lunes, 7 de junio de 2021

A PEITO ABERTO

Algúns mófanse de min porque vou pola vida a peito aberto e ensinando o pobre esqueleto. E digo eu: que máis dá ensinar a osamenta, a carcasa ou a pel xa engurrada dunha idade que avanza e avanza coma o tren que se perde no horizonte. Nada permanece. Nada é eterno. E aínda que eu sexa inmortal, a idade deixarame coma unha uva pasa. Algúns búrlanse de min porque digo sempre o que quero dicir e aínda que eu non entenda nada. Non é nada fácil explicar o inexplicable, nin desatar o atado. Tamén por veces esbardallo tan só para encher espazo ou porque simplemente me gusta baduar, latricar.


A ver; por que non teño dereito a ser parella de feito dun colibrí? Teño dereito a voar cara á adiante e cara á atrás! Dereito a avanzar e retroceder, a sentar e choutar, a dicir e calar, a berrar e quedar mudo, en silencio. Teño dereito a berrar co peito aberto! E agora o que queira burlarse que o faga, que eu serei feliz facendo un dúo de canto co colibrí.

Algúns míranme de mala maneira porque sento á sombra dos balcóns ou porque deixo que o corazón acougue nos niños das rulas. Tamén porque vou pola vida cun sorriso aberto, aínda que ás agachadas deixe que me asome certa cara de ferreiro. Non obstante sei que, co tempo, se me levantará un monumento coa camisa aberta, para que todos saiban que nunca tiven medo. A miña esencia está en ir sempre a peito aberto.


Café Kibu. A Valenzá. Luns, 7 de xuño de 2021

 

domingo, 6 de junio de 2021

O CASTRO DE SANTA LUCÍA

Nada nos mete medo. Nin a canícula que caía ás dúas da tarde. Foi a esa hora, logo de xantar, cando a muller e máis eu optamos por facerlle unha visita ó Castro de Santa Lucía, alá na parroquia de Astariz, no concello de Castrelo de Miño. Menos mal que se nos deu por ir pola estrada de Reza e non pola autovía. Pola OU-402 case dá gusto; todo ó longo do Miño e baixo continuas sombras.


Logo de subir de Freás con dirección a Macendo, axiña nos atopamos coa aldea de A Cancela. Alí xa vimos o letreiro que anunciaba o castro e, xusto en fronte do cartel, un pequeno aparcadoiro para catro ou cinco coches. A aquelas horas, claro, estaba completamente libre. Deixamos o Pancracio ó sol e nos collemos camiño da fortificación galaico-romana por unha carreira de carros e baixo uns piñeiros que botaban máis calor aínda que a propia canícula. O percorrido menos mal que é curto: uns mil cen metros.

Cando chegamos, máis que o castro en si (por certo, alí aínda queda moito traballo por facer), o que nos deixou alucinados foron os inmensos penedos existentes na fortificación. Desde o 21 de maio de 1988 (hai 33 anos), que visitara a Cidade Encantada, en Cuenca, nunca volvera ver unhas moles tan impresionantes, tan enormes. Logo das correspondentes fotos, a baixada fíxose máis lixeira e os bufidos, iso si, saíron das nosas entrañas ante a calor que botaba o Pancracio. Menos mal que estivera pouco tempo ó sol.


Café Kibu. A Valenzá. Domingo, 6 de xuño de 2021

 

sábado, 5 de junio de 2021

DÚAS PENAS

Non vale predicar, porque cada vez que o facemos é coma se o fixeramos no deserto. Non temos sentidiño ningún e non asimilamos o que nos pode acontecer ata que nos acontece. Cando isto sucede é sempre tarde, polo que despois, claro, botamos as mans á cabeza. Sempre botamos as mans á cabeza moi tarde. Falo do terrible accidente acaecido no concello de Caldas de Reis. Tres rapaces de 18, 19 e 24 anos faleceron a causa do impacto dun camión, ó non respectar, supostamente, un stop. Logo, para máis carallos, quen conducía (o rapaz de 19 anos) non tiña carné. O normal sería dicir: que pouca responsabilidade a do mozo de 24 (que era o dono do vehículo) por deixar conducir a un sen carné, aínda que nunha consulta que realicei sobre tal accidente descubrín que parece que hai xente que non se explica “como o mozo de 24 anos tiña o coche ó seu nome, dado que presentaba dificultades intelectuais graves”. Entón, se isto é así, as responsabilidades xa van moito máis alá dos suxeitos que ían no coche, que, quéirase ou non, aínda se pode dicir que eran uns rapaces, e estes xa sabemos que, ás veces, as súas cabeciñas escapan pola estrema. Así e todo, con culpables e sen culpables, a noticia é horrible. Alá foron tres mozos que, aínda sendo algo irresponsables, tiñan toda unha vida por diante para adaptar ou axustar a súa personalidade. Unha pena.


