sábado, 10 de junio de 2023

ASUBIAR E CANTAR

O peor será cando chegue a noite... que teño que rezar. Polos mortos daquel verán. Dun verán calquera. Porque en todos os veráns hai mortos. Como mortos hai nas guerras. Nestas, moitos. Máis que en ningunha outra situación. Rezarei por todos os mortos de todas as estacións, guerras e situacións.


Cando chegue a noite prefiro asubiar e cantar. Mellor asubiar, que cantar canto mal. Asubío coma os paxariños e mesmo coma o vento, incluso cando vai frío. Asubío os temas de Morricone e o zunido das balas de Al Capone. Desde que empecei a ler poesía, tamén sei asubiar un verso solto e poemas enteiros de Dámaso Alonso.

Cantar, canto moi mal. Sempre o confesei. E iso que cantaba todas as noites cando entraba coas vacas en Baños de Molgas, logo de pasar toda a tarde no monte. Tamén cantaba na misa, pero aí non había maneira de seguirlle o ritmo a miña nai. Deus, como cantaba miña nai! Ou como berraba, todo hai que dicilo.

Por quen asubiaba moito era polos cans. Sempre tiven cans. Incluso sen telos. Explico: o dun veciño (o Enrique da Sarita) asomou polo meu barrio e conquisteino con catro aloumiños e tres cachos de pan. Xa non nos deixou. O Enrique, cando ía á caza, tiña que pasar a buscalo. Pero por quen asubiaba a todas as horas era polo Uriarte. Este meu can é un caso á parte. Aínda hoxe soño que asubío por el. E iso que conviviu comigo nos anos setenta. Que xa choveu. E xa asubiei. E xa cantei. Sigo asubiando e cantando.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Sábado, 3 de xuño de 2023

 

jueves, 8 de junio de 2023

O ENFERMO

El mira a través da ventá do hospital e ve que os tronos asoman polo horizonte. Sabe que non tardará en caer. A pedra, a auga, a treboada. E sábeo porque o seu alcume xa o di todo: O Trono. Na realidade chámase Ovidio Ferreiro Láncara. El non é o enfermo. O doente é o seu irmán Eliseo, O Alustro. E agora si, acabade de rir por completo: á súa irmá Ludivina chámanlle A Chispa. Para que todo quede na casa, en familia.


Ludivina quedou na aldea coidando das dúas vacas, xa velliñas, que teñen porque lles custa vendelas. Polo cariño que lles teñen. Pola pena que lles dan. No hospital ten que haber alguén porque, Eliseo, o paciente, a maiores de que está mal, “regula” peor. E de cando en vez, incluso atado, quere botarse da cama e non tarda en deixar colgar as súas pernas, agora esqueléticas.

Eliseo, O Alustro, ou sexa, o enfermo leva practicamente toda a mañá cunha ladaíña eterna: Carmen, Carmen, Carmen, Carmen. Nin os seus irmáns saben quen é a tal Carmen. Ó mellor é unha enfermeira, pero... Pero xa apareceron varias e el segue dálle que dálle: Carmen, Carmen, Carmen, Carmen. Cando cansa de chamar, di que é tal día de semana, pero nunca acerta co real. E pide sempre unha cervexa.

De cando en cando está lúcido e solta que é de Vide, en Baños de Molgas, e que pasea sempre asubiando pola Pitediña porque seica vive nun hotel desta vila. Está quieto, Eliseo!, bérralle o seu irmán Ovidio, O Trono. Mentres, na aldea, A Chispa reza por seu irmán.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Sábado, 3 de xuño de 2023

 

martes, 6 de junio de 2023

A DESTEMPO

Estou pensando e botar unha ducia de foguetes e tres bombas pola Concepción. Á hora da verdade bótoos o día de san Salvador, o 6 de agosto, que é o patrón de Baños de Molgas. Dicir Baños de Molgas son xa palabras maiores.


Moitas veces fago cousas que non ten xeito. E a destempo. O outro día botei horas preparando, calculando e debuxando unha ruta por ese mesmo concello, o meu concello, para realizar unha boa andaina e resulta que me tirei todo o día tombado, escagallado no sofá. Quero e non podo, ou sexa, non quero.

