domingo, 7 de junio de 2020

CARÁCTER DE SENTIMENTO

Xa lle imprimín carácter ó sentimento que asomou de cando eu contemplaba a fermosura dun conto, do seu conto. Agora son máis analista no ritmo dos latexos cada vez que escoito a súa canción. Manda cancións que veñen e van polos camiños semanais da miña ansiedade. A miña ansiedade é moita. E quero moldear o carácter para que nada me pille desprevido. Sabemos que a vida, ás veces, anda ás cegas ou ás agachadas. Porque, por veces, tropezamos e temos medo. Así é que non queda outra que estampar certa lóxica no carácter do sentimento. Non podo deixar que tal sensación se acovarde ante a súa presenza. Tamén teño dereito a vestir a felicidade coa cor azul, por exemplo. Ou a quedar de paspán esperando que pase. Que todo sexa polo ben dunha alegría que asoma ós ollos con tan só observala, con tan só contemplala.

E non me importa, por suposto, esgazar o peito berrando de contento. Hai situacións nas que a vida baila unha muiñeira sobre a bágoa dun fandango. Hai instantes nos que unha simple palabra corre polo folio en branco para chegar ó punto final do desexo máis sentimental. Algúns, que se lle vai facer, escudámonos nun papel en branco que, pouco a pouco, enchemos con sentimentos ós que, iso si, lles temos que imprimir un certo carácter para non quedar perdidos no limbo da simple nostalxia. Agora non queda outra que mirarlle á cara e deixar que ela lea ou vexa a profundidade da miña ollada. Díxose sempre que unha mirada vale máis que mil palabras. A miña describe toda unha eternidade.


Finca Fierro. Domingo, 7 de xuño de 2020

sábado, 6 de junio de 2020

TEMPO DE...

Tempo de correr por entre as rúas dunha cidade deshabitada, baleira. Non se ve a ninguén, e por iso busco desesperadamente. Non quero estar só. Non quero sentirme só. Tempo de mirar para obxectos que se perden no tempo. Eu que sei, un vestido azul, un disco de Melendi ou de Sabina, un coche vermello, unha foto do revés; obxectos que estiveron e xa non están. Búscoos desesperadamente. Porque existiron no tempo. No meu tempo. Tempo de navegar polo mar para atopar unha illa deserta. Nesa, na que está a esperanza eterna, a felicidade completa. Tempo de asubiar unha canción que vai e vén polas tardes de conversa. Ou polas noites de silencio.

Tempo de aloumiñar uns sentimentos que acougan sobre a pobre memoria dun imberbe. A memoria descansa, con parsimonia, sobre a almofada desde hai un par de meses, aínda que o tempo, ás veces, é un suspiro. Non obstante, ante o salouco, é eterno. Porque o tempo vai e vén dun instante a unha eternidade. Tempo de pensar sobre o xemido dunha palpitación, sobre os milímetros dunha pel suave, sobre uns bicos nos labios, sobre unha mirada chea de paixón. Tempo de amar en silencio. Ou con barullo. Ou só. Ou correndo. Ou rindo. Ou chorando. Ou berrando. Porque hai berros que esgazan algo máis có tempo. Tempo de ler o poema lonxe de onde se está escribindo, aínda que todos os versos chegarán... a tempo. Os versos sempre chegan. Porque saen de moi dentro, do máis profundo do ser humano. Tempo de rematar os pensamentos que fluíron para que cheguen a tempo.


Finca Fierro. Sábado, 6 de xuño de 2020

A BONDADE DO DEMO

Fase 3. Coa fase 3 xa case se pode dicir que chegou a liberación completa e total para a nosa terra. Pero tamén chegou o poñernos endemoñados. Aínda que xa hai tempo que estamos endemoñados cos madrileños. Non hai moito eran os chinos. Agora son os madrileños. Os madrileños que, por se alguén non o sabe, son os nosos familiares e veciños. Porque todos, absolutamente todos temos a alguén por aquelas terras. Lembrades o detalle dos sanitarios; de cando se lle aplaudía ás oito da tarde pola súa excelente labor e, ó mesmo tempo, se lles poñía unha nota no portal na que serían crucificados se non se largaban do edificio? Lembrades a xenreira que se lle ten ós inmigrantes que proceden de África, os Balcáns e os países suramericanos? Nós, precisamente nós, un dos países máis emigrantes do mundo. E se non que llo pregunten a Arxentina, México, Venezuela, Suíza, Francia, Alemaña... Sempre se dixo que esta pandemia estaba a descubrir os valores sociais da poboación, que somos un exemplo a seguir e que dálle que tumba. Pois si. Xa se ve; temos a bondade no corazón e o demo no cerebro. A bondade do demo.

