miércoles, 9 de diciembre de 2020

A MEMORIA É EFÉMERA

Agora mesmo, exactamente ás tres e media da tarde, unha gran maioría de galegos cuspirán pestes contra o Goberno Central porque este inverte máis en Cataluña e en Euskadi que na nosa Comunidade, grazas ó apoio que estas dúas rexións lle dan a aquel nos presupostos para o 2021. Isto demostra, polo menos eu o vexo así, que os pobos vasco e catalán saben a quen votar. Sempre o souberon. Desde que a democracia é democracia votaron sempre ós seus, e por iso teñen a representación que teñen. Nós sempre votamos ós de fóra e pedímoslles que nos boten unha man. Ó Pescozo é onde nola botaron sempre. Cando nos damos conta poñemos o berro no ceo ou poñémonos como unha brasa dous ou tres días, ou en puntos concretos para, logo, pasado o tempo, deixamos que a memoria se esfume e volvemos encestar nunha urna -con moita elegancia, iso si- o voto para os que nos machacan. Sempre fomos moi propensos a apandar.


Cataluña e Euskadi saen mellor parados polo apoio ós presupostos. Pero incluso sen o favor doutras comunidades, o Goberno Central segue a inverter máis en, por exemplo, Andalucía e en Madrid e na Comunidade Valenciana e non sigo para non quedar de últimos, para non ser o cu do país. Claro que, eu ben sei que... predícame cura, predícame frade, por un oído me entra e polo outro me sae.

Agora mesmo, ás catro menos dez da tarde, esa gran maioría de galegos, seguro que está a darme a razón. Ata poida que digan: pero que ben dis, carallo! Pero, claro, iso opinan agora mesmo. En cinco minutos... a memoria é efémera, pasaxeira, fuxidía.


Finca Fierro. Mércores, 9 de decembro de 2020

 

ACURRALADO

Estou acurralado entre as catro paredes dun silencio que asomou tan axiña como rematou a tarde. Case normal; as noites son máis silenciosas que os días. Quero fuxir pola ventá desa conciencia que non me deixa estar quieto. Pero teño medo a que máis alá do encerro siga atopando silencio. O silencio é bonito, pero ás veces tamén é triste. Aínda que a tristeza sempre é bo deixala aparcada no garaxe das penas e deixar tamén que se consuma un pouco... en silencio. Forzo o picaporte da porta e non hai forma de que abra. Síntome acurralado e berro contra a impotencia de non saber que facer. Boto man dun tema musical que non coñezo para ver se co compás da música alguén se digna abrir a porta. Pero todo é silencio fóra tamén das catro paredes. Ó pouco dou zoupadas ou trompazos por se algunha rebenta. Non hai maneira.


Estou acurralado entre os minutos dun tempo que non corre, nin voa, nin tan sequera pasa. Todo se detén ó meu arredor. Ata semella que nin os saloucos saen do meu peito. Quero darlle corda ó reloxo e a agulla dos minutos chouta do aparato e dedícase a voar polo cuarto. Berro pola contradición de que o tempo non corre mentres que a agulla voa. Sigo tan acurralado que pouco a pouco desespero. Miro para as catro paredes, intento chegar ó teito, deixo caer o bafo sobre os cristais da ventá e chíscolle o ollo esquerdo á puta porta de madeira. E todo segue igual. Empezo a pensar que estou acurralado entre a nostalxia dun soño e a carraxe dun pesadelo. Ó mellor consigo fuxir se me quedo realmente en completo silencio.


Finca Fierro. Martes, 8 de decembro de 2020

 

lunes, 7 de diciembre de 2020

O TREN DAS 3:10

O tren das 3:10 (tres e dez, en letras) pasará pola estación de Baños de Molgas e eu subirei a el. Para onde vou, iso é algo que xa non sei. Ó mellor báixome na Gudiña, en Puebla de Sanabria ou sigo ata empalmar co Transiberiano e que me leven uns e outros ata a fin do mundo. Non hai mellor sitio que a fin do mundo. En principio, subo desde o barrio da Igrexa cara á estación escoitando a Henry Mancini. Polo camiño despídome duns e doutros, pero non deixo que ninguén me acompañe. Quero remoer os meus sentimentos eu só. Ás tres xa estou na plataforma da estación máis bonita do mundo e dígolle ás vías do tren que marcho porque teño que marchar.


