jueves, 7 de julio de 2022

CINCO DÍAS DE PASMÓN

Botei dous días seguidos pensando na forma de chegar ó lugar que quería ir. E tiven que botar outros dous pensando cal era ese lugar. Aínda sigo nas mesmas. Porque sigo sen saber a onde vou, a onde quero ir. Sei de fixo que estou sentado na carreira que leva á ponte das Cepas e ó muíño do Dositeo. Pero tamén sei que a eses sitios non quero ir. Porque aí xa fun moitas veces. Principalmente ó muíño do Dositeo. Lembro unha vez que non fun cando me mandaran ir. A nai, por castigo por algo (seguro que polas notas ou porque perdera algunha vaca), mandoume ó muíño do Dositeo cunha saqueta de millo ou centeo ás dez da noite. A esas horas, sabendo que tiña que cruzar unha carballeira e que a volta sería aínda máis noite pecha, optei por deixar a que o medo se apoderase da miña mente e fixen tempo a cabalo do burro, ó lado da estación do ferrocarril, para non ir. Ó volver á casa coa mesma carga que levara, díxenlle á nai que o Dositeo non estaba.


Agora, anos despois, moitos anos despois, levo, con este, cinco días de pasmón porque non sei a onde quero ir. Menos mal que por esta carreira practicamente xa non pasa ninguén. Non sabería que dicirlles se me preguntan. Antonte mesmo ben oín como berraban por min pola zona da estación. Mesmo intuín que me estaban a buscar polo embarcadoiro. Tamén oín as campás tocar a arrebato. Sei que era por min. Eu, nin caso. Sigo aquí, contemplando os biosbardos e pensando a onde ir. A ver se me decido axiña porque empezo a ter fame. Levo cinco días sen comer.


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 6 de xullo de 2022

 

martes, 5 de julio de 2022

A RODA DA NOSTALXIA

Rematou a etapa do Tour de Francia e saín. Porque saír hai que saír. Xa empezaba a ter mono de fútbol. Xa teño mono de fútbol. Menos mal que o ciclismo chega para cubrir un pouco un recanto da miña selva. Pero quen me enlea agora con palabras de nostalxia é a “canción pra adurmiñar a lembranza” de Fuxan Os Ventos. Déixame un pouco tristeiro. Menos mal que eu axiña me animo. Non me importa pintar o tolo ou falar só. Tampouco me importa berrar desde o alto dun outeiro. Son moito de berrar desde os puntos máis altos. Un dos mellores lugares para facelo é o campanario da igrexa de Baños de Molgas. Tamén podo berrar ante o túnel da Ponte das Cepas.


Desde a Ponte das Cepas penso tirarme un día ó río Arnoia, a ver se afogo. Creo que xa me tirei unha vez, pero non lembro xa que pasou. Non debeu pasar gran cousa porque aquí sigo. E iso que a altura da Ponte das Cepas ten o seu aquel. Por iso creo que tivo que ser unha caída milagreira. Para seguir aquí, contando o conto.

Logo de berrar moito, calo un pouco. Para asentar a gorxa. Para coller folgos. Por se hai que volver berrar. Nunca se sabe. Pode pasar algo gordo ou grave, e berro. Poden cruzárseme os cables, e berro. Non obstante, cando contemplo unha roda do carro que leva anos á beira da palleira vella, aí asubío. Asubío de admiración e de gozo. Porque a vexo bonita e porque penso en todos aqueles camiños que trillou, que rodou. Leva anos aí, exposta, apoiada na parede e sendo coma un recordo do tempo que xa foi. A nostalxia empreña melancolía e a melancolía pare soños. Ou recordos.


Café Brétema. A Valenzá. Martes, 5 de xullo de 2022

 

lunes, 4 de julio de 2022

NO CUMIO DA MADUREZ

Como cambia o asunto! Moitas veces dinme, e eu mesmo me digo, que vou vello. Porque a idade ou os actos non perdoan. Pero este mesmo periódico descubriume hoxe que os españois sitúan o inicio da vellez a partir dos 74 anos de idade. E tanto que cambia! Aínda me quedan bastantes anos para ser vello. A estas alturas, e por moito que digan que o tempo voa, once anos non pasan tan facilmente e podo sentirme, hoxe, feliz e contento. Case podo asegurar que, desta maneira, estou no cumio da madurez.


