sábado, 7 de agosto de 2021

QUE LLE VAIA BONITO

A pesar de que estivemos inmersos na semana álxida dos Xogos Olímpicos e de que andamos a voltas coa quinta onda da Covid-19, o gran bombazo semanal estivo na nova de que Lionel Andrés Messi deixaba, abandonaba o Barcelona. Agora si que é verdade que se acaba o mundo!


Vaia por diante que sempre sentín admiración por el. É máis, creo que é o mellor xogador do mundo (para min, con moita diferenza), e ata case me atrevería a dicir de toda a historia. Pero a vida segue. E o Barcelona seguirá. E a Liga seguirá. E as nosas metas seguirán sendo as de animar ó xogador ou xogadores que máis nos gusten, as de gozar coas vitorias dos nosos equipos e sen acordarnos para nada xa dun tal Messi. Lembro na miña época madridista, de cando se retirou Camacho, que, claro, que pasaría a partir daquel momento? Pasou que chegou Gordillo ou Roberto Carlos e o Madrid seguiu facendo historia. Recordo a retirada daquel Santillana que, ufff, quen marcaría goles para Madrid? E apareceu Hugo Sánchez que os marcaba de todas as cores e de todas as maneiras. E xa non digo nada de Cristiano Ronaldo. Repito, que a vida segue e agora hai que asimilar que Messi foi historia e, si, o gran referente futbolístico dos últimos vinte anos. Pero o pasado queda atrás e a vida segue. Agora toca: que lle vaia bonito, e punto.

Xa que andamos co deporte a voltas... foille bonito ó noso país nos Xogos Olímpicos? Creo que hai para dar e tomar. Que se cumpriron as expectativas, pero penso que as mínimas. Falábase que, como mínimo, deberiamos acadar 15 medallas e conseguímolo, si, pero... non deberiamos asimilar que países como, por exemplo, Nova Zelandia, Hungría ou Corea do Sur queden por enriba de nós en número total de medallas. Incluso Cuba, a República Checa, Noruega e Xamaica nos ganan en medallas de ouro!


Non obstante, e fóra xa de premios e méritos e decepcións, o que si seguen demostrando os Xogos é ese espírito que se apodera de todos os participantes, sexan individuais ou como colectivo. Os Xogos é verdade que teñen o seu aquel. Mesmo para o espectador, que anima sempre ó que o merece ó que fai o esforzo aínda que non acade as metas. E en cuestión de momentos emotivos, creo que non hai outro acontecemento que se asemelle ós Xogos. Hai bágoas para formar auténticas lagoas. Bágoas de alegría e de tristeza. Bágoas que facemos nosas. Esperando xa ó seguinte espírito olímpico.


Finca Fierro. Sábado, 7 de agosto de 2021

 

viernes, 6 de agosto de 2021

OS CATRO PUNTOS CARDINAIS

Xa está. Xa mirei para o norte e deixei de mirar para o sur. Din que hai catro puntos cardinais. Moitas veces miro e tan só me digo que miro para un lado e miro para o outro. Iso dos puntos cardinais debe de ser en plan profesional. Para onde vas? Para alá arriba. De onde vés? De alá abaixo. É así de simple. Quen di: estou mirando para o leste? Quen insinúa: creo que vou torcer para o oeste? Ninguén! Veño de aquí e vou para acolá, e punto.


Os puntos cardinais son catro. Do norte vén o aire con tales refachos fríos que corta a respiración. Do sur despuntan parágrafos temperamentais que ninguén entende. Cara ó oeste dan certos balcóns desde os que se pode contemplar a posta do sol. Polo leste aparece o patrón do universo que, baixo unha capa de néboa, non pinta nada de nada. A min, como me gusta asubiar baixo a néboa, non me queda outra que outear o horizonte esperando a ese pobre sol que nunca aparece, polo menos ata ben entrado o mediodía. A min, como me gusta mirar para os balcóns que dan ó oeste, teño que sentar á sombra dun carballo e esperar para saber quen asoma. Cada vez que penso no norte, sempre me vén á cabeza o canellón no que vivía, porque estando aí, e cando o aire viña dese punto cardinal, había que ter peito para quedarse contemplando os biosbardos. O sur foi e aínda é un punto cardinal que nunca me gustou moito e, sinceramente, non sei por que. Por suposto que o mellor é o oeste, porque pertenzo a el. Pero realmente os meus puntos cardinais son: adiante, atrás, esquerda e dereita (ou un lado e outro). E xa está.


