martes, 6 de abril de 2021

FENÓMENO

Desde sempre, desde que nacín, desde que o mundo é mundo son un fenómeno. Corro, corro e nunca chego. Son coma o pan centeo, que corre e corre e nunca encobre. Consigo bailar sobre o índice da man dereita e sentarme no furabolos da esquerda. Son o fenómeno que perseguiu, acosou e derrotou ó Rambo que andaba solto polo monte Medo. No monte de Pinouzos faría aterrar ó Falcón Milenario naqueles tempos de cando Ronald Reagan empezou coa esperpento da guerra das galaxias.

Son o fenómeno que un día me tirei desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas, a uns trinta metros de altura, e non me pasou nada. É máis, cheguei abaixo en cámara lenta, ó ralentí, coma se fose o mesmo Supermán cando volve do planeta Krypton. Algún ata pode pensar que me quería suicidar. Que va; tan só quería probar que se sentía. Sentín o aire sobre a miña pel, sentín como se me abrían os ollos, sentín algo de medo, pero sobrepúxenme a unha futura desgraza e, xa digo, aterrei coma un santo. Son un fenómeno!


Unha tarde de agosto tamén me tirei ó mar sen saber nadar, e non vai un puto delfín que me levou correndo e con alegría ata a praia. E tampouco me quería suicidar, pero pensaba que, por min mesmo, era capaz de volver á orela. Sigo sen sabelo por culpa dese maldito delfín. En principio, seguirei bailando sobre un dedo e contemplando o correr do pan centeo. Son ese fenómeno que digo que estou aínda que non estea, ou que vou aínda que non vaia. Por en canto, quedo quieto.


Finca Fierro. Martes, 6 de abril de 2021

 

lunes, 5 de abril de 2021

O BOSQUE

Por unha vez, e sen que sirva de precedente, non me deteño na terraza dunha cafetaría a tomar café e deixo que os pasos me leven ata o bosque que hai xusto un pouco antes de chegar a esa lagoa chea de ilusións que están aí precisamente para que goce con todos os anhelos que me ofrece esa ansia que me escaravella por dentro. Cando chego ó bosque o primeiro que noto é a humidade que reina dentro del. O bosque cheira a húmido. E nel sei que aniña o desexo dese animal que levamos dentro. A espesura do bosque abriga eses versos que se escribiron en silencio e que saen espallados dos recantos da memoria. A espesura dá calor. O bosque está moi quente e o desexo do animal ferve.


Sento ó lado dun carballo vello, contemplo o voar das bolboretas e escoito as melodías das rulas. O cheiro a humidade empeza a ser agradable; ten o seu aquel que penetra con gusto e con ansia nas entrañas, na miña intimidade. Cando canso de estar sentado boto a correr por entre a maraña de flores e plantas e herbas e toxos e xestas e árbores ata que a ansiedade pouco a pouco acouga nos suspiros do tempo, do meu tempo. Os meus saloucos.

O bosque envolve as miñas aspiracións, o meu afán e enreda nas circunstancias que me levaron a el e non a unha terraza. Na escuridade hai luz divina e na humidade esvara o aparato reprodutor das ansiedades que levan secas desde hai moito tempo. O bosque é o colchón no que me tumbo para soñar que non todo é deserto nesta existencia calada; que o tempo, cando corre, ás veces, faino para ben. Pecho os ollos e espállome polo bosque da salvación, da miña salvación.


Cafetaría La Carabela da Valenzá. Luns, 5 de abril de 2021

 

domingo, 4 de abril de 2021

JOHNNY COLLEU O SEU FUSIL

Si, hai unha película, unha marabillosa película que se titula así, pero tamén hai un Johnny na vila de Baños de Molgas. Porque, por veces, sempre hai alguén que quere espallar máis o seu entorno ou simplemente porque quere chamar a atención. Menos mal que o tal Johnny é fillo da Parrocha e do Albardas, que xa semellan moito máis enxebres. Digo que Johnny colleu o seu fusil, aquel que tiña colgado no faiado desde hai moitos anos. Pois Johnny, nun principio, máis ben cando era rapaz, gustáballe cazar ras, e segundo os seus amigos as collían coas mans ou a base de vareazos, el aproveitaba o fusil que trouxera o seu pai da guerra e simulaba que lles disparaba, pero na realidade, matábaas a culatazos. Non podía disparar porque non tiña balas, claro.


