domingo, 7 de marzo de 2021

ÉXTASE

Estou en éxtase porque estou escoitando música ou porque estou a facer tempo para que empece a película noitébrega da televisión? Estou en éxtase porque quero contemplar o ceo en azul pero tan só o vexo negro. É noite pecha. Hai éxtases que deixan a un como apampado, pero non podo dicir iso, para que ninguén pense que son un pouco bocaaberta ou un moito pasmón. Case é mellor dicir que hai éxtases que me levan por entre as carballeiras da inocencia ou por entre os carreiros dos latexos.


Quedo en éxtase escoitando o jazz de John Coltrane e, por que non, o “mi carro” de Manolo Escobar. Porque ó pensar no carro tamén penso no que temos na palleira, que me leva a aqueles tempos no que o simple eixo dun carro facía un jazz eterno polas rúas de Baños de Molgas. Hai sons que, sen ser musicais, deixan a un nunha éxtase eterna e inmensa. Máis ou menos coma se flotara por entre esas nubes de algodón que non se ven arestora.

Estou en éxtase desde que sigo o ritmo cardíaco dun poema que, verso tras verso, di o que ten que dicir. Ás veces con mensaxes subliminares e outras con significados recónditos. Todo está en cada un e dependendo de como o mire, de como o lea. A éxtase é un substantivo feminino que amosa o estado de conmoción espiritual no que alguén está como fóra de si, sen consciencia do mundo sensible. Menos mal que eu estou dentro de min, porque o meu mundo si é sensible. Pero, iso si, déixome levar igual pola inercia dunha éxtase sen fin. Éxtase neste tempo que xa foi.


Finca Fierro. Domingo, 7 de marzo de 2021

 

sábado, 6 de marzo de 2021

UN ASENTO EMBLEMÁTICO

Os ianquis engánannos como queren. Principalmente coas películas. Nestas, a CIA (esa Axencia Central de Intelixencia con licenza para facer e desfacer ó seu albedrío) é coma un ser supremo que domina todo e que dobrega a todo o mundo. Non obstante, despois, á hora da verdade, non son tan farrucos. Polo menos co que respecta a Galicia. Resulta que deste país noso só saben que temos unha lingua propia (nisto, e aínda que me pese, teño que darlles un tanto ó seu favor, pois hai galegos que nin saben iso: que temos lingua propia), que temos o faro máis antigo do mundo, que polas nosas costas atlánticas asoma moita fariña e que hai unha planta de gas natural na ría de Ferrol. E xa está.


Os moi cabritos non saben do mazadoiro da burga de Baños de Molgas! Aínda estou alucinado. Con todo o que se tramou nese mazadoiro, desde guerras sen cuartel por entre as airas da vila ou polos montes da contorna, ata amores efémeros e eternos. Nese mazadoiro xuntábanse as hostes, principalmente polo luscofusco ou incluso pola noite, para estudar, debuxar e distribuír os lugares a asaltar ou conquistar. Tamén é certo que, aí, nese sitio que a espelida da CIA non ten nin idea de que existe, acontecía despois o descanso do guerreiro para, claro, contar as batalliñas de cada un. No mazadoiro da burga debatéronse leis e normas e eventos e políticas e asaltos e conspiracións que nin a propia axencia americana sería quen de descubrir. Só Deus e o propio mazadoiro saben todo o que se falou, todo o que se tramou nese asento emblemático para a vila de Baños de Molgas.


Finca Fierro. Sábado, 6 de marzo de 2021

 

O SUSTENTO DO MUNDO

Día da Muller. 8M. Vaia por diante que non quero entrar en polémicas con respecto ás manifestacións. O único que aconsello é moito sentidiño naqueles lugares nos que se leven a cabo. Levamos un ano intentando erradicar esta pandemia da covid-19 e non o estamos conseguindo. As mulleres quizais sexa o colectivo que máis dereito ten a manifestarse, pero vendo como se comportan unhas dez persoas que están nos bares ou nas súas terrazas, a verdade é que lle teño medo a centos ou a miles de seres humanos. Oxalá todo transcorra divinamente. Elas o merecen.

