miércoles, 6 de enero de 2021

O POMBO COXO

Cando cansei de escribir no ordenador e de recoller todos os apuntes que tiña espallados pola mesa da cociña, optei por dar un paseo pola estrada que vai de Baños de Molgas a Os Milagres. Axiña me atopei cunha estampa que me deu algo de pena. Á altura da pasarela das Mestras vin entre dous amieiros que algo se movía entre as altas herbas que arrodeaban as dúas árbores. Achegueime con tento, amodiño, non fose o demo que andase por alí unha serpe desas ás que non lle teño medo, pero si respecto e bastante de arrepío. Pero o que vin foi un pombo que ás primeiras de cambio lle notei que estaba coxo. Non obstante, fixo todos os intentos posibles por escapar da miña presenza.


Non me apurei a botarme a el. Pouco a pouco funme achegando e falándolle. Por se aquel. Ó mellor entendíame. Cando estiven á súa altura tampouco fixen ningún intento de me agachar para collelo. Seguín a observalo e a soltar un pequeno sermón. Coma quen que non pasaba nada. El movíase e movíase ata que chegou o momento que cansou. Tumbouse todo e xuro por Deus que me mirou. Eu, por se aquel tamén, sorrinlle. Ó mellor entendía que era un amigo. Probei: agacheime con parsimonia, apoiei os brazos sobre os xeonllos e seguín dálle que dálle á lingua. Cada vez estaba máis convencido de que me entendía. Acariñeille a cabeza. Deixouse. Vinlle unha patiña rota. Non sei como fixen (non son veterinario nin nada polo estilo), pero arranxeilla. E non vai o tío, digo o pombo, e me dá un beizo. Co seu bico. Alí estiven con el ata que, nunha hora ou así, conseguiu emprender o voo. Díxenlle adeus de palabra e acenándolle coa man. Por se me seguía entendendo.


Finca Fierro. Mércores, 6 de xaneiro de 2021

 

DÍA DE REIS

Que nervios! A estas horas estaría máis que nervioso. A estas horas son as catro menos dez da tarde. A estas horas, algúns anos, ata quería estar xa no monte coas vacas e a pesar de ser festivo; con tal de non ver a felicidade doutros nenos cos seus xoguetes. Segundo onte analizaba a noite de Reis, hoxe toca o día. O día de Reis. Se algún ano deixei as chancas no balcón foi coa idea de saber que ó día seguinte tan só estarían encarambeladas por culpa da xeada. Sabía que os Reis Magos, nese balcón, non tiñan parada. Certo que a ilusión nunca a perdín e ás veces atopábame cun cachiño de turrón, que aquilo xa era gloria bendita.


O calvario, o suplicio, o martirio, o tormento chegaba cando había que facer acto de presenza na rúa ou na aira para ir á misa (porque á misa si que había que ir para rezar por eses Reis Magos que nunca se acordaban dun, pero...). O calvario, o suplicio, o castigo era ver ós demais nenos con xoguetes ou con roupas a estrear. Os que non tiñamos Reis, para a misa, si puñamos a roupa dos domingos, a roupa de todos os domingos. Logo, para máis aquel, sempre había o típico neno, o típico “pijiño” que alardeaba de tal maneira co seu xoguetiño que ata cho quería meter polos ollos. E polos nosos ollos -polos dos pobres, claro- tan só se nos ía a vida contemplando un imposible. Case se pode dicir que neses momentos a carraxe e a envexa aniñaban xuntas. Por iso non me estraña que, a pesar de ser un día grande, quixese marchar para o monte. Polo menos nel xogaba co meu can Uriarte, que si era un auténtico Rei Mago.


Finca Fierro. Mércores, 6 de xaneiro de 2021

 

martes, 5 de enero de 2021

NOITE DE REIS

Que nervios! A estas horas estaría moi nervioso. A estas horas son as catro menos vinte da tarde. A estas horas andaría no monte coas vacas nas décadas dos 60 e 70 e desexando que chegasen as cinco ou as seis, que, no inverno, era cando máis ou menos tanguías os animais para a casa porque a noite xa se botaba encima. Os nervios estarían á flor de pel porque, por suposto, estaba a chegar o momento de saír a cantar os Reis. Saír a cantar os Reis tiña o seu aquel, ou sexa, a súa apurada: eramos cativos e a vergonza, a timidez era moita e grande. Pero para iso nos xuntabamos tres ou catro para, entre todos, vencer esa covardía inocente que nos oprimía o peito. Moitos máis non queriamos xuntarnos porque á hora da repartición dos cartos que acadabamos cantando os Reis tocariamos a menos. E os tempos non estaban como para compartir céntimos ou cadelas.


