lunes, 7 de noviembre de 2022

TODOS ME VIRARON AS COSTAS

Esperei a que me chamara alguén. Non me chamou ninguén. Ai si, exclamei para min; serei eu os que chame a uns cantos. E empecei por Faustino, o Cancelas. Berroume de que non estaba. Mirade se é torto. É tan torto coma min. Non desesperei. Berrei por Eulogio, o Cirollo. Foi a súa dona Lidia, a Ferraias, a que me dixo que marchara por tabaco e que aínda non volvera. Seguro que xa cruzou o charco e adeus moi boas.


Percorrín dúas rúas máis para chamar a Clotilde, a muller do Silabario. Esta si que estaba! Abriu a porta e soltou un “que queres” seco e abondo rabudo. Tatexei e marchei co rabo entre as pernas, que é o mesmo que marchar coas orellas baixas. Eu mesmo empezaba a notar que perdía a calma. Pero seguín. Asubiei por Salustiano, o Caxato, que asomou á ventá e cando me viu pechou as contras coma un lóstrego. Porca miseria!

Como a testán non hai quen me gane, tocoulle a quenda a Ludivina, a Bonita. Esta, onde asomou, foi ó balcón. Que carallo, era bonita. Sorriume. Atrapallei aínda máis, pero tiven a ousadía de lanzarlle un bico polo aire. Meteuse dentro nun alustro. Sería para que eu non collese confianza. Empezaba a cansar. Ninguén me facía caso.

Insistín. Chamei por Lucero, o Fachón; por Eustaquio, o d´Arriba; por Eudosia, a Coella; por María, a de Cachamuíña; pola Fina, a Laverca; e por Felisindo, o Escangallado. Todos me viraron as costas.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 5 de novembro de 2022

 

domingo, 6 de noviembre de 2022

O RESPLANDOR DA LÚA

Botei tres meses e medio (días arriba ou semana abaixo) retirando, unha a unha, as estrelas do ceo para deixarlle sitio ó resplandor da lúa. Da lúa vella, se entende; que é cando máis e mellor se lle ve o brillo. Retirar as estrelas non me custou moito que digamos. Puxen música de Vangelis (moi apropiada, por certo) e deixeime ir e vir, é dicir, flotar polo espazo sideral. A sensación era bonita. E calmada, moi sosegada.


Cando intuín que o espazo sen estrelas era suficiente para que o resplandor da lúa chea se apreciara, se vira desde tantos quilómetros á redonda, deixei de apartar os corpos celestes. Lembrar, iso si, que os quilómetros de aí arriba son e non son os mesmos que os de aquí abaixo. Parece que non hai diferenza, pero haina.

A verdade é que ver medio universo sen estrelas é e non é bonito. É bonito pola inmensidade do resplandor do noso satélite. Non é bonito pola falta de estrelas. Porque as estrelas, que demo, tamén son fermosas. Non obstante, non tardei en loitar contra unha estación espacial que me veu buscar as beiras ou tirarme do xenio, ou sexa, desfacerme esa fermosura espacial. Tiven que chamar a Cabo Cañaveral e o que pasa sempre: que me desviaron dun lugar a outro ata que rematei no alto dos Castros, en Cartelle, e desde onde mandaron axiña un mísil que mandou a estación espacial a tomar por aquel sitio. O resplandor da lúa volvía ser espectacular.


Café A Pedreira. A Valenzá. Venres, 4 de novembro de 2022

Café A Pedreira. A Valenzá. Sábado, 5 de novembro de 2022

 

sábado, 5 de noviembre de 2022

ESTA LIGUIÑA NOSA

Agora mesmo moitos aínda seguirán dicindo e confiando en que a Liga de fútbol española é a mellor do mundo. O outro día, na Liga de Campións, onde está o gran miolo futbolístico, caeron tres equipos españois dunha sentada, dun saque (Sevilla, Atlético e Barcelona), dos que un deles (os madrileños) nin tan sequera participará na ex Uefa.