Non obstante, para min é moi triste que haxa un Día da Muller. É algo así coma unha alegría falsa. Loitan polos seus dereitos cando xa tiñan que telos. Algo moi semellante ás subvencións, que semella que é unha alegría recibilas, cando a realidade nos está poñendo na máis completa miseria. Se recibimos subvencións é porque non conseguimos saír adiante. Se as mulleres se manifestan é porque lles estamos quitando ó dereito á igualdade ou a todos os dereitos que lles corresponden. Que son moitos, practicamente todos. Porque onde estea unha muller... Son o sustento da familia, do mundo.


A muller que mellor coñezo é a labrega. A muller que mellor coñecemos é a nai de cada un. A miña era nai e era labrega. E segundo en moitas familias labregas, cando estas traballaban no campo, o máis normal era que, por exemplo, ás doce da mediodía a muller marchara para a casa facer o xantar. Na miña casa, que eramos catro homes e ela, a Lola non marchaba do eido ata que marcharamos os demais ou ata que acababamos de cavar a leira. Logo chegaba á casa e púñase co xantar, ó mesmo tempo que acomodaba os porcos. Certo que das vacas encargabámonos os homes. Algunha vez, por mandato matriarcal claro, era eu o que me encargaba de darlle de comer ós marráns, pero, repito, por mandato; que por iniciativa non era. Logo, mentres os demais ou tomabamos café ou durmiamos a sesta, ela seguía dálle que dálle coa casa. E non digo xa nada dos domingos, dos que ela sempre confesaba que era o seu peor día da semana... porque lle tocaba a limpeza da casa e todas as tarefas que implica a roupa

Ante todo iso, como non vou defender e admirar á muller, en xeral, e á labrega, en particular. Por iso digo que é unha falsa alegría isto de loitar polos seus dereitos. A muller tiña que ter todos os dereitos do mundo, e máis. Vai por elas.


Finca Fierro. Sábado, 6 de marzo de 2021

 

viernes, 5 de marzo de 2021

A VISITA DA CONDENADA

Di Antonio na súa canción “Poñamos que falo de Madrid” que “cando a morte me veña visitar...”, etc. A min cando a morte me veña visitar non a penso recibir cos brazos abertos. Intentarei poñela no ollo da rúa, ou o que é o mesmo, darlle nos fociños. A min non me tourea así como así. En principio, penso mirala con cara de ferreiro ou de esguello e comentarlle con palabras rudas, e se fai falta malsoantes, que siga o seu camiño, que na miña vida non se meta que eu tampouco me penso meter con ela. Son capaz de lanzarlle catro responsos pola alma de quen queira, pero a min que non me veña con lerias. Co bonita que é a vida! Aínda que ás veces sexa algo fodida.


Cando a morte me veña visitar, penso cuspirlle na cara. Xa sei que é unha porcallada, pero é para que non pense que lle temos medo. Si, o medo é libre, pero quen lle teme a esa aventureira que non é capaz de vivir soa e anda a querer compartir circunstancias ou eventos ou minutos ou ruídos ou incluso silencios ou sentimentos ou festas ou palabras cos que nos sentimos vivos e rebuldeiros.

Cando a morte me veña visitar, ó mellor igual ando de paseo pola beira dunha lagoa ou buscando cogomelos polos Castros ou soñando co desexo dun corazón que palpita ou formando unha barreira para que esa condenada non me desgracie a existencia. Non llo penso poñer nada fácil. Direille: vaite por onde viñeches e cuspireille na cara ou lle poño unha canción de Manolo Escobar. Pero, por se aquel, e antes de que a morte veña a visitarme, deixarei xa escrito un epitafio. Un calquera. Xa veremos cal.


Finca Fierro. Venres, 5 de marzo de 2021

 

jueves, 4 de marzo de 2021

QUE OFICIO TAN RARO

Lendo no libro “Quirke en San Sebastián”, de Benjamin Black, na páxina 201, e cando un personaxe entra nunha libraría, atópome co seguinte parágrafo: “Tantos libros... tantas palabras. Vai ti saber por que o farían, por que insistían, centos, miles, todos encurvados sobre papel e bolígrafo, esborranchando palabras, deténdose de cando en vez coa ollada perdida, furgando no nariz ou rañando as pelotas. Que oficio tan raro, inventar historias e esperar que a xente pagara por lelas”.


