domingo, 9 de abril de 2023

A SEMANA DAS PATACAS

Alá foi a Semana Santa. Esa semana que, antes, era un acontecemento relixioso, incluso fervoroso e, agora, é un acontecemento turístico, mesmo festivo. Para un servidor, nin foi nin é unha cousa nin outra. Para un servidor a Semana Santa case sempre foi a semana das patacas. Ese case vai porque, outros anos, era a semana de arrincar no esterco, cargar no esterco, levar o esterco ás leiras e esparexer o esterco polas leiras. E todos, absolutamente todos os anos era a semana na que quizais máis se traballaba nas fincas, pois, máis cedo ou máis tarde, era, é e será a etapa das sementeiras.


Actualmente, na Semana Santa case todos os días son festivos, polo aspecto máis turístico que relixioso. Antigamente, era festivo o xoves pola tarde e o venres pola mañá. O Venres Santo, pola tarde, traballábase e era aí onde empezaba o meu auténtico calvario, xa que desde a finca da Cortiña ―e mentres sementaba as patacas― vía como os veciños de Baños de Molgas e da contorna camiñaban polos Campos e pola Pitediña con dirección a Os Milagres para asistir o desencravo, un evento que, de rapaz, recoñezo que me gustaba. Canta envexa me daban! Eles ó desencravo e eu sacrificando os riles. Iso era unha crucifixión, e non a do Noso Señor Xesucristo!

Sobre o Domingo de Ramos o que máis lembro eran aquelas loitas que se levaban a cabo no atrio da igrexa ―e incluso na mesma igrexa― cos loureiros, xa que había algúns que eran grandes coma carballos. Claro que, esas loitas, facíanas algúns veciños máis “carotas”, que un servidor só levaba unhas galliñas ou folliñas de loureiro. Era a Lola da Amparo a tal como para deixarme xogar con loureiros enormes.

O Domingo de Pascua, aí ansiaba a súa chegada porque sabía que a miña madriña, a Delfina, algo sempre deixaba, aínda que só fose un pano das mans ou unha libra de chocolate. Na época de rapaz non lle daba importancia o de o cura bendicindo as casas. Agora... agora sobe a carraxe por min, porque nesa bendición anual (como se a casa pecara), deixábaselle ó cura a media ducia ou a ducia de ovos como pago por tal bendición. Nós, que pasabamos sen ovos porque os vendiamos para subsistir, tiñamos que agasallar á igrexa cunha ducia deles, que se non igual se nos metía o demo na casa. Sinceramente, non gardo un bo recordo da Semana Santa.

    Finca Fierro. Sábado, 8 de abril de 2023

 

viernes, 7 de abril de 2023

ESCRIBINDO, QUE ALGO QUEDA

Escribindo, que algo queda. Escribo sobre a impresión que me causou a nova de saber sobre a acusación de pederastia de José Luis Martín Vigil e da forma en que a igrexa o protexeu. Quen era José Luis Martín Vigil? Pois un cura superventas que me emocionara co seu libro La vida sale al encuentro, sobre as relacións da adolescencia. Certo, cando o lin, eu tamén era un adolescente. A día de hoxe xa non me estraña tanto o das acusacións, vendo como saen case a diario noticias sobre unha morea de curas que eran moi amigos dos tocamentos e de máis alá de tocamentos.


Escribindo, que algo queda. Escribo sobre a noticia que La Región publicou o martes, 21 de marzo, na que informaba que a Organización Mundial da Saúde calculou 43.000 mortos pola seca en Somalia durante o ano 2022. Moitas mortes; coma todo aforo dalgún campo de fútbol. E nós, moitos de nós desperdiciando auga a mares.

Escribindo, que algo queda. Escribo que de tanto ler e de tanto ver o estado da estrada N-540, a que sae de Cambeo con destino a Lugo, é fácil chegar á conclusión de que sempre foi, de que aínda é, e intúo que será por un bo tempo a ovella negra das estradas españolas. Non creo que haxa por aí outra que estea tan horriblemente mal. Non insinúo nada sobre unha autovía. Ata me conformaría cos típicos remendos cos que nos intentan contentar sempre.

Escribindo, que algo queda. Xa non escribo máis para que non se saiba todo. De cando en vez é bo deixar algo en suspense.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 6 de abril de 2023

 

jueves, 6 de abril de 2023

PARA QUE ESTÁN OS XUBILADOS?

Para que están os xubilados? (Paréntese para dicir que son xubilado e para que ninguén se ofenda porque, o asunto, ten a súa retranca). Confeso que para contemplar as obras, para coidar os netos e para facer os recados.