Lembro cando, de rapaz, ía para o monte coas vacas que, en vez de coller para o comunal do Medo, torcía para o comunal de Pinouzos, ou ó revés, en vez de torcer para Pinouzos, seguía para o Medo. Claro que, despois, como pasara algo (e case sempre pasaba: ou perdía o burro ou perdía algunha vaca), a miña nai non se andaba con hostias e cruzábame a cara nun santiamén; o santi cun sopramocos no lado esquerdo e o amén cun sopapo no dereito. A min tan só me quedaba xemer de dor e deixar caer unhas bágoas. Unhas moitas, quero dicir. Sempre lle botaba a culpa á nai, mesmo desexándolle a morte para quedar libre coma o vento. A culpa era miña.

Entoo o mea culpa porque non se poden botar foguetes nin bombas na Concepción, cando a min só me interesa o san Salvador.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Sábado, 3 de xuño de 2023

 

lunes, 5 de junio de 2023

GALAXIA MUSICAL

Collín a bolsa de lixo e saín da casa. Deixeina no contedor e, á beira, estaba a esperar xa a Perla Negra. Subín a ela e naveguei ata máis alá das lúas de Xúpiter. Polo camiño cantei unhas cancións de Melendi. Que este non é que me guste moito, pero déuseme por aí. Outras veces escoito ós Resentidos e tamén a Vangelis.


Cando crucei Marte pedinlle perdón á Perla Negra e subín a un meteorito para percorrer a galaxia desde aí ata máis alá do infinito. Como sabía que tería moito tempo (xa sabemos todos o que mide o infinito) preparei xa unha boa mestura de cancións que abarcarían desde Rosalía ata Tina Turner, desde Guadi Galego ata a Orquestra Filharmónica de Berlín, pasando pola banda sonora de Baixo o fogo, de Jerry Goldsmith, e París, Texas, de Ry Cooder. Aseguro, confirmo e prometo que andarei por unha galaxia moi musical.


De cando en vez intercambiaba as viaxes entre meteoritos e lóstregos. Viaxando nestes últimos acelerábanseme as emocións. Todo era moi rápido, moi instantáneo... coma un alustro, coma un lóstrego. Cando choutaba dun meteorito a un lóstrego soaba Pink Floyd, e cando pasaba do alustro ó meteorito era Sabina quen deixaba caer unha das súas cancións.

Uns quilómetros antes dunha das lúas de Xúpiter, volvín á miña Perla Negra. Que carallo, botábaa de menos. Ela tamén me botou de menos, pois inchou as velas, puxen a música a todo volume e a galaxia foi máis musical ca nunca. Ata o infinito e máis alá! Coa Perla Negra.


Cafetaría Tarona. A Valenzá. Xoves, 1 de xuño de 2023

 

sábado, 3 de junio de 2023

SAÍR DUN SOUTO PARA METERSE NOUTRO

Pensabamos a semana pasada que a vida volvería á normalidade, porque, entre o racismo de Vinicius e as eleccións municipais, o barullo fora moi intenso e xa tocaban uns días tranquilos. Pois non; eramos poucos e pariu a avoa, ou o que é o mesmo, que saímos dun souto para meternos noutro. Cando aínda os alcaldes ou alcaldiños nin tan sequera puideran lanzar algunha proposta para intentar cumprir o prometido (é un dicir), zas, novas eleccións ó canto. Agora as xerais. A outra semana foran promesas locais, agora toca escoitar promesas nacionais e, como abarca tanto territorio, promesas á esgalla.


Xa sei que as municipais foron a mecha que acendeu o foguete das xerais. O medo é libre e alguén lle viu axiña os ollos á carriza ou o cu á curuxa. Non quedou outra entón que convocar novas eleccións, é dicir, voltas e máis voltas coa barafunda electoral, co formigueiro de encontros, visitas, parladoiros e mitins políticos (Despois alguén falará mal do fútbol, como se a política fora unha santa). Se todos tivésemos as ideas claras como as teño eu, non se precisaba ningún rebumbio; chegaba con ir ás urnas e deixar caer a papeleta apropiada. Eu son moi listo: sen que pase nada de nada, xa sei a quen botarei.

E non quero predicar máis, xa que do Padornelo para alá... alá cada quen coa súa conciencia. Do Padornelo para alá semella que España vai ben e do Padornelo para acá, Galicia vai moito mellor. Principalmente en Sanidade e Educación. En Sanidade, por exemplo, dezasete horas e media (desde as doce e media da noite ás seis da tarde) nos boxes de urxencias e cos corredores cheos de camas con enfermos. Nos boxes esperando a que houbese habitacións libres e nos corredores esperando a que houbese sitio nos boxes. Galicia vai moito mellor.


