jueves, 10 de octubre de 2019

MENTRES ESPERO

Vin á panadaría para mercar unha barra de pan, e aínda está pecha. Espero a que abra. Así é que, mentres espero, contemplo a vida pasar. Ou o que sexa. Ou o que me dea a gana. Mellor esta última opción. Pois así fago e desfago, digo e non digo ó meu antollo. Dicir teño que dicir algo; senón isto non avanzaría un carallo (para que rime). Digo que a flor do toxo é bonita. E o canto da rula. E o ruxerruxe do mar. E a princesa do castelo. E a pel na que asenta unha tatuaxe. E unha conversa que se intúe. E, como non, o sabor do café. Digo que a solución dun problema está no desenvolvemento dunha suma de emocións cuxo resultado hai que dividir entre dúas opcións para que nos dea un sosego ansiado, unha paz que se cobiza, unha morriña que se sente. Tamén digo que non todos os problemas teñen solución ó momento. Pero se espero e insisto e teimo e porfío e loito e pelexo, nada hai imposible.
Sigo contemplando o que me dá a gana. Ata pode contemplar cos ollos pechos. Fago a proba: cérroos. E vexo flores que se murchan ou que agostan. E vexo xente que pasa ou que se senta. E vexo soños que veñen e van ou realidades que son. E vexo esperanzas que non se perden; nunca!. E vexo sorrisos que se aman ou bágoas que se soltan. E vexo nostalxia que se sente ou soidade que quere quedar. E vexo a canción que soa ou o poema que se recita. E vexo a panadaría aberta. Marcho comprar o pan.

Café A Pedreira da Valenzá. Xoves, 10 de outubro de 2019

miércoles, 9 de octubre de 2019

NOITE CHEA DE SILENCIOS

Nove menos cuarto da noite. O móbil está a cargar. Amaral deixa caer un “Perdóame” polos auriculares. E o aire da noite é frío. Frío coma a auga da ducha cando se lle abre. Frío coma un sentimento que se funde. A solución é darlle calor. Para iso, aperto unha man contra o peito e deixo que os latexos do corazón aumenten o seu ritmo. Ó mesmo tempo miro intensamente unhas verbas que se soltaron con desenvoltura ou retranca e súo con tan só pensar no seu significado. Nove menos cinco da noite. Segue o frío fóra. Segue a calor aniñando no meu peito. E deixo que Guns N´Roses animen os meus pés para levar o ritmo coa súa “You Could Be Mine”.
Hai momentos nas mañás nos que hai que berrar con forza, ou apertar as meixelas ata que doan, ou deixar que unha triste bágoa borde detrás dun pensamento. Menos mal que, agora, é noite. Noite outonal pecha. Noite sen ruídos e chea de silencios. Só o movemento dos pés e o ruxerruxe da canción altera a estrutura do verso, do momento. Nove en punto da noite. A man esquerda refrega os ollos porque hai sensacións que desasosegan. Asoma ó momento Carmen McRae con “Exactly Like You” e xa o desacougo, pouco a pouco, busca a tranquilidade dun desexo, dun anhelo. Deixo de berrar. Non quero rachar o silencio. Porque no silencio todo volve ó seu rego. Ese rego que ara o jazz de Ben Webster. Ese jazz no que pecho os ollo e... penso en silencio.

