viernes, 8 de mayo de 2020

NAS PELÍCULAS IANQUIS

Choveu. Choveu moito. E con forza. Mellor; a ver se así as pingas de auga desfán, afogan ó bicho ese que nos mantén encerrados. A música de Hans Zimmer penetra polos meus oídos a través duns auriculares grandes, orelludos. Cada vez que sento ante o ordenador necesito toda a mesa para espallar por ela dicionarios, carpetas, papeis; por iso, despois, lévame unha morea de tempo o recoller. Non obstante, ó empezar, ese tempo éme bo porque, mentres coloco todo, vaise acendendo o ordenador. Xa que o meu ordenador non é coma os das películas, que o acenden cun simple clic e ó momento xa teñen a pantalla que queren. Ó meu lévalle uns longos minutos o estar preparado, por iso me dá tempo de colocar as cousas.

Iso das películas tamén me lembra ese detalle que non falla nunca nas americanas: que cando o presidente da gran nación sae dando unha mensaxe pola tele, todos, absolutamente todos os ianquis están vendo esa mesma canle e, claro, non quitan ollo da pantalla. O mesmo, o mesmo que cando cae un obxecto estraño, ou sexa, galáctico ou extraterrestre, que sempre o fai en Estados Unidos. Aínda que, neste confinamento, e vendo películas a altas horas da madrugada, téñome atopado con algunha, por exemplo, australiana ou rusa e, demo negro!, tamén neses sitios caen. Hai que facer películas de ciencia ficción en España! A ver se aprendemos! Menos mal que na Pitediña, en Baños de Molgas, xa por varias veces aterrou un extraterrestre, o meu amigo extraterrestre. Pero esa é outra historia.


Finca Fierro. Venres, 8 de maio de 2020

jueves, 7 de mayo de 2020

VENTO FERIDO

Vento ferido que me atravesa o peito. A min, precisamente a min, que na batalla do Ebro non conseguiu facelo unha bala perdida dos meus propios compañeiros. Tempos aqueles nos que loitaba sen saber por quen loitaba. Aínda era un cativo. Hoxe son un velliño. Un velliño que andou moito mundo: desde Belchite ata Zaragoza, desde Teruel ata Valencia, desde o Ebro ata o Miño. Un velliño ó que non lle quedou outra que ir á sega, á seitura; e ó dicir isto é dicir a Castela. Fun coma unha rosa e volvín coma un negro. Se xa o día aquela Rosalía.

Chámome Evaristo Solano Tarabelo e son fillo do Carniceiro, aclarando que o meu pai nunca foi carniceiro. Ás veces, algúns pásanse de nai poñendo alcumes. A min chámanme O Machete. Digo eu que será polo do carniceiro. É igual; o caso é que tiven que participar na Guerra Civil porque me dixeron que tiña que defender a España. Nada máis. O motivo nin mo dixeron nin eu me atrevín a preguntalo. A ver se me pegaban alí xa un tiro. Oíra cousa que... Na batalla do Ebro, eu disparaba cando os compañeiros disparaban. E corría, ou sexa, fuxía cando os compañeiros facían igual. Nunha mañá de néboa alguén disparou ó vulto e notei como a bala rebotaba no meu peito. Ninguén me creu. É igual; eu seguín disparando e disparando polo ben da Patria. Dicían que era pola Patria. Agora, mentres recordo, noto como o vento ferido atravesa o meu peito. Ó mellor é esta bala da memoria a que me pode matar.


Finca Fierro. Xoves, 7 de maio de 2020

martes, 5 de mayo de 2020

O CAMIÑO DO MEDIO

Collo o camiño do medio. Para non discriminar. Para que algúns non pensen mal. Avanzo. Pero a verdade é que non sei para onde vou. Ó mellor vou na procura dun tríscele ou dun reloxo de area, vai ti saber. Tamén podo buscar un sorriso moi aberto ou unha conversa inmensa. En principio collín o camiño do medio e, despois, Deus dirá. O caso é andar. Ando polo camiño dun sentimento cheo de paixón e subo a costa cun latexo no corazón. Ás veces son así de sentimental, ou de parviño morno, ou de soñador. Pero sempre dixen que era bonito soñar. Soñar esperto se entende.


