miércoles, 7 de agosto de 2019

ANDAR DE CANQUILLEIRO

Bambeo unha e outra vez o terrón de azucre. Abro o sobre. Bótolle o produto ó café. Doulle o primeiro sorbo. Rico, rico. Miro o móbil por se hai luces acendidas. Nada. Vexo como pasan os coches; correndo. Algúns ata corren de máis. É igual. Os de Tráfico sempre pillan a un mesmo; nunca ós demais. Terceiro trago. Xa rematei o café. Son as sete en punto da tarde. Aínda quenta de raio. A estas horas é cando se debería saír da casa, e non volver a ela xa. Si, entendo; pero xa levaba moito tempo encerrado. Son home de andar por fóra. Máis coñecida a expresión como “andar de can”, ou sexa, “de canquilleiro”. Dicíamo sempre a miña nai. Unha nai sempre ten razón.
Estou a escribir porque xa tomei o café. E non vou estar a velas vir. Sempre me aburrín moito se non fago nada. De aí que escriba nos panos de papel das cafetarías. De aí que lea aínda que sexa andando. Non vou perder o tempo! Para min si que é verdade que o tempo é ouro. Son as sete e cinco, e súo. E iso que xa hai oito tempo que a esta terraza lle dá a sombra. Pois en concreto, toda a tarde. Aínda así, a calor é moita. Claro que isto, nesta época, non é novidade en Ourense. Isto remata e hai que volver outra vez para a casa. Aínda que me amole ben. Pero si, xa chegou de “andar de canquilleiro”. “Ben cho dicía túa nai”, sentenciarame a parenta ó chegar.

Pizzaría Vivaldi da Valenzá. Luns, 5 de agosto de 2019

lunes, 5 de agosto de 2019

QUEDEI CANSO

Quedei canso. Quedei canso de andar por eses camiños que alguén vai deixando sen trello nin trambello, ou sexa, sen xeito nin dereito, é dicir, sen ton nin son. Unha cousa é que che poñan atrancos e outra é xa que inicies a carreira tropezando. Acaso ninguén se dá conta de que, ó tropezar, a maioría das veces, acabas caendo? Si, si, xa sei aquilo de que te levantas unha e cen veces. Pero, e os trompazos?, as rabuñaduras?, as roturas de tibia e peroné?, ou de cúbito e radio? A ver, hai que ter algo máis de coidadiño ou de sentidiño común co que se deixa nos camiños.
Só pensar nos obstáculos xa súo. Coido que cando unha persoa súa, axiña cansa. Porque rebenta cos golpes. Porque rebenta coa angustia. Porque rebenta cos sentimentos. Porque rebenta cos pensamentos. Sabedes que hai pensamentos que fan suar, non si? E que cansan, que cansan unha barbaridade. Quedei canso. Quedei canso de iniciar un camiño que, maldita a hora en que o principiei; non lle vexo a fin. Estou farto xa de ter o corpo cheo de chagas físicas ou de mágoas morais. Porque caio e, si, volvo erguer. Pero o carallo é que volvo caer unha e cen veces. Porque hai moito paspán solto e deixando atrancos, estorbos, obxeccións, impedimentos a máis non poder, a darlle cun sacho. Xa estaba farto dos sachos, e agora isto. Non hai dereito! Menos mal que agora descanso. Súo, pero descanso.