En Educación... de todos é sabido como anda a lingua galega. Dicir de canga baixa ou de capa caída é darlle un plus. Cada día estamos a perder galego falantes. Normal. A propia Xunta prohibe que se dean certas materias na nosa lingua. Así é que, señor Rueda, non venda vostede fume, que, a causa destes dous órganos administrativos, estou bastante nervioso e nun tris de alterarme, de irritarme, de desacougarme. Porque non se pode botar a lingua a pacer e, ó momento, pechar os ollos. Mire para a súa propia casa antes de botarlle a man polo lombo ó señor Feijóo.


Finca Fierro. Sábado, 3 de xuño de 2023

 

viernes, 2 de junio de 2023

BOTÁRONSE Á BOA VIDA

Cóidate, dixéronse un ó outro. E os dous botáronse á boa vida. Un percorreu os vicios dos tempos aqueles nos que a vida seguía a torto ou a dereito. O outro correu polos garitos das airas, aquelas nas que se mallaba o pan e se secaban as fabas. Toda diversión dos tempos pasados sempre era unha alegría ó mellor vivir.


Un percorreu as cores do arco da vella deixando tras de si unha lascivia ou concupiscencia narrada con catro versos e dúas estrofas. O outro correu por entre as toxeiras da infancia escarallando os niños daquela señardade do luscofusco. Din que todo tempo pasado foi mellor. Eles os dous chegaron a berrar que depende.

Un percorreu os cortellos para estralos con toxos e fentos e palla e frouma dos seus pensamentos. Porque hai pensamentos que cheiran a carraxe e desconsolo. O outro correu polos lameiros de outono, nos que deixou caer as bostas de catro vacas e unha becerra. Houbo tardes nas que o silencio se abrazaba ó medo, ó temor, ó receo e os berros fundíanse nun rosario eterno.

Un percorreu os camiños que saían da aldea e, pouco a pouco, encheunos de bulleiro. Había que andar con pés de manteiga ou coma o gato polas brasas para non atugar, para non afundir os nocellos. O outro correu polas carballeiras da morriña e non tardou en caer nunha neglixencia na que a vida se envorcalla na lama. Porque o vicio dos dous era coma a desentoación, a discordancia no aloumiño do tempo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 31 de maio de 2023

 

jueves, 1 de junio de 2023

DE PIÑÓN FIXO

Saín coa intención de ir a un lugar, pero no medio do traxecto lembrei que tiña que selar as primitivas. Tiven que cambiar a dirección dos pasos, claro. Non obstante, faltaría máis, despois, acabei no primeiro lugar. Son de piñón fixo. Hoxe. Outras veces son tarambaina ou dos que vou cos da feira e volvo cos do mercado. Lembro cando ía ó cine en Madrid, que adoitaba achegarme ás salas con media hora ou máis de antelación. Cando abrían os despachos dos billetes estaba máis canso có demo. Aínda así, esperaba na cola e, xusto cando estaba a piques de sacar a entrada, zas, a tomar por aquel sitio! Saía da cola e marchaba. Xa vería a película outro día. O que pasa é que, nese outro día, ó mellor volvía actuar da mesma maneira.


Son de piñón fixo cando quero. Hoxe fun d e piñón fixo porque si. Porque a tarde, máis ou menos, está ben: xa choveu algo, xa quentou de carallo e xa estou pendente de que asome a treboada, unha boa treboada, como a de onte. Porque, máis cedo ou máis tarde, asomará. Levamos xa uns días con elas e aínda seica queda esta semana. O que non veu en abril, veu agora a finais de maio e semella que virá a principios de xuño. Menos mal que non hai que facer uso do refrán “deica o 40 de maio, non quites o saio”. Porque frío non fai. Por agora. Xa dixen que quentou de carallo. E quenta cando sae o sol. Agora mesmo xa está nubrado. Xa se estará preparando o ceo para descargar de novo. Oxalá o faga, pero con sentidiño. Se vai facer mal é mellor que non descargue. Marcho, que teño que marchar. E son de piñón fixo.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Luns, 29 de maio de 2023