lunes, 8 de julio de 2019

RÍO DE EMOCIÓNS

Son un sentimental. E coa idade, cada vez son máis sentimental. Axiña me emociono. Acabo de facelo vendo o partido de baloncesto feminino entre España e Francia. Vendo a final do Eurobasket. Emocioneime, por suposto, no remate do mesmo. Xa incluso dous minutos antes, e como vía que a vitoria non se podía escapar, os ollos empezaron a brillar. Ó rematar o partido empezaron a desbordarse os lacrimais. Como estaba tombado no sofá notaba eses regueiros como corrían polas meixelas abaixo. Non estou esaxerando.
Pero se ata me emocionei unha barbaridade cando vin ás xogadoras da República Serbia subir á tarima para recoller a medalla de bronce e ver a unha das súas portando nun aparello, nun arnés sobre a súa barriga a un bebé de meses. Que cousiña máis bonita! A repanocha xa chegou cando se lles fixo entrega das medallas de ouro ás españolas. Pero antes xa deixara caer máis bágoas cando a nosa xogadora Astou Ndour acadara o MVP do torneo. Despois, en cada detalle, en cada xesto, en cada abrazo, en cada risa, en cada cara de felicidade que vía pola televisión, o río de emocións seguía a verter polas miñas meixelas. E eu dálle que dálle coas mans intentando limpalas. Por se aparecía por alí o fillo e, ufff, que vergonza, un vello. Pois si, canto máis vello máis sentimentos, máis parvo me poño, pero...

Finca Fierro. Domingo, 7 de xullo de 2019

sábado, 6 de julio de 2019

DA POLÍTICA Ó FÚTBOL

É complicado resumir ou destacar algo da semana pasada porque, politicamente, estamos coas mesmas, é dicir, sen goberno e con pactos e contrapactos nos concellos e Deputacións de toda España. Logo, para máis aquel, tamén seguimos coas distribucións das áreas dos concellos, coas dedicacións exclusivas e, faltaría máis, cos soldos. A causa destes, o buraco que nos están facendo é tan grande que a sangría empeza a encher caldeiros de paciencia. E temos moita paciencia. A máis partidos políticos, máis pactos, más cartos e máis sangría. Non rematando aí o asunto, vemos que, en proporción, saen mellor pagados os soldos dos elixidos nos concellos pequenos. Normal, se a un concello de menos de mil ou dous mil habitantes lle metes tres ou catro dedicacións exclusivas, alá vai o burro coas noces, digo co presuposto municipal.
Como deses asuntos xa escribín algún Pingas de Orballo e incluso tamén o anterior Recuncho Hebdomadario, cambio de terzo e vou unha vez máis a unha das miñas paixóns: o fútbol. Do que, neste verán, non me queixo. Pensei que ó acabar a Liga, xa remataba todo por un tempo. Pero resulta que me enganchei á Selección Española Sub 21, á Copa América e ó Mundial Feminino. O da Sub 21 rematou xa a semana pasada, a Copa América e o fútbol feminino acaban de rematar. Agora si que é verdade que “o deporte da masa” acabou ata o 18 de agosto (négome a ver trofeos de verán ou partidos amigables). Total, un mes sen fútbol. Tampouco é tanto. Necesitamos un descanso. Ademais, hai que pillar folgos porque a partir do 18, o Celtiña empeza forte de carallo. Nada máis e nada menos que co “gallito” de primeira división, ou sexa, co Florentino. A partir de aí saberemos como responderá o equipo vigués, xa que, vaia!, os dous seguintes partidos tamén son dous ósos duros de roer: Valencia e Sevilla. Tres partidos para ver e analizar as posibilidades do único equipo galego que nos representa en primeira división (o ascenso do Depor quedou en auga de bacallau), deste novo Celta que espero, confío e desexo que nos dea alegrías e non os sufrimentos desta tempada que menos mal que xa queda para o recordo.

