miércoles, 9 de septiembre de 2020

POLO SONETO

Pico no nariz dun pallaso e déixome caer desde o primeiro verso dun soneto. Aterro suavemente. E sento amodiño sobre un penedo. Onde penso. Penso que a alegría vai por barrios e as bágoas forman unha lagoa na que poden nadar (ou afogar) os sentimentos. Claro que, a estas alturas, quen ten e onde están os sentimentos. Sinto como o toxo traspasa a miña pel para inxectarme un devezo. Penso nunha canción, nunha canción calquera para espallala ó vento. Pero non a canto, tan só a asubío. Porque non sei cantar e asubío coma os anxos.


Desde o pen
edo agatuño ata o segundo verso do soneto. Alí contemplo a vida pasar e o barullo converterse en silencio. Que bonito é estar calados cando non se sabe que dicir. O silencio é coma o verso que está por escribir. O ruído é o latexo ou o alustre dese futuro verso. Con calma e sen medo salto tres versos do soneto. E desde este quinto verso case quero oulear de contento. Sempre presumín de deixar caer gargalladas a eito. E cando río case se pode dicir que ouleo. Son o lobo do conto que nunca se acaba; ou que namora. Sigo baixando e subindo, subindo e baixando polo soneto. En cada verso que me deteño pégome coa algarabía e abrázome ó silencio. Porque soñar en silencio é coma soñar esperto... moi bonito. En silencio abrazo a flor de toxo, descanso no niño da rula e ouleo tan só co pensamento, que para iso estou en silencio. De verso en verso percorro todo o soneto e nel están todos os meus sentimentos. Que tamén os teño. Remato cun ouleo de desespero. Ou de contento. Ás veces, nin eu mesmo me entendo.


Finca Fierro. Mércores, 9 de setembro de 2020

 

martes, 8 de septiembre de 2020

FAUNA NOCTURNA

Levaba moito tempo sen circular co coche polas noites. O outro día tocoume de levar os sogros á súa aldea. Estaba a ver o partido de fútbol entre Holanda-Italia e foi xusto no descanso do mesmo cando me dixo a muller de levalos á casa, que viñan do centro os tres. Axiña empecei a facer contas: que entre o descanso e a segunda parte do partido podía moi ben facer a ida e volta para, así, poder chegar a tempo de ver a correspondente película nocturna. Así é que tiña presa. Non obstante, á altura dos pobos aminoraba un pouco a velocidade por culpa da fauna nocturna, como lle chamou a muller, máis en concreto, do xabaril. Sei que cada vez se achegan máis ós pobos para buscar o seu sustento.


Emporiso, pasei Trelle sen atoparme con nada de nada.
Ó pouco, e cando estabamos a falar precisamente deles, nun traxecto no que acelerara un pouco, zas, alá vemos un enorme na cuneta. Foi cando caín na conta de que estabamos á altura dun souto de castiñeiros e intuín que andaba á busca e rebusca dos ourizos que, por unhas ou outras causas, empezan a caer. Uns vinte metros máis adiante tiven que volver frear porque, alí, si; alí cinco crías de xabaril campaban ás súas anchas por toda a estrada. De verdade, entendo que fan moito dano na agricultura, pero son tan bonitos... Ante unha cría tiven que frear por completo para deixar que cruzase a estrada. E xa no alto dos Castros, nun intervalo de poucos metros, dúas corzas escapaban ante as luces e a presenza do meu Pancracio. No ceo, a lúa, en cuarto minguante, brillaba sobre San Tomé. A fauna nocturna empezaba a vivir.


Finca Fierro. Martes, 8 de setembro de 2020

 

domingo, 6 de septiembre de 2020

XA SEN MEDO

Está o silencio contemplándose ó espello e non se reflicte. Quizais o espello non ensina o que debería ensinar. Están os de Califato 3/4 cantando “unha buleríâ del aire acondiçionao” polo que fan algo de ruído. Talvez por isto o espello non obedece ós meus desexos. Un espello debe amosar aquela esencia que un servidor quere ver. Pero quedo en silencio mirando sen ver.

Está o ruído navegando por entre as transparencias dun camisón, porque os latexos do corazón mancan incluso no peito ante tanta excitación. Quizais sería mellor apagar as ansiedades ante un espello no que se imaxine o que non se ve. Quero berrarlle ó ruído para que se quede en silencio. Quero sentir o desexo no meu peito. Quero escoitar a Rob Pattinson cantando “Never Think”.


