domingo, 7 de febrero de 2021

DISIMULAR AS PAIXÓNS

Vendo o partido Huesca-Real Madrid (1-2), os comentaristas chegaron por veces a poñerme moi nervioso. Durante todo o encontro non sei cantas veces soltaron aquilo de que o Real Madrid tan só tiña dispoñibles 17 xogadores para conformar o equipo. Pero, almas cándidas, se tan só a media do Real Madrid vale por dous Huescas! Os comentaristas, e non só estes, sempre comentan os partidos baixo o prisma, baixo a perspectiva dos dous grandes de España: Madrid e Barcelona. Se David Ferreiro, por exemplo, dá un pase de corenta metros, a culpa foi dos xogadores do Madrid ou do Barcelona por non “achuchar” nel e deixarlle dar ese pase. Mentres que se o pase dos corenta metros o realiza Kroos ou De Jong, pois claro, de auténticos cracks. Sempre se comentaron e se radiaron así as xogadas. Sempre. Se a un xogador deses dous grandes lle paran un penalti foi porque o tirou mal, que non foi por acerto do porteiro. E ó revés, se quen para o penalti é Courtois ou Ter Stegen, pois iso, os mellores do mundo. Os comentaristas nunca tiveron un xesto agradable cara ós equipos pequenos.


Agora, un deles, Álvaro Benito, en relación a unha confrontación que mantén con Piqué, declara que non ten ningunha camiseta posta á hora de comentar certos partidos. Eu creo que si a ten, porque se lle nota bastante. Non tanto como a Jorge Valdano, pero si se aprecia de que pé coxea. É certo que cada un temos as nosas paixóns, pero en certos momentos hai que saber disimulalas, e non ir sempre en contra do pequeno, que bastante ten con ser modesto.


Finca Fierro. Domingo, 7 de febreiro de 2021

 

sábado, 6 de febrero de 2021

PERSPECTIVA DE FUTURO

En que mundo vivimos! Resulta que no Instituto de Educación Secundaria de Chapela, no concello de Redondela, os seus profesores teñen que impartir as clases con micros para facerse oír polos seus alumnos. O problema está no estrondo que fan os coches que circulan pola autoestrada do Atlántico, ou sexa, a famosa AP-9 (o de famosa venlle en plan negativo, claro, polo dos prezos). Polo que parece mentira que, a estas alturas, sucedan eses inconvenientes na Educación galega. Certo, se só foran eses... (Agora non veñen ó caso ós outros)


Como a construción ou a situación do instituto foi posterior á construción da AP-9, as culpas teñen que recaer por suposto sobre a Xunta de Galicia. E non vale que diga agora que Autopistas do Atlántico (Audasa), a concesionaria da mesma, lle prometera o ouro e o mouro, ou sexa, a colocación dunhas pantallas acústicas que, agora mesmo, brillan pola súa ausencia. De antemán xa se tiña que saber que o ruído produciría un inferno na concentración dos alumnos e profesores. Imaxinade ese inferno na actualidade e por culpa desta pandemia na que se recomenda ou case obriga de manter as ventás abertas de todos os colexios para a ventilación das aulas.

Para as obras realizadas por calquera administración sempre o confesei: que non hai perspectiva de futuro. Temos a proba nesas gabias que se abren unha e outra vez nas aldeas, vilas e cidades para a canalización da auga, primeiro, para a instalación da luz, despois, e seguíndolle as instalacións de teléfono, de gas e de todo o que haxa que meter por debaixo da terra. Ninguén é capaz de asumir que se pode facer todo dunha sentada, dun saque. Perspectiva de futuro (e xa que falamos de institutos), dos propios colexios que somos moi amigos de instalarlles uns tellados tan pobres que optamos polas uralitas que axiña saen voando (principalmente as da costa) ante a forza do vento. Perspectiva de futuro neses edificios administrativos que, acabados de construír, hai que modificar xa, ou ben porque se quedaron sen ventás ou ben porque non existen ramplas para as cadeiras dos discapacitados ou ben porque tal departamento tiña que ir ó norte e púxose ó sur ou ben porque tal altura só é digna para xente de curta estatura. Ou ben porque nunca se fan as cousas ben. Así de simple e de sinxelo.


