sábado, 7 de septiembre de 2019

QUEDAN OS DO INVERNO

Chegados a este momento de lectura do luns, 9 de setembro, podo comunicar e comunícoche, lector, que entrou o inverno. E non polo tempo climatolóxico en si, senón porque remataron as Novenas de Os Milagres. E cando rematan estas, chegou o inverno. Polo menos para a contorna de Baños de Molgas e concellos limítrofes. A partir de xa, en toda esta bisbarra quedan os de sempre, é dicir, os do inverno. A partir de mediados de agosto empezan a desfilar de vilas e aldeas os emigrantes espallados polo mundo adiante, sexa nacional sexa estranxeiro. Aqueles ós que lle podemos chamar xubilados, aínda aguantan ata que rematen as Novenas. Rematadas estas, adeus moi boas. Quedan os do inverno. Entrou o inverno. É certo que moitas veces case nos alegramos desta chegada invernal ou deste remate peregrino, porque tanto barullo durante boa parte do verán, cansa, molesta e aburre. Pero ós poucos días, a verdade é que botamos de menos a toda esa xente que nos deixou mamando unha soidade que ninguén desexa. Ver as aldeas mortas é triste, moi triste. Por iso desexamos que volva axiña o verán e que dure ata rematar as Novenas de Os Milagres.

Falando de rematar. Esperemos que non remate, que non desapareza, que non rebente Ourense. Seica levamos 82 terremotos en 71 días. Máis dun tremor de terra por día. Seguro que a culpa é da auga da burga. Sorrío ante esta frase porque, en Baños de Molgas e de rapaces, sempre andabamos a voltas con que nese lugar do río Arnoia tiña que haber un volcán á forza, pois notar a auga quente e ver as burbullas como asomaban polo leito non era un bo sinal. Tiñamos medo a que estourase Baños de Molgas. Deixando a anécdota de lado, confeso que no medio da semana si notei como se me moveu o sofá cando estaba a ver unha película. Ó principio pensei que fora algún dos meus que tocara na parede para dicirme algo (vexo as películas cos auriculares), pero axiña pensei nos terremotos de Cartelle. E digo Cartelle porque parece que de aí partiron xa uns cantos. Pero vendo que agora as entrañas da terra tamén roxen por Celanova e O Barco de Valdeorras, a ver se vai rebentar Ourense.

Finca Fierro. Sábado, 7 de setembro de 2019

ENTRE RUTINAS E HÁBITOS

Agora que non traballo algunhas veces non sei en que día vivo. E menos mal que cando me decato do día é grazas ó momento en que teño que datar os escritos. Ou se teño algunha anotación no calendario da cociña. Quizais o botarse fora da rutina diaria sexa a causa desa relaxación no día en que vivimos. Poida que sexa verdade, pero iso sería xa unha rutina pasada. Porque, agora mesmo, xa teño outro hábito. Unha costume da que non preciso calendario ningún. Porque sempre é a mesma todos os días: empezo o día erguendo á media mañá, logo xa saio da casa para tomar café, ler os xornais, mercar o pan e, de volta na casa, lectura dun libro ata xantar.
Pola tarde tamén hai unha rutina diaria: pequena sesta, lectura ou ordenador (se non hai ningún acontecemento deportivo; estamos co baloncesto e a Volta Ciclista), saída a dar unha volta pola Valenzá (se falta algún xornal por ler, léoo) e xa na casa de novo, lectura outra vez dun libro ata a cea. E pola noite si que é hábito fixo: ordenador e televisión. Dicir televisión é dicir só película ou películas. A excepción, claro está, se hai algún acontecemento deportivo máis que interesante, que, a esas horas, adoita ser case sempre de fútbol. Se vexo que vai tardar a película logo de deixar o ordenador, aínda son capaz de ler algún outro capítulo do libro. Non son home de perder o tempo. Agora teño que pensar en que día vivo para datar este escrito.