Bar A Pedreira da Valenzá. Luns, 5 de agosto de 2019

AS TATUAXES DE ZAIRA ACIBECHE

Zaira Acibeche Florida senta na terraza do café e pide unha cervexa, ó mesmo tempo que pensa nas 29 persoas que acaban de morrer nos Estados Unidos baixo os rifles de dous mozos: un na localidade de El Paso e o outro na de Dayton. Claro que axiña deixou que asomase un ricto de enfado, porque opina que, ás veces, ós ianquis todas lles son poucas. Non hai forma de que prohiban as armas! Eles mesmos buscan as súas propias traxedias. Zaira Acibeche Florida bebe un chisco de cervexa, ó mesmo tempo que a súa ollada se dirixe a un dos seus pés, máis en concreto ó esquerdo, para sorrir ante a tatuaxe dun reloxo de area. A Zaira gústanlle as tatuaxes. Tatuou os nomes da súa nai e do seu fillo. E dille ó seu amigo Galez Xentil Galego que aínda quere facer dúas tatuaxes máis: a do signo da arroba (@) e a tatuaxe dun toxo. O seu amigo Galez pensa que a do toxo non estará mal. Hai que lembrar que o toxo, para o noso país, é moito toxo.
Zaira Acibeche Florida fochica co móbil e como a conexión semella que non vai moi aquel, vénselle á cabeza un titular xornalístico que leu hai uns días: que Ourense anda á cola no uso da Internet. E dis ti e digo eu: cando non anda Ourense nos últimos postos do que sexa? Zaira deixa que apareza nos seus beizos un triste sorriso, mentres lle segue a dar voltas á cabeza con esas dúas tatuaxes ás que lle ten xa moitas ganas. Remata a cervexa e marcha.

Finca Fierro. Luns, 5 de agosto de 2019

sábado, 3 de agosto de 2019

UN PATRÓN, DOUS ALCALDES E MOITA CENSURA

Hoxe é Nosa Señora das Neves, patroa de Maceda, onde traballei máis de 25 anos. Pero mañá... mañá é San Salvador, patrón de Baños de Molgas, onde nacín, onde me criei e onde vivirei sempre aínda que non viva alí. O San Salvador, para un servidor, xa son palabras maiores. É dicir, procesión ó canto e festa a rachar. Moi católico non son (quizais porque me atormentaron con tanto catolicismo), pero a procesión non a perdoo. Nunca lla perdoei. Nin tan sequera cando traballaba; ou pedía o día por asuntos propios ou... (agora que estou xubilado, podo dicilo) me “escaqueaba” tan só un chisquiño, o tempo xusto da procesión. Quérolle moito ó Día 8 dos Milagres, pero o San Salvador... o San Salvador é o noso patrón, o día grande de Baños de Molgas, un día sagrado para a vila e creo que para os habitantes da vila. Agora que non traballo, podo botar máis tempo. Botareino. Pois aínda que xa non teño casa alá, eu mesmo me invito á dos irmáns, se é que antes non me invitan eles. Non creo que se me neguen.
Non hai moito chamámoslle tolo ou chalado a Abel Caballero, e deixamos escapar moita risa e moita crítica polo fastuoso alumado público co que nos obsequiou na época do Nadal. E agora vai e resulta que o alcalde de Santiago, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, quere seguir os pasos do vigués. Para iso xa aumentou a partida orzamentaria de 100.000 a 180.000 euros para o mesmo cometido. Aínda segue a ser ridícula en comparación coa de Vigo, que o ano pasado foi de 4 millóns e medio. Pero por algo se empeza. A risa xa empeza a converterse en tan só sorriso.
Alguén virá que bo te fará. Creo que di así o refrán. Aquí si que hai moito, moito tempo que acusabamos a Manuel Fraga das veces que metía a tesoira para censurar todo tipo de escritos ou opinións na súa época de ministro da Gobernación, é dicir, mediados dos setenta; cando agora mesmo, na actualidade, algúns están a vir que ata poden facer bo ó Manoliño. Andan por aí certos politiquiños que se dedican a censurar as actuación de Def Con Dos e de Pedro Pastor, o fillo do gran Luis Pastor. Porque non comungan coas leis básicas do pensamento deses presuntos políticos.

