domingo, 9 de octubre de 2022

CALAMIDADES POLÍTICAS E CULTURAIS

Todo son calamidades. A vida está chea de calamidades. Hai vinte días, 390 nenos mortos desde que empezou o conflito ucraíno. Repito: hai xa vinte días. Pedir que oxalá non morreran máis creo que é unha quimera, pois neste tempo xa se atoparon fosas comúns con mortos e máis mortos.


Frase lapidaria e impresionante: “Matarannos ante o silencio do mundo”. Sobre a represión que sofren as mulleres iranianas. O mundo cala porque pecha os ollos, e ante os ollos pechos, xa se sabe, corazón que non sente. Aí, como as mulleres non valen o que vale o petróleo, para que actuar? Que se levanten en guerra elas, que nós só iremos por intereses económicos.

A Sanidade galega obriga ós maiores de 80 anos a vacinarse coa cuarta dose contra a Covid-19 indo ós vacunódromos. Aqueles que teñan que ir nunha cadeira de rodas que se poñan ó camiño, que malo será que nas pendentes non pillen impulso para subir as costas. E se non, que lle digan a un familiar que perda a mañá ou o día para levalos. O bonito é que, ante as críticas que houbo xa, o señor conselleiro de Sanidade defende a medida. Como debe ser!

Calamidade tamén é a nosa culturiña. O Goberno financiou unha investigación entre rapaces de 16 anos e adultos xa de 30 sobre a Guerra Civil española. Descoñecemento total e absoluto do conflito bélico! Algúns ata confesaban que tal guerra debeuse a que o pobo se levantou en armas contra a ditadura de Franco. Outros saben máis do holocausto nazi que da represión española. Recordo sempre que cando coinciden dúas ou tres películas, dous ou tres libros sobre a Guerra Civil, axiña nos alporizamos porque non sabemos facer outra cousa, que tal conflito cansa. Pero se hoxe se sabe tanto dos campos de concentración nazis é grazas ós libros e ás películas. E coñecemos toda a xeografía dos Estados Unidos grazas ós seus filmes.


A última calamidade (por hoxe) é a de sempre, a desa ladaíña de que Galicia é o cu do mundo e Ourense o ollo do cu. Xa sei que é unha repetición absurda, pero non podo evitalo porque é a realidade. O Estado só lle concede a Galicia tres millóns de euros máis que nos presupostos do ano pasado. E a Ourense... Ourense está aquí, coma sempre, para que fagan de nós un pandeiro, para apandar con todos os Gobernos. Que non se alporice moito agora a oposición, que antes de ser oposición gobernou e a ladaíña foi sempre a mesma. Non a repito porque xa a sabedes de memoria.


Café A Pedreira. A Valenzá. Venres, 30 de setembro de 2022

Finca Fierro. Sábado, 8 de outubro de 2022

 

viernes, 7 de octubre de 2022

FOLGA DE FAME

Estiven nun amén de facer folga de sono para non durmir. Pero axiña me dixen que para que? Son de pouco durmir. Aínda que, cada vez máis a miúdo, empezo a topenear de máis cando vexo as películas nocturnas. Agora mesmo non ten graza facer folga de sono. Como non a tivo unha vez, de rapaz, que lle fixen folga de fame a miña nai. Imaxino que sería porque non me deixaría ir ver algunha película (antigamente só viamos as películas nos bares porque moi pouquiños tiñan aparellos televisivos nas casas), ou porque non me deixaría ir a algunha verbena. O caso foi que lle dixen que faría folga de fame. Botouse a rir e dixo que así tamén aforraba.


Esa noite non ceei e, ó seguinte día, coincidiu que ó andar na finca do Piual necesitabamos unha fouce que, polo que fose, non levaramos. Apunteime ó instante para ir á casa a buscala, máis ou menos a un quilómetro. Ben sabe Deus que non o fixen pola fouce nin por facerlle un favor a nai, senón porque xa me imaxinaba facéndolle un asalto á lacena, máis en concreto ó xamón. Era un produto que reservabamos bastante para certas ocasións, para certos traballos (sega da herba, seitura, etc, que os demais non eran dignos de tal manxar), polo que ela non se imaxinaría que eu lle metería un ataque.