Desde sempre tiveron e tivemos a mala fama de formar unha cuadrilla máis grande que as que adoitan andar en moitas obras, se exceptuamos as cuadrillas das Deputacións e dos concellos. E contemplando as obras pasa como nas propias obras: que hai o seu enxeñeiro, o seu arquitecto, o seu capataz e os seus peóns, claro; razoando e mesmo alporizándose por tal ou cal acometida da cuadrilla real, da auténtica.

Desde que a situación económica do noso país, foi, é e será bastante mala, os xubilados, logo de contemplar as obras, foron, somos e creo que seremos o sustento familiar; moitas veces botando man da pobre pensión e case sempre, ou sexa, todos os días coidando dos netos... levándoos e traéndoos ós colexios e actividades, xogando incluso con eles, sacándoos de paseo, aguantando os perrenchas e caprichos, queréndolles moito, pero desexando algún descanso de cando en vez que, por unhas e outras cousas, case nunca chega. E moitos xubilados xa non están para moitos trotes.

Desde o momento en que se xubila un, e como semella que teñen todo o tempo do mundo, pois, ale, a facer os recados: vai polo pan, corre a tal asesoría, mira no banco se, entra no súper para, volve por isto que me esquecín de dicircho antes... Menos mal que eu aproveito para, cos recados, realizar tamén os meus vicios: café e periódicos. Vivan os xubilados!


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 4 de abril de 2023

 

martes, 4 de abril de 2023

O TEMPO DESPOIS

Acabo de ler un libro (“Pájaro de aire y fuego”, de Pilar Rahola) no que as torturas franquistas dos anos 50 estaban tan á orde do día que as había a todas as horas en practicamente todos os cuarteis da garda civil. Acabo de ler un artigo nun periódico nacional sobre o descubrimento da fosa común Pico Reja (Sevilla), a maior de España, na que asoman máis de 10.000 restos pertencentes a 1.786 persoas, sendo a máis nova un neno de 12 anos e habendo varios máis entre 16 e 17. Sen máis comentarios.


A verdade é que nunca se necesitaron moitos comentarios para describir a maldade humana e as ansias de poder dos ganadores. Ás veces non queda outra que confesar que o peor das guerras é o tempo despois, o tempo que segue. Na Guerra Civil española sempre se falou dun millón de mortos, pero o que aconteceu despois... o que aconteceu despois, doe o contalo. Os paseos, as torturas, as acusacións, os medos estaban detrás de cada porta; mesmo daqueles que non deberían temer nada. Pero sempre había algún que... por un favor non pagado, por unha xenreira, polo valor dunha palla, por calquera carallada estendía o dedo acusador e pobre veciño, pobre amigo que foi, incluso pobre familiar.

E como non había tempo nin ganas para pescudas ou investigacións, a xustiza, as accións, os desenlaces eran rápidos: paseos, cunetas, paredóns, cuarteis e... mortos os cans acabouse a rabia. Unha rabia que non había pero que había que pillar méritos e que mellor que actuando con contundencia e rapidez, moi rapidamente.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Luns, 3 de abril de 2023

 

lunes, 3 de abril de 2023

UNHA CRISE EXISTENCIALISTA

Acabo de ter unha crise existencialista. Unha crise grande e forte. Por un bo tempo non souben quen era. Simplemente, non existín. Nin eu mesmo me vía, nin me escoitaba. Repito, non existía. Si vía todo o que se desenvolvía ó meu arredor. Vía xente e vía obxectos. Non me vía a min mesmo. Saudaba e ninguén contestaba. Porque nin me vían nin me oían. Non existía. Repito, nin eu mesmo me oía.


A desesperación empezaba a ser tal que incluso pensei en “despacharme”. Si, niso... no suicidio. Pero, onde espetaba o coitelo?, onde colocaba a soga para colgarme?, desde que ponte ou torre me lanzaba ó baleiro? Sen corpo, sen existencia non podía facer nada.

Unha crise existencialista que me facía suar pero sen ver a suor, que me oprimía o corazón pero sen oír os latexos, que me alporizaba a impotencia, a angustia, mesmo a carraxe, pero quedaba coas ganas de facer algo. Porque non me vía, non existía, non estaba. Notaba o baleiro. Sentía a nada.

Percorrín moitos recantos e diversos lugares coa intención de que me visen, ou, simplemente, de facer notar a miña presenza. Nada. Repito, non existía. Repito, nin eu mesmo me vía. Repito, moito menos me oía.

