lunes, 9 de marzo de 2020

SIMPLEMENTE, A VIDA

No día internacional da muller quero escoitar o ruído que pode haber detrás dunha nube negra. Só hai silencio por detrás da lúa vella. Esta brilla por entre as nubes brancas desta noite escura. O silencio tamén está no atallo que me leva á esperanza, a esa que nunca se perde. O ruído vai moito máis alá dun simple ruxerruxe emocional, aínda que ó mellor é unha conversa sentimental. Nunca saberei o por que do ir e vir dun sentimento por entre as palabras de auga, ou por entre as follas dunha remolacha. Quizais esta medre baixo a influencia da lúa vella. A luz da lúa trae consigo ideas que ás veces meten ruído e que por veces quedan en silencio. Quen entende os versos do firmamento?
No día internacional da muller asubío sen facer moito ruído. Cando remato a canción, quedo en silencio. Como quedei no medio do atallo ansiando a esperanza. Esta non chega e danme ganas de berrar. Quizais berre cando chegue ó alto dun outeiro ou á soidade dunha habitación. Desde a habitación non verei a lúa vella, pero soñarei cos versos que me poden levar a ela. É tan bonito voar en silencio. É tan fermoso amortecer o ruído dos latexos dun corazón que rebenta. No día internacional da muller deixo correr as emocións polo atallo sobre o que brilla a lúa vella. Sento nunha pedra sen facer ruído. Todo queda en silencio. Ata eses latexos que se detiveron no tempo. Quizais por culpa da lúa vella ou quizais porque, ás veces, a esperanza é unha quimera, unha alucinación, un devezo, un soño. Simplemente, a vida.

Finca Fierro. Domingo, 8 de marzo de 2020

sábado, 7 de marzo de 2020

ENTRE A MOFA E O ABANDONO

A verdade é que o coronavirus dá para todo; para a troula e para a preocupación, para a mofa e para a seriedade... Os chistes que circulan polas redes sociais sobre os saúdos e as máscaras encherían tres ou catro programas de “O club da comedia”, por exemplo. Eu mesmo podo facer bromas sobre as propias máscaras: pois sei que aínda as terei espalladas, esparexidas pola casa dos sogros de cando lle daba o sulfato á viña, e podía moi ben facer negocio con elas, vendelas a un bo prezo. É que ata hai chistes xa eróticos ou incluso pornográficos sobre o saúdo.
Non obstante, a peste esta comeza xa a preocupar algo. Ou moito. Empezas a ler e a saber de corentenas en moitas partes xa do país, de suspensións de acontecementos de todas as índoles e principalmente desas excursións que a maioría dos colexios ofertan para os seus alumnados. As axencias de viaxe empezan a estar xa a velas vir porque as viaxes ó estranxeiro baixaron de forma alarmante. Estase a cancelar todo. Claro que, todo isto son nimiedades en comparación coas vítimas, que aumentan de tal maneira que o chiste, a mofa, a chanza vai ter que quedar aparcada por un tempo.
Tamén quedan aparcados por un tempo, ou deica o infinito e máis alá, os arranxos das rúas e parques e zonas e prazas da cidade de Ourense. Non hai un día que na sección titulada “O cronista local” deste xornal non asomen fotos sobre o abandono de practicamente todos os barrios da cidade, exceptuando, quizais, a zona centro; faltaría máis. A min, agora mesmo, vénseme á cabeza esa rúa que baixa (a Rúa do Espeto, creo) desde o hotel San Rosendo ata a asociación Aixiña, na que hai que facer auténticos malabarismos co coche para evitar as fochancas ou case pozos existentes na mesma. Pero vaia polos arrabaldes que vaia, atopo un deixamento tal que non me quedou outra que botar as mans á cabeza cando o outro día, nunha desas presentacións de campañas políticas (ou sexa, nun mitin xa), o noso señor presidente da Xunta de Galicia seica declarou que Ourense mellorara. Se o di o noso Núñez Feijóo... Cando o río soa é que auga leva. Cando os amortecedores dos coches se queixan é que non hai fochancas, hai pozas xa.

