lunes, 6 de julio de 2020

MÁIS QUE ASUBÍOS

Xusto cando estaba a piques de empezar a teclear para esta columna algo relacionado con certas obra de Federico Fellini, souben da morte doutro inmenso italiano: o grande dos grandes don Ennio Morricone. Polo que non queda outra que virar as tornas, poñer en youtube dúas horas de éxitos seus e baixo a súa coñecida e impresionante música, dedicarlle, como non, esta pobre columna.

Se non erro, creo que é hoxe o máis popular músico de bandas sonoras de toda a historia cinematográfica. E mirade que esta deu grandes e moi bos músicos; desde Alfred Newman ata Dimitri Tiomkin, desde Alex North ata Jonh Williams, pasando por Danny Elfman, James Horner, Leornard Bernstein e un longo etcétera.

Confesarei aquí que o meu tema musical fetiche do mundo cinematográfico é “Under Fire”, da película “Baixo o fogo”, que compuxo Jerry Goldsmith. Pero tamén admito que, onde estea don Ennio Morricone que se quiten todos os demais. Porque Ennio Morricone, para o gran público, poida que sexa ese compositor que lle puxo uns marabillosos asubíos á película “A morte tiña un prezo” e que, máis ou menos foi sacando por diversos filmes dos chamados spaghetti-westerns. Pero este gran mestre foi moito máis alá duns asubíos e dun simple xénero ou subxénero. Aínda hoxe pola tarde me mandaron por guasap o tema “Gabriel´s Oboe”, da película “La misión”, que é unha auténtica gozada. E se escoitamos os primeiros acordes de “Cinema Paradiso”, axiña se nos vén á cabeza a imaxe daquel neno que vivía por e para o cine. Quería dicir que había un tema da película “Érase unha vez en América” que me deixaba medio apaiolado, pero o consultar todos os temas da banda sonora, non podo especificar, non podo dicir un e deixar a outros.

A Morricone acaban de concederlle, xunto co outro grande John Williams, o premio Princesa de Asturias e será das pouquiñas veces que penso que está moi ben dado. Aínda que eu, persoalmente, penso que aínda que fora en solitario, sen o acompañamento de Williams, tampouco o desmerecería, por suposto. Don Ennio Morricone deixounos ós 91 anos, despois de lle poñer música a máis de 500 filmes. Que se di axiña. Descanse en paz.


Finca Fierro. Luns, 6 de xullo de 2020

ATRANCO PARA O FÚTBOL

Desde un primeiro momento sempre fun partidario da chegada do VAR á toda competición futbolística. Porque pensaba que actuaría contra aquelas decisións arbitrais moi clamorosas. E sempre puña o exemplo dos goles fantasma e dos fóra de xogo a medio metro ou máis. Pero agora mesmo, vexo que o VAR ou vídeo arbitraxe é un atranco para o propio fútbol. Analizan fóra de xogos por un simple calcañar e penaltis que, nin repetíndoos a cámara lenta, nos sacan da dúbida de se foi ou non foi. Incluso en moitas xogadas vemos claramente que o propio VAR se equivoca. O fútbol está perdendo toda a graza que tiña antes.

Aquelas discusións de se foi man ou non foi man, de se o saque de banda é para un lado ou para o outro, de se o cóbado choca ou non choca na cara do xogador contrario. Incluso fallando os árbitros en algunhas ocasións, antes era moito máis bonito o fútbol. Agora, un partido de 90 minutos pasa ás veces a máis de 120, máis de dúas horas. Onde se viu outra! Eu, repito, só o deixaría para os goles fantasma (ata quitaría incluso o dos fóra de xogo a un metro), porque neste caso é un gol ou non é; cousa que nun penalti aínda hai a opción de que o lanzador o falle ou o porteiro o pare, ou sexa, que non habería gol, e tampouco se acabaría o mundo. O mesmo acontece nos fóra de xogo... un pode estar en fóra de xogo e fallar o gol incluso a porta baleira. Non sería o primeiro, por suposto. O gol fantasma xa é ou non é. Pero para todo o demais non necesitamos do VAR. Queremos que volva a salsa do fútbol! Que son os goles e as discusións.


Finca Fierro. Luns, 6 de xullo de 2020

domingo, 5 de julio de 2020

Ó ENCONTRO DUN SOÑO

A temperatura está de tal maneira que basta con poñer un ovo no asfalto para que se frita. A suor baixa pola miña cara porque eu tamén estou a correr pola Valenzá arriba. Podía correr para abaixo, pero fágoo para arriba; pois teño que ir ó encontro dun soño que si baixa. Quero saírlle ó camiño. O soño vén cargado dunha forte ilusión que eu quero conquistar. Por certo, quero ser o único conquistador que non usa armas. A min chégame coa palabra; coa palabra escrita, iso si. A miña arma é un bolígrafo con tinta azul. Como azul é a onda do mar sobre a que cabalga ese soño que baixa. Sempre haberá soños que suban e baixen, porque todo o que sobe, baixa.

