sábado, 8 de junio de 2019

A TENISTA DE CAMAGÜEY

Unha vez máis a transición hebdomadaria métese de novo na elaboración, na realización deste recuncho. Que o momento de escribilo será completamente distinto do momento da súa lectura. Ou polo menos sería unha aventura sinalar quen será o vencedor do torneo de tenis de Roland Garros entre o español Rafa Nadal e o austríaco Dominic Thiem. A escritura realiceina o sábado, o partido debería ser o domingo e a lectura, xa vedes que día é. Pero ata poida que nin no momento en que estades a ler isto se saiba quen ganou. Porque a chuvia era a gran inimiga do torneo.
Non obstante, teño que recoñecer que ese parágrafo tan só foi a escusa perfecta para introducirme no que realmente quero contar. Porque o asunto vai de tenis. Dunha figura tenística de principios dos anos 30 do século pasado con raíces no meu Baños de Molgas. Máis en concreto dunha sobriña do reputado médico D. Samuel González Movilla (nas crónicas do mes de agosto de 1933 noméano como Manuel), que nacera en Ourense, no número 11 da rúa de Reza. Pero que, como era case normal naquela época e por unhas ou por outras razóns, marcharan para Cuba. Wasthy Conde, que así é como se chamaba a afamada tenista, acabara na lendaria, na mítica rexión de Camagüey.
Naquelas épocas, a realidade era que os torneos tenísticos, tal como se coñecen agora, nin tan sequera existían. Había as chamadas reunións deportivas. E realizábanse, por suposto, entre a boa sociedade de tal ou cal cidade ou rexión ou país. Naqueles tempos, o deporte tan só era para certos privilexiados (os demais rompían o lombo para eses; coma sempre, como é lei de vida). Semella que a nosa Wasthy Conde ganaba tantos partidos que a rexión de Camagüey quedábaselle pequena, polo que aproveitou unhas vacacións na Habana para dicir “aquí estou eu”. Como era guapa e como era simpática, incluso retranqueira, puxo a boa parte de Cuba ós seus pés. A prensa cubana gabouna de tal maneira que non tardou en comparala a Mirtha Mederos, outra das xoias tenísticas do país cubano.
Finca Fierro. Sábado, 8 de xuño de 2019

viernes, 7 de junio de 2019

PACTO POLA CLIMATOLOXÍA

Escuridade. Claridade. Noite. Día. Tempo tolo. Vou ter que pactar con climatoloxía, pois tan ben non preciso luz para escribir coma, nun suspiro, non ver un carallo. Nubes negras que asoman polo ceo ourensán. Raios de sol que penetran pola ventá da miña casa. Quero sol? Quero chuvia? Quero calor? Quero frío? Tanto me ten! Por iso non penso pactar con ninguén. Nin có lóstrego que se oe, nin coa chispa que abraia. Nin coa pinga de orballo que descansa na herba verde dun lameiro, nin coa gota de suor que esvara pola cara queimada dun servidor.
Tanto ten sentar á sombra dun amieiro coma sentirme Gene Kelly cantando e bailando baixo a chuvia. A Camilo Sesto chovíalle sobre mollado, mentres que ós Resentidos facíalle un sol de carallo. Así é que, climatoloxicamente falando, non penso pactar con ninguén. Que máis dá que caian chuzos ou que chova a cachón durante toda unha fin de semana coma que a canícula se deixe sentir durante toda unha hebdómada. Que pacte a andoriña coa rula, se queren. Ou o lagarto coa serpe. Agora mesmo o sol penetra con forza na cociña e sobra a luz acendida. Pero hai un cacho unha nube negra fixo que o día se volvera noite ficticia. Tempo tolo a tres días do corenta de maio. Non penso pactar co mes de xuño.

