lunes, 8 de mayo de 2023

UNHA MALA CAÍDA

Rocei o ridículo cando caín. Caín de mala maneira desde un canastro. Andaba no tellado deste, na Aira de Arriba, esvarei nunha tella e caín de pé. Si, caín de pé, pero rachei a cabeza. Aínda que pareza imposible, así foi. Ó caer de pé estremecín tanto que a cabeza fixo crack. Só a min se me ocorre subir a un canastro. A un canastro que, para máis aquel, non era meu. O meu xa hai anos que se esborrallou e quedaron tan só os pés. Os pés do canastro, se entende. Os meus, os meus pés afirmáronse tanto no chan que fixeron rebentar a cabeza. Case fora mellor caer de cabeza. Moito mellor! Seguro que non rachaba. Como moito, un croque, un pote.


Que fun facer ó canastro do veciño? Agora mesmo non sei moi ben; déuseme por aí. Creo que vin unha tella mal colocada e, como teño un corazón que non me cabe no peito e quixen evitar que ó veciño lle chovera no millo, subín para afirmala ben. Maldita sexa a miña estampa! E tan maldita. Que mesmo non sei como o estou contando. Si, cóntoo coa cabeza rachada, coa cabeza aberta, pero coa suficiente lucidez para contalo. E, como vedes, cóntoo tal como foi.

Non sei se me dará tempo a rirme pola ridiculez da caída. É que empezo a sentirme mal. Agora, que se están arrefriando os miolos, noto algo raro, algo malo. Sinceramente, creo que estou notando como se me escapa a vida. Puto canastro! Que nin era meu! Xa non hai volta atrás. Oxalá non se lle molle o millo ó veciño.


Café Olvido. O Vinteún (Ourense). Venres, 5 de maio de 2023

 

domingo, 7 de mayo de 2023

DE MÁIS ALÁ DO PROPIO TEMPO

Rachei o vento e o silencio cun único disparo. Seco. Poético. Dramático. Tráxico. Ós meus pés estaba un bicho que non coñecía, que ninguén coñecía. Apareceron expertos, entendidos, versados, profesionais para chegar á conclusión de que tal bicho era dos tempos de máis alá do principio, de máis alá do propio tempo. De cando practicamente non existía nada, tan só ese vento e ese silencio que rachara.


O bicho era do tamaño dun can de palleiro que tiña os dentes coma as rabelas dos arados. Da cola saíanlle algo así coma flores de loureiro. Sobre o lombo viaxaban carrachas que tampouco ninguén vira antes. Da barriga asomaban catro tetos que semellaban acordeóns en miniatura. A lingua era de cor verde e tiña un ollo tan só no centro da fronte e moi baixo, case pegado ó fociño. Un fociño con dúas cores: azul e branco. O bicho estaba morto, claro, porque a miña puntería é coñecida e ten boa sona.

As que aínda vivían eran as carrachas, da cor da flor do toxo e cun cheiro a sabugueiro. Eran como as típicas carrachas que coñecemos, pero, a maiores da cor, tiñan algo estraño que facía que non as coñecese ninguén e que serían, por lóxica, de máis alá do propio tempo. A estas, aínda que quixen dispararlles... para que, non merecían das miñas balas. Eran pouquiña cousa. Tan pouquiña que se se metían baixo a borralla, xa non se vían. Eu e os especialistas deixámolas estar. Era bonito ter algo de máis alá do propio tempo.


Café Oren Express. A Valenzá. Xoves, 4 de maio de 2023

 

sábado, 6 de mayo de 2023

DUN ADESTRADOR Á SECA

Non queda outra que iniciar este Recuncho co remate da semana pasada. Na fin desta, a nova máis salientable foi o falecemento do adestrador de fútbol Arsenio Iglesias. Non vou analizar aquí os seus méritos coa súa profesión (algo que xa coñece de sobra todo o mundo e que durante toda a fin de semana, os entendidos xa se encargaron eles de espallar moi ben), simplemente quero facer constar a humanidade dese home. Non o coñecín persoalmente, pero por referencias, escritas e faladas, seica era un home tan achegado, tan bo que, uns xogadores, tíñano coma un pai e, outros, coma un avó. Normal; el trataba ós seus xogadores coma se foran “os seus nenos”. Máis que adestrador de fútbol era un mestre para eles. Que a terra lle sexa leve.