Corro pola Valenzá arriba baixo unha calor sufocante. Pero máis me abafaría esperando o desexo de brazos cruzados. Todo o que se quere hai que loitar por el. Aínda que sexa a base de longos versos que se conxuntarán nun extenso poema. Ese soño que baixa é pura poesía nesta tarde de canícula. Son as catro e media da tarde e varias pingas de suor caen sobre a sombra que me acompaña. Imaxino que tal sombra é esa ilusión que me abraza, ese anhelo que me esgaza o peito. Non obstante, sigo correndo. Quero suar aínda máis para que saiba que hai esforzos que merecen a pena. Ten que estar a piques de realizarse o encontro: porque eu cada vez corro máis para arriba e o soño ten que estar xa moi abaixo. A temperatura semella que vai en aumento, pero tamén as miñas pulsacións, ou meus latexos son cada vez máis intensos. Porque a ansiedade é moita e o encontro ten que ser, á forza, coma un orgasmo de felicidade.


Finca Fierro. Domingo, 5 de xullo de 2020

sábado, 4 de julio de 2020

MINGUA A PANDEMIA, AUMENTA A PESTE

Relación coronavirus-eleccións galegas ou relación política-covid19. Moi sinxelo: minguan as páxinas periodísticas sobre a pandemia e aumentan as relacionadas coa peste (política). E a pesar de que a pandemia segue aí, segue aquí. Creo que o dixen xa en polo menos dous Recunchos Hebdomadarios: que moito sentidiño coa situación. Pero é coma predicar no deserto. Ó mellor é porque non son Xesucristo. Moita xente nos pon as mascariñas e, aínda para máis aquel de non poñelas, non respecta ás distancias. De cando en vez fíxome e case aseguro que respectan máis as distancias os que levan os bozos (a ver, sinceramente, as mascariñas recórdanme a aqueles bozos que se lles puña ós becerros para non mamar ou ás vacas para que non comesen nos produtos das leiras cando se araban estas), que os que non os levan. Despois proclamaremos ó ceo e criticaremos ó Goberno se este nos fai retroceder en todo o que conseguimos a maioría. Sei que o de non respectar as normas sempre é, seguro, por uns poucos, como sei que, despois, sempre pagan xustos por pecadores. Así é que, por terceira vez... ou cuarta, é igual, sigo pedindo moito sentidiño neste peregrinar de volver á vida normal, á vida que tiñamos antes do maldito 14 de marzo. E mirade que, se predico no deserto, a min non me afecta moito que nos volvan encerrar. Eu sempre aguantei todo coma os heroes.

Como tamén serei heroe o domingo, día 12, cando suba pola rampla da Finca Fierro para votar. Porque xa deberiades de saber que eu sempre vou do lado dos perdedores. Aínda que desta vez sei seguro que subiremos de carallo. Subiremos tanto ou máis que esa costa ou pendente (que vos prometo que é enorme) que subirei eu para comprometerme co meu partido, co meu país. Este que gobernan outros que seica o están facendo ben, pero que a partir do luns, 13, nas conversas, nos bares, nos encontros axiña nos queixaremos de que para onde nos levan; de que a educación está fatal, de que a sanidade está peor, de que a cultura brilla pola súa ausencia... A min, por suposto, quédame a conciencia tranquila e, sinceramente, xa sería horas de que nos gobernara unha muller. Creo que xa dixen todo. Non obstante, moito sentidiño para todos e para todo.


Finca Fierro. Sábado, 4 de xullo de 2020

viernes, 3 de julio de 2020

DÁLLE CASTAÑA!

Cando queiras, dálle castaña!, díxolle aquel a aquela nunha tarde do mes de xullo. A verdade é que non sei que raio significa a expresión esa. Ó mellor quería dicirlle que escribise ou que botase a voar ou que choutase ou que se puxese de xeonllos para pedir algo. Cando queiras, dálle castaña! Seguro que non quería que lle dese a alguén unha castaña. E non me refiro a unha labazada, senón ó produto do castiñeiro. A estas alturas, no mes de xullo, onde hai castañas? Ten que significar outra cousa. Case creo máis ben na mensaxe de “xa podes escribir”. Non sei, dáme por aí. Nin coñezo a aquel, nin coñezo a aquela. A verdade é que véndoos de esguello, semellan do estranxeiro. Polo físico e pola forma de falar.