Finca Fierro. Mércores, 9 de outubro de 2019

martes, 8 de octubre de 2019

DE MAÑÁ CEDO

Igor Afiado Selas non fixo coma nas películas cando soou a alarma do espertador: o de darlle unha labazada e mandalo dereitiño ó chan. Se fixera coma nas películas tería que mercar un espertador cada día. E non está a economía para iso. Así é que o fillo dos Toupeiras apagou o aparello con suavidade ás oito menos dez da mañá. Acendeu a luz dunha pequena lámpada que ten na mesa de noite para poñer os calcetíns. Ó rematar apagou xa a luz para que esta non molestara á súa dona. Marchou ás escuras camiño do cuarto de baño. Afeitouse. Lavou os dentes. Lavou a cara. Chamou ó seu fillo Lancelote. Volveu para a habitación para rematar de vestirse. Fíxoo coa luz do corredor acendida.
Xa na cociña, Igor Afiado colleu un simple bolo para almorzar. Ata hai uns días e desde que o mundo é mundo sempre almorzaba unha cunca de leite cunhas pingas de café e cheo, claro está, de migas de pan; pero, agora, o seu estómago (quizais mellor a idade) xa non admite tanto leite. Ó mesmo tempo que almorzaba si lle quentaba o leite a Lancelote. E ó mesmo tempo tamén calzaba as botas e vestía unha cazadora de pel. Axiña empezou a pasear pola cociña a causa dos nervios. Lancelote non acababa de aparecer e o tempo pasaba. Cando finalmente o fixo, bebeu o leite con toda a parsimonia do mundo. Igor desesperábase esperándoo na porta. Finalmente saíron na casa, subiron ó Pancracio, arrincaron e marcharon.

Finca Fierro. Martes, 8 de outubro de 2019

lunes, 7 de octubre de 2019

BUSCANDO BIOSBARDOS

Media mañá perdida buscando biosbardos por entre os piñeiros da infancia. Tan só ó final atopei un que me dixo: a vida atráncase ás veces ante o disimulo da memoria. Media mañá loitando contra os momentos que se enredaron entre si, de cando un era dono da súa vida. A vida, moitas veces, baila ó ritmo que non queremos. Quero navegar por entre as liñas cuadriculadas dun caderno en branco. Hai que enchelo con eses biosbardos que queren ir e vir pero sen se mover. Pensarán que non sempre o movemento se demostra andando. Algunhas veces, tan só algunhas veces a quietude é unha carreira na que espallamos esas etapas que nos marcaron de cando o mundo (ou o tempo) non se quedaba quieto.
Sempre souben que o barullo era o colchón do silencio. Deito entón para quedar caladiño e que o resto da mañá transcorra por entre os biosbardos que levan acochados moito pero que moito tempo. Quero berrar por eles, pero estou en silencio. Deixo entón que sexan os meus ollos os que conversen. E digo coa mirada que entre os piñeiros da infancia había unha inocencia que estouraba por entre a algarabía dos desexos. E canto con outra ollada desde un penedo para que se me escoite desde o quinto inferno. Ó final semella que aproveitei o resto da mañá. E deixei ós biosbardos no seu cubil cheo de fogos de artificio que estouran e non brillan ou que rebentan e pérdense no infinito. Abraceime ó colchón do silencio.

A Cervexaría de Maceda. Luns, 7 de outubro de 2019

domingo, 6 de octubre de 2019

PORQUE O TEMPO APREMA

Sempre pensei que as cousas non son como parecen. Ás veces vou polo aire e outras bailo sobre a folla dun loureiro. Cando na realidade é que estou quieto. Sempre me gustou soñar esperto. Escoito a banda sonora de “Baixo o fogo”, de Jerry Goldsmith, e xa non me preocupa que mañá sexa día de escola. Tampouco me importa deitarme tarde. Son de pouco durmir. Porque sigo dicindo que é bonito soñar esperto. As cousas non son o que parecen. Semella que me leva tempo escribir un pobre relato que non di nada, pero estou a piques de construílo a gran velocidade. Porque o tempo aprema.
E como non sei estar quieto, nese pouco tempo que me queda libre, teño que actuar, facer algo, para non aburrirme, para no desesperarme. Férveme o sangue. Báilanme os nervios. As cousas non son o que parecen. Semello un santo bendito, pero na realidade son un besbello, un fuxefuxe. Ata estando con alguén, se non falamos, teño que facer algo: asubiar, ou rosmar, ou borboriñar, ou facendo tremer as pernas. O caso é matar o tempo. Ou confundilo, enganalo. Coma quen que non pasa, ou que voa. Depende da situación. E sempre, pero sempre queda a esperanza de ir polo aire para bailar sobre a folla dun loureiro e desde aí... que rebenten os meus sentimentos, que estouren as miñas ansiedades e que se acomoden os meus versos. Eses versos que non son o que parecen. Ou que parecen o que non son. É igual.