Finca Fierro. Sábado, 6 de xullo de 2019

viernes, 5 de julio de 2019

SOÑABA CON SER CARPINTEIRO

Contan as crónicas que Edmundo Vitoria, o fillo do Marañas e da Mañosa, quería ser carpinteiro, pero tiña un problema moi grande: que non sabía distinguir unha madeira doutra. Custáballe saber cal era o bidueiro e cal o chopo, ou cal o carballo e cal o castiñeiro. A este só o distinguía polos ourizos das castañas, xa que, ó outro, nin tan sequera polas belotas. Logo, para máis aquel, o fillo do Marañas e da Mañosa, tampouco sabía medir a ollo. E nesta nosa vida non hai como medir a ollo. Un carpinteiro, se non mide a ollo, para onde vai, o pobre!
Así é que a Edmundo non lle quedou outra que sentar no mazadoiro da burga e esperar a velas vir. Claro que, por non saber, nin sabía o que esperaba. Ó mellor que pasase o tempo ou, pouco a pouco, medir a ollo, por exemplo, as pedra da fachada da taberna. E se reviraba a cabeza podía estudar ben a fondo os amieiros do río Arnoia. Polo menos así chegaría a coñecer ben unha árbore. Tampouco sería estraño que só coñecese un tipo de madeira. Podía ser un profesional do amieiro. Contan as crónicas que, co paso do tempo, o fillo do Marañas e da Mañosa deixou de soñar con ser carpinteiro para facerse cura e vivir do predicamento. E, iso si, desde o púlpito, sempre estaba medindo a ollo o espazo que ocupaban os seus fregueses.

Finca Fierro. Venres, 5 de xullo de 2019

jueves, 4 de julio de 2019

DESESPERACIÓN

Desespero porque espero o que non vén, o que non chega. Desespero porque unha nube negra está a volverse branca. E quero que chova para que limpe os pesadelos que bailan entre as catro estrofas dun soneto. Desespero porque ninguén lle fai caso ó asubío dun merlo e ó voo dun vencello. Quero asubiar desde o Outeiro Miau para que me oian os de Nocelo. E quero berrar desde o alto da Lomba para que saiban os que andan no Guichón que son eu o que clamo polo ruxerruxe dun pensamento ou polo barullo dun entendemento.
Desespero porque todo pasa e nada queda. Tan só os recordos que aniñan na memoria dun tempo que xa foi, dun tempo que non volverá. Sempre hai que mirar para adiante, se non queremos tropezar. E aínda así... Desespero polo jazz que non soa cando quero, e deixo que unha pobre música pop me perturbe ou me altere os nervios. É o paso do tempo. Dese tempo que, ó non pasar, desespera. Dese tempo que, cando o ansiamos, acelera. Semella que non entendemos nada do que nos arrodea. Desespero porque a alma mater dun latexo está nese sentimento que vai e vén polo citado soneto. Xa sei que hai versos que doen e poemas que te levan por entre a estrutura dun ceo inmenso, dun ceo único e ben feito. Desespero porque dentro de nada teño que marchar para o inferno.

Finca Fierro. Xoves, 4 de xullo de 2019

CANDO NON HAI IDEAS

Non consigo facer nada. Penso en como espallar unhas ideas por un papel en branco, pero o problema está en que non teño ideas. Non as podo ciscallar. Nin tan sequera as podo amorear. Porque non se debuxan nun recanto da miña conciencia, do meu raciocinio. E cando non hai ideas, o tempo pasa tan lento que non pasa e incluso o papel perde a tonalidade da súa cor e, pouco a pouco, amarelece. Por falta de uso. Cando non hai ideas a nugalla acomódase entre as vísceras do pensamento. Custa xa entón unha barbaridade pensar. E non vale escoitar a Miles Davis ou Chet Baker, que o único que fan é que me extasie, que me arroube ante a súa música e deixe de pensar en algo que contar.
Cando non hai ideas a calor faime suar máis e máis. Ó mellor é a angustia ó saber que me sinto impotente por encher unhas liñas ou uns parágrafos para completar algo, non sei, un escrito, un relato, algo que teña sentido. Non pode haber sentido en algo que non existe, que non está aí, que non hai. Cando non hai ideas case é mellor quedar quieto e en silencio antes de esbardallar contra o sentido ou o sen sentido de algo. De algo que me prema o peito. Pero este tan só desexa os golpes dun corazón que latexe. Non latexa, non suspira, non vive. Non hai ideas para esparexer, para propagar un sentimento. Quedo entón en silencio.

