viernes, 7 de mayo de 2021

O BURRO MANSO

Corrín detrás da conciencia dun burro manso, pero, o maldito, nin tiña conciencia nin era manso. Choutaba todos os valados que se lle puñan por diante. Non tardei en perdelo de vista. Fun mirar por se se metera na lagoa de Almoite, pero nada. Achegueime ata os lameiros de Disoutrolado e tampouco o vin; nin tan sequera notei a súa presencia, pois non había ningunha pegada del nos camiños. “Mentres non se marche para San Pedro da Mezquita”, déuseme por pensar. Despois ata eu quedei asombrado do meu propio pensamento. Que se lle perde en San Pedro da Mezquita?, coa distancia a que está de Baños de Molgas! Ó mellor igual foi porque, camiño dos Poulos, buscando no burro manso que non era tan manso, tiven coma un flash da fermosa igrexa desa localidade da Merca.


Que me estou desviando da conciencia do burro manso. Máis seguro que tanto a conciencia del como el mesmo pillaran camiño do muíño do Dositeo, alá moi cerquiña da ponte das Cepas. Ese burro manso sabía que no muíño había unha burra que tamén era mansa, quizais demasiado mansa. Non obstante, aínda confiei un pouco que non marchara para alá, que igual andaba por entre as matogueiras de Barricobos. Eu, por se aquel, sentei á sombra duns amieiros que había á beira da presa da Porfía e esperei. Esperei a que chegara a noite para tanguer as vacas e a ver que pasaba. A ver se o burro tiña ou non tiña conciencia e se era ou non era manso.


Café A Pedreira. A Valenzá. Venres, 7 de maio de 2021

 

miércoles, 5 de mayo de 2021

O FUNCIONARIO LABREGO

Son más rápido que Billy O Neno. O pistoleiro Billy O Neno era o máis rápido do Oeste e este paisa que escribe é o máis rápido do Ribeiro. En menos dunha hora cavei ou sachei as patacas. E non foi nunha hora calquera, senón nesa na que a canícula aplanaba e, hoxe, que estaba de tormenta, queimaba: das dúas ás tres da tarde; minuto arriba, minuto abaixo. Caveinas a peito descuberto, claro. Polo que nunca necesitei praia para poñerme moreno, negro ou coma un pote.


A verdade é que sempre me sentín labrego. Por enriba incluso da miña profesión oficial: a de funcionario. Porque sendo funcionario sempre traballei nos eidos, sempre fun labrego. Lembro, por exemplo, naquelas vacacións de verán que tiña como funcionario nos anos 80, que cando chegaba de Madrid a Baños de Molgas no expreso ás seis da mañá e sabendo que nunha hora había que levantarse da cama para ir segar a herba, xa nin intentaba deitarme. Logo dos típicos saúdos cos pais, collía a gadaña e marchaba, sen durmir, para Os Lamas ou para a parcela do Medo ou para o Río Vello.

Sendo funcionario, nos anos 2000, traballei unha viña de case unha hectárea pola zona do Ribeiro que me daba máis traballo que todas as leiras xuntas de Baños de Molgas. A iso, aínda que se lle chama viticultura, para min sempre entrou dentro da rama labrega. E sendo xa funcionario xubilado, sigo sendo labrego porque non me custa nada coller unha fouce ou unha eixada ou un sacho e fundir os riles nunha labranza, quizais miserable, pero bonita.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 5 de maio de 2021

 

martes, 4 de mayo de 2021

MELLOR DAR QUE PEDIR

Deixei de pedirlle peras ó carballo porque nunca me deu ningunha. Xa mo dicía sempre a miña nai: é mellor dar que pedir. A verdade é que miña nai sempre me soltou observacións con sentido, con moito sentidiño. O outro día xa contei que me dicía que eu non sabía cantar. E tiña razón; non sei cantar. Tamén me dicía de cativo: bícame no cu, que teño paxariños. Isto debíase a que eu a desafiaba moitas veces a botar unha carreira. Ela deixábame ir uns metros por diante, pero cando lle apetecía iniciaba un esprinte, pasábame a dianteira e, ale, “bícame no cu, que teño paxariños”.