Finca Fierro. Venres, 6 de agosto de 2021

 

jueves, 5 de agosto de 2021

AXEXANDO

Souben que se me tiraba un instante axexando, podía atopar algo. Porque sempre acaecen cousas. Mais, maldita sexa, non ocorreu nada! E botei máis que un instante; botei case un mundo e nada. Non pasaban coches, non pasaba xente, non voaban paxaros, non había ruído, non abaneaban as herbas e nin as nubes se movían. Todo era silencio. Ata cheguei a dubidar se eu mesmo respiraba. Sei que o facía (aínda que non me oía), porque vivía. Estou vivo. Pero só, en silencio e sen que nada pase. Son como a reencarnación dun soño que non se soña ou dun poema baleiro de versos. Cousas máis raras acontecen neste ir e vir da existencia. Claro que, agora mesmo, non existe nada. Porque nada sucede, nada pasa.


Quero deixar de atusmar, pero como tamén son testán, sigo sen baixar da burra para saber o que pode acontecer. O instante faise eterno; o silencio, angustioso e a inmobilidade nin tan sequera flota. Porque nada se move. Sei que non estou soñando, pero os nervios están xa a flor de pel. A situación é rara, moi rara. Sigo ó axexo, á espreita.

Levo media vida axexando, guichando e todo segue igual. Desconfío dunha existencia apocalíptica que nin esgazará co rock and roll deses mundos por descubrir. O problema está, claro, en como se descubrirán; se nada cambia, se nada acontece. Empezo a pensar en recuar deica o pasado para volver á normalidade. Pero, como retrocedo? Se nada acontece. Se nada sucede. Se nada podo facer.


Café Kibu. A Valenzá. Xoves, 5 de agosto de 2021

 

miércoles, 4 de agosto de 2021

O MEU RITMO

Ó andar doíame unha perna e ós catro ou cinco pasos xa notei que me doían as dúas. Souben axiña que era a nugalla. Que logo de estar un bo cacho na cama contemplando os Xogos Olímpicos, os ósos e os músculos e os nervios acomodáranse de tal forma que agora custáballes pillar de novo o ritmo, o meu ritmo. Porque o meu ritmo sempre foi nervioso, incluso algo aloucado. Leo andando, tamborilo cos pés, tremelico coas pernas, sempre estou medio cantando ou medio murmurando, raño a cabeza, raño o pescozo, raño o...


Sempre tiven ritmo. Sempre teño que estar facendo algo. Angústiome ante o aburrimento. Que perda de tempo se ó tomar café teño que mirar para os biosbardos; así é que escribo. Que perda de tempo andar sen facer outra cousa; polo que, se non leo, escoito música. Por todo iso non queda outra que moverme, que facer cousas mesmo que sexan inútiles. A vida é un suspiro, un alento e hai que aproveitalo.

Incluso nos traballos de esforzo físico (e a vida do labrego ten moitos) prefiro un ritmo acelerado antes que traballar de descanso en descanso. Se sei que teño que coller as patacas ou rozar unha poula, pois canto antes mellor. E doulle, e doulle, e doulle. Que acabo axiña e non teño máis que facer?; xa buscarei algo para vencer a nugalla e non perder o tempo. Non din que o tempo é ouro? O meu ritmo tamén. E por iso boto man del e obvio e esquivo a dor dos xeonllos. Sei que cuns cantos pasos máis a nugalla desaparece e as pernas collen tamén o seu ritmo, ou sexa, o meu ritmo.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 4 de agosto de 2021

 

martes, 3 de agosto de 2021

MADRUGAR

Ó que madruga, Deus o axuda. É un dicir. Hoxe madruguei e dóenme os ollos. Madruguei por culpa dos Xogos Olímpicos. A muller xa me acusa de non ter coñecemento ningún, de que son peor que un neno, pois ve que vou moito máis alá do fútbol e do ciclismo. Eu ríolle a acusación e, claro, non lle fago caso... falo no xantar ou na cea do piragüismo, do atletismo, da vela, do balonmán, do boxeo, do judo, do que cadre. Non lle falo das bólas ou da billarda porque non hai esas modalidades en Toquio.


