jueves, 7 de octubre de 2021

A MULLER DO SUXEITADOR VERMELLO

El é un detective de película barata. Ela é unha estrela de novela premiada. El carga coa culpa no sofá de non saber resolver os seus sentimentos. Ela está perdida en algún recanto da memoria del. A el víbralle o móbil sobre a mesa. Ó iluminarse a pantalla ve un número demasiado coñecido. Atende a chamada e ninguén fala. El queda co xesto preocupado e marcha á casa dela. Estráñase ó ver a porta entornada. O xesto de preocupación del acentúase e pensa se realmente esa non será unha escena dalgunha película barata.


Entra e vea tombada sobre a cama, cun suxeitador vermello e con dous enganches. Deixa percorrer con parsimonia a vista polas costas dela. Xusto ó chegar a onde as costas perden o seu honesto nome, unha saba cobre, tapa, oculta o prohibido. Ela nótase ás leguas que está profundamente durmida. Pero axiña, como en soños, dá media volta e queda boca arriba. Agora o fermoso axustador cubre uns peitos de agarimo. El, con coidado, sobe a saba ata esconder a zona do desexo. El, moi amodiño, achega os seus beizos ós dela, abertos nun sorriso marabilloso e vermellos coma o suxeitador. Déixalle caer un bico suave e breve, para non espertala e... para non caer na tentación. El sae e deixa tamén a porta entornada. Sae do portal e arrastra a nostalxia pola beirarrúa camiño da súa casa. Xa nesta, deixa o móbil á súa beira. Soa un pouco máis tarde. É ela. “Deixaches a porta entornada”. Unha bagoa de orballo (ou de melancolía) esvara pola meixela esquerda del.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 27 de setembro de 2021

 

miércoles, 6 de octubre de 2021

TAMÉN SEI ANDAR AMODIÑO

Segundo algunhas veces corro máis cá velocidade da luz ou que corro tanto que a xente nin me ve, tan só senten o ronsel que deixo; outras veces tamén sei andar amodiño. Moi devagar. Hai xente que engarra, que emprende o camiño e nunca chega ó seu destino. Eu non engarro, pero, se quero, ando moi pero que moi amodiño. Chego sempre ó destino pero, sinceramente, non sei dicir cando.


Poño un pé detrás do outro, moi xuntiños e, claro, pé a pé, paso a paso, camiñante faise camiño. Si, xa o dicía aquel. Máis o problema meu está no momento de levantar o pé ou de erguer a perna. Fágoo tan devagariño, tan devagariño que nin unha cámara lenta desas pillaría o movemento. Se correndo me puña do Polo Norte ó Polo Sur nun verbo, nun airiño, poñer un pé por diante do outro lévame unha eternidade, un sen fin. Se eu quixera ata me chegaría o momento da morte sen conseguir poñer o pé diante. E, ollo!, que penso vivir aínda moitos anos.

Sempre fun uns mestre en todo: en saber correr e en saber perder ante unha tartaruga, ou mellor aínda, ante unha lesma. Son mestre en berrar en silencio e en notar o silencio no medio e medio do ruído. Son mestre en dicir cousas que ninguén cre e, non obstante, saber que digo a verdade. É que como vou tan amodiño en todo, axiña vos dades por vencidos e dádesme a razón coma os parvos. Menos mal que non escribín tan amodiño, senón non deixaría de dicir trangalladas e máis cerelladas.


Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 23 de setembro de 2021

 

martes, 5 de octubre de 2021

A MIÑA INTELIXENCIA

Custoume unha certa experiencia, ou sexa, anos, saber a que se debe o silencio. Á falta de ruído! O caso é que cando caín na conta quedei algo así coma pampo, coma un pasmón. A ver, non sempre consigo ver o que me poñen diante, nin consigo entender o que me explican de pe a pa, de punta a couce. A miña intelixencia sei que é raquítica, escuálida, pobre e que, cando ás veces chega, faino cun certo atraso, ou mellor aínda, con moita demora. Que queredes, non son o rei do mundo!


