viernes, 7 de agosto de 2020

O DEMO NA MOTO AMARELA

O demo quixo mostrarse detrás dos canastros da Aira do Forno, pero cando me viu optou por coller unha moto amarela que estaba por debaixo dun cabaceiro e fuxiu coma can con vincha ó rabo, ou marchou coma o peido do cu (que vén sendo o mesmo). En resumidas contas, que me colleu medo. Podo ser auga mansa ou mosca morta (que tamén é o mesmo), pero cando poño cara de ferreiro ou de acelga ata Superman me ten medo. E non son Deus nin levo unha capa que faga voar polo ceo de Baños de Molgas.

Cando intuín que o demo non volvería, sentei ante un dos pés do primeiro canastro, mirei para o forno, que o tiña á miña dereita, e pensei naquelas tardes noites nas que cociamos o pan centeo na década dos sesenta e setenta. Case sempre era o mesmo: oito pans para toda unha semana. Pois non estaban os tempos para quentar o forno cada dous ou tres días. Porque para quentar o forno facía falta un bo mangado de leña. E a leña, nesa época, non abundaba como abunda agora. Podedes imaxinar entón como estarían os derradeiros pans. Creo que nin o demo sería quen de lle meter o dente. Nin cos cornos conseguiría furar o oitavo pan. Non era de estrañar entón que, ás veces, houbese que meter na auga un codelo de pan. E case sempre se lle migaba ó caldo ou a calquera potaxe. E non tan só para que absorbese a graxa, senón para que abrandase. A culpa era do demo, que seguro que se alegraba, que se congratulaba da nosa miseria. Menos mal que escapou na moto amarela, que se non vaia se se atoparía coa miña cara de acelga.


Finca Fierro. Venres, 7 de agosto de 2020

 

jueves, 6 de agosto de 2020

A AGULLA NO PALLEIRO

Déixome levar polo refacho de vento que me empurra ata o infinito e máis alá. Máis alá está o desexo prohibido dun compromiso que non é e que nunca será. Nunca será nada o que se soña co imposible. Imposible non debería haber nada; nin tan sequera os sentimentos rotos, os sentimentos que alguén fai que bambeen dunha negativa a un rexeitamento. Rexeito a imposibilidade dunha relación. Dunha relación que flúe por entre as liñas dun relato e os parágrafos dun conto. Conto que a vida sorrí cando todo vai ben, que cando vai mal o sorriso conxélase nun simulacro de reacción. Reacción é o substantivo que poñemos ante unha resposta de cando nos fixeron unha pregunta que non sabemos contestar.

Contestar sen saber é como buscar a agulla no palleiro ou como instalar a trinta elefantes sobre a tela dunha araña, tan só para mirar se aguanta. Aguanta a intensidade da axada de vento, porque xa me vexo apartado das galaxias máis afastadas dese universo sen fin. Ese universo sen fin es ti. Ti es a nube branca que pasa e o raio de sol que queima, es o pomo da porta e a tecla do ordenador, es o infinito do que non ten fin e a sombra que me acompaña, es a ollada que se perde por entre os amieiros do río Arnoia e o xemido que se deita sobre a colcha verde dun lameiro. Dun lameiro que hai polo Río Vello e no que as miñas tardes se facían eternas ata que non levaba as vacas para Barricobos, onde alí andaban ás súas anchas e eu xogaba co Uriarte, o can que foi dono, señor e amigo da miña infancia. Infancia que foi e nunca máis volverá.


Finca Fierro. Xoves, 6 de agosto de 2020

miércoles, 5 de agosto de 2020

SEMPRE ME ENCONTREI

Teño a mente en branco coma Guadi Galego. Non obstante, axiña fago que traballe un pouco. Xa lle chegou ben a sesta para soñar. Nesta, ás veces pásase un pouco e de aí que chegue o momento en que se volva folgazana. Pero xa vai sendo hora de que volva pensar. De que pense que unha persoa panoca está aí porque ten que estar. Moitos temos que estar neste mundo porque nos deixaron caer de mala maneira. Cando se cae de mala maneira adoitamos golpearnos nos peores sitios. Un bo trompazo na cabeza deixa marcas apaioladas ou estúpidas ou sen raciocinio. Quizais o mellor fora que non se nacera, pero... quen imaxina as consecuencias? Cando gateas pensas que comerás o mundo e que vivirás nunha nube de algodón de cor branca. A realidade é que, aínda que te estomballes na nube de algodón, esta xa é de cor negra.