Por que escribimos? A razón máis esencial quizais sexa porque nos gustou e nos gusta ler e como todos somos algo egoístas, por que nós non podemos tamén escribir. Bebemos do que lemos e intentamos darlle outra forma, outro estilo, o noso estilo. No meu caso, e a maiores diso, tamén creo que escribo por aburrimento. Xa teño confesado que é un dos graves problemas que teño, o do aburrimento. De aí que no monte, e despois de cansarme de ler, me dedicase a xogar co Uriarte ou incluso a zorregar coa vara nas xestas e toxos con tal de matar o tempo. E como me aburría en Madrid (como funcionario que era, tiña todas as tardes libres), metíame nos cafés e dálle que dálle.

E xa posto, tamén escribía porque había que botar fóra todo o que se leva dentro. O que levas dentro, de mozo, son uns namoramentos ou uns versos que te cagas. De adulto, unhas protestas ou unha carraxe (social, política ou de todo) que hai que cuspir como sexa. Os covardes facémolo por medio das palabras. E por último, escribo... porque me gusta.


Finca Fierro. Xoves, 4 de marzo de 2021

 

miércoles, 3 de marzo de 2021

BRANCO PERFECTO

Mamede Valente Etimo subiu ó faiado e colleu a escopeta de caza. Díxolle á muller que non había volta de folla, que lle dera por alí, o de ir de caza. E Mamede Valente, O Escarranchado, falaba pouco, pero cando dicía algo, o que dicía ía á misa. Non foi á misa e marchou para o Outeiro Barbeiro, un pequeno lugar existente no monte Medo de Baños de Molgas. Alguén lle dixera que Detrás das Poulas debía haber algo, algún animal ou algo que levaba uns días deixando escapar uns bruídos que metían medo. E O Escarranchado, segundo non tiña vergonza, tampouco tiña medo. A proba é que nin tan sequera quixo levar o seu can Rañado; por se ese animal ou algo llo desgraciaba.


Cando chegou ó Outeiro Barbeiro sentou no primeiro penedo que atopou e axexou cara á Detrás das Poulas. Non levaría nin media hora (que va!, a proba é que aínda só había unha cabicha de cigarro xunto ós seus pés, cando Mamede Velente é deses que acenden un pito no outro) cando escoitou el tamén o bruído. Axiña o viu. Era un bicho inmenso que nin el mesmo coñecía. Tan grande que o deixou coa boca tan aberta que o novo cigarro que tiña nos beizos caeulle sobre o seu peito peludo. Cheirou a chamuscado. Pero deulle igual. Colleu a escopeta. Apuntou. O branco era perfecto. Xusto cando ía apertar o gatillo, aquel bicho enorme mirouno e botou coma lume polos ollos. O Escarranchado, sen pensalo máis, deulle sebo ós pés. Cando chegou á casa díxolle á súa dona que non vira nada, que a xente falaba por falar.


Finca Fierro. Mércores, 3 de marzo de 2021

 

lunes, 1 de marzo de 2021

ACURRALADO

Estou acurralado e non son John Rambo, nin tan sequera me sinto como Sylvester Stallone. Estou acurralado polos pensamentos que me queren facer algunha que outra falcatruada. Non me deixo. Quero ser o heroe da aira do Pombal. Así é que asento debaixo dun canastro para ver se o inimigo pasa sen caer na conta de que ando por alí. Ó mesmo tempo, tampouco deixo que me acurralen os pesadelos. Estes xa se sabe que son horribles. Aínda que hai xente que os confunde cos soños. Que va! Os soños son bonitos, moi bonitos. Os que son fodidos son os pesadelos. Chisco os ollos moitas veces seguidas para que non me venza o sono, para que non se apoderen de min eses pesadelos. Síntome acurralado polo tempo que quere vir. Eu ben sei que coma o pasado non hai. O presente xa non é, pois mentres pensas nel xa se volveu pasado.


Acurralado ando por estes latexos que non me deixan en paz. Nin os do corazón nin os do desexo. Hai moitas cousas que latexan. A vida latexa. O sexo latexa. A nugalla latexa. A carraxe latexa. Os versos latexan. O amor latexa. A felicidade latexa. E cando un está e se sente acurralado, todo latexa. Os nervios son os que máis latexan. Sigo chiscando os ollos moi a miúdo e aperto os puños con forza (con tanta forza que semella que me queren rebentar as veas), para recuar deses medos que se me queren meter dentro. A min!, que son o heroe da aira do Pombal. Con rabia póñome en pé. Agora si me sinto John Rambo e aínda que non teña nada que ver con Sylvester Stallone. Deixo de estar acurralado polos meus medos.


Finca Fierro. Luns, 1 de marzo de 2021