martes, 7 de diciembre de 2021

A VOLTA Ó MUNDO

Veño de darlle a volta ó mundo. Saín hai tempo xa. Porque arrodear o mundo leva o seu tempo. Non é moco de pavo. Lembro que cando saín, chovía. Agora mesmo está chovendo; e ben. Como quería rematar no cabo Fisterra, por aquilo de que aí seica era a fin do mundo, tiven que saír desde unha provincia andaluza para cruzar o Mediterráneo a nado. Botáralle pulmóns ó asunto porque sabía que tragaría moita auga; pero nun amén xa baixara ás boleiradas por unha duna do Sáhara. Leváballe medo ós caníbais africanos, mais non atopara ningún. Digo eu que, ó mellor, xa non os había.


Non chegándome cruzar o Mediterráneo a nado, desde a illa de Madagascar tamén me botara ó océano Índico para cruzalo ata a mesma Australia. Por sorte non me atopara con tiburóns. Ó mellor era porque tampouco os había. En Australia fixera parada e fonda durante uns días por aquilo de que sempre foi un país que me fascinou. Faltaría máis: choutara cos canguros, mesmo ás veces me sentín canguro. E no Xapón pensara que me partira da cruz con tanto que me dobregara ante os saúdos.

Antes de que cruzara o Pacífico, tamén a nado, para aparecer en América, primeiro fora dar unha volta pola Siberia. Sempre quixen saber se aguantaba o frío. E aguantárao ben, coma un auténtico heroe. De América non digo nada porque, grazas ó cine, de aí coñecemos todo. Total, que cruzaría o Atlántico (a nado, faltaría máis) para chegar san e salvo ó cabo Fisterra. Agora que, iso si, non me importa confesar que cheguei rebentado. Estou descansando.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 7 de decembro de 2021

 

lunes, 6 de diciembre de 2021

Á PATA COXA

Acabo de cometer unha tolea, pero déuseme por aí. Quizais igual o fixen como unha homenaxe á Constitución (hoxe é o seu día), que creo que está algo coxa. Resulta que desde a miña casa ata a cafetaría na que estou, a uns catrocentos ou cincocentos metros, fíxenos á pata coxa. Por certo, sóame que de rapaz, a esa forma de andar ou correr, chamabámoslle “á conchilipierna”. A palabriña ten o seu aquel, pero era o que diciamos.


Recoñezo que, hoxe en día, unha persoa que pasa dos 60, e que se dedica a esas trapalladas, pois case non procede. Pero de cando en cando tamén é verdade que gusta cometer algunha loucura. Ou chamar a atención. Porque a chamei, claro. Xa que tan axiña como entrei na Valenzá, a xente quedaba mirando. Algúns, cando notaban que andaba á pata coxa sen verme ningunha ferida, querían saber. Eu entendo que o preguntan con boas intencións, pero...; sabendo que non estaba ferido, a que esa curiosidade, a que ese interese? A xente como é ás veces...

Eu, sen andar con días santos, contestáballes co mesmo: déuseme por aí. Como a Constitución está coxa, eu tamén teño dereito a estar ou facer o coxo. E podo facelo durante os capítulos ou artigos que me dea a gana, non si? Dábanme a razón, pero eu ben lía e entendía os seus propios pensamentos: que algúns chocheabamos, simplemente, para ter que dicir, para chamar a atención. No obstante, non lles fixen nin caso; seguín ó meu, ou sexa, a rematar o traxecto á pata coxa. Agora que, tamén é certo que chegue canso á cafetaría.


Cafetaría La Carabela. A Valenza. Luns, 6 de decembro de 2021

 

domingo, 5 de diciembre de 2021

DE MAL EN PEOR

Non quero caer pesado nin insultar a ninguén, pero creo que somos bastante mongólicos. Vai para dous anos que andamos a voltas coa pandemia da Covid-19 e seguimos dálle que dálle cos contaxios, porque facemos e desfacemos ó noso antollo. Tamén porque xa nos acostumamos a vivir co virus e “pasamos” xa olimpicamente del. Algo moi semellante ó que nos pasa coa corrupción política; que a temos á orde do día e xa non nos preocupa. Como nos estamos acostumando ó ditado dos bancos e das caixas de aforros; que, a maiores de xogar cos nosos cartos, empezan a poñer horarios para calquera asunto que queiras tratar con eles. Por exemplo, agora, en algúns, para sacar cartos, tes que facelo antes das once da mañá. Outros, para pagar certos recibos, pois ata as dez e media. Non tardarán en obrigar ou anunciar que entres ás súas oficinas co pé esquerdo. E se es un coxo... a tomar por aquel sitio!


