lunes, 9 de noviembre de 2020

POR UNHA LABAZADA

A xustiza no noso país ou non actúa ou actúa cando non debe ou actúa tarde, mal e nunca ou cando actúa faino rematadamente mal. A maioría das veces non condena a eses grandes ladróns con moito poder e tamén, a maioría das veces, si condena unha simple labazada. Como lle pasou a unha rapaza de 24 anos, que tivo que pagar unha multa de 150 e unha indemnización de 300 por lle dar unha labazada a un mozo por meterlle man. É verdade que a este tamén o condenaron por abusos sexuais. Pero, a ela?, por que a tiñan que condenar? Cando o mozo, en vez dunha labazada, ben sei eu o que merecía. Ninguén, absolutamente ninguén ten dereito a meterlle man a outra persoa sen o consentimento desta.


O xulgado, como informou este mesmo xornal o pasado domingo, recoñeceu o delito e incluso tamén a indignación e carraxe que sufrira a moza, pero que, para repoñerse, hai outras vías, outros procedementos. Si, é certo que hai outros métodos, pero nese momento nin tan sequera a persoa máis calmada do mundo se lle daría por pensar noutras accións que non foran unhas boas labazadas ó insurrecto. Gustaríame saber como actuarían os do xulgado se lles meteran man a eles; ou ás súas fillas.

Que por unha labazada, máis que merecida, condenen a alguén é algo que nunca entenderei. E sabendo, por suposto, que hai xente por aí, moita xente, que vive como Deus grazas ás falcatruadas que cometen. É moi normal que digamos unha e outra vez que a xustiza, no noso país, é unha carallada. Sempre o foi.


Finca Fierro. Luns, 9 de novembro de 2020

 

domingo, 8 de noviembre de 2020

O EXPLORADOR

Son un explorador. Exploro o que vai máis alá daquel camiño das cen curvas e as rulas que pousan sobre as gallas dos castiñeiros. Exploro o que pode haber sobre un balcón que dá cara ó noroeste e, ó mesmo tempo, déixome ir polos recordos dun tempo. Son un explorador que vai pola vida explorando. Como debe ser. Exploro os coches vermellos que pasan e mírolles a matrícula por se aquel. Explorar entre os catro palleiros que hai nunha aira pode ser bonito. É bonito. Atopas saltóns que saltan e espigas de centeo que caeron das medas. E se me quedo quieto seguro que asoma unha rula na procura de alimento. Exploro o bafo dun espello para ver o que non deixa. Puto bafo!


Son un explorador de cando as películas se facían en branco e negro e tamén o son agora que as películas se fan dixitalmente. Explorar é bonito. Podo a
xexar detrás dun camisón aqueles puntos ou lugares prohibidos, ou esperar a que algún alpabardas asome por detrás dos palleiros daquela aira. Exploro o ritmo dun tema musical de Jerry Goldsmith ó mesmo tempo que me deixo levar pola melancolía dun soño. Porque soñar tamén é bonito. Pero hoxe estou explorando. Son un explorador. Dos tempos arcaicos e sereino tamén dos tempos futuros. Porque o futuro está aí, á volta da esquina; e eu estou aquí, explorando aquilo que non ten fin. A eternidade non ten fin. Exploro a eternidade dun sorriso que se abre e que se abre para deixar ver unha nostalxia que tampouco ten fin. Son o explorador dun silencio no que non hai ningún ruído.


Finca Fierro. Domingo, 8 de novembro de 2020

 

sábado, 7 de noviembre de 2020

O CELTA NECESITA UN CAMBIO

É triste, moi triste que eu, precisamente eu, nos últimos partidos do Celta de Vigo desexara que perdera. Porque, perdendo, sempre haberá unha opción de que haxa un cambio drástico para que o equipo intente atopar o seu camiño. O cambio, por suposto, tocaralle ó adestrador porque ninguén vai botar fóra a cinco ou seis xogadores. A ver, sempre defendín a árbitros e adestradores porque sei que intentan facer ben o seu traballo, pero tamén confeso que desde un principio non conseguía ver a Óscar García adestrando ó Celta.