O ceo está poboado de nubes negras. E que? Se todo o meu criterio, todo o meu entendemento é branco. Branco coma un vestido vermello, ou azul, ou púrpura. Ás veces as cores están aí para confundilas ou para que te confundan. Pero, que máis dá! Toda cor é bonita. Non quero desviarme un ápice do camiño do medio, aínda que teña que ver ó lonxe esas cores. Moitas veces é suficiente o contemplar tan só, o ver como a harmonía do conxunto estoura diante duns ollos abertos de asombro, e aí queda para sempre a felicidade flotando entre nubes, agora brancas, de algodón. Por veces son un romántico dun poema ó que lle faltan os versos. Porque non todos os versos queren acoplarse ó ritmo do poema. É igual; a vida segue polo camiño do medio. Porque o meu entusiasmo optou por este e non vou agora rexeitar del. Cando, na realidade, me está ofrecendo todo o que desexo, todo o que quero. Sigo andando por el e soñando coas cores dunha ilusión.


Finca Fierro. Martes, 5 de maio de 2020

lunes, 4 de mayo de 2020

SEGA DO PAN CINEMATOGRÁFICA

Hai uns días vin de madrugada a película española “Romasanta, a caza da besta” (2004), que o director Paco Plaza dirixiu entre Barcelona e a nosa terra. O filme baséase na novela “Romasanta. Memorias incertas do home lobo”, que escribiu o alaricano Alfredo Conde. Pois ben, no remate da película hai unha escena na que collen por fin a Romasanta, e esta desenvolvese nunha leira chea de centeo -ou de pan, como lle chamamos nós- con varios veciños da aldea segando no pan. E houbo un momento que vin algo que me chamou a atención, que me sorprendeu e que me asombrou: un dos segadores andaba a segar no centeo cunha gadaña e outro cunha fouce (menos mal), pero segaba de tal maneira que semellaba máis que estaba rozando unhas silvas. Fíxome graza a escena pero ó mesmo tempo tamén se me subiu un chisco a carraxe, porque ante estas cousas habería que ter un pouquiño de coidado no momento das rodaxes. Cando se viu que se segara o pan cunha gadaña, por Deus! Ou o outro personaxe dálle que dálle coa fouce coma se lle fose a vida niso.
Xa outra vez vin algo moi semellante (creo que foi na película “O bosque animado” ou “Divinas palabras”, non lembro ben) cando uns paisanos estaban a cavar nas patacas. Que había un que sachaba, sachaba e sachaba, pero o condenado non avanzaba nada. Ese, para rematar a finca, botaría meses. O dito, que alguén ten que controlar eses detalliños que, quéirase que non, afean unha película.

Finca Fierro. Luns, 4 de maio de 2020

domingo, 3 de mayo de 2020

O ESPANTALLO ETERNO

Son o espantallo que asoma por entre a cortina do salón. Contemplo o horizonte e non vexo nada. Porque nada hai. Tan só está a claridade e o silencio. Tan só está o baleiro. Non vexo vida ningunha. Todo está morto. E se non erro son o único habitante do planeta. Porque levo xa días que non oio nada, que non vexo a ninguén. Non hai televisión porque xa ninguén asoma por ela. Penso que estou vivindo unha apocalipse. Quédame pouca comida. Cando a remate, non me quedará outra que saír e a ver que pasa, que acontece. Son o único e derradeiro habitante do planeta. E sígolle tendo medo a morrer. Sei que vou tardar en morrer. Síntome inmortal. Un espantallo, pero inmortal.
Deixo de contemplar o horizonte e sento nun sofá xa con algo de lixo. Teño todo o tempo do mundo para limpar, pero a nugalla é cabrona. Agora escoito música. Si, porque esta aínda a teño. Pero estou só, sigo só. A soidade é coma un alfinete que penetra pouco a pouco na pel da existencia ou coma unha lama morta que te espreme, suaviño pero con forza. Teño medo a que as bágoas queiran asomar pola miña cara de ferreiro. Porque empezo a botar de menos o ruído. Certo que, de cando en vez, xa noto que falo só, que lle boto unha reprimenda a algúns obxectos. Cada vez sorrío menos. Eu, que sempre me estaba rindo. É triste ser o único e derradeiro habitante do planeta. E son o espantallo que non sabe que facer ante tal situación. Ergo do sofá, ando polo corredor e ante un espello contemplo o reflexo dun espantallo eterno.

