras, pero empurrándonos uns ós outros para perder o medo, o pudor e chamar nas portas dos pobres e iniciar as panxoliñas. Porque nas portas dos ricos, a cousa non pintaba nada ben. Canto lles custaba soltar unhas cadeliñas! Algúns, nin a tiros. Dar non daban, pero tampouco se libraban do escarnio, da mofa: “Pelica marrana, canteiche os Reis e non me deches nada”. Así lles berrabamos diante das portas e das fiestras, para que nos oísen ben, eles e os veciños. Algúns ata saían de mala maneira para escorrentarnos.
As primeiras pesetas eran para o Peninsulares ou o Celtas. Que había que fumar o paquete enteiro para non levar nin un cigarro á casa. O resto dos cartos, eu polo menos, e de parviño, dáballe todo á nai e... adeus, moi boas; xa non vía un can. Ben podía deixar algo para tomar un Vila (refresco de laranxa) ó día seguinte, pero... a inocencia e o medo á nai... por se se decataba.

Finca Fierro. Sábado, 5 de xaneiro de 2019

viernes, 4 de enero de 2019

O LADO OCULTO DA LÚA

Raio de chinos, que listos son! E que agudos! Claro que non sabían aquilo de “hai un galego na lúa”, de Zapato Veloz. Hoxe os medios publicaron que os chinos conquistaron o lado oculto da lúa. Tanto os chinos coma os medios, moi mal! Nin idea! Ata Zapato Veloz creou a súa canción no verán de 1992 sen saber realmente quen era ese galego. Deixaron caer aquilo de un, un, pero sen poñerlle nome porque entendo que non o sabían. Algo oirían e fixeron simplemente a canción. Se viaxaran alá, ó noso satélite, verían que deixei dúas pegadas ben clariñas. Si, eu, e logo quen! Desde os anos sesenta xa.
Neses anos aterrei, días antes que os ianquis, no lado que se ve. Máis adiante falo da pegada, para que vexades que non minto. E nos setenta volvín ir alá, pero ó outro lado, ó lado oculto ou ó lado escuro. Tamén deixei pegada. Neste lado, a 10 luaxiños de onde aterrei (5 metros terrestres), gravei sobre unha pedra lunar, o meu alcume Chito. No lado que se ve, no lado que aterrei primeiro, e tamén a 10 luaxiños, e así como noutra pedra lunar, gravei Baños de Molgas. Agora, cada quen que pense o que queira. E se non, que vaia alá e o vexa. Onde vai que descubrín o lado escuro, o lado oculto da lúa!

Finca Fierro. Venres, 4 de xaneiro de 2019

jueves, 3 de enero de 2019

AQUELAS SESIÓNS CONTINUAS!

O rapaz non quixo ir ver o fútbol. Así é que toca un Pingas. Un Pingas rápido porque axiña hai que marchar para a televisión. Para ver unha película de animación. E despois desa, outra. Porque este comparsa, e grazas ás vacacións, ve todas as noites dúas películas, é dicir, ata as dúas ou as tres da madrugada. Porque este paisa ó día seguinte non madruga. Por certo, ó ver dúas películas seguidas, a miña mente trasládase ós anos oitenta de cando os cines aínda proxectaban en sesión continua. Aquilo si que daba gusto.
En Madrid había moitos cines deses, e eu tiven o privilexio de vivir á beira do chamado o Pequeno Broadway (un pequeno traxecto da rúa Fuencarral no que había unha ducia de salas), polo que case se pode dicir que estaba todos os días no cine. Lembro principalmente aquelas películas de sesión continua no Cine Quevedo. Ademais, botábanas por ciclos ou por xéneros. Ale, toda unha tarde vendo o Oeste americano, por exemplo. Porque nas sesións continuas podías entrar na metade dunha, rematar de vela, ver a seguinte, ver o principio da primeira e, incluso se che apetecía, volver ver a segunda. Polo mesmo prezo podías estar toda a tarde no cine. Eu estaba moitas tardes, case todas as tardes.

Finca Fierro. Xoves, 3 de xaneiro de 2019

miércoles, 2 de enero de 2019

COIDADO COS PETRÓGLIFOS!

Coidado cos petróglifos! Hoxe lin unha nova na que nun concello de Ourense descubríronse varios petróglifos. E fochicando agora mesmo no feisbuq, atopeime con que o amigo e actor Suso Lista subiu unhas fotos de máis petróglifos alá por Corme. Polo concello de Baños de Molgas tamén, ultimamente, se descobren petróglifos a moreas. Pois ben, digo coidado con eles porque eu sei dalgúns en Baños de Molgas, máis en concreto na Chaira e en Barricobos, que non sei se serán auténticos petróglifos. Poida que si. Non son un entendido na materia.
Pero lembro de rapaz que, ó andar no monte, estabamos dálle que dálle ós buracos ou pociños ou cazoletas ou coviñas para afondar máis os existentes ou para facer uns novos. Incluso faciamos como guías, como canaliños, como regatiños duns ós outros para así, cando chovese e se enchesen os primeiros, correse a agua para os seguintes. Entendo que moitos deses pociños ou coviñas poida que sexan da época de máis alá do coñecemento, pero tamén sei que algúns terían que pasar milleiros e milleiros de anos para ser considerados como petróglifos. Non son un entendido. Pero matabamos as tardes dándolle ós penedos da Chaira e de Barricobos.

Finca Fierro. Mércores, 2 de xaneiro de 2019

martes, 1 de enero de 2019

UN TRASPASO COMPLICADO

Moita alegría, moita barafunda, moito barullo no traspaso dun ano para outro, pero a non todos lles senta ben o ruído das badaladas ou o sabor das uvas. A Sabela Baal Pausa o traspaso semella que non foi do seu gusto. Axiña tivo a proba ó espertar; unha pequena xaqueca ameazou o seu día de Ano Novo. Estamos a botarlle a culpa á Noitevella, pero ó mellor son os aires do mar. Porque Sabela Baal Pausa vive á beira do mar.
E quizais é por isto polo que tamén, a iso da media tarde, empezou a notar unha dor forte nos cadrís. “Ai San Augustiño bendito, que non sexa o lumbago”, chegou a exclamar cando fixo un intento de erguese da cadeira na que estaba sentada. Pero era o lumbago. O maldito lumbago. Esa dor que, mentres non colles unha postura apropiada, faite ver algo así como as estrelas. Sabela Baal tan só pensaba no significado do día en si, no día no que se entende que deberían empezar os bos desexos da noite anterior, os antollos ou os soños que adoitamos realizar no momento en que escoitamos as badaladas das 12 da noite e intentamos mastigar ou tragar as famosas 12 uvas de cada ano vello. Sabela Baal Pausa contempla o mar desde a cama e non sabe a quen lle botar a culpa.

Finca Fierro. Martes, 1 de xaneiro de 2019