sábado, 7 de mayo de 2022

SERES PERFECTOS OU CASE PERFECTOS

Como a guerra ucraína-rusa xa a temos asimilada como unha rutina, e como dicía a semana pasada, pois hai que buscar outras novas que sexan máis ou menos dignas dalgún que outro comentario. Por exemplo, o asunto do Pegasus ese, ou sexa, da espionaxe ós políticos. Que como se descubriu que algo pasara, axiña apareceron outras novas nas que, ó final, se espiaba a todo o mundo. Resumindo, que algo cheira a podre. Ou que a mellor defensa é un ataque. E se por un casual todo é verdade, algunha cabeza debería rodar, metaforicamente falando. Pero vivimos nun país no que nos adaptamos moi ben a vivir da bicoca. Ademais, se alguén dimite dá a entender que fallou, e o noso ego non é o apropiado para admitilo. Sempre nos consideramos seres perfectos.


Seres perfectos, e sen mofa ningunha, sen retranca, case adoita habelos. Souben o outro día do caso de Carlos Bardají, o xefe de cirurxía pediátrica do Hospital de Navarra que, nas súas vacacións, acostuma a operar sen practicamente medios a nenos africanos. E e algúns máis coma el intentan traballar polas tardes ou facer quendas dobres para acadar días extras e sumalos ás vacacións para poder marchar a África a facer o ben. Terán os seus defectos coma todo o mundo, pero polo menos optan por unha actividade digna de eloxio e de recoñecemento. A inmensa maioría, nas vacacións, marchamos para as praias ou para a montaña.


Na categoría de seres perfectos tamén case meto ós escritores, que xa sei que é algo esaxerado, pero que unha persoa invente un mundo para que poidamos descubrilo ou vivilo ou imaxinalo é digno de gabanza. E moito máis eses escritores que, con poucas páxinas, fan gozar tanto ou máis que aqueles que escriben todo un armatoste de 600 ou 700. Os demais van ter que empezar a axustarse xa que, en Estados Unidos, nunha década, o tamaño medio das obras caeu en 51,5 páxinas. É dicir, que os superventas minguan en páxinas. Ante isto, un investigador chegou a dicir que a lectura vai en declive. Poida que si. Pero, repito, o que se conta en 600 páxinas, ás veces, se o escritor é bo, pode contalo en 200. E todos felices. Ninguén é perfecto, pero si hai xente que roza a perfección. E se non, os malos que espíen ós bos e chegarán a coñecer aqueles marabillosos Pegasos que circulaban polas estradas españolas. Moito máis fiables que os Pegasus.



Finca Fierro. Sábado, 7 de maio de 2022

 

A SUBELA

Baixo un sol de xustiza, pero á sombra nunha terraza, estou disposto a coser unhas poucas pingas de orballo sobre un papel en branco. E cosereinas cunha subela. Por se aparece algunha palabra máis dura cás outras. A subela, con destreza, todo o traspasa. Creo que non son de usar expresións fortes, pero algunha vez a carraxe igual fai que se me disparen as ansias de esbardallar con algún que outro “pecado”. Cando o fago adoitan ser pecados veniais. Como moito, a palabra carallo. Pero xa teño explicado que o carallo é o patrón de Galicia, polo que é máis ben unha gabanza que un insulto.


Onde si me é moi apta a subela é para os pensamentos, para algunhas ideas que, aí si, teño que conterme moito para non espallalas polo papel en branco. E meto a subela, por un lado, polo outro, polo medio, polo principio, polo final para que non rebenten eses dicires e alguén os teña que censurar. Así é que coso de aquí e coso de alá para que o remendo disimule un pouco o meu pingas, o meu escrito.

E sempre procuro ter a man unha boa subela. Unha que cosa as xenreiras do sangue coas bondades dun soño, os medos dos pesadelos cos latexos dos sentimentos, o reflexo dun espello coa realidade do tempo. E coso a nostalxia coa miseria, a nugalla co traballo, a forza coa debilidade, o tempo que pasa co que foi e co que está por vir. Coso dous segundos melancólicos coa felicidade eterna, a Jack Sparrow coa Perla Negra e o silencio co ruído. A subela penetra, furga, cose, une e deixa remendado un pingas de cor vermello sobre unha páxina en branco. Como debe ser.