Menos mal que despois estamos os que nos dá igual as cores das nubes e as formas nas que nos deixaron caer. O que nace torto será torto toda a vida. E tirará cara á adiante sen importarlle os contratempos, as pexas que lle pon a vida. Se algo nos atranca o camiño movémolo de sitio. E se non podemos, arrodeámolo. Así de simple ou de doado ou de sinxelo. A ver quen é o chulo que me pon as trabas, as dificultades. Para que teño a mente, que agora mesmo xa non está en branco. Ante as adversidades adoita ferverme. Agora mesmo ferve. E traballo para deixar de ser un pailán que anda perdido polos camiños da indiferenza. Sei como me encontrarei. Xa estiven máis veces perdido e sempre me encontrei.


Finca Fierro. Mércores, 5 de agosto de 2020

martes, 4 de agosto de 2020

A PRIMEIRA FRASE

Deixa a cousa así e xa retomarás o asunto noutro momento. Foi o que pensei cando ía consultar algo sobre que escribir para este relato. Ás veces anoto ideas ou titulares e gárdoas no peto do pantalón. Un deses titulares podía ser o causante deste Pingas. Pero foi cando pensei (algunha que outra vez dáseme por pensar) que ese titular, máis ben, podía darme para un Recuncho Hebdomadario, que é dez liñas máis extenso que os Pingas. Non son unha máquina e, por veces, véxome negro para escribir o relato dos luns, que intento que sexa sobre algo en concreto, e sobre algo en concreto que acontecera pola semana anterior. Mentres que nos Pingas de Orballo ando máis ó meu albedrío; é dicir, que podo e vou por libre.

Deixei a cousa así e estou co estou. Porque todos os días intento estar algo. Unhas veces os relatos saen de revés, pero van saíndo. Non é fácil facer traballar ás neuronas todos os días. Nisto ata unha vez o propio director deste xornal recoñeceu que aquilo de escribir algo todos os días ten o seu aquel, o seu mérito, me dixo. Certo, por veces non é fácil. Porque non atopas tema, ou inspiración, ou incluso por falta de ganas. Non obstante, sabes que hai que facelo e desesperas un pouco ante a primeira frase. Moitas veces todo consiste na primeira frase. E cando aparece hai que facer o que dicía Camilo José Cela: fincar os cóbados, e xa está. A min, apareceume esa primeira, finquei os cóbados e xa vedes en que deu. Non saíu moi ó dereito, pero saíu.


Finca Fierro. Martes, 4 de agosto de 2020

lunes, 3 de agosto de 2020

A GUSTO NO MUNDO

Catro da tarde. Movo os pés ó compás da música. Soa “O cumbanchero”. Ten ritmo, moito ritmo. Fóra vai sol; aínda que o toldo que cobre a miña ventá non me deixa ver moi ben a tarde. Pero non fai falta; vai calor. Levamos todo un verán de calor. Xa empeza a apoderarse de nós a seca. Non sei se non terei que emigrar para a selva amazónica. Alá hai auga e humidade. O peor é se non hai rulas. Se non hai, regreso a Galicia e pillo unha. Estou pensando que, pola auga, tampouco é tan necesario emigrar tan lonxe. Chega con ir ata o deserto do Sáhara. Busco un oasis e xa está. Aí sempre hai auga. E logo de beber déitome á sombra dun camelo ou dun dromedario e xa pode rebentar o mundo.

Ás catro e dez da tarde non rebenta porque eu non quero que rebente. En principio estou a gusto nel. Tamén é certo que teño un peito coma un cabalo. Xa hai que estar algo zumbados para vivir na gloria nestes tempos que corren. Sinceramente, vivo na gloria. Ás veces esaxero moito para que a xente pense que non vivo tan ben. Sabedes que no noso país a envexa ten o seu aquel. E entón procuro disimular un pouco: que se emigro, que se viaxo a outras galaxias, que se maldita sexa... Pero a realidade pura e linda é que vivo coma Deus, coma un sapoconcho no seu peregrinar. Vivía xa ben ás catro da tarde e sigo vivindo nunha nube branca chea de felicidade ás catro e vinte. Agora que cada quen se queixe á súa maneira. Ou que escriba as queixas. Eu escribo as bonanzas que non teño; pero, repito: é bonito esaxerar algo de cando en vez.