Mentres tanto, o Goberno do outro lado do Padornelo e este Goberno noso seguen de brazos cruzados neses asuntos. Se se sabe que a mellor solución para vencer ó bicho ese é a vacinación, non entendo por que non obrigan. Por que uns países si o farán e nós non? En que somos especiais? Por certo, a eses negacionistas que se poñen como unha brasa, que se lles pode dicir agora cando se sabe que un bo tanto por cento deles si empezan a vacinarse para poder obter o certificado co que poderán entrar a bares, cafetarías e restaurantes? Deica agora negábanse porque tiñan medo a que os envelenaran. Agora xa non o teñen. Vese que, para eles, é máis interesante o licor que a vacina.

Tampouco entendo por que os Gobernos deixan que a Banca e as grandes empresas fagan e desfagan ó seu capricho. O dos bancos xa é de escándalo e aquí ninguén protesta. E sobre o das grandes empresas case entendo que miren para outro lado, pois ó día de mañá eses politiqueiros acabarán instalándose nelas, como elefantes que se retiran a esperar os seus derradeiros días.

Odio a violencia, odio a pena de morte, odio o terrorismo, odio as guerras, pero hai veces ou situacións nas que case desexaría coller un fouciño e facer todo iso que odio. Díxose sempre: a base de paus, apréndese. Necesitamos moitos paus. Porque isto vai de mal en peor.


Finca Fierro. Sábado, 4 de decembro de 2021

 

sábado, 4 de diciembre de 2021

ESTAR A GUSTO

Empezo a estudar a posibilidade de como podo levantar da cadeira na que estou sentado e marchar. Estou tan a gusto! Nunha terraza dun café da Valenzá. E iso que o tempo ameaza chuvia. E iso que vai bastante frío. E iso que teño que marchar. Pero estou tan a gusto! Co cafeciño que me acaban de traer. Coas medias negras da protagonista da canción de Sabina. Con dúas pombas que andan ó redor, a ver se pillan algo. Pobres! Para máis aquel, non teño nada que lles dar.


Levantarse dunha cadeira na que se está moi a gusto, por veces, é bastante complicado. Queres pero non podes. Como moitas accións da propia vida. Tamén é verdade que moita ansia non hai por intentar cambiar a situación. Pero é que se cambio, se ergo agora e marcho, non queda outra que facer algo; aínda que só sexa andar. E co ben que se está de nugallán! Quietiño, parado, sen facer nada. Porque, agora mesmo, escribir estas catro parvadas é coma non facer nada. Ademais, como estou só na terraza (a xente escápalle ó frío; mais como xa sabedes, eu aguanto coma os heroes), estou na gloria. Nunha terraza case sempre se está na gloria, pero, ás veces, asoma alguén que... xa sabemos o ton de voz que usamos neste noso país nas conversacións, que no canto de falar, berramos.

Sigo estudando a posibilidade de como erguer desta cadeira na que estou coma se fora no ceo, e tan só me aparece unha: que aínda que non queira, marcho porque teño que marchar.


Café A Pedreira. A Valenzá. Venres, 3 de decembro de 2021

 

viernes, 3 de diciembre de 2021

EN LOITA CUNHA SILVA

A tarde está de inverno, pero aínda así me decanto por dar un paseo pola carreira dos Poulos, a medio quilómetro, metro arriba metro abaixo, de Baños de Molgas. Ós poucos pasos noto como unha silva me engarra no xersei. Cando intento desprendela de min, esta aínda se enreda, aínda se enmaraña máis. E canto máis me quero librar dela, máis testana se pon a condenada. Nun pequeno respiro ata fun quen de falar con ela. Con calma e con paciencia. A silva máis se enleaba aínda no xersei. Mantivemos un tira e afrouxa case eterno. Ata que se me incharon as veas, por non dicir outra cousa. Tirei con tanta forza que alá quedou a manga do xersei. Mirei á silva de mala maneira, pero nada dixen. Tamén con calma marchei á casa, pillei unha fouce, volvín e dun simple tallo corteina pola metade.