Mellor dar que pedir. Case me dan ganas de darlle uns bos golpes de machada (ó carballo) antes de pedirlle nada. Máis seguro que sexa fallo meu, o de pedirlle peras. Claro que tamén se dixo que por pedir que non quede ou o que non chora non mama. O malo do asunto é que, tamén, a maioría das veces, pido cousas imposibles. Quizais por aquilo de que penso que os soños son tan bonitos que soño, soño e soño e, claro, despois levo a labazada.

Si, definitivamente, é moito mellor dar que pedir. Eu regalo palabras de orballo a esgalla e versos soltos que axiña forman un poema. Tamén sei espallar asubíos por entre a néboa das carballeiras e luces ou estrelas nas noites máis pechas. Dou todo aquilo que queirades que dea, e sen recibir nada a cambio. Pois tampouco quero que, despois, alguén mo bote en cara. E, ademais, por nada do mundo quero decepcionar a miña nai.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 4 de maio de 2021

 

lunes, 3 de mayo de 2021

Ó QUINTO DÍA

Despois de catro días de silencio, falei. Ó quinto día falei. E non dixen nada, non digo nada. Que vou dicir. Se falo, todo se sabe. E algúns, cando saben, queren saber máis e máis. Non estou para perderme en explicacións. Facer como fago cando me preguntan un que tal? Sempre digo ben aínda que estea mal. Se digo mal, todos queren saber; quizais de boa fe, pero... para que matarlles as cabezas cos meus males?, para que matarme eu soltando xustificacións? Estou ben, e punto.


Ó quinto día non dixen nada para non alarmar a ninguén. A ver, se despois de catro días completamente mudo, se digo algo no quinto, sería para aclarar esa mudez, ese silencio, esa pausa no tempo. Ás veces é un calvario dar explicacións, cando quizais non as entenda ninguén. Como o de peor o remedio que a enfermidade. Así é que... en boca cerrada non entran moscas. Nin abellóns.

Tamén é triste non saber dicir nada ó quinto día. Pero, de que vou falar? Do ruxerruxe que hai por entre as carballeiras da conciencia? Os ruxerruxes só son ruído. Da nube branca que pasa e que axiña se volve negra? Normal, estamos no tempo no que as treboadas van e veñen, aparecen e desaparecen. Dun sorriso branco, inmaculado e grande que asoma por un balcón? Para que? Para que se desboquen os latexos dun soño, ou de varios soños?

Ó quinto día falei, pero non dixen nada. Que é o mesmo como non falar. Non me importa seguir en silencio. En silencio é como mellor penso.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 3 de maio de 2021

 

domingo, 2 de mayo de 2021

COMO GALO SEN CABEZA

Hai sol. Hai nubes brancas e negras. Vai aire. O tempo está algo revolto, como turbio ou chafalleiro. A música de Mike Oldfield soségame. Pasan os coches e as motos. Pasan incluso monopatíns. Eu, sentado nunha terraza. Saco o bozo ou mascariña para tomar o café. Sobre a mesa: un móbil, un caderno, uns anteollos e os utensilios propios do café, ou sexa, platiño, cunca e papel de azucre. Xente que pasa. Xente que está sentada. Xente que mira. Xente que fala. Xente viva. Poño de novo o bozo; para non contaminar, para que non me transmitan o bicho.


Que fai o silencio cando hai ruído? Queda en silencio! Que fai a noite cando asoma o día? Aparece a aurora! Que fan mil indios debaixo dunha verza? Esperan ó cabalo de ferro para asaltalo! Ou ó mellor escóndense do Rostro Pálido. Que fai aquel que corre sen saber para onde ou que escribe sen saber que? Que é como galo sen cabeza! Que fai a soidade cando rabuña na alma? Pois rabuña e rabuña e rabuña! Quen canta o tema musical que só é instrumental? Aquel que o asubía!

Quen vai? Quen vén? Se todo é soidade e silencio. Nin tan sequera as nubes se moven. Nin as brancas nin as negras. Só os temas musicais se desprazan por entre os regos do silencio para, así, sementar algo de ruído. Agora que cada quen remexe ou espalle a súa conciencia. Se é que a teñen. Se é que a senten. E xa vai a tarde do domingo camiño da noite pecha, na que, seguro!, se atopará co silencio. E tamén coa soidade bailando un valse baixo as estrelas.


Café A Pedreira. A Valenzá. Domingo, 2 de maio de 2021

 

sábado, 1 de mayo de 2021

UN FONDO FILOSÓFICO?