Está a tarde tranquila ata que unha mensaxe anuncia que o tempo pasa e todo cambia, que a normalidade, pouco a pouco, asenta sobre a desesperación dun encontro. Foron días de desconsolo e medo. Xa o dicía un tal David Fischman: que o medo é a emoción máis difícil de manexar, que a dor chórala, que a rabia bérrala, pero o medo atrápate silenciosamente no corazón. Mais xa non hai medo. O espello, co tempo, reflectirá os días perdidos e os desexos acochados. E rachando o silencio aparecerá Nina Simone cantando “Wild Is The Wind”. E cando remate, volverán o silencio, o ruído e os desexos a aniñar no meu peito. Pero xa sen medo. Agora si miro de fronte ó espello e vexo esa luz que, antes, estaba apagada. Agora brilla baixo a transparencia dun camisón.


Finca Fierro. Domingo, 6 de setembro de 2020

 

sábado, 5 de septiembre de 2020

SEMANA CLAVE

Hoxe empeza a semana clave para a realidade, digámolo así, do coronavirus, do avance ou non avance do Covid-19. A semana na que empezan os colexios. A semana da precaución e, por que non, do medo. Entendo a eses pais que teñan o medo metido no corpo. Porque a situación da pandemia non está nin moito menos controlada. Non obstante, confío moito máis na propia responsabilidade dos cativos que na dos adultos. Hai chistes e comentarios nos que os nenos se intercambian as mascariñas, nos que a distancia de seguridade brillará pola súa ausencia, etcétera, pero non sei por que dáme que os cativos serán os que máis e mellor respecten as normas. No confinamento que mantivemos, e por oídas, seica foron os que lles deron auténticas leccións de comportamento ós pais. Non teño fillos xa en idade escolar, pero desexo de corazón que oxalá ningún deles, ningún, se vexa afectado por ese bicho, porque para min un cativo é o máximo desta vida nosa.


Quen si se viron afectadas por esta maldita pandemia foron as novenas de Os Milagres. Xa comentaba a semana pasada que as novenas non serían novenas, e puiden comprobalo o venres pasado. Alá marchei á misa das sete da tarde e hai que recoñecer que non son as mesmas novenas. Pouca xente na igrexa. Pouca xente fóra. E o peor, a estampa que ofreciamos co bozo na boca, na cara era un pouco de desolación. Ou o dito outras veces: de película de ciencia ficción. Emporiso, na misa, principalmente na predicación (non se dan de conta de que son algo pesados e aburridos), e quizais por esa sensación de aburrimento, o pensamento sempre se vai pola morte da burra. Déuseme por pensar que, con pandemia ou sen pandemia, e para aliviar a miña aflición, a miña nai si estaría alí ó pé do canón todos os días. Porque, aínda que temos o San Salvador de Baños de Molgas a metro e medio da casa, a Santiña do Medo para a miña nai era moita Santiña, moito máis que o propio patrón da vila. Pinta de novenas, este ano, non hai, pero emocionar emocioneime.


Hoxe mesmo, que son as novenas sen o Rosario das Antorchas?, que son as novenas sen o Día 8? Non ver hoxe o recinto iluminado coas velas ou mañá cos panos brancos abaneándose ó vento, é coma perder o 99% da esencia deste evento relixioso.


Finca Fierro. Sábado, 5 de setembro de 2020

 

viernes, 4 de septiembre de 2020

A FOTO DOS “LISTOS”

No noso país hai xente que é moi lista, ou que se pasa de lista, claro. Xusto ó día seguinte -ou xa esa mesma noite- do partido entre Alemaña e España para esa Liga de Nacións que se inventaron, empezou a circular polas redes sociais unha foto (tanto que, xusto tamén, no momento en que iniciaba este relato, chegoume un guasap máis coa mesma) na que se ve ós xogadores da selección española moi xuntiños, tanto que están enlazados cos brazos polos ombreiros, mentres que os alemáns están algo separados uns dos outros. Claro, ante este achegamento, o “listo” ese que iniciou a circulación da foto axiña botou man do seu enxeño e proclamou ós catro ventos a lenda de: “Esta imaxe define a España fronte ó Covid-19”. Vendo o que é a foto tan só, pois mira, ata ten razón. Pero un servidor tivo a sorte de ver o partido e incluso o momento de tocar os himnos. Como España xogaba fóra, pois o primeiro himno que se deixou escoitar no estadio foi o noso. Pero cando lle tocou ó himno alemán, os xogadores bávaros fixeron exactamente o mesmo que os españois, ou o que é o mesmo, que definiron ó seu país fronte ó coronavirus.