Xa hai varios anos que a Liga española é “unha liguiña”. Unha liguiña da que os grandes futbolistas empezan a fuxir coma quen leva o demo detrás. E o fútbol fano bonito os grandes xogadores. Hoxe, en España, se quitamos a Benzema, temos algo así como auga de bacallau. Si, chegou Lewandowski, pero fíxoo a un equipo que está de canga baixa, por moito que estea aí entre o primeiro e segundo posto. Por certo, precisamente estes primeiro e segundo postos están a demostrar unha vez máis que fóra do Madrid e Barça, nada de nada. Levamos dous anos con tantas esperanzas dun Atlético de Madrid enorme (en cadro de xogadores, se entende) que os seus fracasos, xa empezan a causar risas. Nun dos últimos Recunchos xa daba a miña opinión de Diego Simeone, pero vese que aínda ten moito poder nese club, xa que aí segue e como o de dimitir, no noso país, está mal visto, pois imaxino que seguirá mentres non o boten. Repito: deulle todo ó Atlético, mais o tempo pasa e as cousas cambian, polo menos deberían de cambiar.

Son antimadridista, pero sei recoñecer que o Real Madrid en Europa é o que é. Ten ese xene europeo que non ten ningún equipo máis. Demostrouno perfectamente o ano pasado; que o dominaron en todos os partidos de todas as eliminatorias, pero foi campión de Europa.

Nesta liguiña nosa, fóra deses dous grandes, todos os demais, a vivir das migallas que lles vaian caendo a eses dous. E se asoma algunha estrela non tardará moito en cruzar as fronteiras. Antes, o maná futbolístico estaba en España. Agora... agora está en calquera outro lugar que non sexa España. Estamos tan mal que ata nin o Celtiña rexorde das cinsas; nin cambio de adestrador nin gaitas. Aquelas palabras do principio da Liga nas que podía haber opción dalgún posto europeo, non tardaron en converterse nun “sálvese quen poida”. E non sei se poderá este ano. Os postos de descenso empezan a bicarlle no cu.


Finca Fierro. Sábado, 5 de novembro de 2022

 

viernes, 4 de noviembre de 2022

MEDIA HORA

Dáme media hora, díxome o que me atendeu. Eu doulle media hora e o tempo que faga falta. En media hora pódense facer moitas cousas. Espero, confío e desexo que me faga o que me ten que facer. Se non, non me diría nada; digo eu.

En principio teño que esperar. Espero. Mentres espero podo facer o demo. O demo de cousas, digo. Non me refiro ó diaño. Ese, segundo a palabra do Altísimo, xa hai que está feito. Desde que o mundo é mundo. Máis ou menos.


Espero tomando un café e deixando caer sobre un papel en branco catro parvadas ou trapalladas para matar o tempo (se é que o tempo se mata). Din que as esperas desesperan. A min, nestes momentos, non. Noutros si que me consomen. Pero agora mesmo, como me afixen á idea de que teño que esperar, pois non me importa. Media hora. Media hora tan só. O de tan só é un dicir. Sabemos que ese tempo ou calquera tempo pode ser un suspiro ou unha eternidade.

Espero mirando para a televisión, e para unha nena que xoga, e para unha pomba que voa, e para a mesma nena que marcha, e para o coche que pasa. Espero escoitando música e sentado nun tallo porque o café xa hai uns bos minutos que o liquidei. Mellor que o sorbín, que o traguei. Media hora dá para baduar sobre calquera ou varias trangalladas. Claro que as estupideces tamén sempre foron necesarias.


Café O Chicote. A Valenzá. Xoves, 3 de novembro de 2022

 

jueves, 3 de noviembre de 2022

O COMETA HALLEY

Dixéronme que lle escribira unha canción ó cometa Halley. Non procede. Porque nin son compositor, nin son cantante e nada teño que ver co cometa Halley. Gústame o universo. Gústame ser astronauta. Pero de aí a compoñerlle uns versos, uns retrousos ó cometa Halley, vai un mundo. Mellor aínda, vai o universo enteiro.


Eu son máis de cantarlle (á miña maneira) ós sachos e arados, ós burros e gadañas, ós fouciños e carros das vacas. Mellor ós carros das vacas. Os eixes poñen a música, eu a voz e as vacas as posturas de baile. Non hai como a música dun carro cheo de toxos polas carreiras das aldeas!