Haberá madrileños que non cumpran coas normas, como houbo galegos que non as cumpriron desde o mesmo 14 de marzo. Quen máis quen menos non seguimos as normas ó pé da letra, e non por iso creo que merezamos que nos crucifiquen. Haberá madrileños, moitos madrileños que non se desprazarán ata Galicia, ou sexa, ata a súa casa mentres non existan para eles as condicións adecuadas. Por catro, dez ou vinte madrileños non podemos endemoñar a milleiros. Por un atentado terrorista, non podemos crucificar a todo Oriente Medio, agora, ou a todo o País Vasco, antes. Un servidor, e sempre que veñan en condicións, daralle a benvida a un madrileño porque será un familiar ou un veciño.

Fase 3. Coa fase 3 volve o fútbol! Por fin! Como o botaba de menos! Son dúas horas de paixón no bar; pola paixón do propio deporte e polo ardor do ambiente. Xa sabedes, todos somos adestradores e, tanto no fútbol como na política, sempre queremos levar a razón. E berramos. E alporizámonos. E rimos. E berramos. E berramos. E berramos. Que bonito!


Finca Fierro. Sábado, 6 de xuño de 2020

viernes, 5 de junio de 2020

O MEU BALLÓN

Tiven que botarme a correr. Porque vin o ceo tan encapotado que pensei que chegaría a fin do mundo. Tiven que botarme a correr, pero non sei por onde andaba. Estaba nunha carrilleira, nunha carrilleira calquera pero sen saber o punto exacto. Resumindo, que estaba perdido. Algo que me estrañaba moito, xa que sempre tiven un bo sentido da orientación. Ademais, estaba cerca da miña vila e coñecía todos os camiños da contorna. Pero neses momentos sentinme perdido. Mirei cara ó ceo e meteume medo. Corrín. Cando rematou a carrilleira, choutei valados, goldrei ríos, subín a outeiro e, aínda así, non conseguín divisar ningún lugar coñecido.

Un sexto sentido me dicía que algo non marchaba ben. Botei as mans á cabeza. Refreguei os ollos. Escoitei os latexos do corazón. Demasiado fortes. Mancaban no peito. Quixen calmarme e foi peor: empecei a tremer. E foi naquel momento cando se rachou o mundo. Os tronos e os lóstregos fixéronse donos e señores do entorno. Non me podía refuxiar baixo ningún carballo. Sempre escoitara que, para as chispas, eran un perigo latente. Seguín correndo. Crucei caldeiras cheas de auga, matogueiras de silvas bravas e cercados con arames de espiño que me racharon a roupa e me esgazaron a pel. Estaba empapado xa. O frío fíxome recordar por que corría e por onde corría. Corría porque estaba a buscar unha felicidade compartida. Sabía que estaba cerca. Ó mellor detrás daquel castiñeiro se acochaba o sorriso branco, inmenso e eterno. Ou detrás daquel valado, onde estaría sentada aguantando o ballón de auga. O meu ballón.


Finca Fierro. Venres, 5 de xuño de 2020

miércoles, 3 de junio de 2020

SENTADA NUN BANCO

Apóiome contra un vello carballo que hai á beira do camiño e respiro fondo, respiro profundo. Esvaro amodiño e sento ante a sombra do tronco. Deixo que os folgos se acomoden ó compás do tempo. Nun instante, alzo a mirada e véxoa; un pouco ó lonxe, pero alá está. Sentada nun banco de madeira, con patas de ferro. A muller ten o brazo dereito descansando sobre o tamén brazo dereito do banco. Os esquerdo esténdeo sobre o respaldo traseiro. Sorrí cun sorriso inmaculado. Non sei a quen, pero sorrí. Ela a min non me ve. Detrás dela e do banco hai un pequeno tanque cunha pouca auga de cor verdosa, quizais polo reflexo das matogueiras e das árbores que o arrodean.