Despois tamén entendín, claro, que cando hai ruído non pode haber silencio. Aínda que eu moitas veces penso que berro en silencio ou que sinto o silencio no ruído. Si, é algo rara a miña intelixencia. Se a teño, que tamén o dubido. O de berrar en silencio ó mellor é por influencia da película “Os gritos do silencio”. Vai ti saber. Eu só sei que, principalmente polas noites, que é cando se entende que hai máis silencio, é cando máis berro. Berro polos vivos e polos mortos e polas almas do purgatorio. E cando berro sei que estou berrando, que non estou en silencio, porque me escoito a min mesmo. Que non son parvo, que ata aquí chega a miña intelixencia. Tamén a intelixencia me dá para saber que desde onde mellor se berra é desde os outeiros, desde as alturas, por exemplo, desde o alto dos Castros. Porque canto máis alto, o son máis se espalla, non si? Igual erro aquí. Xa digo que a miña intelixencia, por veces, ou mellor dito, moitas veces é curtiña e efémera. Que queredes, non dou para máis.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 22 de setembro de 2021

 

lunes, 4 de octubre de 2021

ATRANCOS Á AGRICULTURA

Aínda que hai xa dous anos que fixen a última vendima (aí atrás axudeille a un tío da muller a vendimar pouco máis de 30 cestos), sei que os viticultores estiveron días atrás en plena faena. Pero co gran problema de que non conseguían atopar vendimadores. Normal. A administración sempre puxo e pon todas as pégas habidas e por haber. As mallas, as matanzas, as vendimas e diversos traballos máis agrícolas sempre foron unha labor máis social que profesional. Eran traballos familiares, de amigos, de veciños, de coñecidos e a administración sempre puxo atrancos ata que acabou desfacendo esas marabillosas xuntanzas, esas impresionantes colaboracións. Que algúns traballos si que se realizaban grazas a esforzos físicos descomunais, pero que se levaban máis ou menos ben grazas a esa harmonía humana.


As administracións sempre lles puxeron tachas ás labores agrícolas, a toda a agricultura. Non hai moito multaron a un labrego do norte de Lugo porque lle andaba unha vaca solta na estrada, sinalizada precisamente como zona de gando. Non podes transportar esterco porque deixa certo risco polos camiños ou estradas. Tampouco podes espallalo polos eidos e lameiros porque seica deixa un certo cheiro molesto (cando, en xeral, o ser humano está podre por dentro). Tes que levar as vacas de ramal porque, soltas, molestan ós coches, ou sexa, ás máquinas. E a máquina ten preferencia sobre o animal. Como debe ser! Claro que, despois, os políticos saen moi compunxidos nos medios de comunicación dicindo que o rural desaparece... Como non vai desaparecer!


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 21 de setembro de 2021

 

domingo, 3 de octubre de 2021

UN BÓLIDO DOUTROS MUNDOS

Lembrades o meu amigo alieníxena? Si, ho, aquel que aterrou xa por varias veces na Pitediña, en Baños de Molgas, e que, na primeira viaxe os veciños ataran a un carballo das Mestras e que obriguei a que o soltaran polo meu bo corazón, porque eu son unha boa persoa? Pois ben, estou á espera de que me volva visitar para cantarlle as corenta. Ata serei capaz de darlle unha tunda.


Resulta que, días atrás, por medio de La Región, e lendo a súa sección Historia en 4 Tempos, vin que o 22 de setembro de 1921 (hai 100 anos!) “unha auréola luminosa semellante a un bólido” achegábase a Baños de Molgas con risco de caer sobre a vila. E vaia se caeu! Seguro que caeu na Pitediña! Ata son capaz de meter a man no lume confirmando que era xa o meu amigo. Lembrade que nun dos meus relatos sobre el falaba que no seu planeta vivían moitísimos anos.


Agora mesmo o que máis carraxe me dá é que, o malnacido, nunca me comentara nada. De aí que o estea esperando con ansia, que vai saber o que é bo, o que vale un peite. Non confiar en min! Precisamente en min, que o liberei das hostes dos meus veciños. Ademais, agora mesmo xa estou ansioso por saber como o trataron nese 1921. Tamén que me conte a reacción dos meus paisanos ó ver baixar do ceo esa auréola luminosa. Seguro que fuxirían espantados para o Outeiro do Corno ou para o alto da Chaira, aínda que logo peregrinasen a ver ese bólido galáctico, ese bólido doutros mundos.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 20 de setembro de 2021

 