Aquel anda un pouco torcido e aquela... aquela, non sei, pero é guapa, a condenada! A ver, no noso país tamén as hai guapas, pero algo lle notei de forasteira... unha forma de mirar especial, un tic no ollo esquerdo. Quieto parado! Non me estará chiscando o llo! A min, precisamente a min! Estou a desviarme do asunto, porque volvo oír como aquel lle di a aquela, ó sexa, á guapa, á forasteira que cando queira que lle dea castaña. Está a amolarme xa isto da castaña! Porque agora a miña atención xa se desviou por completo dun dos produtos nacionais galegos. A miña atención, agora, está na estranxeira, na do chiscar de ollo, pola súa fermosura, polo seu sorriso. Que ser poida que sexa estranxeira, pero tenme toda a pinta de rula galega. Cando queiras, dálle castaña!, son eu o que lle berro agora; sen importarme para nada aquel que lle berraba antes. Vou a por ela!


Finca Fierro. Venres, 3 de xullo de 2020

jueves, 2 de julio de 2020

O ABRAZO DA RESURRECCIÓN

Hai abrazos que resucitan a un morto. O abrazo que Leila Guamil Ruíz lle pegou a Robustiano Fuertes Viñal resucitou a este dunha vida apoucada e practicamente sen sentido. Aconteceu no medio e medio da rúa nunha mañá nubrada na que, ós cachos, saía o sol e, ós poucos, corría un fresquiño que compensaba a calor do ambiente. Claro que no momento do abrazo, a Robustiano importáballe un carallo o sol, as nubes negras e brancas, o aire, o frío, a calor e o maldito ambiente. No momento do abrazo, a Robustiano perturbóuselle o sentido e quedoulle a mente totalmente en branco. Tamén é verdade que Robustiano Fuertes veu a este mundo porque alguén o trouxo. Pobre!

Non se botou a chorar coa emoción quizais pola vergonza. É moi sentimental. Coñézoo ben. Por algo somos veciños de porta con porta. E si, xa levaba tempo que andaba un pouco ido, así coma somnámbulo ou coma que non lle importaba nada do que pasase ó seu arredor. O maldito virus apartárao das relacións amistosas. Como a todos, claro, pero el... xa digo, moi sentimental. Eu ben sabía que lle caía a baba cada vez que vía a Leila Guamil. O pobre levaría tempo sen vela. Hoxe aproveitou o momento: abrazouse a ela coma a un cravo ardendo. E non se queimou! Saíu do abrazo máis vivo ca nunca, máis feliz que unha rula bailando unha muiñeira sobre a galla dunha cerdeira. Robustiano, o fillo da Paxarola, que foi quen realmente o trouxo ó mundo, logo do abrazo, mirou cos ollos preñados de romanticismo á súa “querida amiga” e foi cando souben ó momento que acababa de resucitar.


Finca Fierro. Xoves, 2 de xullo de 2020

miércoles, 1 de julio de 2020

A RODA DO CARRO

Aí está. Quieta. Consumíndose. O tempo non ten compaixón de ninguén. Nin tan sequera desa roda de carro que deixou a súa pegada polas carreiras de Baños de Molgas, polas pedras de Baños de Molgas. Aí está. Apoiada contra unha parede para que un servidor sinta como a nostalxia empreña no pensamento. Hai un cachiño pousou unha rula sobre a ferra ou a lamia da roda, que me quedou observando durante un cacho, ata que viu que me achegaba moito. Emprendeu o voo e eu seguina coa mirada. Cando a perdín de vista analicei a vida pasada desa roda coas cambas xa bastante deterioradas.

O tempo. O tempo que todo o consume. Menos os recordos. De cando o carro cantaba cheo de esterco ou de estrume. De cando o eixo berraba desde o monte Medo cunha carga de toxos ou de herba seca. Recordos que bulen coma esa roda que, agora si, está aí, quieta, para que sexa testemuña de que houbo un tempo en que a vida non tiña nada de poesía. Achégome á roda e meto o brazo pola galga ou o ceo. Toco a madeira e non a oprimo por medo a que se fagan estelas. Deixo, entón, que a man acariñe con suavidade toda a peza coma se fose a pel dunha muller. Hai desexos que arrolan como a roda polo físico dunha ilusión, dunha quimera, dunha utopía. Miro ben a roda do carro e sei que o seu espírito vai envolto nas ás da rula que marchou cando cheguei. Emprendo o camiño de volta e axiña escoito un bater de ás. Viro a cabeza. Alí volve estar; a rula pousada na ferra da roda do carro. Hai situacións nas que semella que si se detén o tempo.


Finca Fierro. Mércores, 1 de xullo de 2020