martes, 7 de septiembre de 2021

CORRENDO E ESPERANDO

Ela díxolle: vou. El contestoulle: vén. Ela estaba no outro lado do mundo. El estaba na outra punta da Terra. Ela, como fora a que se ofrecera, púxose a andar. El, como prometera esperar, sentou. E foi a partir de aí cando o tempo se fixo eterno. Para ela, para el, para os dous. Ela correu como só corren os que teñen ansia e moita présa. El esperou como só esperan os que viven cheos de angustia e de desexo. Pero sempre coa esperanza bailando ó seu arredor.


Ela cruzou lagoas e mares, atravesou vales e arrodeou montañas, durmiu ó raso e comeu onde podía e onde lle daban, berrou desde os alto dos outeiros e quedou en silencio ante a escuridade das noites. El esperou sentado e paseando, facendo bailar ós pés e escribindo milleiros de sentimentos, berrando cando desesperaba e quedando en silencio cando tiña medo. Medo a que ela non chegara nunca.

Ela tamén empezaba a desesperar. O camiño facíaselle moi longo. A canseira xa era dona do seu corpo e, o que é peor, da súa cabeza. Pero aínda así, seguía e seguía. Dixéralle a el que ía e tiña que chegar. Ela tamén tiña esperanza. El xa non sabía que facer. Xa lera varios libros e vira unhas cantas películas polo móbil. Pero aínda así seguía esperando. Dixéralle a ela que viñera, que a esperaba. E non facía outra cousa que esperar. A súa esperanza era eterna. Ela seguiu correndo. El seguiu esperando.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 30 de agosto de 2021

 

lunes, 6 de septiembre de 2021

PROMETE O PARAÍSO... OFRECE O INFERNO

A Xunta promete o paraíso, pero ultimamente está a ofrecernos o inferno. Non hai moito a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, confesou que faría todo o que fixese falta para vacinar ó 100% da poboación; e, en La Región, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, declaraba que aspiraba a cerrar setembro co 100% da poboación galega vacinada. Pois xa poden moverse! Un dos meus fillos (de 22 anos) aínda non puxo nin a primeira vacina! E solicitalo na forma en que ordenan é como pisar nunha cagada de vaca, na que te enches de merda.


Fixemos tres chamadas telefónicas. Na primeira comunicaron que aínda andaban coa primeira dose cando, na realidade, xa estaban rematando coa segunda. Na segunda chamada comprobaron que efectivamente Xoel estaba nas listas. Na terceira chamada resulta que non estaba nas listas. Quedaron en que xa o anotaban. Pasei polas oficinas municipais de Barbadás porque lera nos xornais que se podía solicitar a vacinación nos concellos. Alí non sabían nada e mandáronme ó centro de saúde. No centro de saúde, como non lles aparecía na listaxe, pois tampouco sabían nada. E hai uns días volveu asomar pola prensa as formas de anotarse, nas que, a maiores das páxinas web e da aplicación do móbil do Sergas (que nunca conseguimos entrar nela), aparecía un correo electrónico, a onde se lle mandou inmediatamente un correo co nome, o DNI do rapaz e a cidade de vacinación. Este si o contestaron para... pedirlle o enderezo. Hai que amolarse! Mandóuselle e estamos á espera... a ver se sae a orde de peregrinar ó Pazo de Raxoi para falar co presidentiño.


Finca Fierro. Luns, 6 de setembro de 2021

 

domingo, 5 de septiembre de 2021

A GRAN TRADICIÓN

Se onte dicía que, para min, o Rosario das Antorchas empezaba xa pola mañá, ó levantarme da cama; hoxe teño que dicir que, para miña nai, o Día 8 empezaba un ou dous días antes. Porque como o Día 8 era un día tan especial, había que prepararse a conciencia. O de prepararse vai máis ben por aquilo de facer o xantar, xa que era tradición o de comer o día da Virxe por entre os piñeiros ou polos arredores do santuario (un ano, como chovía, lembro que xantamos no frontón cuberto que hai no pavillón do colexio novo). E un bo xantar, ou mellor dito aínda, un xantar especial para o Día 8 consistía en facer torradas e roscón. Sinalar que, as torradas, como levan leite e ovos, e, o roscón, como leva fariña, ovos e azucre eran case bocados moi especiais porque, antigamente, todo se vendía. Nós polo menos. Vendiamos o leite e os ovos, e os ingredientes que tiñamos que mercar, xa teño dito que nos eran prohibitivos; polo que certos manxares tan só os probabamos unha ou dúas veces ó ano.