A min, por un lado, xa me parecía raro que se me empezase a catalogar de vello, mesmo que eu me considerase xa vello. Cando vexo, noto e sinto que a miña cabeza responde igual que cando andaba no monte coas vacas, ou cando xogabamos ó fútbol na Carballeira, ou cando iamos ós niños á Parrumeira, ou cando goldrabamos o río Arnoia para cruzar a Pinouzos.

Si, tamén é certo que ás veces, só ás veces, me fraquea, me mingua todo algo... que se a vista xa non é o que era, que se o oído xa hai que berrar algo, o que significa que, como non se oe ben, berro porque penso que o interlocutor está como min; que se os reflexos xa tardan en reaccionar e que se a memoria, ai a memoria! A memoria, tamén me quero enganar dicindo que como agora non trato con... pensando neses actores dos que xa non lembro o nome, porque, ó non ler tanta revista cinematográfica, pois xa non estou tan ó día. Unha escusa barata. Pero aínda así, repito: no mellor da madurez. En principio, de vello, nada, eh.


Café O Chicote. A Valenzá. Luns, 4 de xullo de 2022

 

domingo, 3 de julio de 2022

O CAMIÑO A NINGUNHA PARTE

Sabía que o camiño do medio non me levaría a ningunha parte. Non obstante, collino. Porque de cando en vez é bo saírse do habitual. Mesmo é bo errar. Quen non erra? Así, despois, tamén chega a opción de corrixir, de recuar. Claro que, eu, aí, nese camiño, non tiña ningunha alternativa; non había nada que desembocase ou que me levase ós camiños da esquerda ou da dereita. Había que seguir polo que non levaba a ningún lado; polo do medio. Ou o que case é o mesmo: deica o infinito e máis alá.


E seguín polo camiño do medio. E como non tiña présa sentaba cando quería e onde quería. Unha vez si me vin na obriga de facelo sen querer. Porque o espectáculo era total, auténtico. Dous lagartos bailando unha danza sen nome pero sen fin. O de sen fin era un dicir. Díxeno porque semellaba que non acababan nunca. Pero acabaron. Así é que andei un pouco máis polo camiño do medio. Camiño que semellaba a carreira do Lameiro de Arriba, en Baños de Molgas. Pero, realmente, eu non sabía onde estaba. E quizais non o soubese nunca, porque como non me levaba a ningunha parte, non tiña referencias.

É igual, eu seguín. Ós poucos metros volvín sentar e déuseme por pensar en que a vida é unha quimera, que algunhas veces tampouco sabemos para onde vai ou para onde nos leva. Aínda que sabemos que si ten unha meta: a súa conclusión, a súa fin. Mais iso xa non procede resolvelo neste camiño que non vai a ningunha parte.


Café A Pedreira. A Valenzá. Domingo, 3 de xullo de 2022

 

sábado, 2 de julio de 2022

BOCA ABAIXO

Vaia por diante que para un servidor dicir OTAN e dicir Estados Unidos. E non hai volta de folla. Para unha análise profunda desa sentenza están os entendidos, que sei que hai moitos que opinan o mesmo. Esta semana pasada houbo un cumio desa alianza que medio revolucionou o noso país. E non vou entrar en analizar (repito, os entendidos que si o fagan) toda esa trapallada, trangallada, chafallada sobre o que acordaron e deixaron de acordar. Nin tan sequera me meto con todo o que se tivo que gastar na súa organización (e con toda a crise que temos enriba), pero si me chamou a atención a gran anécdota que se desenvolveu cando interviu o noso presidente Pedro Sánchez. Case mellor digo que o que realmente me chamou a atención foi o seguimento dos medios de comunicación a tal feito.


A tal anécdota foi cando á bandeira de España (máis ben, bandeirola) a puxeron boca abaixo. Iso si que foi un auténtico galimatías e non os temas que se estaban a tratar no cumio. Que desastre! Que calamidade! Que organización! A ver cando nos decatamos de que un país lévase na cabeza e non nun trapo ou nun papel ou nun plástico. Si, xa sei... é que representa tal, é que o patriotismo cal. E de patriotismos sabemos moi ben como o leva o propio Estados Unidos..., que non hai país no mundo que non se mofe dese patriotismo ianqui. Repito: un país lévase na cabeza ou (se queredes) nas entrañas, pero non hai que darlle moita pompa a unha bandeirola cosida a un pau.


