viernes, 7 de julio de 2023

CORREDOR DE FONDO


A soidade do corredor de fondo. É o título dunha película. Eu tamén son corredor de fondo. Pero rexeito da soidade. Cos meus pensamentos nunca me sinto só. Ás veces dáme ganas de exclamar: que bonitos son os meus pensamentos! Como semella moi melindroso, non o fago. É certo que son bonitos porque só penso neses momentos agradables e felices, tenros e emotivos, infantís e adultos.


Levo tres meses e medio correndo. Só me deteño para o básico: comer, durmir e facer as miñas necesidades; as de campo, claro. Neses tres meses e medio nunca se apoderou de min a soidade; porque me entreteño con esa xente que me acompaña e me afouta e me alenta en boa parte do camiño, porque me entreteño coa música e algún que outro programa radiofónico, porque me entreteño co cadelo Uriarte, que está a facer as mesmas etapas ca min, e porque me entreteño, como dixen, cos meus pensamentos.

Cando algún mal pensamento se quere meter na miña cabeza, asubíolle a Uriarte e el xa entende: empeza a brincar, a rebeirar e a ladrar á miña beira ata que me cansa e aburre, polo que me distraio chamándolle a atención. El pega un chouto e xa seguimos camiño felices e contentos.

A soidade do corredor de fondo. Quen dixo soidade! Estou a atravesar tanto territorio durante tantos días (tres meses e medio) que xa nin sei por onde ando. Nin tan sequera sei se atravesei España ou non. Ó mellor xa ando en Ucraína. Non obstante, Uriarte e eu seguimos.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Xoves, 22 de xuño de 2023

jueves, 6 de julio de 2023

O FOUCIÑO FAI MILAGRES


O tempo non pasaba. O aburrimento imperaba. Sempre me angustiei ante tal aburrimento. Había que vencelo. Marchei correndo á palleira. Mirei, estudei e pesei cada fouciño. Collín o máis lixeiro. Partín correndo a matar extraterrestres.


Aterraran no noso planeta xa no ano da pera. Ningún ser humano soubo nin sabe desde cando están entre nós. Os entendidos din que desde moito antes dos dinosauros. E, os moi condenados, son mestres na camuflaxe. De aí que aínda non conseguiramos exterminalos. E iso que eu non lles dou cuartel. Xa non sei cantas veces saín con ferramentas ó lombo, desde aixadas e sachos ata fouces a gadañas.

A maioría das súas camuflaxes son de árbores e tamén de humanos. Polo que non é tan fácil acabar con eles. Ás veces non son quen de cravar o fouciño nun vello carballo, porque este semella tan fermosos e tan recio que dá pena cortalo. Teño que perder moito tempo esperando, ata que lle noto algo que me di que é un maldito bicho. Ó descubrilo, non ando con lerias: doulle con ansia. Cando se camuflan de humanos, nótaselle na súa man dereita: da palma sae un avultamento que semella un teto.

Tales bichos ou extraterrestres ou alieníxenas seica proceden do planeta Eresus, que está moito máis alá do infinito. Que xa é unha boa distancia. Non necesito ir alá para exterminalos. Acá o meu fouciño fai milagres.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Mércores, 21 de xuño de 2023

martes, 4 de julio de 2023

GUERRA ÁS TOUPAS


Erguín cedo, cando aínda non saíra o sol. Sen almorzar e demais demora, baixei ata o terreo e díxenlle ás toupas que se querían guerra, terían guerra. E nada de produtos nin remedios caseiros nin rabo de gaitas; alí mesmo, do palleiro, collín un sacho e berreille ós tálpidos que xa que non quixeron evitar a guerra, ían saber o que era unha trincheira.


Como a finca é bastante pina, empecei por abaixo. Porque non son parvo e sei que, para abaixo, todos os santos axudan. Cavei coma un posuído, como nunca cavara na miña vida, e a tal profundidade que as toupas non terían para onde escapar. Cando levaba uns cinco metros cavados suaba coma un carneiro e, o peor, aínda non atopara ningún bicho deses.