Así é que, miña nai, un día ou dous antes, cocía o pan e preparaba o roscón no forno comunal, xunto coa Concha do Arsenio (sempre, sempre facían xuntas a fornada), e na casa amañaba as torradas e algún bocadiño especial máis (por exemplo, as chourizas, que se gardaban para certas ocasións; lembro algún ano bacallau, que iso xa era un milagre; os xamóns nin os cheirabamos porque se vendían). Ó mesmo tempo, tamén preparaba a roupa e o calzado, porque o Día 8 había que ir guapos.


E guapos iamos polo Medo arriba (tragando po, iso si) e coa comida nas alforxas do burro. Ó chegar, antes da misa, acaecía o concerto dos orneos dos demais burros, que sempre había moitos, e por alí quedaban atados ós piñeiros, mentres os humanos colliamos camiño da explanada para escoitar a misa das doce, a principal, e ver o espectáculo dos panos das mans bambeándose ó vento mentres se levaba a cabo a procesión coa imaxe da Virxe e, por suposto, cando os Padres Paúles a despedían ata o ano seguinte.


Xa no monte, tendiamos as mantas no chan, liberabamos as alforxas e celebrabamos unha das tradicións máis importantes e máis bonitas de todas as novenas: a de quedarse a xantar logo da misa. Hoxe, por desgraza, xa poucos quedan. Baixamos ás beiras dos ríos, ós toldos das comidas ou ós restaurantes da bisbarra. E alá quedan para o recordo estas lembranzas novenarias, que, para o ano que vén... a Virxe dos Milagres dirá.


Finca Fierro. Domingo, 5 de setembro de 2021

 

sábado, 4 de septiembre de 2021

A NOITE MÁIS BONITA

O acontecemento máis bonito das novenas dos Milagres acontece o día 7 de setembro a causa do seu Rosario das Antorchas, que se celebra ás once da noite. Para min, e cando era rapaz, tal rosario empezaba xa xusto no momento en que me levantaba da cama. Recordo que as tardes dese día, cando andaba no monte coas vacas, facíanseme eternas; tanto que intentaba acurtalas un pouco marchando antes para a casa “polo rosario”. Non vaia ser que se faga tarde... Era algo tan desexado que o vivía desde o primeiro momento. E vivíao non só polo propio rosario en si, senón pola forma en que iamos a el.


Ceaba pronto para saír axiña con destino ó santuario. A ver, aquí hai que diferenciar de cando ía “obrigatoriamente” cos pais e de cando ía cos amigos. Cos pais ou coa familia non era o mesmo. Cos amigos si cambiaba o asunto, porque ías trouleando polo Medo arriba e gastando as típicas bromas de cando un vai ás escuras por un monte. Si, porque cando colliamos camiño dos Milagres, a noite xa era pecha e, no fondo, desexabas que houbese lúa vella. Aclarar, por suposto, que nas décadas dos 60 e 70 iamos sempre andando, durante todas as novenas, incluso o propio Día 8, que levabamos o burro, pero este, claro, cargaba co xantar (disto xa falarei mañá). Cando ía cos pais ou coa familia facíao dereitiño como unha vela! Uso a palabra vela porque, por veces, había que acender algunha (desas que se levaban para a procesión) para mirar ben onde puñas os pés.

Antigamente, cando empezaba o rosario, todos os “chiringuitos” que tiñan música cortaban esta por respecto á celebración. A un rapaz, sinceramente, o rosario nin lle ía nin lle viña; tan só estaba desexando que rematase porque, ó facelo, empezaba o auténtico espectáculo nocturno no alto do Medo, a base de fogos de artificio. Aínda que, no propio rosario, a noite xa era realmente fermosa a causa das miles de velas acendidas mentres duraba a procesión. Entre misterio e misterio, os curas mandábanlle á xente erguer as súas velas e era aí onde a explanada brillaba ou se vestía de gala. A verdade é que era e é un espectáculo ver toda a explanada chea de velas acendidas. Remataba o rosario e as luces e son dos fogos de artificio seguían a iluminar a noite e incluso a facer berrar á xente de gozo. Volviamos para Baños de Molgas felices e contentos e, ás veces, cagadiños de medo porque a noite era máis pecha. Pero valía a pena.