Menos mal que ante un esbirro que, por certo, non escoitei, todo volveu á normalidade. Digo esbirro por non dicir outra cousa, por exemplo unha milagre. O caso é que xa me vexo e me escoito e me noto e falo e aceno e chouto e río e latexo. Latexo moi forte e moi contento. Ufff, que angustia!


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 30 de marzo de 2023

 

domingo, 2 de abril de 2023

CORRENDO CUN SAPOCONCHO

Boteille unha carreira a un sapoconcho. Unha carreira de 100 metros lisos. Cando cheguei á meta, a tartaruga aínda non sacara da coiraza toda a súa cabeza. Desespera a súa lentitude! Por outra banda, deume algo de pena. Vía que era bonita, vía que se esforzaba, pero, a pobre, non daba. Non daba máis de si.


Concertei co sapoconcho en darlle unha certa vantaxe nunha segunda carreira. Mentres eu marchaba ó centro da vila de Baños de Molgas (estabamos na Pitediña) a tomar un café. Non tardei en preocuparme algo, pois tiña medo a que a vantaxe fose de máis. Unha cousa é ser bo e outra ser parvo. Non obstante, tomei o café con parsimonia e incluso me puxen de parola cos veciños sobre, precisamente, os sapoconchos; na cantidade que había nos tempos da nosa infancia, tanto en Barricobos como na Tapada dos Ferreiros. Ó nomear este lugar lembro unha vez de cando fun buscar un carro de toxos a Sudalomba e, este ―o carro―, lle pasou por enriba a un sapoconcho. A súa coiraza escachou bastante e, realmente, non cheguei a saber se a tartaruga sobreviviu.

Logo da anécdota, marchei correndo para a Pitediña, non fora o demo que o paspán do sapoconcho me ganara a carreira. Cando cheguei, o pobre, aínda non levaría percorridos uns 69 metros. Púxenme de crequenas e marchei con el os 40 restantes, ó mesmo tempo que tamén a el lle contaba a anécdota da roda do carro co seu homólogo. Cheguei á meta con el, pero no último metro, lancei a perna para cruzar eu primeiro. Bo son, pero parvo non quero ser.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 28 de marzo de 2023

 

sábado, 1 de abril de 2023

LONGA TRAVESÍA POLO DESERTO?

Esperabamos con ansia a nova etapa da selección española de fútbol para saber como lle poderá ir baixo a batuta do novo seleccionador Luis de la Fuente. En principio e, falando claro, mal. Máis que mal, horrible. E non tan só pola derrota contra Escocia, senón polo xogo que realizou contra Noruega e por moito que lle ganara 3-0. Tampouco se pode dicir moito en contra do seleccionador, pois, a verdade, non tivo moito tempo para preparar os partidos, ou mellor dito aínda, para preparar ós xogadores. Por certo, os xogadores son os que son e temos os que temos. Non hai moito de onde rascar. Si, cada afeccionado é un adestrador, pero o que hai pódese dicir que están aí. Dáme que a nosa travesía polo deserto vai ser moi longa.


Tamén é certo, que De la Fuente pecou un pouco de vaidade, de presunción no segundo partido. Facer oito cambios nun equipo que, aínda que non xogara ben, ganou folgadamente, foi un atrevemento que lle saíu, por suposto, pola culata. Paréceme ben que faga rotacións, pero, penso, partindo dunha base. Nun equipo de fútbol ou nunha selección deberíase ter unha base de polo menos seis ou sete xogadores e, a partir de aí, rota como queiras. Pero oito dunha tacada... así lle pasou o que lle pasou. Porque, a maiores de rotar, repito, non hai moito máis de onde coller. Agora mesmo, para un servidor que, faltaría máis, como afeccionado son seleccionador, creo que non temos equipo para competir en grandes torneos. Oxalá erre ―así demostraría que non vallo nin para seleccionador―, e que no mes de xuño compitamos ben e ganemos a Liga das Nacións.

Outro por certo, e sigo dálle que dálle co tema de Nacho. O outro día, un deses que entenden, no periódico deportivo por excelencia de España, chegou a dicir algo así como que se cometera un pecado deixando a ese rapaz nun ostracismo absoluto e vendo a actuación que tivera contra Noruega. Eu tamén sigo zumba e dálle con que tivo moitos adestradores e bastantes seleccionadores e sempre estivo de suplente. As veces que xogou de titular era por lesións dos seus compañeiros. Sei que cando xoga, cumpre; si, pero tamén cumpren Kevin Vázquez no Celta, Lucas Vázquez no Real Madrid e Sergio Roberto no Barcelona, mais, xa vedes, estes tamén están case sempre de suplentes.


Finca Fierro. Sábado, 1 de abril de 2023