sábado, 9 de febrero de 2019

QUERO UNHA REVOLUCIÓN!

Cando eu era pequeno desexaba que chegara a revolución. Agora que son maior desexo que chegue a revolución. Pero a revolución non chega nunca. Vimos baixo a bota opresora dun poder cobizoso e inicuo. Vivimos tiranizados e asoballados entre sorrisos falsos de algodón e leis que se cospen por bocas famentas de fame. Fame de poder. Quero que chegue a revolución! Quero ser eu a bota opresora e a cadeira de brazos na que descansen todas aquelas ideas que se xungan coas miñas. As ideas opositoras metereinas nunha formigoneira para amasalas e que se podrezan entre elas.
Vivimos baixo o ollo de falcón que nos marca o percorrido dun sometemento rastreiro e baballoso. Agora desexo que chegue a revolución. Pero esta non ten un guía que flote por entre as conciencias amorfas dun pobo que morre. Eu quero erguer o espírito guerreiro, mais nin tan sequera consigo acumular lume nos ollos nin carraxe nas veas. Nin tan sequera teño unha machada para cortar as súas ideas. Tampouco habería cemiterios para albergar tantas cabezas. Vivimos baixo o poder duns malnacidos que nos cospen nese desexo revolucionario que non asomará nunca. Que nunca deixarán que asome. Por deus bendito, quero unha revolución! Necesitamos unha revolución!

Finca Fierro. Venres, 8 de febreiro de 2019

martes, 5 de febrero de 2019

ENTRE OS NICHOS DA CANCIÓN

Alguén me dixo unha vez que un verso que se alonga poida que non teña fin. Tamén é verdade que un verso longo pode ser un infortunio. Como un asubío dentro dunha igrexa ou por entre os nichos dun cemiterio. Non obstante, non habería mellor lugar para un concerto labial: todo sería silencio. E a música, calquera música, como mellor penetra, é en silencio. Alguén me dixo unha vez que o niño dunha anduriña era como o anel de Saturno. Non sei que pinta Saturno aquí, repliqueille. O mesmo que pinta no universo: nada. O que nada non afonda. A cousa xa empezaba a pasar da raia. Nin os comentarios semellaban apropiados e moito menos as preguntas ou respostas. Estabamos a embarullar o asunto alguén e máis eu. Teñamos a festa en paz, berrounos a pobre anduriña. Quedamos pampos, claro.
Ese alguén colleu un libro de poesías e púxose a recitar sobre os intervalos das fases da lúa. Eu collín un simple poema, mirei para a anduriña e nos seus ollos vin pura poesía. Para que recitar entón! Quedei en silencio e moi devagariño marchei para o cemiterio. Alí, sen importarme os mortos daquel verán, asubiei un requiescat in pace pola alma dos que nunca compuxeron unha canción, dos que nunca escribiron uns versos. Alguén marchou sen facer ruído e eu soñei entre os nichos da canción.

Finca Fierro. Martes, 5 de febreiro de 2019

lunes, 4 de febrero de 2019

A CEGUEIRA DOS MERENGUES

Estou alucinado co asunto de Benzema. Faime graza que a xente empece a descubrir agora a Benzema. Ata os propios periodistas deportivos, que se entende que son uns profesionais, uns especialistas na materia deixen escapar agora ríos de tinta sobre o xogador francés. Cando desde o primeiro momento (si, desde que chegou ó Real Madrid), foi o mellor xogador que tivo. Para un servidor, por enriba do Modric e por enriba do Cristiano Ronaldo. E dío un servidor que é antimadridista. Non valía que lle explicaras ós fanáticos merengues de que Benzema non é un goleador (para iso tiñan ó portugués), de que é un xogador completo, técnico, inmenso, alucinante, cunha clase que este antimadridista levaba tempo sen ver.
Prometo que non me estou subindo ó carro do seu momento actual. Teño ó fillo de testemuña, ó que lle predicaba ó oído unha e outra vez que Karim Benzema era e é o mellor xogador que tivestes e que tedes. Ó oído porque, no café, se te oía alguén ata te podía mirar de mala maneira. Porque non marcaba goles. Agora si, agora coma leva unha boa racha de goles, xa “case” é mellor có Cristiano Ronaldo. Este é certo que é un goleador nato, pero no Madrid marcou moitos grazas ás marabillas de Benzema. Triste que un antimadridista lle abra os ollos ós merengues.

Finca Fierro. Luns, 4 de febreiro de 2019

domingo, 3 de febrero de 2019

BOTEI DE MENOS A LUIS TOSAR

Cando nomearon na gala dos Goya ó actor galego Luis Zahera recoñezo que berrei coma cando a Celta mete un deses goles tan necesitados. Luis Zahera hai moito tempo xa que se merece un premio dos grandes. Pero onte botei de menos a Luis Tosar. Porque onte, entre tanta representación galega como houbo este ano nos premios do Cabezón, non se escoitou unha palabra en galego. Ata tiven envexa de Antonio de la Torre reivindicando a súa Andalucía natal. Segue dándonos corte falar en galego do Padornelo para alá. Sempre nos deu apuro. Onde estás, Luis Tosar! Polo demais, a gala tivo os seus momentos emocionantes. Eu, persoalmente, destaco o momento da homenaxe a Chicho Ibáñez Serrador, con grandes directores no escenario.
Así mesmo, emocionante empezou sendo o discurso de Jesús Vidal, pero axiña se converteu nun grazas tan repetitivo e tan longo que non quedou outra que esquecerme das primeiras emocións. Este segue a ser o gran problema destes premios: os agradecementos. Non acaban nunca. Son sempre os mesmos. Non hai orixinalidade. E cando empeza a haber algunha, algúns esténdena ata o infinito e máis alá. A gala deste ano, a min, resultoume aburrida, fóra incluso da carraxe galeguista esa. Ai si, un punto a favor: descubrín a Rosalía.