Ela, a muller, é guapa. Ela, a muller, viste unha blusa azul ceo e por enriba unha cazadora vaqueira; pantalóns axustados negros; zapatillas brancas e anteollos ós que non lles distingo a cor. Xa digo, estou un pouco afastado. Pero esta distancia non é quen de que deixe de apreciar unha certa auréola de fermosura que se ve, que se nota, que se sente. Ela, a muller, descruza as pernas e fai un intento de incorporarse, pero dubida e volve botar o corpo para atrás. Cando as súas costas premen sobre o respaldo do banco, volve sorrir. Sorrí cun sorriso tan aberto que a súa dentadura deixa escapar unha brillantez tal que abraia, que cega. Ela, a muller, xira un chisco o corpo e contempla o tanque da auga. No seu movemento noto un estremecemento que me corta incluso un chisco a respiración. Abrázome ás pernas e volvo respirar profundo. Ergo e marcho para non perder o meu rumbo, para non botarme a perder.


Finca Fierro. Mércores, 3 de xuño de 2020

martes, 2 de junio de 2020

O MOMENTO DE SAÍR

Desexando que chegue o momento de saír. Teño medo que me caia a casa encima. Sería un desastre, unha perda moi grande. Pola casa, non por min. Eu, á hora da verdade, son coma un lixo nun ollo. Ou como unha peneira, á que bambean ó seu antollo. Sei que me deixo abanear, pero non teño forma de evitalo. Hai circunstancias na vida nas que o silencio apaga os berros e nas que os berros afogan ante a indiferenza ou ante o desdén. Non obstante, non me vencerán tan facilmente. Ata son capaz de rexurdir dos cascallos. Porque, cando quero, a miña forza de vontade é moita. E que ninguén me tente porque boto a correr coma un lobo e póñome a oulear debaixo dun balcón. A verdade é que teño ganas de oulear polo que foi, polo que é e polo que será.

Ata case prefiro morrer esmagado por un simple balcón que por unha casa en condicións. Ás veces un é feliz con pouca cousa. Pero mentres non morra nin esmagado nin enterrado baixo pedrullos, intento recoller todo o que teño espallado pola mesa porque estou desexando que chegue o momento de saír. Quero ir tomar o aire. Sinto que abafo ante a ansiedade de querer o que non se ten. Ou o que non me dan. Sinto que necesito correr e buscar e latexar e matar o silencio berrando. Berrando coma un lobo doente. Aínda así recollo con parsimonia mentres a miña memoria debuxa sobre as miñas entrañas un sorriso que alegra, ou que mata, ou que dulcifica. Porque hai sorrisos que son eternos e divinos. Chegou o momento de saír. Saio coa felicidade petando, batendo no meu peito.


Finca Fierro. Martes, 2 de xuño de 2020

lunes, 1 de junio de 2020

DÁME CINCO MINUTOS

Teño cinco minutos para dicir que o sol aperta, que entrou o mes de xuño e que acaba de cantar Sarah Vaughan. Cinco minutos nos que un sapoconcho pouco pode avanzar, pero se quere avanza; nos que unha lebre si pode percorrer uns centos de metros, tamén se quere, claro. Hai lebres que se quedan quietas. Como as persoas. Hai persoas que en cinco minutos arman unha revolución ou quedan tombadas coa nugalla sobre a súa alma, sobre o seu espírito. En cinco minutos un espírito esperto pode abarcar toda unha vida de felicidade.

“Dáme cinco minutos”, díxolle aquela a aquel. E aquel colleu camiño dos sentimentos, deses que moitas veces van e veñen por entre as carballeiras dunha novela barata. Por certo, ollo ó dato, as novelas baratas son as que máis enganchan. Aquel, ó pasar polas carballeiras, collía de aquí e collía de alá algunha que outra flor de toxo. A flor de toxo é bonita. A flor de toxo é amarela. A flor de toxo é nosa. A flor de toxo sentaba ben nas mans daquela. Porque aquel ofreceulle todo un ramo a aquela. Que bonito. Dáme cinco minutos. En cinco minutos, o tempo fíxose sempiterno. Sábese ben que, en certas circunstancias, cinco minutos dan para moito. Como tamén se sabe que eses mesmos cinco minutos, noutras circunstancias, non alcanzan nin para un pobre suspiro. E hai suspiros que enchen toda unha novela... das caras. En cinco minutos tamén asoma a música de Vangelis e con ela podes percorrer o carreiro da ilusión. Desa ilusión que te deixa feliz e contento, pero sen ningunha medida do tempo. Porque este, ás veces, pode ser eterno ou efémero.


Finca Fierro. Luns, 1 de xuño de 2020