Finca Fierro. Luns, 3 de agosto de 2020

domingo, 2 de agosto de 2020

VIVIRÁ SEMPRE EN MIN

Case cinco meses sen ir a Baños de Molgas. Unha eternidade! Puta pandemia! Pero hoxe fun. Fun á vila que me viu nacer, crecer e vivir, aínda que hoxe non viva nela. Pero Baños de Molgas vive e vivirá sempre en min. Cando cruzaba a aldea de Almoite xa o meu corazón zorregaba no peito doutra maneira. Hai moitas formas e maneiras de golpear algo. Entrar na Rabaxoá, o asunto, ou sexa, os sentimentos xa deixan de ter explicación. Nese momento xa todo consistía en contemplar e axexar de se me atopaba con alguén, con algún veciño coñecido. Agora hai moitos veciños, destes novos, ós que xe ma custa unha barbaridade coñecer. E menos no mes de agosto, que é cando os emigrantes volven á casa por... polo mes de agosto.

Se me atopo con algún veciño coñecido, recoñezo que son un pouco escandaloso no saúdo; ou ben coa bucina do coche, ou ben a grito pelado. Que queredes, hai que deixar que a emoción se desborde; senón nin é emoción nin é nada de nada. Crucei o río Arnoia pola Ponte Nova. Ó mesmo tempo boteille unha ollada ó Parque Ansuíña. Solitario. Pola maldita pandemia! Sen piscina. Pola noxenta pandemia! Nun suspiro pasei á beira da burga e, por suposto, non podía faltar a ollada cara á ese mazadoiro que será o único que saiba todos os segredos das xentes da vila. Ese mazadoiro! Ó chegar á curva da Angelita xa vin os postos ambulantes. Aí decateime da feira. Hoxe hai 23 anos que se implantou de novo a feira. Eu lembro que nos anos 60 se celebraba o día 11 de cada mes. Cando cheguei ó barrio da Igrexa, ó meu barrio xa me dediquei á familia.


Finca Fierro. Domingo, 2 de agosto de 2020

COA ESCUSA DO CORONAVIRUS

Durante toda a semana pasada os contaxios polo Covid-19 aumentaron a darlle cun sacho. Claro que, a dicir verdade, case me resulta normal. Non respectamos nin as regras nin a convivencia nin nos respectamos a nós mesmos. Os desprazamentos polas vacacións de verán son como veas abertas polas que o virus ese empeza a campar ás súas anchas. E nós seguimos collendo o asunto a broma. Déronnos un chisco de liberdade e, xa sabedes... ofrecen a man e collemos o brazo.

Xa temos tan asumida esta feira de facer e desfacer ó noso antollo que ata Santiago Abascal, esa cabeciña de VOX, quere poñer un posto de venda ambulante para anunciar unha moción de censura contra Pedro Sánchez. Aquí a tirar cara á adiante e a ver que pasa.

Non sei se será o tempo este tan abafante ou o propio coronavirus os que nos están a volver un pouco loucos, que ata unha muller optou por arrincarlle a outra o dedo dunha dentada, dunha mordedela e, sen máis preámbulo, tragalo. Iso é canibalismo, non si? Esperemos que o dedo da outra non teña a uña moi longa, pois ata sería capaz de esgazarlle a tripa ou o bandullo. Claro que, como castigo, tampouco estaría mal.

En Cualedro non é o virus o que está a facer moito dano. En Cualedro é esa eiva de todos os veráns, eses incendios que están arruinando o noso país. Máis de mil cincocentas hectáreas queimadas é moito cacho de desolación, de pena incluso. Nestes casos, si; nestes casos non me importaría que imperase o canibalismo, xa que a eses incendiarios habería que rillarlles os ósos.

E rematando coa escusa do coronavirus, a ver se este, e grazas ó confinamento, nos axuda na procreación da especie humana. É que o ano pasado, o ano 2019 seica foi un desastre para a poboación galega. Que devecemos á velocidade de Emerson Fittipaldi. Que cada vez imos a menos. Que só cinco concellos galegos aumentaron poboación en 2019. Que todos os demais rexistraron un saldo vexetativo á baixa de 15.552 persoas. Realizaríanse 15.552 coitos útiles durante o confinamento? Iso só para a recuperación. Algún máis non vería mal, non; só que fose para subir un chisquiño, que ben nos cómpre.


Finca Fierro. Sábado, 1 de agosto de 2020