Cando chegaba o momento empezabamos nunha punta da vila de Baños de Molgas para rematar na outra e levando todo de a feito. Entre veciño e veciño había o correspondente conclave para acordar de se lle cantar ó seguinte ou non. E non polo canto en si; senón polos medios económicos da paisana (a muller era a que máis saía ás portas). Se viamos que era moi pobre, intentabamos pasar de largo. Tamén é verdade que algunha sorprendíanos chamándonos ela mesmo para que lle cantásemos. Cos ricos si que era outro cantar: a maioría, agarrados, mesquiños, rañicas a máis non poder. Tamén é verdade que despois tiñan que aturar con aquilo de “pelica marrana, canteiche os Reis e non me deches nada”. Que tempos! Xa me pasaron os nervios.


Finca Fierro. Martes, 5 de xaneiro de 2021

 

lunes, 4 de enero de 2021

O XIGANTE DE PEDRA

Mide case 30 metros, din que en concreto 27, pero engadíndolle a cruz seica son 30. É a torre da igrexa de Baños de Molgas. É coma un xigante de pedra. Pedra de granito, claro. Pedra que movía o señor Oíncho, o meu pai e diversos veciños e obreiros máis da contorna. O señor Oíncho, na realidade, creo que se chamaba señor José. O de Oíncho quedoulle porque cada vez que tiñan que empurrar nas enormes pedras de granito, el, ó mesmo tempo que xemía coma se rebentase, lanzaba aquela exclamación que máis ou menos lanzamos todos cando empuxamos con moita forza: oooíiiiinnncho.


O xigante de pedra construíuse na década dos 60. Se non recordo mal, no 1963 operouse meu pai dun xeonllo e creo que foi cando andaba a traballar na torre da igrexa de Baños de Molgas. (Aquí fago unha pequena paréntese para dicir que, eu, precisamente eu, o fillo do Manolo da Lola, me alegrei da súa, porque, grazas a ela, foi a escusa perfecta para viaxar por primeira vez en tren. Eu tan só quería subir en tren e importábame un carallo a perna do meu pai que, despois, lle quedaría tesa para sempre. Pero hai que lembrar que este fillo tiña tan só catro anos).

Para chegar ó campanario do xigante de pedra hai que subir un chanzo tras outro ata completar 103, que non é moco de pavo. Arriba, catro enormes reloxos como as rodas dos carros, nos que as agullas son coma os estadullos da herba seca. E un chisquiño máis arriba, xa no propio campanario, catro campás que no día de San Salvador botan a repenicar. Despois, o xigante de pedra queda quietiño e en silencio.


Finca Fierro. Luns, 4 de xaneiro de 2021

 

SEMPRE UN LIBRO

Lendo no libro de Manuel Rivas “Zona a defender. A esperanza indócil” atopeime co seu relato “A lectora solitaria e os cen móbiles” no que dicía que “detrás das boas series adoita haber un bo libro”. Pero, “o irónico é que resulta case imposíbel ver nunha serie alguén lendo un libro”. É verdade! En series ou en películas sempre aparecen personaxes abrindo as neveiras para pillar as súas cervexas, ou fumando, ou correndo, ou axexando a alguén, ou bicando, ou conducindo, ou disparando, ou pelexando, ou simplemente estando de pasmóns nun soportal, pero é raro rarísimo ver a alguén lendo. Por certo, a min o das neveiras tenme coa mosca detrás da orella. É que non hai película na que, cando alguén entra na súa casa -ata incluso nas casas de fóra-, se dirixa dereitiño coma unha vela á neveira para beber ou ó moble bar para botar man dunha botella... de whisky, claro. Ata penso que os guionistas non son quen de buscarlles algo ós personaxes para entretelos nas casas; tan só saben recorrer ó alcol.


E seguindo co relato do Rivas, tamén comentaba que houbera unha época na que se lía moito no transporte público, chámense tren, metro ou bus. Agora, claro, os móbiles ganáronlle a batalla ó libro. Desde o ano 1991 non volvín a Madrid, onde a miña paixón era precisamente ler no metro, polo que hoxe imaxino que quedaría pampo vendo móbiles e máis móbiles nas mans. Mais eu prometo que se algún día volvo, no metro, quen me acompañará será un libro, sempre un libro. Aínda que hoxe xa case me dá vergonza ler por un paseo ou no autobús. Ata penso que me miran coma se fora un bicho raro.