Cando o ficharon fixérono coa intención de mellorar ó equipo vigués. Non obstante, este creo que vai de mal en peor. A temporada pasada librouse por un simple gol (que, por certo, seica o merecía o Leganés) de baixar á segunda división, pero visto o visto nestas nove xornadas que levamos de campionato, esta temporada non o salva nin Rita a Cantaora. A non ser que haxa un cambio xa. Pero xa.


Intento ver os seus partidos (e véxoos), pero en cada un deles a carraxe empeza a desilusionarme porque noto que nin hai xogo, nin espírito, nin nada que se asemelle a un equipo de fútbol que, por xogadores, debería estar polo menos loitando polas competicións europeas. Agora mesmo loita por sobrevivir, e creo que non o conseguirá. Porque canto máis se meta no pozo, máis lle custará saír del.

E de pouco vale que Iago Aspas intente subir o equipo ás costas se non hai ninguén que o axude. O señor Mouriño ten que deixarse de andrómenas e poñerse a actuar. Se nun ano (crin oír no partido do venres entre o Elche-Celta que Óscar García cumpría precisamente un ano como adestrador) alguén non consegue mellorar algo, enténdese que ese alguén non vale. É certo que lle hai que dar unha certa marxe a calquera, pero, no fútbol, un ano non está mal. O Celta de Vigo, ante o cadro de xogadores que ten, creo que necesita un adestrador con garantías, con certo “caché”, cousa que o adestrador actual non ten. Dóeme confesalo pero o venres desexaba que o Celta perdese para que o botasen. O equipo necesita un aliciente, algo que lles faga cambiar a dinámica desa inercia negativa que levan.


Finca Fierro. Sábado, 7 de novembro de 2020

 

viernes, 6 de noviembre de 2020

O CHIBO EXPIATORIO

A orde creo que é a partir das 00:00 horas do sábado, 7 de novembro para que pechen os bares. Pero como desde as 23:00 horas hai toque de queda, significa que levamos xa dez minutos coa hostalaría pechada. A ver, toda esta segunda ola do Covid-19 víase vir, polo menos, desde o 31 de agosto. Entendo que pola economía non nos confinasen de novo a todos, aínda que creo que ese era o momento de facelo. Non quero ser agoireiro, pero, ó final, non sei se non caeremos de novo. Aínda que, iso si, mentres non volvemos ó cárcere, ten que pagar alguén o pato ou cargar co pandote. Falando claro, hoxe, os bares son o chibo expiatorio. Os que me coñecen un pouco saben que me gusta o café e que vou mañá e tarde ós bares, cafés ou cafetarías, polo menos da Valenzá, onde hai uns cantos, e digo con coñecemento de causa que eran os que mellor cumprían coas normas que lles ditaron. Polo menos, eu ía máis confiado a un café da Valenzá que, por exemplo, a un centro comercial. É máis, tíñalle máis medo á propia rúa, ás propias beirarrúas que ós bares. E non digo xa nada desde que estaban só coas terrazas: catro ou seis mesas como moito, separadas, limpas, case imposible que andase por aí solto o bicho ese.


Pois agora acaban de entrar as novas medidas nas que, xa digo, a hostalaría é a gran prexudicada, a gran vítima. Non hai moito que denunciei que pagarían xustos por pecadores. Empezan a pagar os xustos.


Finca Fierro. Venres, 6 de novembro de 2020

 

jueves, 5 de noviembre de 2020

CONFUNDIR OS TERMOS

Pintan bastos, dicía aquel. Na realidade pintaban copas. Pero xa sabemos que ás veces confundimos os termos. Tamén hoxe é xoves e eu penso que aínda é martes. Por cachos tamén penso que é venres. Cando as cabezas están atrofiadas dise ou escrébese calquera trapallada; parvadas hai para darlle cun sacho. Porque axiña pensamos que todo é liso e chan. Pero, que va, ás veces hai cada atranco no camiño que nin o demo. Ou hai montañas moi altas. Tamén é verdade que chega con dicir un outeiro. Calquera verruga ou espulla xa é suficiente para botar a perder a opción de liso e chan. Estou escoitando a banda sonora de “Blade Runner” e por veces penso que é a de “Cinema Paradiso”. Que terá que ver Vangelis con Ennio Morricone! Si, definitivamente estou a confundir os termos.