Tamén son de subirme ó campanario da igrexa de Baños de Molgas e desde tales alturas contemplar o universo. Incluso podo ter a sorte de ver pasar o cometa Halley. Mesmo podo facer o intento de poñerlle música ó instante no que estou a vivir. Todo sería coller os badalos das campás e marcar un ritmo sosegado que, co paso do tempo, ou sexa, entre lusco e fusco, habería que acelerar para saber que é o que sae cando chegue a noite pecha. Seguro que non alcanzo o compás da velocidade do cometa Halley. Pero algo quedará.

E xa que non lle podo compoñer nada ó cometa, rendereille a miña homenaxe vestindo o traxe de astronauta e deixándome caer desde o campanario. Coma quen que aterro logo dunha presunta visita ó cometa Halley. Como chegue ó chan, iso si dará para unha canción.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 3 de novembro de 2022

 

miércoles, 2 de noviembre de 2022

DE GUERRA EN GUERRA

Por pouco que ande, sempre acabo coxeando da perna esquerda. Metéronme metralla nela. Nunha guerra en África. Non me preguntedes o país porque non o sei. Andei en moitas guerras. Sempre me gustaron as guerras.


Son o Gallas de toda a vida. Nos documentos oficiais figuro como Robustiano Charol das Bouzas, nado nunha aldea de Baños de Molgas e vou xa para vello. Xa vivín as miñas. E con sabedoría. Non obstante, de estudos nada de nada; só os básicos, as catro regras. Tamén só lin e leo novelas do Oeste. Cando non teño que ler fago as miñas propias películas... sobre a cabeza.

O de Gallas vén porque seica andaba sempre subido ás árbores, principalmente ós carballos e castiñeiros. Ó mellor é por isto polo que larguei ás guerras a África. Adoito subir ás árbores e, desde elas, dálle que dálle. Xa sei que entendedes.

Son fillo único e hai tanto tempo que non vexo ós pais que, agora mesmo, xa non sei se os teño. Como vedes, as guerras endurecéronme o carácter. As guerras recoñezo que non son cousa boa. Pero non sei vivir doutra maneira. Aínda que, iso si, fágoas por miña conta. Non estou baixo ningún mando. Chego, pregunto onde está o barullo, a acción, subo ás árbores e tumba que dálle. Cando canso, baixo e marcho na procura doutra guerra. Si, case se pode dicir que vivo de galla en galla, ou sexa, de guerra en guerra. Son o Gallas, fillo do Sabugueiro e da Salgueira. Para que vexades.


Café Brétema. A Valenzá. Martes, 1 de novembro de 2022

 

martes, 1 de noviembre de 2022

SEMPRE FUN ALGO TORTO

Michael Jackson baila sobre o meu dedo maimiño e o azucre disólvese, espállase, afunde sobre o café que me acaban de poñer. Unha pomba mírame de esguello e eu lánzolle un asubío de confianza. Para que o asunto quede entre nós. Sempre me levei ben coas rulas e pombas. Se algunha me enfada, cun aceno fágoas voar. É raro, gústanme todos os paxaros. Mesmo os corvos e pegas con toda a mala fama que arrastran. Tamén os voitres me gustan. Será porque vivimos nun mundo cheo deles.


Ennio Morricone toca as teclas das miñas pestanas e... fai música! E que música! A pomba marchou e quen mira de esguello agora son eu. Cara á unha pantalla de televisión onde botan un partido dese repetidos. Ó mellor son resumos de varios. Xa digo que miro de esguello e iso significa que non estou atento. Porque, a maiores da pantalla, tamén vexo como pasan os coches e a xente. Aínda que escriba, gústame mirar.

Melendi canta un tema no que a letra semella que a escribiu un neno de oito anos. Recoñezo que lle achaco iso a Melendi: que as súas letras semellan de párvulos. Pero, si, canta. E ante a canción ata a pomba de antes volveu para estirar o pescozo e escoitar mellor. Seguro que a ela lle gusta Melendi. Eu son máis de tocar o banxo para simular a banda sonora de “Deliverance”. A ver, non sempre teño que ir por onde vai a maioría. Algunha que outra vez gústame ir por camiños de cabras. Sempre fun algo torto.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 31 de outubro de 2022