Fóra do cumio da OTAN tamén se falou bastante da dimisión do presidente do Instituto Nacional de Estatística, Juan Manuel Rodríguez Poo, e que vén a demostrar como é a política, como son os políticos. Todos, absolutamente todos. Ás veces, polo valor dunha palla, por calquera carallada a oposición (calquera oposición) pide sempre a dimisión de tal ministro ou de calquera alto cargo. Agora, neste caso, como ese alto cargo dimitiu dan lume cos dentes ou póñense como unha brasa por que realizou tal acto. O caso é dicir algo sempre; que máis dá que sexa a favor ou en contra. Cando sexa a favor imos en contra, e cando sexa en contra imos a favor. Como debe ser. O caso é facer oposición. E repito, dáme igual que o cesaran, que cesara ou que bailase un tango. E dáme igual que sexan do partido que sexan. O caso é ter algo que dicir. Aínda que se diga mal.


Finca Fierro. Sábado, 2 de xullo de 2022

 

A RUTINA BARATA

 

Espertei cedo e sen saber por que espertaba. Collín o coche e sen saber por que o collía e para onde iría. Pero fun. Púxeno a andar. Ou a correr. Parei na libraría e sen saber por que paraba. Tampouco souben por que mercaba un periódico. Un tan só. Cando eu sempre leo dous. Volvín subir ó coche e sen saber por que subín nin por que fixen o posible para que se puxera a correr. E correu durante uns quilómetros. Bastantes quilómetros. Moitos quilómetros.


A dicir verdade, non sei moi ben por onde pasei, nin que pobos crucei, nin se vin algún corzo ou xabaril. Sei que cheguei a un lugar e sen saber que lugar era. Aí detiven o coche e sen saber por que o freaba. Simplemente baixei e collín o libro que sempre levo comigo, xunto co periódico que mercara sen saber por que o mercara.

E foi a partir dese momento cando non souben que máis facer. Porque nin sabía onde estaba nin sabía que facía alí. Quedei de pasmón ó lado do coche e remexendo na memoria a ver se conseguía sacar algo en limpo.

Nada. Desconfío desa rutina barata (ou diaria) que, ás veces, fai que iniciemos accións ás cegas. Berrei por alguén e sen saber por que berraba e a quen chamaba. Porque aínda que asomase alguén, que lle preguntaba? Se nin tan sequera sabía quen era eu. Deixei pasar o tempo e sen saber se este pasa. Ou corre. Ou voa. Deixei estar o asunto tal como estaba e, agora, que cada quen pense o que lle dea a gana.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 2 de xullo de 2022

viernes, 1 de julio de 2022

VIVIR E DEIXAR VIVIR

Quixen estudar arquitectura nunha Universidade desas nas que se estudan moitas carreiras, case tantas como as que arrodean Baños de Molgas. Tamén é certo que moitas carreiras nos levan a onde nos levan. Axiña desistín de estudar iso. Porque a min chégame ben a casa na que vivo: a caseta da burga. Esa estará sempre aí.


Máis tarde déuseme por querer optar por filosofía, pero, para que, se razoar é moi difícil. A maiores de que, eu, sempre quero levar a razón. A mellor filosofía que hai é a de vivir e deixar vivir, ou a vivir que son dous días. Haberá por aí algún filósofo que apostile que iso de dous días é un dicir, que se adoita vivir máis. Pois mira, si, aí niso doulle a razón. Axiña me esquecín da filosofía porque, a boa (a miña dixen sempre que era e é unha filosofía barata) é certo que cómpre unha boa cabeza.

Cando pasei a C.O.U. xa sabía o que quería ser. Astronauta. Mesmo na metade do curso merquei xa o traxe e gardeino no faiado. Aí segue. Porque non é nada fácil estudar para astronauta sen saír de Baños de Molgas. E iso que incluso xa planeara o lugar desde o que despegaría: desde As Pedradarcas. Un bo lugar, amplo, chan, liso, apartado da vila.

Agora ben, sabendo que non tiña opcións para nada en ningunha desas especialidades, optei por rematar todos os meus estudos en C.O.U. e que sexa o que Deus queira. Aquí estou e aquí sigo. Cunha boa filosofía: vivir a vida, deixala vivir e saber que o traxe de astronauta segue no faiado.


Café Brétema. A Valenzá. Venres, 1 de xullo de 2022