sábado, 8 de enero de 2022

PERLA NEGRA

Sei que por varias veces nos meus relatos asomou o nome de Perla Negra. Vou explicar o motivo, porque ten o seu aquel. Vaia por diante, non obstante, que non son home de mar (por moito que alucine con el e, principalmente, co seu ruído; non hai coma o ruído do mar), nin tampouco son devoto da saga cinematográfica de Piratas do Caribe. Por non ser, nin ata son moi “amigo” de Johnny Depp. Non distingo un barco dunha carabela, nin sei cal é a proa nin a popa. Imos coa historia.


Era unha tarde desas de verán na que as terrazas dos cafés empezaban a ocuparse de continuo. A dúas mesas de onde me atopaba, catro mociñas falaban das súas cousas que, a esas idades, versaban case todas elas sobre os seus mozocos. “Ti, así en plan cariñoso ou romántico, como lle chames ó teu?”, preguntou unha e inmediatamente xa deu tamén a súa propia resposta: eu chámolle cariño. Eu corazón, dixo outra. Eu cousa bonita, a terceira. Pois eu chámolle Perla Negra, soltou a que recibira a pregunta. As tres amigas quedaron sen saber que dicir ata que soltaron a gargallada a un tempo. Eu recoñezo que tamén quedei asombrado e que deixei escapar un medio sorriso porque o asunto non era moco de pavo.

E tanto! Que xa botei todo o resto da tarde pensando no nome a murmurándome que pouco a pouco tamén a min empezaba a gustarme, que non estaba mal, que tiña o seu aquel, a pesar da saga cinematográfica e do Johnny Depp. Imaxinei a esa mociña chamándolle “miña Perla Negra” ó seu amiguiño. Ou máis que amiguiño.


Café A Pedreira. A Valenzá. Venres, 7 de xaneiro de 2022

 

viernes, 7 de enero de 2022

UN BATALLAR SEN FIN

Quero ser o cabalo de batalla de Juan Pardo, pero sen ir á guerra. Non me gustan as guerras. A ninguén lle gusta a guerra. Emporiso, son como as bruxas, habelas hainas. E hai moitas, de máis. Nas que se escaralla todo. Nas que rebentan bombas. Nas que hai sangue, suor e bágoas, moitas bágoas. Nas que hai dor, mesmo unha dor silenciosa Nas que hai mortos, demasiados mortos.


Eu tan só quero batallar por esa esperanza que sei que está ó final do camiño, por ese sentimento que flúe por entre as liñas dun relato, por esa liberdade que está na gaiola da inconsciencia, por ese asubío que se atopa no cárcere dos desvalidos e por esa nostalxia que vai e vén, que flota, que somerxe logo dun abrazo, dun longo e sentido abrazo. E quero batallar coa conciencia tranquila.

Quero ser o cabalo de batalla de Juan Pardo para ir facendo camiño. Porque nos camiños sempre hai atrancos, e curvas, e costas, e pendentes perigosas. Polo que non queda outra que batallar e batallar por esa chaira da vida. E batallo sen balas, sen coitelos, sen fouciños; tan só con actos ou feitos, e palabras, e escritos. Batallo para deixar un legado inocente, legal, que se entenda. Por batallar ata batallo sentado debaixo dun balcón ou contemplando desde unha terraza o horizonte dos pensamentos, que sempre afloran cando a señardade pasea á beira dun anhelo, dun desexo. Porque o desexo é grande e hai que loitar por el como se fora nunha guerra, pero sen que o corazón se sinta ferido. O amor, a vida é un batallar sen fin.


Finca Fierro. Venres, 7 de xaneiro de 2022

 

miércoles, 5 de enero de 2022

POLO BEN DO MEU VECIÑO

Efraín Estrulla López, O Bicho, non tiña avogado para a súa defensa e como era veciño non quixen deixalo na estacada. Así é que preparei a carreira de Dereito en tan só tres meses. Fíxeno por onlain (sabedes da miña aberración polos anglicismos), desde as oito da mañá ata as dúas da noite. Todos os días, domingos e festas de gardar. De dúas a catro da madrugada eran as miñas horas sagradas para ver películas, principalmente de xuízos, e así poder coller experiencia. Tan axiña como me vin capaz fixen de avogado defensor do meu veciño. Efraín Estrulla, O Bicho, estaba acusado de 10 asasinatos, catro deles ante testemuñas directas. O asunto pintaba, máis que negro, escuro de todo. Pero non recuei.