Finca Fierro. Luns, 4 de xaneiro de 2021

 

sábado, 2 de enero de 2021

A NORMALIDADE

Palpábase no ambiente o desexo de finalización do ano 2020 e que se iniciase axiña un novo ano, pensando que con elo a crise de saúde que nos asolou desde o mes de marzo sería xa pasto das lapas ou quedaría para sempre aparcada nun recunchiño da memoria. Iniciouse o ano 2021 e ese ambiente sigo a notalo desganado, apático. Lembro aquelas noiteboas nas que se ía por lugares e bares desexando unhas boas festas e aqueles primeiros días de cada ano novo nos que, por eses mesmos lugares e bares, un entraba e case berraba un “feliz ano!”. Este ano non sentín iso, non vin iso. O sábado mesmo, a xente entraba a un bar e daba un simple bo día normal ou incluso un pequeno moneo de cabeza e, ale, a tomar o café ou a abrir o periódico. Esta Covid-19 segue a amolarnos a festa. Non obstante, sei e sabemos que a esperanza é o último que se perde. Non a perdemos e, queira que non ese bicho, a normalidade volverá ás nosas vidas. Con vacina ou sen vacina.

Tamén confío en que volvan á normalidade certos investigadores da Universidade de Exeter, no suroeste de Inglaterra, porque se alborotaron un pouco ante o descubrimento de que os abesouros máis grandes aprenden a localización das mellores flores. Pola contra, os máis pequenos lánzanse ás que primeiro asomen ós seus ollos. A min isto de que se precise dun estudo para descubrir o que é lei de vida é algo que me deixa un pouco pampo. Os animais, en xeral, son como as persoas e xa sabemos aquilo de que a experiencia vale un grao. A base de buscar e buscar sempre atopas o mellor. Eses abesouros, cando foron pequenos, farían o mesmo, ou sexa, lanzarse a chou para pillar ese néctar marabilloso. Logo, como foron descubrindo que hai flores e flores, pois iso, que ninguén é parvo ante a subsistencia.


Lembro outra situación moi semellante a cargo da Xunta de Galicia, que lle quería ou aínda quere implantar un GPS ás vacas para saber onde pacen mellor, onde se enchen mellor. É que hai estudos que, sinceramente, non son nada normais. Para onde van tirar as vacas, almas cándidas!... para onde teñan mellor pasto! A que flores se dirixirán os abellóns veteranos? Si, ata certos investigadores necesitan unha pequena lavativa cerebral, que de tanto querer saber descobren o que sempre foi, o que sempre estivo aí, a lóxica pura e sinxela.


Finca Fierro. Sábado, 2 de xaneiro de 2021

 

viernes, 1 de enero de 2021

O ANACORETA

Son un anacoreta que vivo solitario nun libro que non ten fin. Subín con el ó alto do Outeiro do Corno e alí instalei a miña existencia ata que o mundo deixe de ser mundo ou ata que eu deixe de ser eu. Non quero ver a ninguén e sei que ninguén me vai ver. Se alguén se atreve a subir ó outeiro, acocharei entre as xestas do meu entendemento. Quero espallar o asubío da miña vida por Sudalomba e polos Currás. Quero contemplar o universo en paz. Son o anacoreta da vila que me viu nacer. Somerxo por entre as páxinas dese libro que non penso escribir. Ó mellor co tempo escríbolle un prólogo de tres liñas para rematalo cun epílogo de tan só dúas. Para que quero escribir máis? Que ten que contar un anacoreta? Falar do silencio ou da soidade que roe? Contemplar as carballeiras ou os lameiros da Tapada dos Ferreiros? Poucas situacións para toda unha eternidade, a miña eternidade.


Un eternidade que será finita, pero que penso estirar, estender, alongar ata que o ruído dun foguete me estoure nun oído. Vivo solitario no monte Medo, contemplando as rulas e as vacalouras que andan polos carreiros da memoria. Son o anacoreta que outea o horizonte e a vista dálle para observar a torre da igrexa de Baños de Molgas. E o oído dálle para escoitar as badaladas da igrexa de Baños de Molgas. Badaladas que queren tocar a... non sei moi ben, quizais a réquiem polos que marcharon ou porque me queren chamar. A min!, precisamente a min!, que non penso partir nunca. E aínda que viva de anacoreta toda a existencia.


Finca Fierro. Venres, 1 de xaneiro de 2021