Non sei como saír da situación. Hai uns días déuseme por deixar caer sobre un papel en branco nada máis que catro palabras. Catro palabras xustas que levantaron tal poeira que, xa digo, empezo a ser prisioneiro delas. Chamáronme para conferencias, parladoiros, radios e televisións. Nunca me vira noutra. E eu coa timidez aniñando en todo o meu ser. Xa estou canso de aturar a periodistas que non son tal, canso de vivir en habitacións de hoteis que non coñezo e canso de coller avións que, por veces, non sei a onde me levan. Por catro pobres palabras.


Non Sei Quen Son. Esas son as palabras que deixei caer dun bolígrafo con tinta azul. E o caso é que estivera a piques de escribir Son O Fillo Da Lola. Que serían cinco; pero nesas pensara. Tan só ó chegar coa punta do bolígrafo ó papel en branco escribín Non Sei Quen Son. Maldito o momento! Axiña me vin e me sentín desbordado polos acontecementos. Que se de verdade non sabía quen era. Que se sabía de onde procedía. Que se sabía o que andaba a buscar. E así preguntas desas parvas que os interlocutores querían acochar baixo un prisma filosófico: que somos, a onde imos, de onde vimos. Trapalladas ou caralladas!, como diría aquel.

Por catro palabras teño que pensar agora moi profundamente como podo saír desta argallada, desta maraña. A non ser que diga o que xa dixen para cortar de raíz o malentendido deses que pensan que hai un fondo filosófico no de Non Sei Quen Son. Pois nin filosofía nin gaitas!; Son O Fillo Da Lola Da Amparo. E punto!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 1 de maio de 2021

 

XARDÍN FUTBOLÍSTICO

Marchou o abril, o mes das augas mil e entrou o maio, o mes das flores. De rapaz oín sempre que tamén era o mes das burras saídas. Pero aínda que o sexa, agora a verdade é que quedan poucas. Quedemos logo co mes das flores. E por fin floreceu o Celta, que a catro partidos da conclusión da Liga xa está salvado da baixar á segunda división. A verdade é que, por fin, respiro a gusto, deixo escapar esa tensión que tiña acumulada desde hai máis dun par de anos. O condenado canto nos fixo sufrir. Agora floreceu baixo a batuta do arxentino Eduardo Coudet, o Chacho Coudet e grazas, como non, a eses pétalos de flor de Iago Aspas, Brais Méndez, Denis Suárez, Santi Mina e Renato Tapia, entre outros. A categoría destes é ben coñecida, pero... Pero algo aí fallaba. Dixen sempre que o Celta tiña equipo para estar entre os sete ou oito primeiros, incluso o ano pasado, que foi cando máis estivo coa corda ó pescozo. Confío en que, agora, xa máis tranquilos, volva xurdir aquel Celta da afouteza, aquel Celta europeo que nos facía cantar a Rianxeira.


No mes de maio tamén florece, loado sexa deus!, a propia Liga española de fútbol. Din que desde 1984, desde hai case 40 anos, non había unha loita tan encarnizada para que un, dos catro equipos que están na liorta, se leve o gato a auga. E uso esa exclamación porque xa está ben que sexan os dous de sempre (Madrid e Barcelona) os que cheguen aí ó final. Recordo cando a levara o Atlético de Madrid que tamén me emocionara; e iso que, polo antimadridismo, debería ir co Barcelona. Pero os bipartidismos cansan. Polo que é unha gozada ver como outro “inesperado” se alza co torneo. E se imos máis alá do bipartidismo, o Atlético sería o seguinte que tamén cansaría por estar aí arriba practicamente todos os anos. Así é que, como comprenderedes, nestes santos momentos son máis que nunca do Sevilla. Oxalá este equipiño (o de equipiño vai con cariño, pois a realidade é que o conxunto andaluz ten algo máis que un equipo, e un gran adestrador) consiga amargarlle a festa ós dous ricos e ó terceiro de sempre do fútbol español.


No mes de maio florecen as flores e tamén florece o fútbol. Porque a política, sinceramente, está máis podre ca nunca. Viuse moi ben nesta campaña esperpéntica ás eleccións madrileñas. Así é que: viva o fútbol!; no que só había dúas rosas e, este ano, con catro xa se pode formar un xardín.


Finca Fierro. Sábado, 1 de maio de 2021