 

    Finca Fierro. Sábado, 4 de setembro de 2021

 

viernes, 3 de septiembre de 2021

O CUMIO DE TODA A CONTORNA

Quedan dous días de novena e o Día 8. En total tres. Case explico por que me metín nesta danza, nesta camisa de once varas de escribir algo todos os días. O mellor exemplo que podo facer constar é usando á miña nai como guía. Resulta que nós temos a casa (que xa non é miña, pero sempre será a miña casa, entendedes?) pegadiña á igrexa de Baños de Molgas e, aínda así, para a miña nai como a Virxe dos Milagres non había. Vaiche boa; nin punto de comparación co san Salvador! Para un servidor, o día 6 de agosto, san Salvador, patrón de Baños de Molgas, é o día máis importante do ano. Pero é ese día. Mentres que Os Milagres... Os Milagres están aí sempre.


Normal que lle queira a Os Milagres; a miña nenez, infancia e xuventude paseina nese outeiro do Medo. Teño unha foto na que estou no colo da nai e vese ben que é na explanada dos Milagres, nas novenas. Cando os dous meus irmáns estudaron alí só se podían visitar ós domingos para levarlles a muda, algo máis de roupa e o que se puidera de comer (ou sexa, touciño, porque outra cousa...) e eu ben que oía ós outros rapaces do colexio “aí vén o Rivas pequeno”. Que queredes, enchíame de orgullo. Xa me coñecían ben, de ir todos os domingos coa nai a visitar ós meus irmáns. Máis tarde, cando a min mesmo me tocou estudar alí (no chamado colexio novo), foron oito anos inmensos e intensos. Todos os estudos que teño realiceinos nos Milagres; bacharelato e COU.

E non chegando con todo iso... ano tras ano indo ás novenas. Ano tras ano, e fóra xa das novenas, achegándome tamén a ese recinto algún que outro domingo porque, a miña nai, o dito: como a Santiña ninguén. Botei nove anos en Madrid e aí si que fallei algún ano non asistindo ás novenas, ou polo menos a todas as novenas, dependendo, claro está, de como collese as vacacións. Pero tamén é verdade que non houbo ningún ano no que non deixara de escribir algo sobre esta celebración mariana; ou ben por medio dun diario que levo desde 1984 ou ben por medio de relatos ou incluso algunha que outra poesía. As novenas, en xeral, ou o Rosario das Antochas e o Día 8, en particular, sempre estaban na miña cabeza, no meu bolígrafo, nos meus cadernos. Non é de estrañar entón que estea tan apegado a un lugar no que botei (e se Deus quere, seguirei botando) boa parte da miña vida. Porque se, por exemplo, a burga e o celme de Baños de Molgas, Os Milagres é o cumio de toda a contorna.


Finca Fierro. Venres, 3 de setembro de 2021

 

jueves, 2 de septiembre de 2021

OS DOMINGOS NOVENARIOS

Hoxe é domingo. Falemos dos domingos nas novenas. Se estou farto de pregoar que os días máis importantes desta celebración mariana son os dous últimos, é dicir, o día 7, polo Rosario da Aurora, e o día 8, pola festividade da Virxe dos Milagres; tamén lle podemos engadir moi facilmente o domingo ou domingos que caen nestes dez días. É máis, desde hai xa un tempo, creo que o domingo que máis se achega ó día 8 acolle a moita máis xente que ó propio día día da Virxe. Por exemplo, este ano; estou case seguro que haberá máis peregrinos hoxe que o próximo mércores (o mércores moita xente traballa). Outra importancia máis dos “domingos novenarios”: que todos os días a misa radiada era a das sete da tarde, menos os domingos, que se pasaba ás doce do mediodía. E tamén nesta adoitaba participar o bispo de Ourense.


