jueves, 9 de febrero de 2023

REMEDIOS CASEIROS

No libro El peligro de estar cuerda, de Rosa Montero, esta comenta que a escritora neozelandesa Janet Frame escribía no seu libro autobiográfico Un ángel en mi mesa que o seu pai abrandáralle o pandeiro (azoutes no cu) para que, ó chorar, durmise mellor. Lin isto e apareceu coma un flash, coma un lóstrego na miña memoria a miña nai facéndome exactamente o mesmo: “toma e toma, e xa verás como ó chorar dormes mellor”. O caso é que si tiña algo de razón. A chorada deixábame esgotado e durmía.


Xa que falo de remedios caseiros; había outros dous horribles que producían máis que bágoas e esgotamentos de tanto chorar. Porque, a maiores dos propios remedios, estaban as labazadas que recibía para acatalos. Lembro aquel aceite de fígado de bacallau que me facía tomar porque me doía tal ou cal cousa, e seica valía tanto para o tute como para a brisca. O seu sabor era tan noxento que a subida ó monte Calvario quedaba nunha cousiña de nada. O terceiro remedio caseiro si que era criminal, en plan besta. Que para a dor dos oídos parece que era bo ciscar no conduto auditivo aceite practicamente fervendo. Visto agora o asunto, non sei como non nos deixaron xordos de verdade.

Entendo que o facían polo noso ben e a ignorancia era cega ante unha situación que te podía aliviar. O que realmente facía era padecer un calvario horrible, doloroso e esgotador. Quedabas fundido logo de tantos choros e berros e penalidades e labazadas. Remedios caseiros nunha infancia chea de bágoas. Menos mal que a inocencia da propia infancia era coma un cambón que axudaba a tirar para adiante.

Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 2 de febreiro de 2023

 

martes, 7 de febrero de 2023

POR UNHA BOA CAUSA

Fará así coma dous meses e medio realicei unha desas proezas que, alguén, poida que non entenda pero que para min era moi necesaria: fun a Madrid en burro. Por unha boa causa: a da busca dunha cura para as linguas que se botan a pacer sen parar mentes. Para tal acontecemento tiven que buscar algo de financiamento. Non tardou en apoiarme a empresa local Cri-Cri, que se dedica a dar grilos en adopción. O nome da empresa lucía nas alforxas que colgaban no lombo do meu Gumersindo.


Saímos ben cedo e cando cheguei a Xinzo de Limia tiven que baixar do burro porque a xeada estaba a conxelarme. Así, ó andar, entraban os pés en calor. Polo demais, o camiño foi vento en popa e recoñecendo e admirando o bo comportamento da xente con nós; dándonos algúns comida e fonda. Mesmo para o propio animal.

Cando entramos en Madrid e quizais pola publicidade que se lle fixera á miña aventura, na Moncloa había ringleiras de xente animándonos, aplaudíndonos e con charangas cada poucos metros. Unha festa! Na praza maior estaba a esperarnos unha gaita galega. Eu bailei unha muiñeira e Gumersindo orneou como nunca orneara.

Ofrecéronse moitos a traernos de volta en transportes apropiados para o burro. Negueime porque lles dixen que... eu xubilado e o burro, desde que abandonei as leiras, coma se estivera tamén xubilado, tiñamos todo o tempo do mundo. A boa causa xa a realizara, así é que...


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Mércores, 1 de febreiro de 2023

 

lunes, 6 de febrero de 2023

NA ACCIÓN DA PELÍCULA

Penso que me deixei influenciar polo personaxe de Jeff Daniels na película “A rosa púrpura do Cairo”, de Woody Allen, que sae da pantalla para mesturarse cos espectadores. A min, o outro día, pasoume ó revés: que estaba vendo unha película (que vira varias veces), que me levantei da butaca, que me dirixín á pantalla e que me metín na acción desa película. Mestureime cos personaxes. Eles quedaron alucinados e eu non tardei dous segundos en destriparlle todo o filme.


A un personaxe díxenlle que escapase do soto no que estaba escondido, que se non, unha parella de policías deteríano en menos de vinte minutos. Non me quixo facer caso, mais expliqueille todo o que fixera desde que empezara a longametraxe. Cando lle dixen incluso que nunha escena rañaba o ovo dereito, aí foi cando me creu e fuxiu como ánimas que leva o demo.