O ESPECTÁCULO CONTRA O SENTIMENTO

Teño ganas de guerra. Volcán da illa da Palma. Espectáculo. Este é o tema co que quero disparar o fusil. Porque, seica, está mal que nos pareza un espectáculo. Porque, seica, unha ministra, creo, (agora mesmo tampouco quero intentar saber quen foi nin tan sequera se foi unha ministra) deixou escapar que era un espectáculo ver o volcán da Cima Vella ou de Cabeza de Vaca. Porque, seica, demais xente segue a falar de espectáculo e é aí cando certos listos ou espelidos aproveitan para lanzar cartas ós directores dos xornais denunciando que nos atraia máis esa espectacularidade que un triste sentimento cara ós canarios afectados que están a perder todo.


A ver, para calquera que teña un chisco de uso de razón, sempre estará por diante o ser humano (certo, hai algúns que non merecen o nome de ser humano e que case lle desexamos un certo mal, pero iso xa sería outra historia), e ante unha situación como a que están vivindo os habitantes da Palma, como non imos pensar que é unha auténtica desgraza, practicamente unha hecatombe; polo que nos doe de corazón o seu infortunio. Pero isto non vai evitar nunca que a explosión dun volcán sexa un verdadeiro espectáculo. Porque o é. A proba está en que aí seguen os medios de comunicación para ensinarnos esa espectacularidade, e, si, de pasada, deixan caer a desventura dos habitantes. A maioría das imaxes son sempre esas nas que a terra rebenta e cara ó ceo érguese unha luminaria que atrae. Como non vai atraer, se é impresionante.

Tamén me dá moita carraxe que o Etna ou o volcán de Hawaii ou calquera outro volcán que exista polo mundo adiante si son un auténtico espectáculo o ver como expulsan esa lava que se prende ós ollos. E sobre eses non nos importa un carallo o mal que poidan causar. Non sexamos hipócritas nin nos poñamos de samaritanos pensando que non nos interesa o benestar dos insulares canarios. Pero unha cousa non quita a outra. E nunca crerei a quen me diga que a explosión dun volcán non é vistosa, espectacular, impresionante. O que pasa é que ocorre o de sempre: queremos sacar rédito político ou chamar a atención indo de caritativos. Cos nosos. Que ós italianos ou hawaianos ou demais habitantes doutras fronteiras os parta un raio, ou mellor aínda, que os abrase a lava.


Finca Fierro. Sábado, 2 de outubro de 2021

 

viernes, 1 de octubre de 2021

O BAMBÁN DA FELICIDADE

Sorrío ante o neno que se cruce no meu camiño con dirección a non sei onde. Sorrío ante a papuxiña, que me quere contar os dedos das mans e ante o coche vermello que pasa a velocidade normal. Procuro sorrir sempre, non quitando que, por veces, mate coa ollada. Sorrío ante un bolígrafo de diversas cores que vin entre unhas pedras e ante unha muller que pasa cun vestido verde. Sorrío ante a patrulla da garda civil e ante un afeccionado cando berra gol! Sorrío co sabor do café e baixo a influencia dunha canción de Bruce Springsteen. Intento sorrir sempre, non quitando que, ás veces, deixe ver ou deixe que asome a miña carra de ferreiro. Que tamén a teño.


Incluso sorrío cando me perdo por algún bosque e cando estou a piques de afogarme nunha lagoa. No río Arnoia non afogo porque o goldro. Sorrío cando o conto ten un final feliz, pero tamén cando unha novela deixa a súa fin, o seu remate nun suspense incomprensible. Sorrío cando penso vivir en pecado nunha illa deserta e cando rezo polos pecadores de todo o universo. Trato de sorrir sempre, non quitando que, de cando en vez, amose a miña carraxe simplemente porque me dá a gana ou porque non me saen ben as contas. Sorrío ante os favores e as adversidades, ante os que están e non están, ante os que se deixan ver de Pascuas en flores ou de figos a béveras e incluso ante os que me matan a cabeza falando. Sorrío porque o sorrir dá vida e alegría. E sei que hai sorrisos eternos e inmensos. Que carallo, sempre penso que o sorriso é o bambán da felicidade.


Café A Pedreira. A Valenzá. Domingo, 19 de setembro de 2021