Escribo a toda velocidade para poder ver o final de etapa da Volta Ciclista a España, cando na realidade debería escribir a modiño para cocer mellor o relato, para buscarlle ese prebe, ese mollo que tan ben acompaña a certas comidas. Pero onde non hai substancia non che hai caldo; manda carallo! Agora mesmo xa pintan ouros e alguén segue dicindo que pintan copas. Mais, ante isto, axiña choutou o típico mirón da partida para dicir que nin pinta unha cousa nin a outra. Nunca tal dixera! Xa se armou a do demo e a mona. Foi tan grande a rexouba, a algueirada que ó final démonos de conta de que alí non había tal partida. Maldita confusión dos termos!


Finca Fierro. Xoves, 5 de novembro de 2020

 

miércoles, 4 de noviembre de 2020

TOQUE DE QUEDA

Once e vinte e cinco da noite. Como frechas viñemos de ver o partido de fútbol. Polo toque de queda. A ver!, a guerra estaba aí, está aí. Que non nos caia unha bomba encima. Coma lóstregos percorremos o camiño da Valenzá. No fora o demo que... Toque de queda nas ansias dunha carreira. Ou nas ansias dun tempo que corría. Agora o toque de queda instalouse na “Nocturne in C Sharp minor”, que está incluída na banda sonora de “O pianista”. Sempre a música polo medio! Ata nos toques de queda. A música é un bo bálsamo ou un tranquilo consolo para as guerras, para esta guerra.


Toque de queda onde o silencio é o rei e señor da noite. Desde as 23 horas. Nin unha alma pola rúa. Tan só os biosbardos dun soño furgarán por entre as estruturas duns cascallos. Toque de queda que se reflicte nun espello cuberto de bafo. Porque a auga quente dunha ducha caeu con certa ansiedade sobre o cristal. E a figura dunha perla negra debuxouse nun recanto do espello.

Doce menos vinte da noite. Silencio dentro da casa. Silencio fóra. Toque de queda nunha vida que se queda quieta, nun descanso dese guerreiro que loita por aquel tempo que foi. Non todas as batallas están perdidas. O esencial, sempre se dixo, é ganar a guerra. E as guerras gánanse a base de esperanzas que non se perden e de soños que manteñen a un esperto, moi esperto. Como pintar sobre o lenzo dun sentimento todo un sorriso moi aberto; e moi vermello. Sempre quedará o recordo bailando sobre a varanda dun balcón, e no toque de queda, ese recordo, brillará sobre a noite pecha, sobre esta noite pecha.


Finca Fierro. Martes, 3 de novembro de 2020

 

lunes, 2 de noviembre de 2020

CHEOS DE INCONGRUENCIAS

Dáme a risa cada vez que vexo as fotos das manifestacións en contra dos confinamentos e das medidas que se toman por esta pandemia que nos asola. Porque os manifestastes, por se aquel, por se as moscas, levan mascariñas. Non vaia ser o demo! Estamos cheos de incongruencias. Como a de empezar con esa crítica e choutar a un tema de música clásica que me enche de calma, de moita calma. Menos mal, porque o patio anda algo revolto. Pero esquezámonos diso. Pensemos nas fotos de Sebastião Salgado que están expostas na avenida de Pontevedra da cidade das burgas. Que marabilla! Que gozada!; e ademais en branco e negro. Eu descubrín a Salgado nos anos 80, cando un periódico nacional, no seu suplemento dominical, publicaba unha foto del a toda páxina. Alí xa me impresionara.


Son as catro menos vinte da tarde e desde o sábado non me sae da cabeza a imaxe de David Ferreiro meténdolle un gol a todo un Real Madrid. Non iniciara o partido de titular (mal feito!), pero víase que non quedaba outra que metelo se o Huesca se quería enganchar ó partido. Algo si que revolucionou o ataque. E foi no minuto 74 cando, zas, alí lle cravou un gol a un Courtois que hoxe está que se sae. Foi o segundo gol do molgués na primeira división. O primeiro acadárao na tempada 2018-2019 ante o Betis no minuto 73. A imaxe do sábado, con dedos cara ó ceo, está aínda na miña retina, porque entendo que era a homenaxe ó seu avó falecido hai uns días. O crack molgués segue facendo historia na nosa vila.


Finca Fierro. Luns, 2 de novembro de 2020