Dito e feito. Fun pola fouce, ataquei no xamón, pero... pero chámalle parva a miña nai. Non tardou en darse conta de que o xamón baixara e a burla, a mofa aínda se fixo máis sonora. Desistín de seguir coa folga de fame. Como xa desistín da folga de sono.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 3 de outubro de 2022

 

miércoles, 5 de octubre de 2022

O VOLANTE

Son o volante do coche do paisa que empeza a escribir. Son redondo. E tal paisa, ou sexa, tal paspán tráeme tolo. É que me marea! Que se para á dereita, que se para á esquerda. E os golpes; os golpes é o que peor levo. Dáme moitos. Porque se cabrea axiña. Porque o coche que vai diante del circula amodiño, porque fai unha mala manobra ou por calquera outra trapallada. Entón, a maiores dos golpes que me dá, berra como se caeran os santos do ceo. Que mal falado é, carallo! Si, só son palabras groseiras, pero mesmo semella que se acaba o mundo. É un desesperado! Que culpa lle teño eu? Só intento responder ós seus mandados: para a dereita, para a esquerda, quietiño, nunca lle me trabo, que máis quere!


Recoñezo que, fóra desas arroutadas, intenta coidarme ben. Principalmente nos días de moito sol e nas noites de inmensas xeadas. Non lle importa andar uns metros con tal de deixarme a resgardo dun e das outras. Non obstante, cando non lle queda outra, tenme que deixar como me ten que deixar. Nos días de moita calor, e cando se despista de taparme co parasol, aí é onde intento facer uso da miña vinganza: simplemente que lle abraso as mans. Cando as retira coma un foguete xa é tarde; xa lle deixei a miña marca de fábrica nos días de canícula. El nese momento non se dá conta (porque as queimaduras obnubílano), pero, que queredes, éntrame a risa. Unha risa na que van certas angustias de cando berra, esbardalla e golpea. Tamén recoñezo que a base de agarrarme téñolle cariño. Porque ás veces tamén me acariña e iso enche de felicidade toda a miña circunferencia.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 29 de setembro de 2022

 

martes, 4 de octubre de 2022

NON ERA EU

Cando erguín da sesta axiña souben que non era eu. Que non era eu por enteiro. E non porque me erguese atoleirado ou medio durmido aínda, non. Non era eu, non era eu por enteiro porque o lado dereito do meu corpo non era o mesmo que o esquerdo. É que nin se semellaba! A verdade é que me asustei. O meu lado esquerdo si era o meu de sempre, porque seguía a ser delgadiño e ben feito (dentro desa delgadeza). Pero o lado dereito era completamente distinto, principalmente gordo e descompensado en todo. Por exemplo, o que máis me chama atención é o cóbado: ten a forma de fouciño; fai a mesma curva pero completamente ríxida. (O puto fouciño está a amolarme a existencia: por unhas ou outras cousas non deixa de asomar xa polos meus escritos).


Logo, dos dedos da man dereita, saen coitelas como as de Freddy Krueger. Igualiñas, igualiñas cás del. O bico do peito está tan colorado e tan cheíño e tan duro como a mamila dunha muller en excitación. Ai, Deus! A rótula do xeonllo dereito, zas, está por detrás. Non me queda outra que dobrar a perna ó revés. De aí que cando me botei a andar polo corredor da casa afociñei ó instante. Tiven que acostumarme pouco a pouco a tal adversidade. Custoume un ovo. O dereito, claro. Como o digo!

Eu ben vía que non era eu. Aínda así, boteime á rúa. A xente mirábame. Eu púñame colorado. Pero ós quince minutos ata sentín un certo orgullo de non ser eu. Como o conto!


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 28 de setembro de 2022

 

lunes, 3 de octubre de 2022

POLO UNIVERSO SEN FIN

Tan axiña como saín da casa collín o camiño cara ó universo infinito. A ver se lle encontraba a meta, a fin. Maldito camiño, é infinito! Ó rematar o día fixen noite na lúa. Polo lado oculto ou escuro. Para que ninguén me vira. A zona estaba chea de naves e estacións espaciais. Logo, para máis aquel, o satélite estaba na súa fase chea ou vella, é dicir, cando o resplandor é máis cómplice para darme a ver. Pero agochei entre aparellos vellos que deixaran alá os ianquis. Ó mellor eran os que usa o típico galego na lúa para labrar o terreo dos arredores. Vai ti saber.


A segunda noite paseina en Marte, ese planeta que din que é vermello. Eu sei que o único vermello existente e bonito está nos beizos dalgunha muller; todo o demais son quimeras que non atinamos a discernir. En Marte, ás tres da madrugada (horario terrestre que, alí, eu que sei que hora era) escoitei algún que outro ruído. Xa se me veu á cabeza o alien de Ridley Scott e, que queredes que vos diga, tiven un sono inquedo, moi nervioso. Marchei de alí coma un marciano cagadiño.