Finca Fierro. Sábado, 3 de agosto de 2019

viernes, 2 de agosto de 2019

OS CANS PEQUENOS QUE LADRAN

Vexo como me colgan os auriculares do colo da camisa. Porque mentres leo ou escribo paro a música e desconéctoos do móbil. Pero non os recollo para metelos no peto do pantalón, senón que os deixo colgando para, logo, conectar de novo axiña. Estou sentado nunha terraza tomando un café e facendo tempo. Tempo para pasmar ante a xente que pasa, os nenos que xogan, os coches que pasan, o ruído que soa, os cans que ladran...
Os cans pequenos que ladran son listos, moi listos. Ládranlle ós grandes se están acompañados por outro grande ou se teñen ó amo á súa beira, ó seu lado. Pensarán que, tanto un coma o outro, os defenderán se é que o asunto se pon feo. Os cans pequenos que ladran quedan quietiños se están ou se se senten sós. Non vaia ser o demo que se boten a eles e non teñan quen os defenda. Así é que, inmóbiles, calmiños, sen mover unha orella e sen ladrar. Os cans pequenos que ladran o fan co pelo ourizado e as patiñas ben pegadiñas ó chan, amosando bravura, incluso un chisco de carraxe e, iso si, tirando das correas que os suxeitan para demostrar que, de covardía, nada de nada. Tiran con forza porque saben moi ben que os amos non os soltarán. Se os soltan, pobriños, algún ata desaparecería dun simple bocado. Os cans pequenos que ladran son moi listos.

Café Brétema da Valenzá. Venres, 2 de agosto de 2019

ÁS CINCO DA TARDE

Cinco da tarde. Vai sol. Estou á sombra. Unha lagarta sobe por unha parede para apousentar no alto, ó sol. Unhas follas de cerdeira bambean un chisquiño, tan só un chisquiño. Porque o aire que corre é pobre, moi pobre. A tarde está calorosa. Un corvo que corvea moi cerca. Ruído entre unhas xestas que hai ó pasar a parede onde está a lagarta. Non creo que sexa un xabarín, a estas horas. O máis seguro é que ande a furgar por aí un lagarto ou unha serpe.
Fuxan os Ventos canta “brazos para a seitura”. Eran outros tempos. Aqueles tempos nos que si había seitura; un traballo que, eu, particularmente, odiaba. Era o que menos me gustaba de todos. Menos incluso que o da herba seca. E iso que lembro algunha vez que chegaba de Madrid, no expreso, ás seis da mañá, sen durmir e sen me deitar e como xa se empezaba a ver, collía a gadaña e marchaba directamente para o lameiro ou a parcela que houbese que segar. Agora, grazas a Deus, nin hai seitura nin hai sega da herba. Agora, por non haber, xa non hai nada; nin tan sequera a viña. Agora podo berrar ben forte que vivo coma Deus! Vivo coma Deus! Xa era hora! A agricultura na nosa contorna xa se sabe como está. Cinco e cuarto da tarde. Vai sol. Sigo á sombra. A lagarta hai un cacho que marchou porque me viu mover a cabeza e asustouse. Non lle pensaba facer nada. Gústanme eses animaliños. Remato co jazz de John Coltrane.

Finca Fierro. Venres, 2 de agosto de 2019

INAUGURACIÓNS ÁS MOREAS

Na década dos 50, Franco enchíase a inaugurar pantanos, pero tamén había certos personaxes que inauguraban obras a darlle cun sacho, ás moreas. O 12 de agosto de 1956 contan algunhas crónicas que unha selección de personaxes (por certo, extensa selección), desde o gobernador civil de Ourense ata o secretario da Obra Benéfica e Social, pasando polo vicepresidente da Deputación e o delegado da Fronte de Xuventudes, entre outros, inauguraron na aldea de Vide, no concello de Baños de Molgas, unha vivenda cun valor de 30 mil pesetas, que se construíu con cargo á Campaña de Nadal e que se lle entregou a María Ferro Pato, por ser viúva e con nove fillos menores de 14 anos, polo que tamén lle doaron roupa e víveres. Con razón. Imaxino a nove cativos aí metidos ó mellor nunha simple habitación.
As autoridades, non podía ser doutra maneira, aproveitaron para darse a coñecer e na aldea de Bouzas déronlle o visto bo ó edificio escolar, que se construíu con cargo ó Plan de Cooperación e á Obra Social do Movemento. Rematada esta inauguración iniciaron un “pasaaldeas” a toda castaña e inauguraron fontes e lavadoiros en Almoite, Sanguñedo, Nogueira de Abaixo, Guede, Presqueira, Froufe, Cardoeiro e Francos... case todo Baños de Molgas. E aínda tiveron tempo de visitar o campamento forestal da Fronte de Xuventudes de Foncuberta, en Maceda. Para que se vexa...

Finca Fierro. Xoves, 1 de agosto de 2019