Xa que falamos da terra, hai que recoñecer que, esta, a estas alturas, xa está seca de máis. O asunto xa é tan angustioso que, en Xaén, a xente sacou en procesión ó Noso Pai Xesús Nazareno ―ó que prefiren chamarlle O Avó― para que, coas súas pregarias, chova algo sobre esas terras case mortas xa de sede. Por este motivo, O Avó levaba 75 anos sen saír. O que significa que “se viron coa auga ó pescozo” (é un dicir, claro) para ter que sacalo de novo. E seica teñen intención de sacar máis imaxes relixiosas, que, ó mellor entre todas, conseguen que as nubes choren pingas de auga sobre as cabezas andaluzas.


Ante iso, cada un é moi libre de crer o que queira e como lle dea a gana (de todos é sabido que ante os fanatismos relixiosos non hai que facer). Pero que a estas alturas os asuntos físicos, neste caso atmosféricos, teñan que depender das crenzas relixiosas paréceme a min que se sae de contexto. Alá cada quen cos seus motivos, pensamentos e desexos, pero se chove é porque a condensación de vapor de auga forma pingas que pasan ás nubes e estas descargan. Así de simple e así de sinxelo. Agora que, tamén como se adoita dicir, rezar non lle fai mal a ninguén. Queda ó voso albedrío, á vosa vontade.

En principio, na nosa terra aínda non nos podemos queixar, nin temos por que sacar os santos en procesión. Sempre dixen que vivimos nun sitio privilexiado; nun mesmo día, ou en días moi achegados, temos de todo: desde a neve ó sol, desde as xeadas ás chuvias, desde as temperaturas máis altas ás máis baixas, desde a saragana a, si, tamén a seca... Que máis queremos!


Finca Fierro. Venres, 5 de maio de 2023

 

viernes, 5 de mayo de 2023

COMA UN FOL

Resultou que o resultado non era exacto. Non cadraba. A diferenza andaba por aí solta e nin tan sequera sabía como buscala. Inchei o peito para coller aire. Axiña tiven que deixar escapar o aire do peito. Quedei sen folgos. E seguín buscando.

Busquei a diferenza que vai dun ir e vir, dun silencio a un barullo e dun ouleo a un asubío. Porque quería cadrar o resultado. Era difícil. Entre as xestas só se acochaban as serpes e arredor dos palleiros de herba estaban deitados varios cans de palleiro. Non había diferenza entre a aira e o agro.


Sentei con calma ante a raíz cadrada dun parágrafo mal escrito e o retrouso dunha canción de Bruce Springsteen. O resultado, como comprenderedes, foi moito peor que ese que non é exacto. Este nin se lle parece na cor da tinta coa que escribo. Case empezo a desesperar polo mal resultado desa ecuación, das dúas ecuacións.

Volvo inchar o peito con aire. E volvo deixar saír o aire do peito. Que carallo, son coma un fol! E noto como os pulmóns se bambean por dentro da placa torácica. Por fóra tan só hai resultados malparidos e peor preñados. Agora cada quen que cuspa para arriba ou para abaixo.

Son coma ese fol que sopra e esparexe a borralla e as brasas polos soños que se soñan sen ter por que. Case é mellor que me suba á Perla Negra para buscar a diferenza do resultado que non cadra na crista dunha onda. No mar o vaivén pode mesturar os resultados e ser exactos.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Mércores, 3 de abril de 2023

 

jueves, 4 de mayo de 2023

O MEDIO INDIO ACURRALADO

Estou acurralado na palleira que teño no Caneiro. As hostes inimigas arrodéanme polos catro puntos cardinais. Aproveitando que teño unha mesa vella e unha cadeira aínda máis vella ó lado dunha xanela, sento cun bolígrafo e cun papel para debuxar planos e rutas escapatorias. Entre trazo e trazo, liña e liña oio como as balas asubían ou golpean contra as paredes de bloque da palleira. Eu ben sei que o fan para non deixarme descansar, para meterme o medo no corpo. Eu, coma heroe que son, non teño medo.


Non tendo medo, debuxo camiños, carreiros, ríos, penedos, valados e incluso os portelos de certas sebes e paredes. Todo a escala e con moita tranquilidade. Como dicía aquel: as cousas ben feitas, ben parecen. Co plano ben claro empezo a estudar as mellores rutas para a escapada.