Pero hoxe máis ben vou falar dos domingos polo impacto que supuñan nestas dúas décadas sobre as que me estou baseando nestas lembranzas, as dos anos 60 e 70. E aínda que nun dos relatos confesara que os coches se podían contar cos dedos das mans, hai que recoñecer que os domingos aparecían de non se sabía onde. Si, de toda Galicia e parte do estranxeiro. E debido tamén a que naqueles anos aínda non existía o aparcadoiro ó que eu lle chamo “O lameiro” (ese recanto que está entre eses dous ramais das pistas de Vide e da veiga de Francos), impresionaba ver as ringleiras de coches aparcados ás beiras das diversas estradas que hai polos arredores. Había domingos que os coches quedaban aparcados a máis dun quilómetro do recinto do santuario. E xa non digo nada cando o Día 8 caía en domingo; o quilómetro largábase a un par e os burros multiplicaban a presencia atados ós piñeiros do monte Medo.

Por iso, nesas décadas, o ir andando ós Milagres os domingos era como unha aventura máis a maiores, porque un xa non podía ir ó seu aire ocupando toda a estrada e porque o po era o gran inimigo da andaina (lembrar que neses anos a gran maioría das estradas estaban aínda sen asfaltar). Eses domingos tragabas máis po que nas propias mallas. Quedaba o aliciente, iso si, de que como empezaban a imperar os coches, sempre pasmabas un pouco ante eses modelos que non pertencían a un calquera. Tamén os domingos era o día da gran bicoca para os postos feirantes. Como se adoita dicir, no setembro facían o seu agosto.


Finca Fierro. Xoves, 2 de setembro de 2021

 

miércoles, 1 de septiembre de 2021

A FEIRA DE FÓRA

Uns días antes da celebración das novenas, a correspondente deste xornal na comarca Allariz-Maceda, titulaba unha das súas crónicas da seguinte maneira: “Os Milagres recupera a feira xunto ó santuario”, en clara alusión ás chamadas novenas. Non sei, pero ó mellor ó mundo eclesiástico igual lle pareceu algo mal o de comparar as novenas cunha feira. A ver, a correspondente algo de razón ten, xa que as novenas sempre tiveron algo de feira e, eu, particularmente, creo que cada ano que pasa teñen máis de feira que de evento relixioso.


Se collemos a palabra feira como diversión, como ocio, como intercambio de produtos si hai moito diso fóra do recinto do santuario, ou sexa, da explanada do mesmo. Cando eu era rapaz os postos ambulantes xa imperaban por todos os arredores e, principalmente, por toda a estrada que vai de Maceda a Vilar de Barrio. Durante os domingos e os dous días máis transcendentais do evento relixioso (días 7 e 8) as ringleiras de postos case alcanzaban ata o cruce de Baños de Molgas. Aquilo si que era unha auténtica feira de ver, tocar e, moitas veces, mercar. Intercambio de produtos: a min dáme esa gaita galega para cravar as agullas de coser e eu douche estas pesetas (agora, euros) por ela.

Pegados á explanada estaban os típicos postos dos churros e, faltaría máis, dos xeados, que nesa época do ano, ben que se botaba man deles. Os que podían, claro; que, para un servidor, pasaba o mesmo que lle acontecía cos churros e que puidestes ler onte. Despois deses postos estaban os das rosquiñas, pan, froitas e demais garapiñadas. A continuación, e xa postos incluso polo chan, os típicos postos dos xoguetes para os nenos. Estes sempre polas beiras da estrada para que os nenos chocasen con eles. E ante a insistencia dos nenos, xa se sabe... Os toldos baixo os que se comía seguían a continuación. É nestes onde se vía máis movemento, principalmente o día 7 pola noite, xa que a xente intentaba ir á última novena, a das 20:30, para quedar alí á celebración do rosario das Antorchas, que era e é ás 23:00 horas. Nese intervalo era onde había que alixeirar, apurar para atopar un oco e poder cear. E xa, para rematar, e baixando por toda a estrada, estaban os demais postos: calzado, roupa, cacharros, etc. Agora, todos estes trasladáronos á Glorieta, onde penso que saíron perdendo. Á xente quedáballe máis a man a propia estrada, pois segundo ía ou viña, botaba unha ollada. Á Glorieta xa hai que ir ex profeso.


Finca Fierro. Mércores, 1 de setembro de 2021