Son as tres (3:00, en números ou hora analóxica), polo que quedan dez minutos para que apareza o tren alá pola ponte de Bouzas. Non obstante, unha leve preocupación asoma no meu entendemento: o silencio é tal que, a esas alturas, tiña que escoitar xa o ruxerruxe do convoi que me levará á seguinte estación ou á fin do mundo. E en dez minutos a preocupación faise real: o tren das 3:10 aínda non apareceu nin ó lonxe. Vai ser que non me poderei marchar. Tampouco é que queira facelo con moita ansiedade. Non hai coma o lugar no que me pariron.

O revisor comunícame que ó tren das 3:10, os indios, pincháronlle cinco rodas no apeadeiro de Cantoña. Sempre lle tiveron pánico ó cabalo de ferro e cada vez que poden cátanlle as pulgas. Collín a noticia con calma e díxenlle ó interventor: mire, para outra vez será. Con parsimonia baixei para o barrio da Igrexa. O tren das 3:10, por unha vez, fallara.


Finca Fierro. Luns, 7 de decembro de 2020

 

sábado, 5 de diciembre de 2020

POR ENRIBA DO BEN E DO MAL

O venres, por fin, algo de vida volveu rexurdir en Barbadás: a hostalaría abriu de novo. Menos mal! Estaba medio consumido pola impaciencia e pola impotencia, ou sexa, polo cafeciño; e non polo cafeciño en si (tomábao na casa, aínda que, por suposto, non é o mesmo), senón polo propio ambiente. Desde o venres xa se ve, por exemplo, a rúa principal da Valenzá algo máis concorrida, algo que alegra a vista. Agora tan só queda pedir o que levo pedindo en varios escritos desde que empezou esta pandemia da Covid: sentidiño, moito sentidiño. Ou volvemos ós peches por terceira vez.

Quen non pecha é a mala conciencia de moitos. A de moitos que pensan que un semideus non ten os seus demos dentro. Pois tenos. Diego Armando Maradona tiña os seus demos dentro. E a ninguén lle debería doer que se falase deles. Pero dóelles. E pasan por enriba do ben e do mal. Resulta que ameazan de morte á galega que criticou ó semideus Maradona cando lle correspondeu gardar un minuto de silencio e ela, con razón, sentou e puxo as costas, ou sexa, renegou de Maradona. E renegou como persoa, non como xogador. Porque o que quizais sexa o mellor futbolista de todos os tempos vai camiño de ser considerada a peor persoa de todas as épocas. A sociedade leva anos condenando o acoso sexual, o abuso e a violencia de xénero. O gran Maradona, logo de driblar a todos os contrarios que lle saían ó paso, tamén acosaba e zoupaba (non digo xa nada da droga, porque ata el mesmo o recoñecía). Moitos desa sociedade que condenan esas aberracións, póñense agora á beira dun acosador, porque é Maradona e porque xogaba coma Deus. A rapaza non quere denunciar os feitos, e non ten por que; debería ser xa a propia Fiscalía a que se puxese mans á obra. Por cousiñas ben menos insignificantes furgan incluso debaixo das pedras para inculpar a alguén.


Rematei a semana lendo unhas novas sobre Venezuela que me deixaron un pouco pampo, principalmente ante a confesión dun profesor: que a última vez que mercou zapatos foi hai catro anos. E isto dío un profesor!, que quéirase que non, aínda ten un soldo. Imaxino polo tanto a situación doutras persoas con menos recursos nese país, onde para mercar un quilo de arroz alá se che vai o salario mínimo. E non só se vive con razón. Nin tan sequera os chinos.


Finca Fierro. Sábado, 5 de decembro de 2020

 

viernes, 4 de diciembre de 2020

MOI A MIÚDO

Oito e dez da noite. Se fora no verán diría que son as oito e dez da tarde. Pero como é inverno... Noite fría, con sensación de neve, algo que si aconteceu por diversos lugares da provincia de Ourense. Aquí choveu e chove ós cachos. Que chova é bo. Así a auga arrastra moita porcallada, ou sexa, moitas conciencias. Quen a teña, claro. Eu ben sei que hai xente sen conciencia. Moita xente sen conciencia.


Estou á espera do partido Athlétic-Celta. E mentres espero escoito a Chris Isaac con esa marabilla titulada “Wicked Hame”. De cando en vez escoito música; é dicir, moi a miúdo. Miro o reloxo que teño no pulso esquerdo e vexo que son as oito e dezaoito minutos. Da noite. No pulso dereito tan só o poño cando teño que lembrar algo. Coa idade, a memoria cada vez é máis efémera. Que carallo, xa me chega ben cos recordos. Porque recordar, vaia se recordo! E recordo os bos recordos. Que non son nada parvo.