Pena tamén me dá a min o proceder de LaLiga. Resulta que lle acaba de comunicar ó Amorebieta, un equipiño de fútbol de Biscaia, que o seu campo de Urritxe non é apto para disputar os seus partidos na segunda división. LaLiga pensa que todos os clubs teñen o poderío económico dos grandes. Isto demostra que pasa o de sempre: ó que ten o poder, máis se lle dá. Ou sexa, que eses equipiños modestos que se tiran toda unha tempada arrastrándose por campos de terra incluso, sen practicamente soldos e indo a xogar ó mellor despois dun traballo de oito ou quince horas; a eses equipiños, a ese xente négaselles agora o pan que tanto lles custou acadar; simplemente porque no seu campo non vaia ser que un xogador xa de certa categoría esnafre unha perna ou torza un nocello. Por que o pequeno sempre se ten que adaptar ó grande? Por que este non pode rebaixarse á categoría do pequeno? Agora tócalle ó Amorebieta pedirlle esmola a outros equipos vascos para que lles deixen un campo con garantías, para que non se manquen os señoritos.



Finca Fierro. Sábado, 5 de xuño de 2021

 

viernes, 4 de junio de 2021

REVOLVER

O aire é fresco. O sol queima. O tempo anda revolto. Como revoltas van as augas do río Arnoia cando caen desde a presa da Porfía. O revólver asimílase ó far west ianqui, e dispara balas que matan. Revolver a herba era un dos traballos máis pesados na agricultura minifundista, e non polo esforzo físico, senón pola monotonía do mesmo. Voltas e máis voltas para que a herba secase polo outro lado, ou pola tarde de abaixo, que é o mesmo. A verdade é que a sega da herba seca era un traballo ben escravo, que se desenvolvía en varias fases ou pasos. Describilos aquí sería resumilos moi moito, polo que se me acaba de ocorrer o facelo outro día nun relato máis longo, máis extenso.


Revolver tamén se revolve o estómago. Ás veces porque, ó comer, algo senta mal. Outras veces, e sen ser comida, tamén hai algo que senta tan mal que, a parte de revolverse o estómago, fórmase tal no no mesmo que chega un momento no que asemella que un se afoga, que se morre incluso. Un susto, un medo, un tropezo, un desgusto, unha apurada... O estómago, nese caso, é coma se fora o corazón ou a propia mente.

Incluso se poden revolver as follas dun libro, as follas dos castiñeiros, o pelo dunha muller cando quere sentir o aire desde o alto dun outeiro, a s aia desa mesma muller e os beizos dun sorriso pícaro de quen a contempla. Por revolver ata se revolve o revólver de quen o manexa. Esa arma oxalá se quede sempre quieta. Se saen balas dela, seguro que se me revolven as tripas ou as entrañas ou o sangue.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 3 de xuño de 2021

Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 4 de xuño de 2021

 

miércoles, 2 de junio de 2021

A VIDA É ISO

Case sempre digo que a vida é unha bágoa e dous sorrisos. Menos mal que uso ese case. Porque a verdade é que a vida é algo máis. É, por exemplo, coma un asubío no medio dunha canción e quedar coma se un fora Ennio Morricone. A vida é contemplar o universo desde a terraza dun café, ou estar de paspán esperando que todo cambie cando se sabe que nada cambiará. A vida é mirar sen ver e quedar en silencio. Ás veces tamén é ese proído que se ten nas partes baixas e non queda outra que rañar o desexo de tantas ansias. A vida é ese lóstrego que brilla e ese trono que estoura, como tamén é a calma logo da tormenta. A bágoa é esa que se solta, que se deixa caer porque, algunha que outra vez, hai moito ruído, demasiado ruído. Os sorrisos son por ti e por min, por aquel e polo de máis alá; porque a vida é un camiñar, curto ou longo, pero, se o intentamos, simple e sinxelo.