A ver, o de madrugar tampouco é tanta desgraza. Nacemos para madrugar (algúns incluso nacemos de madrugada, un servidor, ás cinco). De cativos e mozos madrugamos a causa dos estudos. De adultos, a causa dos traballos. Si, xa sei que hai moita xente en paro, pero enténdese que o cometido dunha persoa, logo de rematar os estudos, é traballar.

Eu, por madrugar ata madrugaba nas vacacións. De rapaz, cando ía para o monte e, un día si e outro tamén, perdía o burro, polo que o castigo da miña nai (logo das correspondentes labazadas, faltaría máis; pero á que nunca acusarei de maltrato), consistía en facerme madrugar ó día seguinte, aínda que non houbese nada que facer. E xa de adulto, nas vacacións, cando viña de Madrid, moitas veces ía dereitiño do expreso Rías Baixas (que chegaba a Baños de Molgas sobre as seis da madrugada) a segar a herba ós Lamas ou ó Río Vello ou á parcela do Medo. Madrugar é como dicir que a vida son dous días e que hai que vivila. Para que perder tempo durmindo!


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 3 de agosto de 2021

 

lunes, 2 de agosto de 2021

A GAVELA

Collín a forquita e espeteilla no mesmo corazón á gavela. Sen compaixón ningunha, porque a gavela tampouco tivo piedade de min cando a rocei. Era unha gavela de toxos; de toxos arnais e grandes coma carballos. Xa sei que é unha esaxeración, pero tampouco esaxero tanto. Nunca vira uns toxos tan grandes e tan grosos, e levo toda a vida de labrego. Era unha gavela que rocei a iso das dúas da tarde, xusto cando a canícula caía como adoita caer no mes de agosto. Hai que ser tolos (ou heroes, eu que sei...) para poñerse a limpar unha finca a esas horas.


Ó limpar a finca formei gavelas. De toxos e silvas. A maioría de toxos. De toxos enormes, tan grandes que, ó cortalos, moitas veces caían sobre un, e ó facelo, claro, acórdase un de todo o que se ten que acordar cando as cousas non saen como un quere. Menos mal que todos as palabras que cuspo pola boca saen no dicionario da RAG, da Real Academia Galega. Para que ninguén me diga despois que boto pecados, ou que blasfemo. Que va, só é para descargar un pouco a carraxe... na puta gavela!

E espicho a forquita con todo o veleno que levo dentro para cagarme nos incendios forestais, que son os culpables de que, agora, haxa que manter as fincas impolutas. Antes daban traballo polo produto que ofrecían e agora dan traballo pola broza que botan, que as cubre. A vida do labrego é como a da gavela: que a rozan, que a espichan, que a menean, que a estercan ou que a queiman. Estou queimado!


Finca Fierro. Luns, 2 de agosto de 2021

 

domingo, 1 de agosto de 2021

NO ALTO DOS CASTROS

Asubío desde o alto dos Castros durante bastante tempo e axiña consigo ver, alá, no horizonte, unha nube branca que se achega. Penso que é unha nube branca, pero resulta que é a Perla Negra que navega polo regato de Xestosa. Xa me falla a vista e o entendemento. Cando perdín de vista á Perla Negra (que se metera por entre dous outeiros), optei por seguir chifrando, pero agora era “Camino Soria”, o tema musical de Gabinete Caligari, o que saíu ó aire dos Castros. Déuseme por aí, o de asubiar música. Podía asubiar por algún can, pero non o teño. Podía pitar un penalti, pero nin son árbitro nin estou en ningún deporte.


Estou no alto dos Castros contemplando o horizonte e intentando chamar polos biosbardos. Seguro que, nun despiste, aparecen os esperpentos de Valle-Inclán. Vou ter que optar por asubiar con dous dedos en vez de con catro. Con dous, seguro que sae o son máis lixeiro. Cando canse, usarei o acordeón para encoller ou estirar o asubío.

Agora xa confirmo que non era unha nube branca a que asomaba no horizonte, que era a Perla Negra que, por fin, estaba a poucos metros de min. Dela baixou un pirata da época da Idade Media e, por detrás, unha princesa coa cor de pelo que non era negro, nin branco, nin rubio, nin castaño. Tampouco era verde, aínda que o seu sorriso si prometía esperanza. Díxenlle ola ós dous e collín camiño da Seara, porque non son ningún compoñente de Gabinete Caligari. E así, pouco a pouco, atrás quedou o alto dos Castros.


Café Sports Century. A Valenzá. Domingo, 1 de agosto de 2021