Finca Fierro. Sábado, 6 de febreiro de 2021

 

viernes, 5 de febrero de 2021

MALAS INFLUENCIAS

Deixeime influír pola cor das súas flores (amarelas) e tireime ós toxos. Hai que ser un pouco ou un moito paspáns. As malas influencias son aquelas que te levan polo mal camiño ou polos pensamentos tortos. Disto acusábame moitas veces a miña propia nai: non vaias con aqueles porque tal, non te deixes guiar por estoutros porque non vaia ser o demo. As malas influencias teñen o seu tranganillo, o sei influxo. A algunhas persoas ata se lles nota o mal camiño no sorriso; se vexo a alguén co sorriso ladeado, desconfío un carallo. Moitas veces se me deixo levar polas palabras bonitas, pecho os ollos, tiro para adiante e seguro que me esnafro contra un carballo. As malas influencias están sempre ó axexo, á espreita e tras a curva ou reviravolta que menos esperas.


Malas influencias son aquelas que te tentan cando pensas nun universo enteiro. Ninguén abarcou nunca o universo! Non se pode cinguir o universo! Chega abondo con apertar, con premer un anaco de terra; desa terra que remexemos coas nosas propias mans.

Saín da toxeira todo rabuñado e coa confianza de escarmentar por un tempo. Claro que as malas influencias están sempre aí, á espera de que un bocaaberta, de que un apaiolado se fixe no seu sorriso ladeado. En principio, vou sentar á sombra dun codeso e esperar a que a rula cante e que o seu canto me traslade polos confíns do universo. Por un instante deixo de pensar nas malas influencias que me arrodean e que, por veces, creo que son moitas.


Finca Fierro. Venres, 5 de febreiro de 2021

 

jueves, 4 de febrero de 2021

MORRÍN MILES DE VECES

Si, aínda que pareza mentira, morrín miles de veces. Morrín cando estaba vivo e aquí estou. Morrín cando me negaron tres veces e, sen ser San Pedro, aquí sigo. Tamén morrín cando os versos me saían sen rima e cando os regos me saíron tortos. Morrín cando crucei o deserto cunha canoa ó lombo e cando afoguei no mar porque non sabía nadar. Morrín miles de veces pola contaminación das mimosas que me atopaba nos carreiros. Tanto cheiro amarelo marea ó máis recio. Cheguei a morrer soñando esperto e a resucitar voando cara ó ceo. Morrín cando me enfrontei ós extraterrestres que aterrarán nas Mestras e deume a vida o meu amigo alieníxena que pousara a súa nave case á beira, na Pitediña.


Morrín pola incomprensión de quen non me entende e pola indiferenza dalgúns dos que me arrodean. Pero como heroe que son, non hai quen me mate definitivamente. Sigo loitando contra o tempo e deixándome morrer cando proceda. Morrín xa tantas veces que ata chego a pensar que é bonito. Que é bonito morrer en silencio. Morrín en silencio o día que non había ruído. Morrín diante dun espello no que non me vía. Claro que agora penso que se debía ó bafo que o cubría. Morrín cruzando o túnel da ignorancia. Morrín ante un bomba nuclear e contemplando a miseria das vítimas. Morrín de amor e desconsolo. Morrín de xenreira e polas bravas. Morrín miles de veces porque miles de veces me mataron. Non obstante, sempre souben resucitar de entre os mortos e aquí sigo e seguirei dando guerra e ganando batallas. As miñas batallas.


Finca Fierro. Xoves, 4 de febreiro de 2021

 

miércoles, 3 de febrero de 2021

FRENÉTICO

No día de san Brais estou frenético. Frenético por alcanzar o universo, por alcanzar o imposible. Pero, hai algo imposible para min?, para este heroe dos tempos nos que a pandemia nos ten cun nó na gorxa? Para un servidor nada é imposible. Nin tan sequera o que non existe. Se algo non existe xa o inventarei. Estou coa ansia rabuñando na alma para alcanzar o punto neurálxico do meu soño. Ante isto, vivo frenético. Intento calmarme coa música de Ennio Morricone, pero axiña imaxino un Far West frenético, a base de pelexas e tiros e desbandadas e indios e vaqueiros. Estou frenético con ganas de leas, de marañas. Porque estou canso de ser o manso deste planeta. Non queda outra que viaxar ó espazo sideral para combater o que non se ve.