Finca Fierro. Sábado, 7 de marzo de 2020

viernes, 6 de marzo de 2020

COMA SE FOSEN UN BO EXEMPLO

É noite. Estou escoitando a Joan Manuel Serrat cun tema de Mario Benedetti. Atopeime cun apunte que tiña nun peto do pantalón (cando leo os xornais adoito anotar aquilo de interese nos paniños de papel das cafetarías) sobre a nova de que o Xulgado Penal número 26 de Madrid absolveu a Willy Toledo do delito de ofensa ós sentimentos relixiosos, aínda que, iso si, a sentenza recoñece “a falta de educación, o mal gusto e a linguaxe ordinaria”. E baixo a voz do Paquiño Sinatra rechíame o de “linguaxe ordinaria”. Porque o termo linguaxe mándanos ó sistema de comunicación, neste caso, oral rexido pola palabra. E Willy Toledo usara palabras que asoman todas elas no dicionario da Real Academia Española. Se esas palabras están nun dicionario oficial, enténdese que son para usalas. Como as que está usando agora mesmo Louis Armstrong, aínda que sexa en inglés. Por certo, a música deste home cálmame os nervios.
Porque tamén me puxo moi nervioso o da falta de educación e o mal gusto en plan relixioso-católico. Coma se a relixión e o catolicismo fosen un bo exemplo en cuestión deses termos. Teño unha imaxe gravada a fogo nos domingos de Pascua, de cando os curas ían polas casas facendo que as bendicían. E na mesa da sala, unha bandexa chea de ovos ou demais avíos para o señor cura; cando nós non podiamos comer ovos porque se vendían para acadar unhas pesetas. Educación relixiosa, mal gusto católico ou viceversa. Maldita sexa! Remato con calma grazas agora a dona Ella Fitzgerald.

Finca Fierro. Venres, 6 de marzo de 2020

INMENSA ALEGRÍA Ó VELO!

Algunha vez eu, e imaxino que uns cantos, cando vemos a alguén ó lonxe que non nos cae moi así, ou ben baixamos a vista ou ben torcemos de beirarrúa para non ter que saudar. E iso que son dos que digo que un saúdo non se lle nega a ninguén. Pero, é certo, hai veces que non apetece, que non te queres parar porque andas con présa. O outro día levaba algo de présa, máis cando vin con quen estaba a punto de cruzarme no centro de Ourense, alegreime de tal maneira que non me importou o determe a saudalo. Ata non sei se non sería el o que me viu primeiro, porque notei como xa apartara o seu brazo dereito para darme a chocar a súa man. E vaia se lla choquei! Xa digo, inmensa alegría ó velo! Non digo o seu nome porque sei que non lle gusta saír nos papeis. É do Viñal, en Baños de Molgas, e deume clases de literatura nos Milagres. Un dos mellores profesores de literatura que tiven.
Lembro que unha vez deixou ó noso albedrío o de facer dous traballos literarios. Un fíxeno sobre Galdós (que se me quedou con el) e o outro versaba sobre os nomes de aparellos, lugares, leiras e vacas; conxuntándoo con outro sobre os “pecados”, insultos ou ofensas máis comúns. Sobre este das aldraxes non me matei moito; chegou con me poñer ante unha mesa de catro xogando ás cartas e aí rebenta sempre o mundo pola boca. Despois tivemos que ler algo na clase e eu soltei unha das frases que anotara e que fixo partir de risa a toda a clase. Non procede poñela aquí. Síntoo. Cada vez que vexo ou penso neste profesor, vénseme á cabeza eses dous traballos e a súa forma de ensinar.

Finca Fierro. Xoves, 5 de marzo de 2020

martes, 3 de marzo de 2020

CAVILANDO DESDE UN VALADO

Pois si. Estaba sentado no valado do Poulo da Deosinda, a muller do Chacaritas, cando vin como á miña beira pasaba un alacrán. Foi velo e... “se te pica un alacrán busca cura e sancristán que mañá te enterrarán”. Ante isto, sentín algo así como un arrepío. Pero, e non sei por que, deixeino ir. Outros, ó mellor, púñanlle un pé enriba e esmagábano. Eu... para que; se todos estamos aquí para algo, incluso para facer mal. Deixeino ir e deixei tamén que os meus pensamentos navegasen por outros mares. Aínda que estando no lugar que estaba, o mar quedaba abondo afastado; polo que cambiei as tornas e deixei que os meus razoamentos corresen por outros montes. E correron baixo a banda sonora de “A princesa prometida”. Que bonita película! Que marabilla de música! Que grande Mark Knopfler!
Os pensamentos versaban sobre a Cachorra, aquela vaca que cando miraba para min estaba a retarme a que a pillase. Quixen facer a proba e, a moi condenada, seguiu os desexos da súa ollada: que se botou a correr. Ó momento tamén pensei na miña nai, á que, sendo un cativiño e retándoa a unha carreira, ela facía que corría menos, pero cando eu empezaba a rir, esprintaba, pasaba coma unha exhalación e dicíame aquilo de “bícame no cu, que teño paxariños”. Eu, pobre de min, quedaba remoendo unha futura vinganza: anda que cando sexa grande! Axiña deixei de cavilar, polo que erguín e fun dereitiño para a leira do Toupeiro, o meu pai. Con desgana non quedou outro remedio que empezar a cavar no rego do millo.