Ós poucos minutos de meterme na película coincidín co artistiña e xa lle dixen que non se preocupase, que el sairía vivo do galimatías no que o meteran e que mesmo atraparía ó asasino. Que nada, que si, que lle apuntaría cunha pistola na cabeza, pero que o malo non a usaría ata que el reaccionase desde o chan cunha patada naquel sitio que doe moito. Tamén ó momento lle dixen quen era o auténtico asasino. Non obstante, que disimulase un pouco, que había que manter ó espectador en tensión. Aínda que, sendo Brad Pitt, a xente xa imaxinaba que saía con ben, pero... Ás veces nin sendo Brad Pitt te salvas. Depende moito do director. E máis do guionista, claro.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Luns, 30 de xaneiro de 2023

 

domingo, 5 de febrero de 2023

SEN ESTRELAS

Ás veces é mellor non ler a prensa porque hai novas que deixan a un medio fundido. O outro día non sei que xornal comentaba que esta xeración (imaxino que a dos máis noviños) deixaría de ver as estrelas. Iso é horrible! Só que sexa polo mero feito do que significa velas, da súa fermosura. Tal aseguranza lanzouna Science, que tamén revelou que a contaminación luminosa aumentaba un 9,6% cada ano.


O da contaminación é un dato máis que malo, pero que, máis ou menos, xa se intúe, xa asumimos. E menos mal, que podía ser peor. Rectifico: creo que será peor. Agora ben, o de non poder ver as estrelas iso bota para atrás todos aqueles poemas que se escribirían nun futuro. Porque... quen non lle adicou uns versos ás estrelas? As estrelas, logo do corazón, creo que é un dos símbolos máis grandes que existen cando se fala de amor ou de romanticismo.

As estrelas, esas que están no universo de Space Odity, de David Bowie; ou en A Sky Full of Stars, de Coldplay; ou no universo de Amaral; ou no Starlight, de Muse. Aínda que para un servidor a estrela máis errante é a de Lee Marvin. Este actor só cantou unha vez na súa vida, pero a súa Wandering Star é todo un universo de emocións e felicidade.

Con esta marcha contaminante que levamos, nin subindo ó alto dos Castros, en Cartelle, nin á Chaira ou Outeiro do Corno, en Baños de Molgas, conseguiremos ver eses astros que nos fan soñar, rir, versificar e amar. Como a súa visión semella que chega á súa fin, non queda outra que empezar a durmir ó raso para contemplar... as estrelas.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 29 de xaneiro de 2023

 

sábado, 4 de febrero de 2023

O COMETA VERDE

Non sei que imaxe terá o lector do espazo exterior, do universo máis alá das típicas imaxes televisivas ou fotográficas, é dicir, cheo de estrelas e planetas e satélites e meteoritos, etc. Eu entendo que si, que o universo é inmenso, mesmo infinito, pero tampouco vou máis alá do que dicía na anterior frase. Non obstante, o outro día quedei pampo cando lin a noticia de que o cometa C/2022 E3 (ZTF), máis coñecido e mellor nomeado polo Cometa Verde, se achegara á Terra de novo logo de 50.000 anos. Por certo, tal achegamento refírese a uns 42 millóns de quilómetros de aquí.


A ver, sobre os millóns de quilómetros non me asombro tanto porque a causa de ler novas sobre outros achegamentos ou sobre as distancias de certas estrelas ou constelacións ou galaxias ou nubes de po xa estou acostumado, xa sei que aí arriba as distancias son “esaxeradas”. Mais recoñezo que quedei perplexo, aloulado co dos anos. Aí foi onde realmente me perdín ante a inmensidade do espazo exterior.

Resulta que o Cometa Verde a última vez que pasara á nosa beira fora no Paleolítico Superior, cando os dinosauros aínda andaban ó seu aire polas verdes pradarías do noso planeta. E se queremos facer algo de números, podo resumir o asunto desta maneira: Se ese cometa viaxa á velocidade de uns 207.000 quilómetros por hora e se tardou en pasar polo mesmo punto 50.000 anos máis tarde, é para alucinar ou non é para alucinar? É para perderse ou non é para perderse por esas inmensidades. Que si, definitivamente o universo é infinito.