Finca Fierro. Venres, 7 de xuño de 2019

jueves, 6 de junio de 2019

COMO A UNHA PLUMA DE PAXARO

A cicloxénese Miguel fixo que parte do tellado do polideportivo de Baños de Molgas realizase o baile de San Vito. Que seica o levantou como a unha pluma de paxaro. A borrasca Miguel semella que fixo dano na provincia de Ourense. Aínda que eu, vendo tal cicloxénese, ou ben me coincidiu nun momento no que estaría pechado en algún lugar (coche, cafetaría ou casa) ou ben que o dano que fixo foi porque certas cousas non están tan seguras como se pensan. Perdón, como se deixan.
Porque eu sigo denunciando que certas obras foxen da calidade por arte de encantamento, ou sexa, pola arte do aforro por parte dos contratistas. Non é normal que, por exemplo, nese mesmo pavillón de Baños de Molgas o aire levante o tellado cando semella que o repuxeran facía pouco máis dun ano. De tan mala calidade era? Ou é que se lle escapou á seguranza? Ademais, se vos fixades, estes desastres sempre acontecen en recintos das administracións, que pagan as administracións: pavillóns, colexios, residencias. E o que é peor, en recintos que, moitas veces, albergan ou aloxan unha enorme cantidade de xente. Menos mal que no de Baños de Molgas non había ninguén. Porque tamén é verdade que, ultimamente, o seu uso disque brillaba pola súa ausencia. E sempre se dixo que, o que non se coida, acaba caendo.

Finca Fierro. Xoves, 6 de xuño de 2019

miércoles, 5 de junio de 2019

HEROE DE PACOTILLA!

Hai uns días anotei nun pano deses de papel que poñen as cafetarías nas mesas para limparse unha anotación relacionada coas polémicas declaracións de Santiago Cañizares sobre o accidente de Juan Antonio Reyes coa intención de escribir un Pingas e poñéndome da parte de Cañizares, estando a favor del. Ese mesmo día, pola noite (que é cando adoita escribir os relatiños), optei por esperar porque a propia Dirección Xeral de Tráfico recomendaba sentidiño nas declaracións, mentres non se soubese a que velocidade ía realmente (ou máis ou menos) Reyes.
Por certo, Cañizares declarara o seguinte: “Circular con exceso de velocidade é unha actitude reprochable. No accidente houbo máis vítimas. Reyes non merece unha homenaxe coma se fora un heroe”. As redes sociais seica botaron e botan fume. Pois ben, eu diría algo máis, agora que xa se sabe a que velocidade ía: que Reyes merece unhas hostias incluso de morto! Como para collelo e colgalo tamén. O que dicía Santiago Cañizares: que houbo máis vítima. Y que puido haber incluso moitas máis. Puido pagalas alguén que non tiña culpa ningunha. Non se pode circular a esas velocidades por moita “fama” que teñas ou por moi “importante” que te sintas. Outro por certo, en Andalucía seica xa o coñecían coma o Fernando Alonso. Heroe, heroe... heroe de pacotilla!

Finca Fierro. Mércores, 5 de xuño de 2019

lunes, 3 de junio de 2019

ANDAR POR ANDAR

Camiño pola beirarrúa esquerda dunha rúa calquera para chegar a unha meta que me puxen cando saín. Aínda que, a verdade, non sei cando chegará esa meta. Son dos que ando por andar. E dá igual que sexa por entre carreiros cheos de toxos coma se é por pontes colgantes. Tampouco me importaría andar polas veas abertas dun berro que esgaza un sentimento. Hai sentimentos que doen, e polos que se berra. Hai berros que rebentan e que non din nada. Camiño por entre as estrofas dunha canción de Sabina e pérdome na procura dunha sensación. Entendo que ás veces non é fácil camiñar. Por moito que me guste andar.
Andar por andar tamén ten o seu aquel. Andas pola beirarrúa esquerda cando, ó mellor, pola dereita hai unha sombra que alivia. Non obstante, as sensacións ou as opcións vólvense tortas e non lle fan caso ós meus pensamentos. Aínda que, eu, ben sei por que. Non é fácil andar por andar, mais eu tiro para adiante con tal de chegar a esa meta que aínda non marquei. Pode ser á volta daquela curva ou pode ser ós dous pasos. Son moi libre de poñerme metas. Incluso podo poñer as máis fáciles. Non lle teño que demostrar nada a ninguén. A miña meta póñoa eu nun punto concreto porque, xusto aí, me deteño, miro para un lado, miro para o outro, berro cheguei e xa está. Hoxe tocou andar por andar. Nada máis.