Non parei máis ata chegar a Xúpiter. Alí fíxeno coa intención de pescudar o camiño que me levase a Plutón. Foime imposible. Por culpa dalgún listo, dalgún espelido que pensou que Plutón non merecía ser planeta. Os terrícolas dérono por esquecido no universo, nese universo sen fin ó que lle ando buscando unha meta. Non hai maneira, xa ando completamente perdido e sen saber en que hora vivo. Este puto universo non te fin.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 26 de setembro de 2022

 

domingo, 2 de octubre de 2022

PURO NERVIO

Quixen vir moi amodiño ó lugar no que estou... e botei a correr. Son un home moi apurado. Sempre fun un home moi apurado. De alcume xa me chaman O Apurado. Pero bautizáronme na igrexa de san Salvador de Baños de Molgas co nome de Alfonso Roxo Ruipérez. A verdade é que padezo un chisco cos apelidos porque, os máis vellos, ó saber do Roxo sempre me soltan algo da Guerra Civil, e os máis novos tamén deixan caer algo do Ruipérez. Semella que o ven algo raro. Seguro que quererían que o meu segundo apelido fose Pérez, a secas. A min dáme igual; como case non os uso. Para os descoñecidos son simplemente Alfonso e para os demais son O Apurado. Eu mesmo me presento moitas veces como O Apurado.


Non adoito usar os apelidos porque nin pido subvencións nin presento solicitudes para algo nin rabo de gaitas. Se algunha vez teño que dar os apelidos presento o carné de identidade e cada un que os tome como lle dea a gana. A miña vida transcorre tan apuradamente que non teño tempo de pensar no que meditarán os demais. E iso que máis dunha vez quero andar amodiño. Non hai maneira; son puro nervio!

Nin tomando café estou quieto. Teño que ler o xornal ou escribir parvadas parvas parviñas. Non son capaz de desconectar. Apuro os feitos e os pensamentos ata que non podo máis, ata caer esgotado sobre a almofada dos soños. Porque nesta, precisamente, é onde máis apurado me sinto. Soñar é tan bonito...


Café Brétema. A Valenzá. Venres, 23 de setembro de 2022

Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 23 de setembro de 2022

 

ERROS DE VULTO

A semana pasada caeron nas salas cinematográficas da nosa cidade sobre un cento de películas que nos fixeron pasar por todos os estados de ánimo habidos e por haber. E aínda que seguín tal acontecemento diariamente neste xornal coas correspondentes críticas na columna A Claqueta, quedoume un asunto que quero tratar neste Recuncho. Non fixen mención del nas críticas, máis en concreto na crítica da película que inaugurou a 27 edición do Festival, “O home e o can”, porque me pareceu tan bonita que ata quedaba feo falar do fallo que lle vin. Por certo, un fallo (sobre o mundo labrego) que xa lle vira a dúas máis e que paso a comentar.


En “O home e o can”, cando o protagonista, Manuel Manquiña, volve á aldea, a cámara amósanos as flores dunha cerdeira para darnos a entender que entraba a primavera (unha escena anterior mostrara a Manquiña arrodeado de neve), logo a imaxe da cerdeira perdeu nitidez pouco a pouco para recalcar, remarcar a Manquiña arrincando nas patacas (por certo, boas patacas). Ó ver isto sorrín e comenteillo á muller: mira, arrincando as patacas na primavera, xusto na etapa, na estación na que se sementan, non na que se arrincan. Adoitamos a arrincalas no mes de agosto, incluso ás veces no setembro, pero nunca no marzo ou abril.

Cando vira, creo que fora, “Divinas palabras”, de José Luis García Sánchez, con Ana Belén e Francisco Rabal, tamén había unha escena na que andaban a cavar nas patacas. Pois ben, alí sachaban e sachaban no mesmo pé de patacas e non avanzaban un carallo.


Non obstante, a máis estrambótica escena labrega que vin nunha película foi en “Romasanta, la caza de la bestia”, de Paco Plaza, na que tamén hai un momento no que se ve como uns cantos labregos andan na seitura... con gadañas! Onde se viu outra!


Son erros que case se pode dicir que están á orde do día en moitas películas, o que pasa é que hai erros e erros nos que o especialista correspondente debería de estar un chisquiño máis atento. Así vemos reloxos en películas de romanos, vasos que tan ben están cheos como practicamente baleiros, reloxos de paredes que marcan sempre a mesma hora aínda que a cámara bote alí minutos e máis minutos.


Finca Fierro. Sábado, 1 de outubro de 2022