Finca Fierro. Domingo, 3 de maio de 2020

sábado, 2 de mayo de 2020

MESTURA DE ESTRAÑEZAS

A case dous meses do confinamento empezo a botar de menos varias cousas. En primeiro lugar están os famosos, malditos e queridos bares para poder tomar un cafeciño, e non polo café en si, senón polo ambiente, pola parola que supón o tomalo con xente coñecida. Boto de menos, por suposto, o fútbol; e tampouco polo fútbol en si mesmo, senón polo que comentaba dos cafés: o ambiente, a camaradaría. Estraño o ler andando. A proba é que, na casa, neste longo confinamento nunca lera tan pouco. Porque estaba máis tempo co ordenador ou porque ó ler na cama tenta o sono e ou me botaba a dar unha cabezada ou xogaba un chisco ó trivial. A maiores de que os dous últimos libros que pillara na biblioteca xa os tiven que ler amodiño para que me duraran algo máis. E aínda así tiven que botar man de libros que hai anos me mandaran por correo electrónico e que imprimira. Porque as miñas lecturas teñen que ser en papel, nada de dixitais nin de móbiles nin tablets nin rabo de gaitas. Tiven que saír todas as mañás por este periódico. Unha mañá non o fixen e aquel día case me poño enfermo, pois aínda que lle botara unha ollada na súa forma dixital, non che é o mesmo, non.
Outra das cousas que botei de menos, moito de menos foron as películas polas televisións. De 24 canles que podo ver (non me podo permitir o luxo das teles de pago), en todo este confinamento, non sei se vería unha ducia de películas con algo de categoría. E se non erro nos meus cálculos (levo un listado) vin 111. Á parte, iso si, de que esa ducia xa as vira, algunhas máis de tres ou catro veces. Ou sexa, que neste confinamento, que sería cando deberían proxectar auténticas obras mestras para entreternos, tan só botaron trapalladas e máis trapalladas. E moi repetidas. Porque hai canles que nos machacan unha e outra vez coa mesma película.
Menos mal que, pasiño a pasiño, empezamos a ver a fin do túnel. E alá, na súa boca, xa se aprecia, xa se sente e xa se ve a claridade dunha vida que, a moitos se lles arrebatou, e ós demais, case case. Emporiso, a base de sacrificios e con moita forza alcanzaremos, faltaría máis, esa boca do túnel. E máis alá dela estará a liberdade e a rutina. Si, a rutina, pero unha rutina bonita.

Finca Fierro. Sábado, 2 de maio de 2020

viernes, 1 de mayo de 2020

NON FAGO SOMBRA!

Cando quero perseguir a sombra que vai á miña beira, vexo con sorpresa que non hai tal sombra. Non fago sombra! Son delgadiño, pero algo de sombra debería facer, aínda que só fose un fío de negrura. Nada, non fago sombra. Empezo a angustiarme e a suar. Miro para arriba e vexo que o sol está no seu máximo esplendor. Dou uns pasos para adiante e para atrás, para un lado e para o outro e sigo sen facer sombra. Boto a correr, a ver se coa velocidade a sombra se desprende de min. Porque hoxe, co sol que vai, calquera obxecto ten que facer sombra. Non fago sombra, por Deus!
Encoméndome a san Romualdo e nada. Caio de xeonllos sobre o bulleiro do atallo e prégolle á santiña dos Milagres e tampouco nada. Intento calmarme cando sento sobre unha parede dos Poulos e deixo que o son das augas do río Arnoia cheguen con temperanza e parsimonia ós meus oídos, pecho os ollos e concéntrome no silencio do ruído (lembrade que no ruído tamén existe silencio) para, ó abrilos, buscar con calma e sen ansiedade a miña sombra. Sigo sen facer sombra. Non me queda outra que deixar escapar as bágoas. Lágrimas de impotencia e carraxe, lágrimas de tristura e desconsolo. Algo non vai ben; todos facemos sombra. Eu non fago sombra! Desde os Poulos volvo a correr cara á Baños de Molgas. Ó chegar á casa subo á habitación para meterme na cama. Acendo a luz e a miña sombra longa e, iso si, delgadiña atravesa a cama e sobe pola parede. Agora choro de felicidade e durmo coma un santiño.

Finca Fierro. Venres, 1 de maio de 2020