Pizzaría Vivaldi da Valenzá. Venres, 6 de setembro de 2019

viernes, 6 de septiembre de 2019

A ANSIA DE VER O MAR

Collín o coche e corrín como alma que leva o diaño. Agora que, a min, o que me levaba era a ansia de ver o mar. Ou polo menos de sentilo. Ou simplemente de cheiralo. Porque o mar ule. Coma todo. Corrín moito e cheguei. Ulín, sentín e vin o mar. En fronte de min. Atrás acababa de deixar o silencio bambeando entre uns piñeiros. A pena era que non fose entre uns carballos ou castiñeiros. Porque onde estean estas árbores que se quiten todas as demais. Á miña esquerda había unha vila cargada de cemento e sostida por moito ladrillo. O granito brillaba pola súa ausencia. E iso que case estaba moi preto da patria desa rocha. Pero claro, o cemento e o ladrillo son máis rápidos, máis cómodos e máis económicos.
Á miña dereita estaban as penas que alguén deixou caer entre os contedores de lixo. Pobre! Debaixo dos meus pés acomodouse o asubío dun tempo. Aquel asubío que, segundo o ton, todo o mundo sabía para que servía. Eu o primeiro, que era quen o lanzaba. Pois si, era unha chamada a unha balanza romana para que me pesase os gramos de felicidade que tiña naquel momento no corazón. Non toda a felicidade ten o mesmo peso. Agora mesmo, no meu ser, a felicidade era grande, con peso e inmensa porque estaba a cheirar, a sentir e a ver o mar. Este mar que fai ruído pero que, se queres, podes meterte nel e apalpar o silencio. Non me metín.

Pizzaría Vivaldi da Valenzá. Xoves, 5 de setembro de 2019

miércoles, 4 de septiembre de 2019

PANCHOS, O DE OURENSE

Golpeo os xeonllos o un contra o outro coma se estivera nervioso. Pero non estou nervioso. Son eu así. Ás veces fago tremer as pernas a tal velocidade que cando quero parar tardo un bo cacho. Non obstante, cando vexo unha película e cando vou ó mellor na metade da súa proxección, caio na conta de que non movín para nada a man de onde a situara ó empezar o filme ou de que non abrín o puño de tan forte que o tiña pechado. Non é que estea tenso. Simplemente que vivo con tal ansiedade e intensidade a película que... son eu así. Tamén é verdade que cando escoito, por exemplo, a John Coltrane quedo coma un paxariño. Outras veces venme á mente, así de súpeto, que en Estados Unidos non hai maneira coas armas; seguen a cuspir balas a darlle cun sacho. Por exemplo, hai uns días en Texas. Ale, sete mortos, coma quen non quere a cousa. E os ianquis seguen tan panchos.
Pero panchos-panchos non hai coma os de Ourense, que estamos á cola en todo ou practicamente en todo e seguimos dálle que dálle outorgándolle o poder ós dous grandes partidos, que non nos representan nin nunca o fixeron nin o farán. Estamos á cola en gastos do Estado para conservar as estradas. E que máis nos dá se estamos acostumados ós camiños dos carros; se aínda o outro día andabamos cos carros das vacas de aquí para alá. Para que queremos nós estradas!

Finca Fierro. Mércores, 4 de setembro de 2019

martes, 3 de septiembre de 2019

O AMOR OU O ALCOHOL

O amor é bonito. O amor, mentres dura, é coma unha ascensión ó ceo ou coma un soño eterno polos confíns do universo. Pero o amor, tamén case na mesma proporción, é coma unha baixada ó inferno. E se non que llo pregunten ou ben a Gerardo Fernández Lamas ou ben a Segundo Oliva. O primeiro, un mozo de 28 anos, que cando se atopaba en Baños de Molgas na compaña da súa noiva, Rosa Montero Quintas, de 26 anos, viu como apareceu por xunto a eles o outro mozo, ou sexa, Segundo Oliva, que sendo un admirador apaixonado da moza e que chegaba bastante cargadiño de alcohol, empezou a buscarlle as cóxegas á parella e a tirarlle do xenio ó Gerardo.
A paciencia do mozo da Rosa non tardou en chegar á súa fin e non lle quedou outra que... iso, o que estades a pensar, que lle lanzou unha desas puñadas, desas labazadas tan fortes que mandou a Segundo redondiño ó chan. Pero con tan mala fortuna que, este, ó caer, deu coa cabeza no beiril da beirarrúa, coa probable fractura da base do cranio. O resultado da embriaguez ou dos celos (máis seguro que dos dous xuntos) foi que a Garda Civil de Xunqueira de Ambía, alá polos últimos días do agosto de 1958, detivo a Gerardo Fernández Lamas, e ó accidentado Segundo Oliva levárono a fume de carozo, ás carreiras para o sanatorio do doutor Arsenio Raposo. O seu estado era grave. Ai, o amor... Ou o alcohol.