Digo que Johnny colleu o seu fusil e marchou correndo para a Lagoa de Almoite, lugar no que había ras a darlle cun sacho, aínda que el, como dixemos, lles daba coa culata. Cando ía xusto no alto da Chaira, asomou por alí a parella da garda civil. O encontro era inevitable. Johnny descolgou o fusil do ombreiro e os gardas botaran as mans ás súas cartucheiras. Un gandeiro, o fillo da Carracha, que andaba por alí con tres vacas e un burro puxo un CD de Ennio Morricone. A simulación da morte tiña un prezo palpábase no aire.

E xusto a uns cinco pasos de cruzarse, alguén espertou do seu soño (quizais o fogar de Breogán, non sei) e, alí, no alto da Chaira, tan só había corvos que andaban á prea das ras que deixaban os rapaces logo de cortarlles as patas para asalas e comelas. Johnny estaba na casa mirando para o fusil.


Finca Fierro. Domingo, 4 de abril de 2021

 

sábado, 3 de abril de 2021

A NUBE GRIS

Corrín baixo a protección dunha nube que, pola contra, me perseguía. E corría en silencio. Tan só os meus pés facían algo de ruído. Pouco; porque intentaba amortecer os saltos. Cando quero sei correr ben e sen facer moito ruído. Como tamén sei mirar de esguello á nube. Gababa a súa protección, pero xa me amolaba ben o de que non me deixase nin a sol nin a sombra. Claro que, ela mesma, cubríame do sol e dábame sombra. Por certo, a nube nin era branca, nin era moi negra; quedemos entón en que era gris.


Corrín uns metros baixo a protección dun túnel, e foi aí onde, efectivamente, deixei de ver a nube gris. Quedaramos en que era gris, non si? Non a captando, non sabendo dela detiven a miña carreira para elucubrar sobre algunha opcións para cando saíse do túnel: desaparecería a nube gris?, quedaría atrás?, desprazaríase moito para a parte esquerda?, para a dereita? Seguín esperando para darlle opción á propia nube de que fixera algo, de que actuase por si soa.

Tan só foron uns minutos os que estiven parado por debaixo do túnel. E sabedes por que? Porque xa botaba de menos á maldita nube gris! Perseguíame, pero sabía que me facía compañía. E a compañía en soidade sempre se agradece. Así é que saín do túnel e, mesmamente, alí seguía, xusto por enriba de min. Xa non a mirei de esguello; fíxeno de fronte e díxenlle: imos alá. E seguín correndo baixo a súa protección.


Café Sports Century da Valenzá. Venres, 2 de abril de 2021

 

viernes, 2 de abril de 2021

A BENDICIÓN DA PASCUA

Din que o prometido é débeda. A semana pasada prometín que falaría do domingo de Pascua e como non lle quero deber nada a ninguén, alá vou cumprir esa promesa. En principio, o domingo de Pascua, para un rapaz, era quizais, despois dos Reis (para aqueles que tiñan Reis, claro), o mellor día de todo o ano, porque se entendía que recibiría a pascua dos padriños. Eu recibía a pascua tan só da madriña porque o padriño atopábase no País Vasco e, claro, naqueles tempos non ía mandar por correo os agasallos. A miña pascua era pobre porque a madriña era pobre e un servidor era pobre. Non obstante, entendo que a Delfina, e sendo pobre, bastante esforzo tivo que facer para que eu recibise uns anos uns calzóns, outros anos unha barra de pan trigo (que era unha auténtica riqueza), outros anos máis uns panos ou uns pares de calcetíns. Algunha libra de chocolate sería xa un ano extraordinario.

Pero si, o que prometera o luns pasado era falar do espolio que levaba a cabo a Igrexa ese día e coa escusa de bendicir as casas. Todos os anos e como se dun ano para outro as casas pecaran ou blasfemaran, había que bendicilas. E se as casas non pecaban sempre quedaba a opción de que aniñasen nelas os espíritos malignos (que en algunha poida que si os houbese). Para facer tal bendición, o señor crego tiña que ver sobre a mesa do comedor, do salón ou da sala unha cestiña con media ducia de ovos, polo menos. Aquí é onde quería chegar eu, a esa media ducia de ovos (ou se o ano era bo, unha ducia incluso), e xa non lembro se se lle puña algunha outra cousa máis, que penso que si; creo que ata cartos se puñan naquela cesta.


