miércoles, 8 de marzo de 2023

AMODIÑO

Hoxe andei amodiño. Saín da casa devagar. Non tiña présa. Case sempre ando lixeiro, moi lixeiro, pero hoxe tiña tempo para pasear con calma. Daba gusto andar amodiño ó sol. Este reinaba e reina no principio da tarde. A ver, é un sol de marzo, pero é sol. Quenta se non corre unha pouca brisa. Estes días tivemos brisas tan frías, tan frías que ben se vía que era máis neve que vento. Cunha boa cazadora e un gorro paseinos ben. Mesmo lendo por fóra, ó frío. Cando quero aguanto coma os heroes.


Viña amodiño polo atallo escoitando o 20 de abril de Celtas Cortos. O tema, cronoloxicamente, non procedía porque hoxe é 3 de marzo. Tampouco queda tanto para o 20 de abril, a maiores de que ese tema vai e cae ben en calquera día do ano. Como andei amodiño, tiven tempo de escoitar algún tema máis antes de chegar ó café. Lembro que un deles era de Morricone e que pertence á banda sonora de Dúas mulas e unha muller. Máis tarde tamén escoitei a Labordeta, así como a Luz Casal cantando Camariñas, acompañada por Luar na Lubre. Agora mesmo acabo de escoitar a un grupo en inglés cun tema frenético. E xa empeza Rod Stewart con Baby Jane. Como se ve, moita variedade. Sempre me gustou a mestura musical. Teño medo que ó escoitar sempre o mesmo ou durante moito tempo ó mesmo autor, me chegue a cansar. Non hai como a mestura, a variedade; desde o rock ata a clásica, pasando polo folk e o tango.

Agora poño o punto final e tamén marcho amodiño porque non teño ningunha présa.


Café Oren Express. A Valenzá. Venres, 3 de marzo de 2023

 

martes, 7 de marzo de 2023

O MEU ESTERCO

Mesturei tal cantidade de ras con sapos que acabei formando unha granxa de batracios. Xa sei que é fácil ―e moitos o fan― mesturar o allo co bugallo ou o cu coas calzas, pero eu non me rebaixo a iso; eu mesturo toxos con follas e silvas para facer un estrume do carallo; moi bo para fertilizar as leiras. Mesturo, así mesmo, Fuxan os Ventos con Milladoiro e xa son os propios pés os que seguen o ritmo folk. Mesturar, ás veces, é fácil e bonito. A min gústame mesturar as fabas con patacas e verzas, e vaia caldo que sae. Gloria bendita!


Hai quen mestura tamén as bágoas coas risas e a felicidade coa pena. Isto xa custa un pouco máis. É complicado chorar se se ri, e viceversa. É complicado vivir ben cando a miseria te enterra. Pero, xa digo, son mesturas raras. Eu son máis de mesturar a Amancio Prada con Pink Floyd, por moito que semelle raro ou ridículo. Con un e cos outros gozo igual coma se fora eu o que tocase ou cantase.

Mesturei letras con espazos en branco e aí xa foi onde me soltei por completo. Non tardei en formar palabras e parágrafos e relatos, que é o meu; a mellor e a única granxa que teño. É a leira máis grande coa que conto e que fertilizo case todos os días con ideas, pareceres, sentimentos, dicires, pensamentos... esterco, moito esterco. Si, esterco, pero é o meu esterco. Mesturo a política co fútbol, a fantasía coa realidade, os soños cos pesadelos. Gardo todo iso na corte cuadriculada e nesta apodrenta, podrece para facer esterco. O meu esterco.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 2 de marzo de 2023

 

lunes, 6 de marzo de 2023

NON HOUBO MANEIRA

O outro día quixen morrer e non houbo maneira. Tireime ós coches e, os condenados, frearon a tempo. Tireime ó tren e resultou que era un soño. Colgueime dunha argola que tiña no teito do salón e rachou a soga. Fun á ferretaría, merquei unha cadea grosa e colgueime da trabe da palleira. Partiu a trabe. Empezaba a desesperar. Marchei ó faiado e busquei a pistola que escondera alí o pai hai xa moitos anos. A pistola non disparaba tiros nin a tiros, valla a redundancia. Case o vexo normal; a pistola era da Guerra Civil e seguro que estaba enferruxada a causa das augas do río Ebro, cando o meu pai o tivo que cruzar a nado varias veces para poder matar ós roxos.