Café Brétema. A Valenzá. Venres, 6 de maio de 2022

 

viernes, 6 de mayo de 2022

A MÁIS LISTA DE TODAS

Para calquera ser humano, a súa nai é o máximo do mundo mundial: a máis guapa, a máis lista, a máis traballadora, a máis boa... Por iso eu nunca dixen tal cousa da miña, porque sei que a maioría me rebatería que a mellor era a deles. Pero hoxe vou romper a norma e confesar que a miña era a máis lista de todas e de toda a galaxia.


Era tan lista que en dous ou tres segundos soubo resolver a ecuación ou a lóxica das miñas notas escolares: que se eu aprobaba era grazas á Virxe dos Milagres, que se eu suspendía era culpa miña. Así de sinxelo. E de lóxico. Dous segundos para dicir “grazas á Virxe dos Milagres”. Dous segundos para dicir “por culpa túa, que non estudas”. Así, con convicción.

A Lola da Amparo era tan lista que cando, de cativo, a retaba a botar unha carreira duns 40 metros, deixábame ir por diante uns 20, despois aceleraba e ó pasarme a dianteira soltaba aquilo de “bícame no cu que teño paxariños”. Ela ría. A min entrábame a carraxe.

A muller do Manolo de Nocelo era tan lista que non precisaba de palabras para mostrarme o seu estado de ánimo cando eu cometía algunha falcatruada. Chegaba con que alzase unha cella ou contraese o rostro ou mirase de tal forma que, eu, sabía ó momento que tan axiña como entrase na casa podía arder Troia. Ata era lista para facer uso dunha acha, dunha vara ou do rabo da vasoira antes de mancarse na man contra os meus cóbados. Era lista de carallo! Non obstante, ou quizais por iso, por ser tan lista, lle quixen e lle quero moito. Pobre; eran outros tempos.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 5 de maio de 2022

 

jueves, 5 de mayo de 2022

O APURADO

Dionisio Diéguez, O Apurado, sentou na escaleira de pedra que sobe á Aira de Arriba de Baños de Molgas para contemplar o universo, o seu propio universo. Ese no que quere aboiar para non afogar, no que quere vivir para non morrer... de pena. Dionisio está triste, pero nin el mesmo sabe por que. Aínda que, máis que triste, semella melancólico. Porque ten unha forma especial de contemplar o seu propio universo: cun sorriso medio ladeado, medio aberto, medio feito.


Agora mesmo non lle fai honor ó alcume. Non se apura para nada, nin tan sequera para pestanexar. Está coa ollada perdida e remoendo no seu propio universo. Ese no que vai e vén na procura da súa estrela. Ou da súa galaxia. Ó mesmo tempo, cun simple guizo ou garabato, furga no musgo do chanzo e sen decatarse debuxa un corazón rachado por unha vea da pedra. Hai alegorías que van máis alá dun soño. Ou dunha realidade.

Dionisio Diéguez, O Apurado, non se apura en transmitir sensacións de facer algo. A súa melancolía consiste en buscar un anaco de felicidade polos confíns do universo, do seu universo. Deixa que o sol o amodorre para poder pechar os ollos e así ver mellor o reflexo dos seus sentimentos. Ou das súas miserias.

Dionisio, O Apurado, si se apura agora en erguer da escaleira para marchar, correndo, na procura do seu propio universo. Ese que o mantén melancólico. E aboiando. E soñando. E pensando. E medio sorrindo.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 4 de maio de 2022

 

miércoles, 4 de mayo de 2022

UNHA MISIÓN SECRETA

Non debería contar nada do que vou escribir porque é unha misión secreta; pero confío en vós. Estou infiltrado na fronte ucraína entre as tropas rusas. Hai días que me encomendaron a misión de que contase o número exacto de soldados rusos loitando na fronte e, se tiña tempo, o número exacto de balas acumuladas nos correspondentes almacéns ou polvoreiras. Se cumpría perfectamente a misión, diríanme que moi ben; e se fracasaba, que non me coñecían de nada. Así se paga o patriotismo. Aínda que a min dáme igual. Con tal de que me coñezan os veciños como o espía da burga de Baños de Molgas xa me chega como recompensa.


