domingo, 8 de enero de 2023

SUAR

Suei sen correr. Suei sen traballar. Suei sen forzar. Suei sen arrouparme. Suei porque suei. Eu, que case nunca súo. É raro que súe correndo ou traballando ou realizando algún esforzo. Hoxe suei moito. Quizais demasiado. Tanto, que pingas de orballo baixaban pola miña cara. Segundo baixaban xa souben por que suaba. Suaba de angustia, de impotencia e a causa da carraxe. Así, todo xunto, todo nunha mesma acción.


Angustia, impotencia e carraxe. Por que? Non sei. Quizais porque estou nun momento no que son coma un polo sen cabeza. Vou sen saber por onde ando. Ando sen saber para onde vou. Corro. Sento. Chouto. E quedo quieto. Xusto ó quedar quieto é cando súo a chorro, a cachón, ás moreas.

Cheguei a buscar un psicólogo para que me dixera por que suaba tanto. Logo dunha hora de escoitar as miñas ladaíñas, pobre, era el o que suaba. Ata case me atrevo a dicir que suaba máis ca min. Tampouco sería algo extraordinario porque, repito, case nunca súo. Hoxe é porque acontece o do polo sen cabeza. Non sei quen son. Non me recoñezo. De aí que a angustia, a impotencia e a carraxe baixen pingando pola miña cara.

Algún día espero atopar a auténtica verdade de por que as pingas de suor asoman cada certo tempo, cada vez que se me contrae o peito ou cada vez que os latexos rebentan por dentro. Algún motivo haberá. Ou non. Ó mellor súo porque teño que suar. Ás veces a verdade está na simple sinxeleza.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Mércores, 4 de xaneiro de 2023

 

sábado, 7 de enero de 2023

UN PRESUNTO SEÑOR

Ata eu tiña a Carlo Ancelotti como boa persoa. Pero as súas declaracións logo do partido da Copa do Rei entre o Cacereño e o seu equipo merengue, demostráronme que é tan estúpido coma os demais. Coma os demais que traballan ou pertencen ós grandes equipos da liga española. Son tan egoístas que, a pesar de ter xa todo o poderío que teñen, aínda queren máis. E non lles importa seguir asoballando no pequeno, no club modesto.


“Para min, isto non é fútbol, é outro deporte”, declarou logo dese partido e en clara referencia ó estado do terreo de xogo. E máis declaracións que non teñen desperdicio: “Era un partido ó que non estaban acostumados” (os seus xogadores, se entende). “Cun céspede no que non se podía xogar o balón raso”.

Parece mentira que un adestrador que foi futbolista faga estas declaracións. Certo que el, ó nacer en Parma (unha cidade, na que se iniciou nas súas categorías inferiores), xogase xa en máis ou menos bos campos de herba. Pero seguro que coincidiría con xogadores que, nos seus principios, non lles quedaría outra que adestrar e xogar en auténticas pataqueiras e incluso en campos cheos de bulleiro.

Non estaban acostumados. E como non están acostumados non son dignos de baixar á realidade futbolística da inmensa maioría dos clubs españois. E tan inmensa, pois mesmo na primeira división hai campiños que pouco mellor son que os dos clubs máis modestos.

Non se pode xogar o balón raso. Que xoguen por arriba, que para iso son os máis altos, os máis fortes, os máis guapos, os máis chulos. Coma se os do Cacereño ou os do Arenteiro non xogasen raso. Imaxino que as súas queixas referiranse máis a que se tiveron que luxar no bulleiro ou tropezar nos terróns que se levantaban. E podían mancarse; uns xogadores que ganan millóns de euros. Que se manquen os modestos, que están acostumados ás feridas dos talleres mecánicos, ás feridas causadas a causa da roza nos montes ou no momento de apagar lumes. Porque moitos xogadores deses equipiños modestos teñen que realizar eses traballos e marchar, correndiño, a adestrar ou a xogar.

Para que despois digan que o fútbol tal ou cal. O fútbol é marabilloso: acaba de amosar a auténtica personalidade de todo un presunto señor: don Carlo Ancelotti.