Finca Fierro. Xoves, 4 de xullo de 2019

martes, 2 de julio de 2019

NON É IGUAL

A ver, non é igual. Non é o mesmo arre que só, nin boi que vaca. Non é o mesmo que un conto se conte polo final nin que un libro se inicie pola contraportada. E xa sei que os pensamentos os esbardallo ou os esparexo polo universo infinito e por entre as catro paredes dunha habitación. Dunha habitación pechada. Se ten a porta aberta, seguro que por aí foxen para o limbo da incomprensión, ou da impotencia, ou do outro lado do río. Porque agora mesmo estou deste lado. E non é o mesmo estar na Porfía que no Río de Vide, estar na Valenzá que na Finca Fierro, estar nas Veigas que nos Poulos.
Non é igual, non. Non é igual estar debaixo da luz da lúa vella que baixo a canícula dun sol mandón. Tampouco quero divagar aquí entre o ser ou non ser da cuestión. Total, os desexos son infinitos, inmensos, inmaculados, eternos e cheos dunha tranquilidade que, si, máis segura que será efémera. Porque os nervios, as ansias tamén van e veñen polo espazo pechado dunha habitación ás escuras ou polo espazo aberto dunha aira na que os palleiros e canastros son testemuñas de soños que, ó mesmo tempo, se plasmaron nuns versos rimando entre si... ou non. A ver, non é igual estar namorado ou angustiado porque non entendes o chiscar do ollo ou o asubío dos beizos. Non é igual pensar que podes voar que acabar aterrando sobre un penedo.

Pizzaría Vivaldi da Valenzá. Martes, 2 de xullo de 2019

lunes, 1 de julio de 2019

NON SEI QUE BUSCO

Busco de aquí e atopo por alá. A vida non nos leva sempre por regos dereitos. De cando en vez un latexo non soa e collemos medo. Busco a Duke Ellington e asoma nos meus arquivos Coleman Hawkins. É igual; os dous xuntos soan divinamente. Busco andoriñas voando por entre as rúas de Baños de Molgas e, non obstante, sinto as rulas aniñando nas silveiras das Lagoas. Non todo ten que saír coma embude a boca de xerro, é dicir, a pedir de boca. Ás veces ata é bo que un río non vaia desembocar ó mar. Algúns ríos desembocan noutros ríos. Algúns verbos non conxugan como nos gustaría que o fixeran. A vida é torta. A vida é bonita. A vida é o ruído onde hai silencio, así como é o silencio onde hai barullo.
Tamén é moi diferente a voz de Leonard Cohen se a comparamos coa música de Luar na Lubre. Busco de aquí e atopo por alá. O problema está en que non sei que busco e de aí que acumule obxectos na carretilla que empurro pola rúa da Igrexa arriba. Empeza a pesar. Pero tamén pesan os desexos que nunca se cumpren. Ou os pensamentos que non se berran. Deberiamos de berrar desde o alto da Chaira para que as andoriñas e as ruliñas emprenderan o voo cara ó infinito e máis alá. Pero quedo en silencio para que Amaral cargue o universo sobre min. Deixo de buscar e sento coma un heroe nun penedo de Barricobos. En silencio.

Finca Fierro. Luns, 1 de xullo de 2019