O Cometa Verde seica procede da nube de Oort, unha zona xeada das aforas do Sistema Solar, onde se esconden entre centos de miles e billóns de cometas (sigo a perderme con tanta cantidade), restos conxelados da formación dos planetas hai máis de 4.500 millóns de anos. E disque é verde porque a cuberta gaseosa que arrodea o seu núcleo contén un composto reactivo chamado carbono diatómico, que é brillante en lonxitudes de onda de luz verde.

Agora tan só me queda esperar a súa volta (na inmensidade do Universo 50.000 anos é un suspiro) para velo mellor e intentar subir á súa cola.


Finca Fierro. Sábado, 4 de febreiro de 2023

 

viernes, 3 de febrero de 2023

BAILANDO SOBRE ALUCINACIÓNS

Ás veces a memoria ou o entendemento baila sobre alucinacións que non deberían vir a conto, pero veñen. Viñeron o outro unhas poucas. Que me sentín Howard Hawks mandando cruzar o Río Bravo, cando a realidade era que eu cruzaba o Río Arnoia pola ponte vella de Baños de Molgas. O asunto cambiaba moito. Como cambiou ó día seguinte, cando me notei coma John Wayne cabalgaba polo Monument Valley. Era eu que cruzaba Barricobos subido no lombo do burro.


Emporiso, tanto John Wayne coma eu mesmo iamos detrás de dúas ducias de indios que se escaparan da reserva que había á beira do Río Lobos, é dicir, no Muíño da Luz, asentado á beira do Río Sor. Non tardamos en atopar as dúas ducias dos arapahoes: estaban agochados, todos eles, debaixo dunha verza. O problema estaba en como meterlles man, xa que como John Wayne, agora mesmo, era un personaxe ficticio, non levaba nin rifle nin colt. E eu, pobre de min, tan só portaba a vara aguillada. Pouco dano lles podía facer coa punta cravada no extremo da vara.

Non desesperei, metín dous dedos na boca e asubiei por Rin Tin Tin, que, na realidade, quen apareceu foi o meu Uriarte. Este non andou con lerias: fincáballe os dentes nunha nádega ós indios mentres eu os picaba na outra. Así, entre os dous, espantamos ós indios e, estes, coas presas, foron afogar ó Río Colorado á altura de Yuma, é dicir, ó Río de Tioira no seu paso por Portugalego. Uriarte e eu regresamos á realidade. El deitou ante a porta da casa e eu sentei no sofá para ver unha do Oeste.


Bar Paco. O Vinteún (Ourense). Venres, 27 de xaneiro de 2023

 

jueves, 2 de febrero de 2023

O VENTO

Díxenlle ó vento que non correra. Non me fixo caso. Logo, para máis aquel, e a maiores, zoaba. Mireino de mala maneira. De esguello non, de mala maneira. E insulteino. Como nunca insultara a ninguén. El, en vinganza, revolveume o paraugas. Menos mal que este era vello e non me preocupou moito. Aínda así volvín a insultalo. Ó vento, claro. Segundo o insultaba xa me engruñei un pouco esperando a reacción del. Do vento, digo. Quedei pampo. Porque, logo de insultalo, calmou. De súpeto. De golpe. De socato. De repente.


E, así, o silencio reinou no instante, no momento. No máis profundo convencinme de que os meus insultos, pola contra, foran bos. Certo que me esnaquizou o paraugas, pero como non me achantara, el, o vento, colleu medo. Porque eu podía pasar dos insultos ós feitos. Que feitos? Sinceramente, agora mesmo non o sei. Tampouco sei como reaccionaría ante unha segunda falcatruada del. Sen paraugas, o vento podía optar por facerme dano. E se non o conseguía? Eu, como dicía aquel anuncio ou reclamo ou algo semellante, nas distancias curtas son perigoso. Moi perigoso.

Agora, pasado un certo tempo xa, non lle podo dicir que non corra (ó vento) porque non hai tal vento. Nin tan sequera no alto do outeiro ó que acabo de subir. Todo está en calma e en silencio. Cada vez máis convencido de que me colleu medo. O vento, digo. E non, non lle penso dicir nada ó silencio. O silencio é bonito. Sempre foi bonito.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 26 de xaneiro de 2023