Moitas familias labregas, como a miña, case se pode dicir que vivían, mellor dito, que subsistían grazas ás vendas dos ovos das pitas, do leite dunha ou dúas vacas (que araban e tiraban dos carros, polo que non daban moita leite que digamos), dalgúns porquiños que criabas e dun ou dous becerros ó ano e se é que o preñazo das vacas seguía o seu curso, que ás veces non guiaban ben e se acadabas un becerro ó ano xa era unha lotería. Pois ben, o domingo de Pascua chegaba a Igrexa ás nosas casas a roubarnos (esta palabra está moi ben dita) parte da subsistencia. Así ano tras ano porque en doce meses, algún día, tivo que entrar o espírito maligno nesas casas. E había que erradicar ese bicho pecaminoso a base de ovos e cartos e o que cadrase. Que todo fose para o ben da Igrexa.


Finca Fierro. Venres, 2 de abril de 2021

 

AS BLASFEMIAS

Cada país é un mundo e as súas leis, ás veces, chocan coas conciencias de moitos. Italia tipifica no seu código penal as blasfemias. A verdade é que tampouco nos deberiamos de asombrar tanto, pois non hai moitas décadas que en España, non sei se estaban tipificadas, pero si sei que eran practicamente pecado mortal. Ata por veces, se as soltabas diante de certas autoridades, podías levar unha hostia ou máis que unha labazada.

O outro día sancionaron a Gianluigi Buffon cun partido de suspensión e 5.000 euros de multa por blasfemar. Aquel que non coñeza a Buffon podo aclararlle que quizais hoxe sexa a maior institución italiana e que, por referencias que teño, seica é unha marabillosa persoa. E, por suposto, o porteiro eterno do fútbol mundial. O de eterno vai polos seus 43 anos e aí segue.


Eu son unha marabillosa persoa (que vou dicir...) e boto pecados coma un leviatán. Porque o pecado, a blasfemia é esa carraxe que se leva dentro e que hai que expulsar se non queremos que nos corroa por dentro. A blasfemia é o método que substitúe á violencia. No mundo do fútbol, ante unha forte entrada ou ante unha mala decisión arbitral é normal que se blasfeme. É máis, é bo que se blasfeme porque, se non se fai, córrese o risco de saltarlle na aña ó contrario ou ó árbitro.

Cando eu andaba coas vacas e ante certo comportamento destas, só tiña dúas opcións: ou lles daba unha malleira ou me cagaba en todo o que se había que cagar. A blasfemia ou o pecado é liberación. As labazadas ou as malleiras son violencia.


Café A Pedreira da Valenzá. Xoves, 1 de abril de 2021

 

jueves, 1 de abril de 2021

TARDE PRIMAVERAL

Tarde primaveral. Con aire. Con sol. Este, ás veces, esfúmase, escóndese, acóchase baixo a explosión do pole dos piñeiros. Pon todo perdido. Tanto que acabo de abrir o caderno e cando apoio a man para escribir xa noto o po rabuñando na pel. Tarde primaveral na que saco un chisco o bozo, a mascariña, a carantoña que aínda nos obrigan a levar para tomar o café. Que está moi rico, por certo. Tan rico que é coma o gozo que te leva á éxtase ou coma o desexo que te levo ó gozo e á éxtase. Máis ou menos.


Tarde primaveral na que vexo como a rula se achega ata o niño e alí está o seu amigo para darlle abrigo. Os animais son como as persoas cando se achegan a quen lle rouban os sentidos. Os animais transforman un instante nunha eternidade, o tempo nun suspiro, a distancia nunha meta e corren ou voan ou se arrastran ou reptan para alcanzar a gloria. E xemen coma os humanos.

Tarde primaveral con aire e sol e polen e música e gozo e abafo. Abafo ou agonía pola impotencia de non saber realizarme como animal. Teño moito que aprender deles. Tamén aprendo das conversas entre o sentimento e un pensamento, ou viceversa; dos encontros entre unha fantasía e unha realidade, dun concerto entre o silencio e o ruído, e dunha solicitude na que hai que marcar un si ou un non ou un quizais. Non sempre sei actuar de fixo.

Tarde primaveral na que o pole dos piñeiros pon todo perdido e na que o aire, este aire quente, africano, leva estas pingas de orballo ó xardín das delicias ou ás pradeiras das alegrías.


Café Kibu da Valenzá. Mércores, 31 de marzo de 2021