E chouto con frenesí de planeta en planeta, de cometa en cometa e de estrela en estrela. E alá, no planeta que queda no quinto inferno, ou mellor dito aínda, onde o aire dá a volta vexo nun dos seus mares a Perla Negra navegando por entre as nubes da liberdade. Póñome aínda máis frenético. Achégome rapidamente, como pirata deste mundo descoñecido, no que quero abranguer, cinguir todos eses tesouros desa carabela, que son moitos. A Perla Negra cabecea sobre esas ondas dese mar dese e, ó contemplala, souben ó momento que aí estaba o meu destino, a miña fortuna, o meu control. Pouco a pouco calmei e o meu frenesí acougou sobre a almofada do meu soño. Agora póñome frenético por esta calma que me mata. Quero guerra!


Finca Fierro. Mércores, 3 de febreiro de 2021

 

martes, 2 de febrero de 2021

O ESPECIALISTA

Ese son eu. O especialista. Especialista en contemplar os biosbardos desde Outeiro Barbeiro. Especialista en asubiar polo Uriarte, que anda a tornar as vacas no lameiro do Río Vello. Son un especialista en meter os parafusos polos buracos que non son e tamén en ler novelas baratas que non me din nada. Especialista en soñar esperto. E soño que cruzo pola ponte da Esperanza para, ó outro lado do río Arnoia, atopar a Realidade da Existencia. Si, porque non sei quen son, de onde veño nin para onde vou. Ás veces son algo así coma un cero á esquerda, pero outras son o heroe que se ergue sobre a miseria. Son especialista en seguir o voo dunha rula e en deixar caer catro versos sobre a area branca dunha praia, dunha praia calquera.


Son especialista de ver sen mirar e de tocar sen que me deixen. Especialista en escoitar a Miles Davis e en abrir a boca ante un sorriso branco, eterno e inmaculado. Especialista en perseguir ós pesadelos da conciencia para que reviren en soños de sensatez. A verdade é que sensatez teño pouco e conciencia ningunha. Cada un que asimile a súa. Son o especialista deses alieníxenas que de cando en vez aterran por entre os carballos das Mestras, na vila de Baños de Molgas. Non me custou facer de especialista cando Oliver Laxe rodou unha escena na que o protagonista se tiraba ós toxos na película titulada, precisamente, Os Biosbardos. Lembrade que son especialista en contemplar os biosbardos. Eu, se quero, son especialista en todo, ata de roubar sentimentos onde non os hai.


Finca Fierro. Martes, 2 de febreiro de 2021

 

lunes, 1 de febrero de 2021

A HISTORIA É DOS PODENTES

Na noite do 14 ó 15 de abril de 1912 fundiuse o Titanic ó chocar contra un iceberg. Na noite do 14 ó 15 de abril ese mastodonte afundiu en menos de tres horas e levou consigo para as profundidades do océano Atlántico a 1513 persoas. Bastantes desas vítimas eran ricachóns e importantes personalidades que realizaban unha viaxe de pracer.


Entre todas as noites dos dez primeiros meses de 2020, do ano pasado, o mar Mediterráneo tragou a 945 persoas inmigrantes. Negros, claro. Africanos, por suposto. Pobres, que dicir. Só en dez meses. E mirade que levamos anos co problema da inmigración.

O afundimento do Titanic deixou e aínda deixa ríos de tinta. E películas. E programas radiofónicos. E libros. Os mortos no Mediterráneo deixaron, como moito, a maldita imaxe aquela do neno kurdo Aylan Kurdi que asomou afogado a unha praia de Turquía e con tan só tres aniños de idade. Seica removeu a conciencia de Europa. Pero todo o que se remexe acaba calmando. Detrás da tempestade chega a calma.


Tanto as 1513 vítimas do Titanic coma os milleiros de inmigrantes afogados no Mediterráneo son, en definitiva, persoas. Pero iso é un dicir; xa que unhas son máis persoas que outras. Unhas encherán memorias e diarios e pantallas e libros e revistas, mentres que as outras furgarán de cando en vez nas conciencias dalgúns pamemiños que pensamos que ante estas denuncias imos arranxar o mundo. A historia é dos podentes.


Finca Fierro. Luns, 1 de febreiro de 2021