De cando en vez, e para que o inimigo non pense que estou cagadiño de medo ou que son parvo, asomo con moito coidado ás xanelas da palleira e disparo tiros e frechas (esquecín dicir que son medio indio) para telos tamén a eles máis que entretidos, ou sexa, polo menos para que agachen a cabeza un pouco.

Boteille unha derradeira ollada ó plano e mesmo tiven tempo de deixarlle ós malnacidos unha pequena mensaxe nun recanto do plano: “bicádeme no cu que teño paxariños”. Collín a carabina e as frechas, pero non me decidía a marchar. Que carallo, cando acaben coas balas xa se aburrirán e marcharán. Así é que seguín ó meu: debuxar no plano cousas secundarias (para distraerme un pouco das súas balas): niños, toxeiras, matogueiras, algunha vaca e ata un lobo ouleando.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 1 de maio de 2023

 

miércoles, 3 de mayo de 2023

DO ÁRTICO A BAÑOS DE MOLGAS

Realicei xa tantos intentos que mesmo perdín a conta. Sei que paso dun cento. Intentos de traer bloques de xeo do Ártico a Baños de Molgas. Antes da metade do percorrido xa se me derreteran. Mais como a testán non hai quen me gane, eu seguín e sigo dálle que tumba e tumba que dálle. Entre intento e intento ou entre volta e volta fago traballar á cabeza para atopar un método factible.


No intento cento e pico moitos, déuseme por pensar no meu amigo Eulogio, O Lameiras, que é de Bilbao. Non se me ocorrera antes: os de Bilbao! Chameino e nin tan sequera veu ó meu lugar de partida; esperoume xa no camiño.

A maiores de pensar no Lameiras, tamén optei por unha xogada de vacas para darlle cambón. Ó Eulogio, claro. Aínda que, ó mellor, non o precisaba. Xa sabedes como son os de Bilbao. E se para máis carallos é amigo... Pero levei a xunta de vacas. Por se aquel.

Tan axiña como chegamos ó Ártico, nada dun bloque de xeo... un puto iceberg! Un enorme iceberg foi ó que lle botamos a man. Mellor dito, arrodeámolo con varios sedeños e foi Eulogio o que o arrastrou os primeiros metros. O puto amo! Non obstante, como a distancia do Ártico a Baños de Molgas é máis que inmensa, deille cambón ó Lameiras. A partir de aí todo foi máis fácil. Pasamos por Bilbao para que aclamaran, afoutaran a Eulogio e, chegados xa a Baños de Molgas con medio iceberg (o outro medio derretera), o recibimento foi dos de festa a rachar.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 30 de abril de 2023

 

lunes, 1 de mayo de 2023

CHORAR O DOMINGO Á TARDE

Eu chorar chorei o domingo á tarde, di a canción. Tamén eu chorei. E tanto que chorei. De rapaz, os pais, perdón, a nai, obrigábame a ir para o monte coas vacas. O peor aínda era cando tiña que pasar pola zona dos Campos; ver ós amigos como xogaban ó fútbol nas canchas de tenis ou como se bañaban nas piscinas era como sentir máis labazadas das que xa me daba a nai cando me negaba a botar as vacas ó monte. Algún que outro domingo penso que o pai (a nai sempre foi dura coma a cerna) se compadecía un pouco de min e era el o que botaba as vacas.


Cando a miña afección á lectura se volveu xa fanatismo, era eu mesmo o que desexaba ir para o monte algún que outro domingo pola tarde. Só pensar naquelas tres ou catro horas nas que podía tragar páxinas ou mesmo libros enteiros, era como notar unha emoción subindo polas entrañas.

Pasado o tempo (porque o tempo pasa e todo cambia), un domingo pola tarde tireime todo o tempo cantándolle esa canción á muller mentres enramábamos as vides na viña da Costa da Gándara. A estas alturas non choraba (por vergonza, claro), pero que escravitude tirarse todos os domingos e festas de gardar enramando ou esfollando ou sulfatando na puta viña.

Eu chorar chorei o domingo á tarde. E que rapaz labrego non choraba? Todos os festivos agarrados ás fouces, ás varas, ás gadañas e, por veces, ós arados e carros, dependendo do traballo. Para algúns traballos do labrego non hai festivo posible.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 28 de abril de 2023