Finca Fierro. Luns, 3 de xuño de 2019

domingo, 2 de junio de 2019

480 FLEXIÓNS DE OMBREIRO

Abilio Esperto Rañado rise deses deportistas que se gaban continuamente das súas flexións, coma se fosen Rockys en estado de graza. Pero el, o fillo da Píntega, fixo o outro días 480 flexións... de ombreiro! Botou todo o sábado sabadete poñéndolle a rolla ás botellas do viño branco da derradeira colleita. Dándolle á máquina para que o cortiza penetrase polo bico da botella. Ás veces ata había que xemer un chisco. Non obstante, o máis esperpéntico do asunto é que Abilio Esperto (ó que por detrás lle chaman O Dios Bendito, aínda que de bendito seica non ten nada, pero a xente nas aldeas xa se sabe...) non proba o viño. É completamente abstemio. De aí que embotellase con luvas de vertedoiro. Non fose o demo que lle caese algunha pinga de viño nas súas mans de sacho labrego.
O Dios Bendito é abstemio desde cativo, desde que unha vez lle fixeron probar o viño cando andaba arrincando nas patacas. Sóubolle a unha medicina que lle facía tomar a nai a base de labazadas. Porque antigamente, ante as mamás ou papás e as persoas maiores non existía o adverbio de negación “non”. Se por un casual se che escapaba, axiña te puñan na situación correspondente. Pois iso, que sendo abstemio, hoxe, a Abilio Esperto dóelle un chisco o ombreiro dereito por culpa de 480 flexións. Que se rían agora os presuntos ximnastas.

Finca Fierro. Domingo, 2 de xuño de 2019

MAIORÍAS E PACTOS

Por esta vez non houbo nada programado de especial para a transición hebdomadaria, é dicir, entre a noitiña do sábado e o amencer do luns, ou sexa, o domingo. Resumindo, que esperemos que non acontecera nada extraordinario no sétimo día. Que dixo Deus que estaba para descansar. Así é falarei do auténtico acontecemento semanal, xa que non puiden facelo no Recuncho anterior. Que xa votamos e que, como non, tamén houbo sorpresas. Sorpresas para un servidor. Outros recibiron, falando claro, unha malleira. Como eu son o que escribo, falo das sorpresas, xa que non quero facer sangue nos derrotados e iso que sempre se dixo que gozamos moito máis que nos rimos moito máis coas desgrazas alleas.
Para min houbo sorpresa en Baños de Molgas, e non porque ganase o BNG, que, máis ou menos, esperábao, esperabámolo, senón pola forma que tivo de ganar, ou sexa, arrasando. Agora si ten catro anos por diante para demostrar a súa valía, pois non está suxeito a ninguén. E segundo ata agora podía achacar algo das ataduras, agora chégalle o momento para realizar os seus desexos e demostrarlle ós veciños que se non fixera máis fora porque non o deixaran. Esperaremos acontecementos.
Non obstante, a maior sorpresa coa que me erguín hai xusto sete días, foi con ese mesmo partido, pero en distinto concello, aínda que iso si, limítrofe; o de Vilar de Barrio. Iso si foi deses momentos nos que nin eu nin creo que moitos esperabamos. Que o Bloque vencese a toda unha institución ou “eternidade” en Vilar de Barrio.
Sobre os demais concellos que me interesan, ben por convivencia ou por proximidade direi que en Maceda o asunto aínda está no aire, aínda que penso que vai seguir o anterior, ou sexa, Rubén Quintas; que en Barbadás máis ou menos ganaron os mesmos, pois coido que seguirá o entendemento entre o PSdeG e o BNG; e por último, o detalle curioso estivo en Castrelo do Miño: 3, 3 e 3. O BNG perdeu a maioría absoluta, pero imaxino que pactará co PSdeG. Imaxino. Claro que a política é tan rara. É coma ese fútbol finxido; que pensamos que fan as cousas por amor ó club e resulta que, despois, por culpa dunhas apostas... Os partidos ou políticos sería por amor ó paisano de a pé, pero despois por uns intereses...

Finca Fierro. Sábado, 1 de xuño de 2019