O xuízo foi rápido. A Efraín declarárono culpable e condenárono a tantos anos por cada asasinato que nin el sairía vivo do cárcere, nin eu viviría para, nun caso hipotético, velo saír. Desde ese momento, e como me remoía un chisco a conciencia, porque eu ben sabía que a miña defensa fora como fora, dúas ou tres veces á semana escribíalle sempre cartas, unhas cartas longas para animalo. Incluso lle confesei que estaba a facer un cursiño de pilotaxe de helicópteros (tamén por onlain) por se algún día quería fuxir do Pereiro. Malo será que estean aí á espreita, ó axexo pendentes do ceo. Xa eu intentarei construír un mecanismo para silenciar a rotación das aspas do aparato. Que todo sexa polo ben do meu veciño, aínda que, o condenado, cometese eses asasinatos. A veciñanza, para min, sempre foi unha institución sagrada.


Finca Fierro. Mércores, 5 de xaneiro de 2022

 

martes, 4 de enero de 2022

CONTRA UN ESCAPARATE

O que non me pase a min, non lle pasa a ninguén. Camiño do café, e como quen non quere a cousa, déuseme por tirarme contra o cristal dun escaparate. A culpa foi do reflexo; que vin un estafermo diante e pensei que escapara dunha película desas baratas. Tiña tal cara de asasino confeso que, coa miña acción, pensaba que sería o heroe destas festas ou destas datas. Uns centímetros antes de pegar contra o cristal caín na conta de que tal estafermo era eu. Pero xa non había volta atrás. Tampouco me importou moito, pois nese lapso de tempo que vai no percorrido deses centímetros que faltaban ata o golpe fatal, tiven tempo de pensar naquela vez que me preguntaran se me espiñaba, se me picaba, en clara referencia a se me drogaba. Díxenlles que non, que eu tan só me tiraba ós toxos.


Hoxe tireime ó escaparate. O estrondo foi tal que máis dun viandante pensou que algunha bomba acababa de rebentar o mundo. O que rebentou si foi o cristal. Non obstante, eu erguín do chan como se nada, e seguín o meu camiño. A xente mirábame asustada porque algo húmido corría pola miña cara. Si, era o sangue das feridas. Pero como se nada. Cando me preguntaban dicíalles aquilo dos toxos, de que me acababa de tirar ós toxos. Algúns actuamos segundo as circunstancias, ou como nos pete. Hoxe déuseme por tirarme contra un escaparate, e punto. Outras veces prefiro cantarlle unha nana á lúa, ou navegar coa Perla Negra polo arco da vella, ou rezarlle un responso ós piñeiros do monte dos Castros. E que...


Café Sports Century. A Valenzá. Martes, 4 de xaneiro de 2022

 

lunes, 3 de enero de 2022

O MESMO PASPÁN DE SEMPRE

Entrei con parsimonia e con certa nostalxia na palleira que teño ó lado da casa. Andei por entre diversos aparellos, sendo máis grande o carro das vacas, ata chegar á parede do fondo. Entre pedra e pedra sabía que atoparía ducias de niños das arañas. A miña ilusión era atopar un niño grande polo que puidese asomar un arañón deses de campionato, ou sexa, enormes. Así é que cunha palliña de centeo furgaba por debaixo dos niños coa intención de expulsar fóra ó arañón. Dos cinco primeiros niños que atopei nada saíu porque entendo que nada había. Non obstante, no sexto, e cando vin que se movía bastante, arremanguei a manga esquerda da camisa e puxen o brazo por baixo do niño e pegado á parede. Dígoo claramente: quería que me mordese a araña ou arañón ou que fose. Porque quería saber se me convertería en Spiderman.


Que queredes, sempre quixen ser ou ter algo de Spiderman. Quen non soña con estirar os brazos e lanzar esas arañeiras para percorrer as cidades ó berro de Tarzán. E que gozada ten que ser arruñar ou agatuñar polas paredes. Agora ben, por moita resistencia que teñan as teas de araña, por se aquel, eu non serei tan parvo para chamar a tantos elefantes para que se bambeen. Non sexa o demo que...

Que bonito ser Spiderman. Para poder salvar o mundo desas bestas que tan só saben facer mal. Mais por moito que andei e andei pola parede da palleira e furgando en todos os niños, queredes ver que non me mordeu ningunha araña. Así é que toca seguir sendo o mesmo paspán de sempre.