Escribir diante dunha cunca de café é vivir. Escoitar temas musicais a moreas é vivir. Saber que ó pasar a curva segue o camiño, é vivir. A vida é botar pasos para adiante e aínda que de cando en cando haxa que botar algún cara atrás; a meta sempre estará ó final. A vida é coma o equilibrio sobre o raíl da felicidade. Agora cada quen que lle busque tres pés ó gato para saber se a vida é un ir e vir para, á fin, quedar quietos. A vida é facer unha finta no medio e medio do atallo para non pisar e esmagar a lagartiña que está a tomar o sol. Tamén ela ten a súa vida e merece vivila. A vida é iso: vivir. Vivamos.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 2 de xuño de 2021

 

martes, 1 de junio de 2021

AS XUNCAS

Ou ben a memoria é traidora ou ben o alzhéimer empeza a cabalgar polo arco da vella das miñas neuronas. Resulta que botei case dous días para saber que as xuncas se chaman xuncas. O caso é que de rapaz sempre me vin entre xuncas. Porque tiña algúns lameiros que estaban invadidos delas, principalmente o Rigueiral, na aldea de Bouzas. O outro día vin unhas cantas no atallo que vai da Finca Fierro á A Valenzá e fun incapaz de dicirlle á muller como se chamaban. Ó falarlle das corozas para as vacas e para as persoas tan só nos saían os xuncos, aínda que eu sei ou creo saber que tamén se facían con xuncas. Por suposto, non é a mesma planta.


Cando ós case dous días souben que o seu nome era xuncas, case me dou de hostias... porque era o simple feminino de xuncos!, só cambiaba unha letra! Eu sabía que o nome era feminino, pero durante case dous días non houbo maneira. Sabedes iso de cando se traba un nome e botamos horas ou días pensando en como se chamará tal ou cal rapaz, tal ou cal coñecido ou veciño ou incluso parente? Pois iso me pasou coas xuncas!

Xunca: Cyperus longus. Talos triangulares, follas serradas na marxe e flores en espiga, moi común en lugares húmidos. Xunco: talo ríxido, longo, redondo e flexible, acabado en punta e do que existen numerosas especies. Tamén creo lembrar que a xunca é máis resistente có xunco. A proba é que algúns vencellos para atar os feixes faciámolos de xuncas.


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 1 de xuño de 2021

 

E NON SE COÑECÍAN!

Vai para 40 anos, máis en concreto, 39 que vin a película “No estanque dourado” (1981). Sabía que me gustara e quen traballaba, pero pouco máis coñecía dela. O outro día conseguín vela de novo cando a proxectaron pola segunda canle de TVE. E agora xa podo concretar que, a maiores de que é un marabilloso melodrama sobre os conflitos xeracionais, toda a forza, toda a credibilidade do filme está na súa parella protagonista: Henry Fonda e Katharine Hepburn, pola que, por certo, acadaron o Oscar os dous. E creo que con total merecemento. Nas súas caras, nos seus xestos e nas súas palabras hai moito cine mamado.


Non obstante, antes da súa proxección e nesa típica presentación que adoitan facer nesa canle televisiva, souben de cousas que me deixaron tan impresionado como a propia película que vería a continuación. Como o detalle de que a Hepburn e o Fonda era a primeira vez que traballaban xuntos (Paréntese para dicir que os dous empezaron a actuar nos anos 30 e que nesas décadas, ata polo menos a dos 70, facían unha morea de películas ó ano, non como agora, que rodas cando podes ou cando te chaman. É dicir, que en 50 anos nunca coincidiran!), aínda que o que realmente me deixou coa boca aberta foi o saber que non só non traballaran nunca, senón que nin tan sequera se coñecían. Sabían un do outro, pero nunca xamais coincidiran. Parece incrible!

Pois ben, a pesar de non traballar xuntos nin tan sequera coñecerse, no filme non dan esa impresión. Son tan bos actuando que semella que se coñecen de toda a vida. Fan crible a viaxe á esencia da madurez, ou o que é o mesmo, ó corazón da vida mesmo. Ademais, parte da temática do filme incluso lle ía como anel ó dedo a Henry Fonda e a quen facía da súa filla: Jane Fonda; xa que na realidade, entre pai e filla había unha certa ou case unha gran tensión por culpa dos asuntos políticos de Jane.

Se se pode, case é imprescindible ver “No estanque dourado” en versión orixinal subtitulada para sacar todos eses matices das voces deses dous monstros da interpretación. Como curiosidade, dicir que a Hepburn ten catro Oscars (aínda hoxe a que máis), mentres que pola contra, Henry Fonda só un (outro como honorífico) Incrible!.


Finca Fierro. Martes, 1 de xuño de 2021