Finca Fierro. Martes, 3 de setembro de 2019

TARDE FRUTÍFERA

Conseguín ir a Os Milagres. Ó cuarto día das novenas. O de ir á novena é un dicir. Fun coa muller e un irmán, quedamos fóra á sombra e os altofalantes non os conectaron ata case rematar a misa; o que significa que de novena e de misa moi pouquiña cousa. Tan só me persignei ó final. Ó rematar entramos no santuario e, iso si, seguín coa costume dos últimos anos cada vez que visito o templo: que acendo unhas candeas. Máis para a axuda do mantemento da igrexa que pola propia crenza. Demos unhas voltas polo recinto; o irmán recordando tempos do colexio vello e un servidor recordando tempos do colexio novo. Pegámoslle unha boa ollada á serra de San Mamede, demos unha voltiña pola Glorieta para botarlle unha visual (a muller) ós diversos postos e detivémonos un cacho nos aparellos, utensilios e ferramentas que tiñan tirados polo chan. Había de todo, desde os cacharros máis antigos ata os aparellos máis actuais.
Axiña baixamos para Baños de Molgas. Deixei o coche na Pitediña e collemos camiño da vila cruzando As Mestras e o parque Ansuíña. Durante as tres horas ou máis que estivemos xuntos falamos de todo o que se pode falar en familia. Teño que recoñecer que a novena foi a escusa perfecta para facerlle compaña ó irmán e, como non, para estar en Baños de Molgas. A min, moitas veces, chégame con simplemente estar. Foi unha tarde frutífera.

Finca Fierro. Luns, 2 de setembro de 2019

lunes, 2 de septiembre de 2019

O SER HUMANO NON REGULA

O ser humano ás veces non regula ben. Hai seres humanos que non regulan ben nunca. O concello de Ávila, rexido por seres humanos, ofreceu unha misa para que chovese. Espero, confío e desexo que lle rezaran ás nubes, que son as que realmente levan a auga. Que a estas alturas sigamos pedindo “milagres”, desas “milagres”... O ser humano, á parte de non regular, é porco. Hai seres humanos que serán porcos toda a vida. Iso si, fóra das súas casas, que nestas non fan o que adoitan facer. Hai uns días fun ó Mercadona da Valenzá e ó deixar o coche no aparcadoiro vimos un carro dos pequenos que tiña unha bolsa dentro. A muller, coa boa intención do mundo, é dicir, que se a esqueceran habería que levala para arriba, para as caixas por se alguén pasaba a reclamala, digo que a muller foi mirar se realmente tiña a compra dentro. O que tiña dentro eran cueiros que algún ser humano porco deixara alí, e tendo diversas papeleiras distribuídas por todo o aparcadoiro. Porco e cómodo.
O de cómodo non só por deixar a porcallada no carro, senón tamén por deixar o carro tirado por alí de calquera maneira. Isto de deixar o carro tirado de calquera maneira o fan tamén outros seres humanos sen importarlles que están anulando unha praza de aparcadoiro, e habendo sitios apropiados para deixar os carriños. Pero, que va, ufff, o que custa levar o carro ó seu sitio. Agora que metín a compra no maleteiro, os demais que se busquen a vida.

Finca Fierro. Domingo, 1 de setembro de 2019