Finca Fierro. Sábado, 7 de xaneiro de 2023

 

viernes, 6 de enero de 2023

POR UNHA SIMPLE MANCHA

Pisei sobre a alfombra vermella do corredor. Mancheina. A muller berrou. Fuxín. A ninguén lle gusta escoitar os erros que cometemos, por moito que digamos que si, que nolos digan para corrixilos. Así é que fuxín. Non tardei en atoparme cunha parella da Garda Civil. Víronme cara de ferreiro, ou o que é o mesmo, cara de delincuente e fixeron o xesto de quererme prender. Fuxín ás carreiras, coma un foguete.


Fuxín polas carballeiras do inferno e polos ríos do tempo. Ó pouco fun dar cunha manda de lobos, dos que dous ou tres amosáronme os dentes. Entenderedes que fuxira. Os momentos das heroicidades eran de cando a esaxeración queda bonito nas frases dalgúns relatos. Fuxín polos montes arriba e abaixo, polos ríos grandes e os regatos, por entre toxos e carballos.

Para descansar un pouco de tanta fuxida, subín a un amieiro ben alto, con tan mala fortuna que, arriba, nas derradeiras gallas, había un niño de velutinas. Non tardei en baixar a fume de carozo. É dicir, que fuxín. Metinme baixo as augas do río Arnoia para que as abellas pasaran voando. Pero tampouco tardei moito en fuxir. En fuxir da auga, se entende. Porque afogaba.

Fuxín durante días e noites. Fuxín polos eidos da nostalxia e polas poulas dos devezos, polas cataratas dos ruídos e polos outeiros do silencio. Subín a unha nave espacial e fuxín polo Universo. Todo por culpa dunha simple mancha na alfombra vermella do corredor.


Café O Chicote. A Valenzá. Martes, 3 de xaneiro de 2023

 

miércoles, 4 de enero de 2023

UN ACCIDENTE

Teño que andar para atrás. Si, xa sei que moita xente anda ás veces un pouco para atrás. Quen non deu uns pasos atrás na súa vida?; e non só pasos de baile. Eu teño que andar para atrás xa para sempre. Tiven un accidente co burro e reviróuseme o pescozo de tal maneira que ningún doutor foi quen de volvelo ó seu sitio.


O accidente foi algo estúpido, algo esperpéntico pero, como se ve, moi grave. O burro corría a unha velocidade tal que nunha curva da carreira dos Poulos derrapou contra unha parede e eu saín despedido con forza para dar un bo trompazo contra esa mesma parede. Menos mal que non tardou en pasar por alí Gumersindo, O Capador, que axiña chamou ás asistencias.

Xa dado de alta do hospital, quixen probar de andar de forma normal, ou sexa, cara á adiante, pero claro, esnafrábame contra todo. Porque non vía. E non podía torcer a cabeza. Non me quedou nin me queda outra que andar para atrás. Éme complicado pero é o que hai. Cada vez collo máis experiencia e noto como os pasos son máis rápidos e máis seguros, máis firmes. O esencial é a seguridade, xa que a rapidez... Chegoume ben como era antes, que me chamaban O Apresurado. Ó principio tal seguridade era tan pobre que máis dunha vez pensei que, ó mellor, cun golpe dos que levaba, a cabeza volvía á súa posición. Non houbo maneira. Agora eu ando para atrás e o Gervasio anda cunha pata rota. Accidentes que se atopa un polo camiño da mala sorte.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Luns, 2 de xaneiro de 2023

 

martes, 3 de enero de 2023

A VISITA

Case todo o mundo dicía, opinaba e incluso se alporizaba comentando que a luz que brillaba alá na distancia, alá na ladeira da serra de San Mamede era a luz do sol que reflectía nun cristal. Eu sabía que non. Porque tal reflexo tamén se vía polas noites. Eu polo menos víao desde a Aira de Arriba de Baños de Molgas. E non todas as noites. O motivo non sei cal era. Alguén poderá pensar na bombilla dunha casa e que algunhas noites estaría apagada. Dáse o caso que alí non había tal casa. Que alí tiña que haber algo máis que o simple reflexo dun cristal.