Finca Fierro. Domingo, 6 de outubro de 2019

DECISIÓNS SEN LÓXICA

O fillo da Discordia asubiou e ó momento rebentaron as nubes negras que se sostiñan no ceo molgués. O fillo da Discordia respondía ó nome de Hadrián Silveiro Zarzal e estaba algo amoucado porque a filla da Beata marchara á feira de Pontevedra. Nada menos que a Pontevedra! Que se lle perdeu a Camelia Xesta Frondosa en Pontevedra?! A filla da Beata era a súa flor do pensamento. Por iso asubiou con forza. Logo do asubío, colleu o coche e marchou correndo para o alto da serra de San Mamede. Alí volveu asubiar e berrou. Berrou con forza. Berrou con tanta forza que ata tremeron os picos de Cabeza de Manzaneda. Berrou con tanta forza que a nostalxia que saíu da súa boca empurrou a outra nube negra camiño do Lérez.
Cando Hadrián Silveiro, o fillo da Discordia, cansou de berrar... quedou en silencio. Quedou nun silencio tristeiro e agónico, nubrado e desolador. Botouse a boular pola serra abaixo para esgazar a pel nos toxos, para rebentar as pústulas contra os piñeiros, para romper os dentes contra as pedras e para que alguén, ó chegar abaixo, deixara caer un responso, un requiescat in pace pola alma do fillo da Discordia porque a flor do seu pensamento fora á feira de Pontevedra. Mira que non puido ir á de Maceda, que lle quedaba moito máis cerca. Para Hadrián Silveiro Zarzal hai decisións que non teñen lóxica, decisións sen lóxica.

Pizzaría Vivaldi da Valenzá. Venres, 4 de outubro de 2019

sábado, 5 de octubre de 2019

CINE E ASESORES

O gran acontecemento semanal da nosa provincia foi sen ningunha dúbida a 24 edición do Festival Internacional de Cine de Ourense, o cal, e aínda sen datos definitivos, penso eu que foi todo un éxito, polo menos na calidade dos filmes. Levo moitos anos cubrindo o festival para este xornal e nunca me pasara o de chegar á asistencia dunha película e atoparme co letreiro de “esgotadas as entradas”. Este año semella que onde máis se puxo ese rótulo foi coa película galega “O que arde”. Pero o cheo nas salas alcanzou tamén a outras películas, incluso estranxeiras. Creo que definitivamente aquí empeza o auténtico impulso a este acontecemento cinematográfico que, para o ano que vén, cumprirá xa 25 anos de existencia. Un cuarto de século, que non é cousa de rir. Ou o que é o mesmo, vodas de prata.
Se agora retomo o vieiro de analizar ou comentar outras novas semanais, atópome con que o alcalde de Ourense recoñece que se gastará un diñeiral en contratar asesores, pero que merecerá a pena. Claro, como non vai merecer a pena! Para os asesores seguro que si! Non obstante, o que non me cadra ben é o significado de asesores: quere dicir que os que están de concelleiros non teñen nin idea? Un asesor ou dous ou tres, como moito, vale; pero unha morea deles dá a entender que os que están aí están por estar. Non sigo co asunto, a ver se me ameazan por sacar estas multas, digo, estas cousas na prensa Por certo, non fai falta mirar para Venezuela, por exemplo, cando temos a algúns ben cerca que pensan que todo o mar é peixe, que todo son fanecas.
Ultradereitas boicotean o pase da película “Mentres dure a guerra”, de Alejandro Amenábar. Pobres infelices, están a facerlle un favor á película: canto máis se fale dela, máis xente vai a vela. Non saben que o peor insulto é a ignorancia. Lembro cando estrearan “A derradeira tentación de Cristo”, de Martin Scorsese, que, a base de rezos ante as portas dos cines, a recadación foille vento en popa a unha película que non é das mellores dese xenio cinematográfico. Pero somos tan inocentiños, inocentiños...
Epílogo: nas eleccións do 10 de novembro arderán as igrexas, digo, as urnas.

Finca Fierro. Sábado, 5 de outubro de 2019