Finca Fierro. Martes, 3 de marzo de 2020

lunes, 2 de marzo de 2020

A FERRAMENTA DO XUBILADO

Ata hai menos dun ano, unha das miñas ferramentas de traballo era un simple bolígrafo. Agora, de xubilado, unha das miñas ferramentas de traballo é unha simple bolsa da compra. É dicir, agora, ó non ter aínda netos, son o home dos recados. É certo que ergo tarde, entre as dez e dez e pico, pero despois collo a bolsa da compra e a procurar traer nela o máis esencial (por aquilo do peso; cando a compra é moita, para algo está o coche). De camiño, faltaría máis, non podo evitar ler o periódico ou periódicos tan axiña como atope o primeiro café aberto. Entro no súper. Entro na panadaría. Entro onde haxa que entrar. Coa ferramenta do xubilado colgada do ombreiro dereito. Menos mal que é pouco tempo, porque A Valenzá é pequena.
Despois si xa collo outras ferramentas que usei toda a vida. En primeiro lugar, un libro; este que non falte. Non falta, por suposto. A proba é que sempre andan tres comigo. Por se aquel. En segundo lugar, o ordenador. Para escribir cousas coma esta. Para escoitar música mentres escribo e mentres fochico por unha rede social. En terceiro lugar, outra vez o libro. Porque moito ordenador cansa e a imaxinación mentres les é eterna, milagreira, extraordinaria, fabuladora, marabillosa. O resumo desta miña nova vida é fácil: a mañá faise pequena e emprégoa nos recados, cafés e periódicos; a tarde, nos libros e ordenador. Que vivo coma Deus! Para máis aquel ata me coincide co abandono da viña. Que máis podo pedir! Nada; simplemente seguir facendo eses pequenos recados que me fan saír da casa. Non vaia ser que ma caia encima! Non quero morrer esmagado.

Finca Fierro. Luns, 2 de marzo de 2020

domingo, 1 de marzo de 2020

CALAMIDADES A TODO TREN

Todos os días da semana pasado amenceron coa pandemia do coronavirus. E en cada día que pase, estes abrentes estarán cheos de medo. Dixen sempre que, este, ou sexa, o medo, será o virus máis grande e máis temible co que nos atoparemos a diario. Moitas veces semella que a este respecto esaxeramos un pouco, pero visto o visto, o asunto empeza a coller unha certa seriedade, un aquel de angustioso. Si, xa sei que a gripe, por agora, mata máis, que outras enfermidades tamén matan máis, pero este COVID-19 está liquidando a sacho, a esgalla en moi pouco tempo, e xa se pode dicir que practicamente por todos os lugares do planeta. Confiemos que por aquí pase sen facer moito ruído. Que bastante temos coas nosas calamidades.
Ultimamente é a Renfe ou algo relacionado cos trens os que nos deixan unha que outra calamidade. Aquí, en Galicia, ou mellor aínda, en Ourense, en vez de avanzar, retrocedemos, recuamos. A chegada do AVE é xa o conto de nunca acabar; cada vez se pospón máis, cada vez o tempo vai en contra nosa. Empezo a desconfiar xa de que chego eu antes andando nunha hipotética viaxe arredor do mundo que o AVE á cidade de Ourense. Neste caso ata lle dou un chisco a razón ó noso Núñez Feijóo cando di que non nos enganen con que o AVE chegará no 2021. Ollo ó piollo!, dixen un chisco porque os seus tamén nos enganaron en todas as súas lexislaturas; e foron unhas cantas. En cuestións ferroviarias recuamos de tal maneira que hai uns días Renfe cambiou o tren diúrno que vai ó País Vasco por outro, pero 20 anos máis antigo, ou sexa, que puxo un que estaría xa para o arrastre. E tamén non hai moito que seica un tren hotel tardou 18 horas en chegar a Barcelona. O dito: moito máis rápido eu nas miñas camiñatas.
Como se ve que o asunto vai de calamidades, sigamos logo con outra. A Xunta de Galicia adxudicou por 276.000 euros (que pagamos todos, claro) as 86 ventás que se lle poñerán ó edificio xudicial do Couto, porque hai cinco anos a algúns listiños seica se lles esqueceu tal detalle.
Remato con dous apuntes esperanzadores: que Estados Unidos e os talibáns asinan a paz logo de 19 anos de guerra (loado sexa!), e que a asistencia ás salas de cine creceu un 37% nos últimos seis anos (bendita sexa!)

Finca Fierro. Sábado, 29 de febreiro de 2020