Cambio de tema musical e agora tócalle a Sabina con “Non permita a virxe”. Música variada. Sempre. Para que non chegue a aburrirme, a cansarme. Sigo sen ser parvo. Acabo de esbirrar e púxoseme o coiro de pita. Estou arremangado; e non porque faga calor, senón para teclear sobre o ordenador sen que me estorben as mangas da bata. Vaia carallada... sempre se lle chamou albornoz. Será máis fino bata?

Terceiro tema neste relato. Case ouleo de gusto porque aí vai don Ennio Morricone con “Prohibition Dirge”, pertencente á banda sonora de “Érase unha vez en América”. Oito e vinte e cinco da noite. Xa está.


Finca Fierro. Venres, 4 de decembro de 2020

 

jueves, 3 de diciembre de 2020

O MUNDO NUNCA É SUFICIENTE

O mundo nunca é suficiente. E por iso ás veces penso que afogo nel, polo que quero subir a unha nave espacial e facer turismo polo espazo sideral. Xa teño o carné de astronauta. O mundo quédaseme pequeno, e case sen saír de Galicia; pero teño unha cabeza que ferve buscando aqueles planetas ou cometas ou satélites ou estrelas nos que poida correr e berrar e asubiar e cantar ó meu albedrío, á miña vontade. O silencio xa o conforma o infinito. O mundo máncame no calcañar do pé dereito porque intento pasear por eses camiños cheos de bulleiro. O mundo é todo un lamazal no que envorcallamos, no que vertemos as nosas conciencias.


O mundo nunca é suficiente. E por iso ás veces ou moitas veces quero fuxir del cara ó planeta do meu amigo extraterrestre. Hai moito que non sei del. Calquera día doulle a sorpresa. Estou canso de querer poñer os puntos sobre os is ou as cousas no sei sitio. Porque síntome impotente de querer e non poder. Non queda outra entón que desempoar o traxe de astronauta, meter a voz de Chavela Vargas, coma semente, na miña cabeza e deixar que frutifique logo por entre as órbitas do silencio. Dese silencio universal que me espera, que me abrazará e que me deixará soñar con esa ilusión que vai moito máis alá dun triste salouco.

O mundo nunca é suficiente dicíase en James Bond, e como non teño licenza para matar, o mellor é emigrar. E alá vou, a viaxar polo espazo infinito dos meus soños e folgar, en principio, no halo, na auréola, no nimbo da lúa vella.


Finca Fierro. Xoves, 3 de decembro de 2020

 

miércoles, 2 de diciembre de 2020

OS SEN NOME

Pertenzo ó mundo dos sen nome. Porque vou pola vida sen presentarme e furgando por entre as mantas dos desexos. Os sen nome somos aqueles que alcanzamos os soños sen soñar. Outros soñan toda unha vida e quedan a velas vir. É a lei xa xungla. Achégome ata unha circunvalación de pensamentos e atrapállome de tal maneira que non sei a cal prestarlle máis a atención. Case prefiro retroceder, ou sexa, deixar a mente en branco e non pensar máis. Sentirme coma un sen nome. Porque nada son e nada teño e nada quero.


Sento á beira dos que están sentados. Somos uns cantos os que pertencemos ó cosmos, ó universo dos sen nome. Miro para eles e véxoos tan paspáns coma un asubío perdido na néboa. Somos un reduto desnortado na infinidade do tempo; ou no medio dun verso solto. Sábese que hai versos soltos que enchen un poema; un poema acochado detrás dunha palleira. Despois, cada quen que o recite cando queira. Contemplo ós sen nome e penso que a vida está mal repartida; uns levan apelativos cariñosos en todo o seu peregrinar e outros non temos nome nin para nos presentar. Son o home sen nome, porque nada son e nada teño. Tamén é verdade que nada quero.

Os sen nome camiñamos en silencio polo medio da indiferenza dos demais mortais. Porque ninguén nos coñece. Porque non nos deixamos ver. Porque non somos nada. Claro que tamén é certo que só seguimos un camiño: o dos biosbardos con sensación a baleiro. Sorrío ante os sen nome e quedo tranquilo.


Finca Fierro. Mércores, 2 de decembro de 2020