Como misión secreta que era dixéranme que me buscase a vida para trasladarme a Ucraína, que intentase evitar as estradas, ferrocarrís e avións. Só me quedaba a opción de ir andando ou en burro. Como hoxe xa non teño burro, non me quedou outra que optar polo coche de san Bernardo... un pasiño a pé e outro pasiño andando.

Confeso que me custou chegar á fronte da guerra. Pasei as miñas calamidades, que non todo o mar é peixe, por moi heroe ou espía que sexa. Pero cheguei. Vestín coma un soldado ruso máis e, a maiores dos cometidos encomendados, ata podo dicir aquí que durante os dous días que botei alá, 366 soldados rusos foron baixar o pantalón polos montes. Entendo que saberedes o que significa iso de baixar os pantalóns. Volvín á casa vitorioso pero, como dicía, sen recoñecemento ningún. É igual. Xa estou espiando ante a burga de Baños de Molgas, que é o meu.


Café Brétema. A Valenzá. Martes, 3 de maio de 2022

 

martes, 3 de mayo de 2022

ASUBIAR

Asubieille ó silencio para que houbera algo de ruído. Estar moito tempo en silencio tampouco é plan. Pode entrar a somnolencia, a modorra e topenear. Durmir diante da xente dá como un pouco de reparo, de vergonza. Vergonza mentres hai uso de razón, porque hai algúns que non lles importa, non só durmirse en público senón mesmo roncar. Algúns incluso, ó durmir, baballan.


Así é que sigo a asubiar. Polo menos para entreterme. E tan ben asubío cancións de Amaral como cantigas de Fuxan os Ventos ou melodías de Sabina. Por un tempo négome a asubiar dicires de Melendi. Os temas de Melendi cámbioos polos de Morricone ou Vangelis. Son máis bonitos, moito máis bonitos. Vaiche boa!

Asubío para rachar o silencio e facerlle compaña ó ruído. Asubío un requiescat in pace polos que se foron e unha chamada ós cans que andan no monte; que non ten nada que ver un asubío co outro. Asubío polo baixiño cando os sentimentos se volven melancólicos e subo o ton cando o demo penetra polos saloucos do desexo. Asubío pola mañá e pola tarde. Pola noite descanso; ou penso no que podo asubiar ó día seguinte.

Que carallo, todos pensamos que a vida é complicada cando, na realidade, é un simple asubío. Asubío seguindo o ritmo da música de Milladoiro e mentres me encamiño á biblioteca. Aquí hai que estar en silencio.

Pero ó saír, asubiarei de novo para rachar o silencio e para que haxa algo de ruído.


Café O Chicote. A Valenzá. Luns, 2 de maio de 2022

 

lunes, 2 de mayo de 2022

O PANO DAS MANS

Saco o pano das mans e axítoo no aire. O pano das mans é branco. Agora case ninguén leva pano das mans. Agora a maioría levan trapalladiñas desas de papel. Din que son máis hixiénicos. Porque, claro, úsalos e tíralos. A ver cando nos decatamos de que non se pode tirar coa vida! Porque todo é vida! Mocos tivémolos sempre e antes non había panos de papel. E aquí seguimos, sen nos contaxiar. Coa Covid xa había panos de papel.


Digo que axito o pano das mans; e agora queda por saber se o fago en son de paz, solicitando unha tregua ou simplemente chamando a atención de alguén. O de son de paz, xa sabedes... bandeira branca. E como estamos en guerra cos rusos... Claro que eu paso das guerras. Das guerras físicas, se entende. As guerras mentais lévoas a cabo de continuo, principalmente polas noites. As miñas guerras nocturnas son tremendas e terribles. Nunca traballou tanto o meu cerebro. O mellor de todo é que non mato a ninguén. Tampouco me matan, claro.

Entón só queda a opción de que lle estou acenando a alguén. A quen? A un paspán que vai alá abaixo? A un pasmón que vai coller o autobús? Non! Estoulle acenando a un puto merlo que me anda nos chícharos. E co bonitos que me están. Tamén o paxaro é bonito, pero... Pero, ás veces, canto mal fan. Canso de acenarlle e non facéndome caso, opto por baixarme de riles, pillar un coio que hai ó lado dos meus pés e lanzarllo coa intención de declararlle unha guerra. Pero non houbo tal, porque o merlo fuxiu como alma que leva o demo.


Finca Fierro. Luns, 2 de maio de 2022