Pensei que sería bonito morrer espetado nos cornos dalgunha vaca, principalmente a Rubia, que os tiña grandes e ben abertos. A tal Rubia xa a venderamos nos anos setenta. Quixen botarme a estes cans de raza perigosa, mais todos andaban presos e con bozo. Maldita sexa, se non quixera morrer, seguro que algún había andar solto! Porque ataques destes bichos hainos case a diario.

Pouco a pouco pensei en que a morte me tiña medo. Non hai outra explicación. Logo de infinidade de intentos, aquí sigo, san e salvo. Se cheguei a meter a cabeza no forno da cociña e xusto nese momento acabouse a bombona. E o do butano non ben ata dentro de dous días. Seguro que se deixo de intentalo, morro en calquera momento. Eu que sei, a morte chega cando menos se espera. Aínda que a min, polo que se ve, tenme medo.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Mércores, 1 de marzo de 2023

 

domingo, 5 de marzo de 2023

O CRAVO DE ROSALÍA

Son o cravo de Rosalía de Castro, que acabo de penetrar, con forza, con algo de carraxe, no corazón do paspán que escribe. Rosalía non sabía se era de ouro, de ferro ou de amor. O paspán que escribe tampouco o sabe. Intúe algo, pero tampouco quere meter as mans no lume. De ouro imaxina que non son, porque el ben sabe que non se merece tal honor. El, o pobre, a verdade é que é pouca cousa. De ferro; aí xa deixa amosar un sorriso e pensa que vai máis con el. Incluso se eu estivera cheo de ferruxe, ata me abriría aínda máis o seu corazón. E de amor; iso xa son palabras maiores para el. Aínda que a estas alturas, nin el mesmo sabe que dicir.


Por moito que o pasmón que escribe diga que ten un corazón de ouro, vai ser que non, que eu non son de ouro por moito que penetrase no seu corazón. Lembrade que o fixen con algo de carraxe. A ver, tampouco é que o fixera por algo en especial, pero ás veces coma que non entro nos seus sentimentalismos de pacotilla. Por moito que o paiolo que escribe diga que ten cara de ferreiro, ou sexa, algo así coma un corazón negro, pois tampouco é. El terá o seu aquel; no fondo, non é tan malo como se debuxa nin como o pinto. Por moito que o apaiolado que escribe diga que o amor é un forte latexo do seu corazón, tamén é un dicir seu. A realidade aquí está: furgando nel con forza, a fondo e con carraxe.

Son o cravo de Rosalía de Castro que fedello, escaravello e remexo no corazón do pasmón que escribe. Non son de ouro nin de ferro nin de amor; estou enferruxado.


Café Oren Express. A Valenzá. Martes, 28 de febreiro de 2023

 

sábado, 4 de marzo de 2023

TEORÍA POLÍTICA, PRÁCTICA CIDADÁ

Por sorte levamos xa máis tempo coa democracia que o que se botou coa ditadura de Franco. Non obstante, en democracia segue habendo cousas que non corresponden moi ben co sistema político que defende a soberanía do pobo e o dereito deste a elixir e controlar ós seus gobernantes. Segue a censura. Segue a corrupción. En moitos asuntos tamén hai ditadura. E seguen as poltronas enchéndose de incompetentes.


Porque si, con isto da democracia, o pobo, cada certo tempo, pode elixir e mesmo aceptar a certos políticos ós que puxo aí para que levaran as rendas do concello, da comunidade autónoma ou do país. Esa é a teoría política. Pero a práctica... a práctica é que o propio pobo é o que ten que arranxar tal ou cal situación que os incompetentes nin tan sequera o intentan.

Ultimamente, ó cear, coincide que vexo o programa Hora Galega e na súa sección de denuncias vexo situacións nas que os concellos aféitanse para arriba. Ten que ser o propio paisano, ese que os votou, o que denuncie, o que se manifeste, o que proteste, o que clame ó ceo para que se tomen certas medidas. Porque os apoltronados están aí, a velas vir, e, días antes doutras eleccións, facer que fan, facer que traballan. Para que nomeamos a alcaldes, deputados, congresistas, etc., se ó final ten que ser o pobo o que arranxe o que a eles non lles importa?