Finca Fierro. Domingo, 3 de febreiro de 2019

SOBRE MORTOS, VIVOS E CONXELADOS



Oín a noticia da estafa dos ataúdes pola radio. Lin a noticia nos xornais. E coincidiu que, polos telexornais, vin imaxes desa noticia que se deu en Valladolid. Estaba a miña muller comigo, e saíume da alma: “a min particularmente non me importa; por min como se me botades no medio de Sudalomba, alá no Medo, para proveito dos lobos; pero iso das estafas está mal, moi mal”. Eu, ó morrer, dáme exactamente igual o que fagan comigo, como non vou sentir nada... Pero, polo demais, e á parte de que cada un escolle o ataúde como lle pete e segundo as circunstancias, o dono da funeraria ou os tíos que participaron no fraude xogaron cos sentimentos que se producen neses instantes. E eses sentimentos todos sabemos que son moi fortes. Iso é ser peor que voitres. Espero, confío e desexo que o castigo sexa exemplar. Porque... uff, agora vendo isto, sabendo isto, empeza un a preguntarse se iso non o farán máis funerarias. Espero, confío e desexo que tan só o fixesen eses malnacidos, eses infames.
Paso dos mortos ós vivos. Aínda que no caso de Nicolás Maduro, non sei, non sei. Meteuse Donald Trumpo polo medio... A verdade é que penso que Maduro desta vez si cae. O peor pode ser o prezo que haberá que pagar para que caia. O prezo en vítimas, se entende. Porque todos os ditadores foron, son e serán duros de roer. E se a xente caía xa mandando eles, cando se ven perdidos intentan levar a moitos por diante. Confío un chisco en que, agora si, agora caia, porque xa practicamente o mundo mundial está na súa contra. Aínda que, ante esta situación, é cando con máis saña pelexa, máis se encirra na súa ideoloxía, no seu mandato, na súa ditadura.
Paso dos vivos ós conxelados. Queixabámonos hai uns días dos -10 graos que había por Xinzo de Limia ou Calvos de Randín, e vai Chicago e di que para frío o deles; algo así como -40 graos e con sensación térmica de -45. Iso é frío! Iso, polo que contaban, é practicamente pura conxelación. É dicir, que había que ter valor, moito valor para botar os fociños de paseo. A maioría non os botaba, claro. E con razón. Así é que pódese dicir moi perfectamente que, a Lagoa de Antela con respecto a Chicago... o deserto do Sáhara ou a liña ecuatorial!

Finca Fierro. Sábado, 2 de febreiro de 2019

sábado, 2 de febrero de 2019

DUELO A MORTE

Punto de cruz na tela dun descosido e piñeiro seco moi lonxe dun río. Ando de paseo por entre as toxeiras dunha poula perdida entre os parágrafos dunha novela. Sempre imaxinei unha historia de fantasmas ás doce do mediodía e sempre me vin sentado no mazadoiro da burga ás sete da tarde. Logo dun descanso fun cara á Pillamadoira para manter alí un desafío entre fusco e fusco coa artistiña da película. Deixei que Clint Eastwood se puxera cara o sol. Ladeei o sombreiro e estivemos á espera de que chegara don Ennio Morricone para que lle puxese música ó duelo a morte no lameiro do Sandiós. Na espera, un servidor rezáballe ós santos inocentes porque o revólver de Eastwood é moito máis rápido có rifle de John Wayne. Sempre lle tiven medo ó rifle de John Wayne. Punto de cruz na alforxa da sela do cabalo. Do cabalo de Clint Eastwood. A miña economía só alcanza para un pobre mula parda á que se lle van os ollos cara ó cabalo do meu inimigo. Cansos de esperar por Morricone, achegámonos con parsimonia e Clint deume un cigarro e eu ofrecinlle lume. O sol xa acochara polo outeiro de Brandín. Ó rematar de fumar collemos das rendas os animais e volvemos, xuntos, para o mazadoiro da burga. Aquí paz e despois gloria, dixemos os dous.

Finca Fierro. Venres, 1 de febreiro de 2019

viernes, 1 de febrero de 2019

BAIXO A SOMBRA DO SILENCIO

Teño sede. Bebo un vaso de auga. Cando hai sede hai que beber. Cando hai sono hai que durmir. E cando vai un paxaro voando, hai que mirar para el. Cando soa a trompeta de Chet Baker hai que escoitala e calar. Hai músicas que son a sombra do silencio. Raño o ollo esquerdo porque me proe. Máis seguro que sexa polo sono. Pero... vaiche boa!; aínda penso ver unha película á unha da noite. É que mañá seica hai alerta laranxa por temporal. Como ó rapaz lle suspenderon o instituto, eu tamén aproveitei e pedín o día. O que significa que non madrugo. O que quere dicir que me deitarei tarde. A non ser que a película sexa moi pero que moi mala.
Cando algo, calquera cousa é mala, o mellor é deixala de lado. Claro que se ó lado só hai mingalla, pois haberá que seguir vendo o que non ten moito que ver. Menos dá unha pedra. Unha pedra pódeche dar un bo cantazo, iso si. Vangelis fai que a miña imaxinación viaxe polo espazo sideral dunha fantasía. Cando un desexa de corazón viaxar polo universo infinito, todo se lle volve cósmico, doutra dimensión. Cando penso que te fuches, negra sombra que me asombras, vexo que aínda estás aquí. Rosalía sempre me asombrou. Sorrío cara á miña sombra.

Finca Fierro. Xoves, 31 de xaneiro de 2019