Finca Fierro. Luns, 3 de xaneiro de 2022

 

domingo, 2 de enero de 2022

A VIDA É PURA RUTINA

Día 2. Segundo (2º) día do 2022. Demasiados douses. Total, é un día coma outro calquera. Coas súas 24 horas. Co seu día e coa súa noite. Coa súa mañá e coa súa tarde. Con nubes e claros. Con sol e pingas de orballo. É domingo. Antes era día do Señor. Agora é día festivo. Como se ve, os anos van pasando, pero todo segue máis ou menos coma sempre. No mes pasado, ó mellor soaba a banda sonora de “Baixo o fogo” (non estou moi seguro, pero creo que si), que compuxo o gran mestre Jerry Goldsmith, e agora mesmo estou coa triloxía de “O señor dos aneis”, de Howard Shore. Máis ou menos, pois o mesmo... todo é música. Cambiar dun ano para outro só serve para os calendarios; o do ano pasado puña 2021 e o deste ano, 2022. Así de simple e así de sinxelo.


Como simple é sinxelo é contemplar os tres dicionarios que teño diante dos meus ollos, ou pensar na Perla Negra de Jack Sparrow, ou mirar o reloxo para dicir que son exactamente as nove menos cinco da noite. A verdade é que todo é simple rutina. A vida é rutina; tira para adiante, e punto. Certo, sería unha gran carallada que non tirara. Sería o punto final, claro. A vida é como pasar a ponte que cruza a vía do ferrocarril en Baños de Molgas; que nun momento dado estás na vila molguesa, cruzas esa ponte nun suspiro e xa estás en Formigoso. Así de simple e así de sinxelo. Escoitaches doce badaladas, comiches doce uvas e xa choutaches dun ano para o outro. Que complicación tivo iso? Ningunha. Porque, para máis aquel, e que eu saiba, ninguén se atragoou. A vida é pura rutina.


Finca Fierro. Domingo, 2 de xaneiro de 2022

 

sábado, 1 de enero de 2022

AVANZANDO CARA Ó FUTURO

Comentaba a semana pasada que estas datas, estas festas de Nadal sacaban o mellor do ser humano a base de boas palabras e mellores desexos. Que moitos beléns, que moitas árbores nos balcóns, que moitas luces, que moitas estrelas, que moito espírito de Nadal, pero eu creo que moito diso é para a galería. Xa que nestas mesmas datas, 188 falecidos nas costas de Libia cando intentaban chegar a Europa. Os talibáns vétanlle ás afgás viaxar sen a compaña dun parente varón. E así tantos casos espallados polo mundo que demostran que a bondade das persoas está só nas palabras, pero non nos feitos.


Tamén é verdade que lembrar os demos que levamos dentro cando empeza un novo ano cheo de esperanza e ilusión, case non procede. Eu non quero que proceda, pero, repito, os feitos son os que mandan, os que están á orde do día. Non sei quen me dixo o outro día, nun deses típicos desexos para o ano novo, que seguro que non sería peor que o que pasou, o 2021. Eu, e mirade que sempre puxen un peito optimista cara o futuro de calquera cousa, por esta vez dubidei e incluso lle dixen que... que moito coidadiño, que oxalá que o 2022 non fora peor, pero os datos que nos chegan desta pandemia que vai xa para dous anos non é como para botar as campás a voar. E só lle comentei o da pandemia, pero a ver como queda o noso país con esta luz que, en vez de alumearnos, estanos xa abrasando. Ou a ver que dicimos coa famosa costa de xaneiro. Porque neste mes xa se sabe (outra cousa máis que asimilamos sen rosmar) que subirá todo. Pero é verdade, malo será que non sigamos avanzando cara ó futuro, aínda que se vexa negro. Eu creo que todos os anos pensamos o mesmo e aquí seguimos. Se atopamos algún atranco haberá que facer coma sempre: ou intentar quitalo, vencelo ou arrodealo. Dunha maneira ou doutra custará, pero, que carallo, que ninguén diga que somos uns gandulos ou preguiceiros ou nugalláns.

A proba tivémola co AVE. Anos e anos derrubando obstáculos e arrodeando atrancos e desfacendo pexas para que chegase a Ourense. E chegou! Para converterse no acontecemento local máis importante de todo o ano que nos acaba de deixar. Despois creo que como acontecemento nacional (pero si, en plan negativo) quedou o volcán da Palma. Pero tamén xa pasou. Porque todo pasa e todo cambia. Do 2021 pasamos ó 2022 e seguro que algo cambiará. Para ben? Para mal? Ah, iso o tempo o dirá.


Finca Fierro. Sábado, 1 de xaneiro de 2022