A mellor forma de sabelo era indo alá. Para alá marchei, sen perder de ollo a localización, o lugar. Sabía que cruzando o monte Medo perdería por moitas veces tal reflexo, tal luz, tal faro, tal brillantez. Non sei por que (quizais porque sempre fun algo fantasioso, galáctico, espacial), pero de camiño xa fun pensando en algo de fóra de aquí. Si, en algo extraterrestre. A ver, por que non?

Cheguei medio esgotado de tanta subida. Pero cheguei. E aquilo de “pensa mal e acertarás” foi coma o tiro ó pombo: que atinei á primeira. Alí estaba; unha nave espacial con forma de formigoneira e que facía exactamente igual que esta: daba voltas e máis voltas. Mirei, examinei, busquei, pero nada vin. Seguro que o tipiño, digo o alien ou extraterrestre estaría tamén a vixiarme. Regresei a Baños de Molgas coa certeza de que alguén nos visitara.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 30 de decembro de 2023

 

lunes, 2 de enero de 2023

BUSCANDO ALGO

Busca e encontrarás. Non sempre. Farteime de buscar e non atopei o que buscaba. Buscaba algo. Por unha rúa máis longa que os días de maio e volvín coas mans baleiras. Case fun deica o infinito e máis alá e ese algo brillou pola súa ausencia. Andei un paso detrás doutro, andei un minuto detrás doutro e andei mentres escoitaba un tema musical detrás doutro. E nada de nada. Nada do que eu buscaba, claro. Porque en toda esa rúa que semellaba que non tiña fin, non atopei ese algo.


Cansado xa un pouco, deixei que a imaxinación buscase a maiores algunha outra cousa. Dábame igual o que. Sei que cheguei a buscar corvos que, na cidade, non é que abunden moito. De esguello buscaba matrículas que acabaran en 5, por exemplo. Buscaba recordos na miña memoria que, eses si, asomaban a esgalla, a darlle cun sacho. Por certo, mesmo cheguei a buscar sachos colgados en algún escaparate. Son moito de sachos. Quizais porque sufrín a causa deles. E o masoquismo está nun.

Ó final, o esencial, aquel algo que buscaba non apareceu. Polo que rematei buscando ó propio demo. Que este si axiña asomou. Estaba en min. Xa que empecei a esbardallar a máis non poder. Contra ese algo que non apareceu e contra esa impotencia que me venceu. Seguirei buscando. Noutra rúa máis longa. Seguro que ese algo o atopo na rúa máis curta. Seguro. Case é lei de vida.


Bar Paco. O Vinteún (Ourense). Venres, 30 de decembro de 2022

 

domingo, 1 de enero de 2023

O PEOR DÍA DO ANO!

Dicir Ano Novo é dicir esperanza, é dicir ilusión, é dicir alegría. Eu digo que é o peor día do ano! E con moita diferenza. Se trouleas a noite anterior (que a maioría troulea), o día 1 de xaneiro levántaste tarde, mal e nunca. Alá vai medio día perdido. Logo, hai familias nas que uns se levantan e outros non. O que significa que “a gran comida” do día máis ilusionista nin é xantar nin é nada. E os que comemos, que é o que comemos? As sobras da Noite Vella! Pero como tampouco hai moitas ganas de comer (lembremos que nos erguemos da cama moi tarde), esas sobras seguirán sobrando ata a fin dos tempos.


Logo, para máis aquel, apareceu o día que apareceu no primeiro día do 2023: que non deixou de chover desde o ano pasado. Empezou a chover aí sobre as seis da tarde do derradeiro día do ano anterior e aí segue. Dez horas e cuarto máis tarde segue dálle que dálle, cae que cae. O peor día do ano!

Queda aínda o máis bonito, é dicir, o máis esperpéntico: que onde tomas un café? Entre que caeu en domingo (e moitos bares pechan xa en por si os domingos) e entre a festa que é... hai que percorrer case toda A Valenzá para atopar algunha cafetaría aberta. O paseo non mo quita ninguén, pero que me quiten o café, iso si que non, eh. Iso son palabras maiores, ou sexa, inconvenientes enormes. Grazas a Deus encontrei un e xa estou algo máis contento. Pero o día 1 de xaneiro, o día de Ano Novo, o día dos grandes desexos, das grandes ilusións e das grandes esperanzas... é o peor día do ano!


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 1 de xaneiro de 2023