Pero a outra metade denuncioume e agora andamos en xuízo. Sei que vou perder porque, o fiscal, un piorno vello que lle dá sombra á silva alega que eu atentei contra a “sabia natureza”. Non tardei en sentirme indefenso, debido tamén a que a miña avogada era unha cancela bastante escarallada que facía de portelo nunha finca e fora quen mellor vira todo o contratempo da miña loita. Logo, á hora da verdade, quizais por compañeirismo da silva, non fai moito por me defender. Non creo que tarde en saír o xuíz, un carballo vello que hai xusto no alto da miña finca (da miña propia finca), para ditar sentenza. Pero con condena ou sen condena, non penso pasar máis pola carreira dos Poulos.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 2 de decembro de 2021

 

jueves, 2 de diciembre de 2021

BUSCÁNDOME

Noto que estou un pouco desesperado, porque me ando buscando. Creo que me perdín onte pola polos recantos dun soño. Non sei moi ben como foi, o que realmente aconteceu; só sei que, hoxe, cando erguín, non me encontrei. Nun primeiro momento pensei no efecto de estar aínda medio durmido, así como medio ido. Seguro que ó lavar a cara espertaría dese presunto sono, desa factible modorra. En toda a miña vida sempre tiven ese momento como o inicio real do día: o de lavarme. Mentres non me lavase, para min non empezaba o día. Así é que me lavei. Mireime ó espello e... non me vin! O asunto xa pasaba de castaño escuro. Metín toda a cabeza debaixo da billa. Nada. Os meus xestos xa denotaban angustia. Pegueime con forza dúas labazadas. Nada. Quixen berrar, pero nin o berro saíu. Aínda así se me deu pola retranca ó pensar que, ó mellor, se ouleaba si me escoitaría. Sempre me gustaron os ouleos dos lobos. Eu mesmo, moitas veces, ouleaba no monte; desde o Alto da Lomba, no Medo, e desde a Chaira, en Pinouzos. Por se aquel tamén quixen oulear desde o cuarto de baño. Nada saíu da miña gorxa. Bágoas de orballo empezaron a caer dos meus ollos.


A situación é tan seria que nin me encontro nin me vexo. Xa non sei como actuar. Simplemente ando, paseo, mesmo corro por veces, busco, dou voltas, miro dentro dos contedores, levanto a ollada cara ós balcóns e faiados, penetro nos bosques máis tupidos e sigo sen encontrarme. Penso se non estarei dentro dese soño do principio, pero as labazadas aínda me doen. Non me queda outra que seguir buscándome.


Café Sports Century. A Valenzá. Xoves, 2 de decembro de 2021

 

miércoles, 1 de diciembre de 2021

PENSA MAL E ACERTARÁS

Como dicía aquel (porque sempre hai alguén que di algo), pensa mal e acertarás. Iso é moi relativo. Eu a maioría das veces penso mal e case nunca acerto. Por exemplo, se me río dos pobres, iso non estaría ben. Pois, que queredes, eu quero facerme rico, moi rico para rirme dos pobres, pero non hai maneira, a lotería non me toca nunca. Porque, iso si, para facerse un rico ou toca a lotería ou se mete un ladrón. Un ladrón fino, un ladrón en toda a súa extensión. Un rateiro nunca se porá rico.


Penso, tamén por exemplo, na independencia de Galicia (que isto si que é pensar mal) e, claro, tampouco acerto un carallo. Pensar mal é moi fácil; o difícil é precisamente acertar. Cando vou andando por unha carreira das de antes, ou sexa, das dos carros das vacas (ollo ó dato, a nosa Galicia ten moitas estradas desas), penso que en calquera momento me pode matar un coche. Claro que axiña me digo: pero alma cándida, se por aquí é imposible que pasen coches. E iso que, repito, moitas carreiras son agora estradas ou pistas asfaltadas.

Sei de xente que se bota parte da noite pensando mal, porque intúe que vai acertar, e fabrica todo un mundo sobre o pico dun campanario. O de pensar mal pasa máis ou menos como cando pensas ben: que tamén para o ben é moi difícil acertar. Pensas que vives ben, que es feliz e nun chiscar de ollo, alá foi o burro coas noces. Eu case sempre digo que o mellor é deixar a mente en branco ou, como moito, soñar esperto. Porque soñas á túa maneira e iso é bonito. Os pesadelos que queden para os negacionistas.


Finca Fierro. Mércores, 1 de decembro de 2021