Somos tan listos que nos adiantamos á acción dos acontecementos. Ti critica, que algo sempre queda, dicía aquel. E nisto si que non nos gana ninguén. Sempre fomos moi propensos a tirar as pedradas contra o noso propio tellado ou emporcar a fonte na que se bebe. Somos moi amigos de criticar o libro sen lelo ou a película sen vela. Nisto último tivemos a proba naquela película de Scorsese, “A derradeira tentación de Cristo” (1988), que se manifestaban ante os cines sen ver o filme.


Finca Fierro. Venres, 4 de setembro de 2020

 

jueves, 3 de septiembre de 2020

A VIDA É MARABILLOSA

Facendo tempo para ver o final de etapa do Tour de Francia. Mentres espero, desespero. Non, hoxe non desespero. Fochico no ordenador e xa paso o tempo. Podo lanzar un suspiro e dicir que é por algo que perdín. Na realidade non perdín nada. Que vou perder, se nada teño! Podo deixar escapar un salouco e insinuar que estou triste; cando agora mesmo amoso un sorriso no que ensino todos os dentes. Por que vou estar triste? Se a vida é marabillosa. Sento ante ela, escoito música e xa me dá igual que se acabe o mundo. Todo seguiría sendo marabilloso: a rula que voa, o coche que corre, o can que ladra, o lobo que oulea, o palleiro que está na aira, o peixe que nada, o político que fala... Se miro para arriba vexo como pasan as nubes. Se miro para abaixo contemplo a punta dos pés e coa ansia de lle pegar unha patada a alguén. De cando en vez éntranme desas carraxes que teño que estourar. Si, xeralmente todo é marabilloso... ata que algo se torce. Por veces é bo que algo se torza. Que sería a nosa vida sen cambios! A rutina cansa.


O tempo xa pasou un pouco. Non moito, pero si algúns minutos quedaron xa para o recordo. Certo que eses minutos, ó mellor, e co tempo, poden pasar á historia. Vai ti saber! Alguén pode chegar a dicir que neses minutos o escritor que está escribindo quedou coa ollada perdida para que cambiase o mundo. Claro que, agora mesmo, non sabemos se, no futuro, cambiará moito o mundo. O escritor que está escribindo xa o dirá nun futuro. Porque a vida é marabillosa e pensa vivir moitos anos.


Finca Fierro. Xoves, 3 de setembro de 2020

 

martes, 1 de septiembre de 2020

ANTE O PÉ DO CANASTRO

O silencio asenta sobre a aira e eu apoio o corpo sobre o pé dun canastro. A modorra apodérase de tal maneira de min que non me queda outra que pensar que teño sono. Aínda que tamén pode ser porque son un nugallán. Ás veces semella que non, que son unha persoa moi espelida, pero case podo asegurar que é cara á galería. Non me dá ningunha vergonza confesar o que son na realidade.


O de confesar lémbrame aqueles tempos de rapaz de cando me axeonllaba ante un c
ura (porque o ordenaba a nai, por suposto) e dicíalle máis mentiras que as propias mentiras ou pecados que ía confesar. Por vergonza, claro. Ou por medo a que o cura llo dixera a miña nai. A min aquilo de “segredo de confesión” non me convencía moito. E se os auténticos pecados meus chegaban a oídos da Lola da Amparo, aí si que non había nin absolución, nin perdón. Só pensalo xa era un viacrucis desde a igrexa ata a casa, a menos de vinte metros.

Hoxe, os meus pecados seguen a ser os mesmos, pero coa conciencia moi tranquila. Nunca matei a ninguén. Aínda que por veces desexase ser un Rambo ou un deses heroes fantásticos. Nunca me metín con ninguén. Aínda que ás veces a carraxe aniñe de tal forma no meu entendemento que desexaría de corazón rillarlle os miolos a algúns. Pero deixo escapar un suspiro e axiña todo se me pasa. Sei perdoar. E sen precisar de ningún confesionario. Eu mesmo me confeso ante o pé do canastro. En silencio. Pouco a pouco a modorra cruza a ponte do sono e quedo algo así como trasposto durante uns minutos. Esperto confesado.


Finca Fierro. Martes, 1 de setembro de 2020