Ademais, de non facer gran cousa, aínda por encima, cada vez cobran máis concelleiros, máis conselleiros, máis deputados e máis ineptos baixo a epígrafe esa de “dedicación exclusiva”. Concellos que están desaparecendo teñen a catro ou cinco ou máis concelleiros baixo nómina, porque seica se dedican tan só a certas áreas nas que, repito, ó final, é o propio pobo o que ten que loitar para que todo chegue o bo porto.

E o máis grave aínda: que o pobo elixe ós seus políticos para que arranxen a aldea, a vila, a cidade, a provincia, a rexión, o país e eses, como non saben ou como non queren, botan man de asesores e máis asesores para que fagan que traballan para eles. Non traballan, claro, nin uns nin outros. Entón o pobo levántase de novo, e denuncia, e protesta, e berra, e maniféstase, e volvemos a votalos. Faltaría máis!


Finca Fierro. Sábado, 4 de marzo de 2023

 

viernes, 3 de marzo de 2023

DE RAPOSO VELLO

Tirei de raposo vello e quedei de pasmón contemplando o balcón da esperanza. Neses momentos, a verdade é que non había nada; catro macetas de xeranios e un tendal con dúas prendas de roupa. Pero como din que a esperanza é o último que se perde... Si, tamén comentan que o que espera, desespera. Eu son máis dos que esperan pero se desesperar; quizais porque, ó final, obtense a recompensa.


Así é que non desesperei nin desespero. Aquí sigo, sentado baixo a sombra dun piñeiro e intentando rimar os versos dun poema. Un poema moi pobre, esa é a verdade, pois a situación non dá para moito: catro xeranios, dúas prendas de roupa e o silencio preñado de ilusións.

Como can vello que son, sei que, co tempo, algo asomará no horizonte; quizais unha cor do arco da vella ou o asubío dunha rula ou o estouro dun latexo ou o berro dun consolo ou o sorriso dun alivio. Mentres non asoma, os biosbardos son unha boa compaña nesta esperanza que non mingua, que non se vai.

Aparece sobre a varanda do balcón unha folla de carballo que voou desde a distancia. A partir de aí os acontecementos precipítanse: que se abre unha porta, que ó abrirse esta, un refacho de vento move a folla, que aterra ós pés dela. Ós pés da esperanza que chegou e que asomou. O que espera, ó final, obtén a recompensa. Deixei de pasmar e marchei coa ansia bailando sobre as meniñas dos ollos.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Luns, 27 de febreiro de 2023

 

jueves, 2 de marzo de 2023

A NEVE É BONITA

A neve é branca. A neve é bonita. Hoxe nevou. E nevou en lugares nos que non pensaba que nevaría. Nevou sobre piñeiros e lameiros. Nevou sobre os coches que quedaron fóra e sobre os corzos dos Castros, en Cartelle. Nevou de noite e nevou ás primeiras horas da mañá. Caeron folerpas brancas e bonitas. Dixen que a neve era bonita? A neve é bonita.

A loba coas súas tres crías camiña nerviosa pola neve. Canto máis camiña, máis se lle enterran as patas, máis nerviosa se pon. A loba mira para adiante e para atrás, para un lado e para o outro; controlando ós fillos. Dunha galla, e a causa do vento, un bo puñado de neve cae facendo ruído. A loba asústase e chouta. As crías asústanse do susto da nai. Pero seguen xogando a furgar e a tombarse sobre a neve. Porque a neve é bonita.


Un home de trinta e algo anos asoma todo fachendoso por unha das pistas forestais dos Castros. Xactancioso e presumindo das súas gafas de sol. Intúo que as ten postas por medo ó forte reflexo do sol sobre a neve. Non obstante, sobre a neve branca e bonita empeza a caer unha néboa espesa que non tarda en diluír a neve caída.

Hoxe nevou. Pola mañá. Agora mesmo, pola tarde, xa non queda rastro de neve. E non habendo neve, a loba coas súas crías déixase ver de novo polos regatos de Xestosa. O home tamén aparece sen as súas gafas e un servidor repite unha vez máis que a neve é bonita. Porque a neve, en serio, é branca e bonita.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Sábado, 25 de febreiro de 2023