Guerreiro como era (frío, metódico, implacable), non desfalecín e seguín dálle que tumba. Tumbaba a terra ós meus pés pero, as malditas, seguían sen aparecer. Na metade da leira sentei para tomar uns folgos e comer un cacho de pan con touciño; recordando vellos tempos, ou sexa, graxa e máis graxa ó bandullo.

Nin tan sequera alonguei o descanso para botarlle un cigarro. Estaba ansioso por ganarlle a batalla ás toupas. A finca xa non era trincheira nin nada semellante; era unha escavación como para as construcións dos rañaceos. Por sitios incluso xa nacía, xa saía auga. No derradeiro metro souben xa que non atoparía ningún bicho negro. Ganáronme a guerra sen esforzo e caín completamente derrotado. Este ano non comería nada da horta.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Martes, 20 de xuño de 2023

lunes, 3 de julio de 2023

DETRÁS DO HOME


Chamei polo home que estaba a atravesar as leiras do Piual. Chamei por el desde o cemiterio de Baños de Molgas. Como non me oía, optei por asubiarlle. Porque o asubío ten máis decibelios que unha chamada. Ó mesmo tempo, tamén lle berrei. Non houbo maneira. O home ou era xordo ou a miña potencia era escasa. Non fixen máis intentos. A solución estaba en botar a andar ou a correr para ir detrás del.

Saín do cemiterio e collín o estreito carreiro que leva ós Piuales. Como tampouco a présa era moita, coloquei música nos meus oídos e seguín o ritmo das cancións e temas instrumentais. De cando en vez, cunha vara, tiña que apartar de mala maneira as silvas que cruzaban o carreiro. Á altura das primeiras fincas do Piual atopei un lagarto morto ó que lle recei alí mesmo un responso de kyrie.


Rematada a oración seguín de novo os tres pasos do primeiro parágrafo: chamada, asubío e berros. Nada; o home xordo coma unha tapia. Alcanceino á altura das Pedradarcas. Xusto cando ía falar con el, vin que non o coñecía de nada, que non era de Baños de Molgas. Vaia corte!; tanta desesperación para nada.

Disimulei seguindo o meu camiño ata os Pontóns. Alí fixen coma que buscaba os marcos da leira que me tocara en herdanza. Digo que disimulei porque penso que o home si me oíra, pero... Ó volver para a vila cruceime con el, mirámonos e non nos dixemos nada.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Martes, 20 de xuño de 2023

domingo, 2 de julio de 2023

HAI XENTE LISTA


Dicía un que se o ser humano non respira durante un bo tempo, acaba morrendo afogado. Que para vivir hai que respirar ou, tamén, que hai que respirar para vivir. Aí souben que hai xente lista. Que vivir ten a súa explicación, o seu aquel.

Dicía outro que as negociacións, acordos e promesas políticas entre moitos, non procede. Porque xa sendo un só é máis que complicado proceder ó acordado, entre moito é, sinxelamente, unha bagatela. Todo acaba rachando. E, si, incluso na política hai xente lista. Nela é onde máis listos hai.


Dicía un terceiro que se as pingas de auga caen sobre a túa cabeza é porque veñen de arriba. Xa non especificou moito se virían das nubes ou de, por exemplo, o campanario da igrexa de Baños de Molgas (que está alto de carallo), ou se serían as pingas “menores” do avión que acababa de pasar. Tamén o listo este acabou confesando que as pingas de orballo estaban máis ben baixas que altas.

Segundo non hai dous sen tres, tampouco hai tres sen catro. Efectivamente, dicía un cuarto que cando o río corre, auga leva. Este cuarto tamén é listo. O río Arnoia, ó seu paso por Baños de Molgas, corre para abaixo e, aseguro, que auga leva, aínda que á entrada mesmo da vila non é que corra moito; máis ben baixa mansa, pero corre.

Levo un cacho seguindo o consello do primeiro interlocutor: que respiro e por iso aínda vivo. Si, penso facelo por moito tempo. Para seguir vendo como pasa, correndo ou mansamente, o río Arnoia e como a xente lista poboa a Terra.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Luns, 19 de xuño de 2023

INMENSIDADES GALÁCTICAS


Creo que a imaxe que temos do Universo é a desa inmensidade azul, silenciosa e pouco máis alá dos oito planetas que coñecemos, ou nove, pois aínda temos na memoria ó pobre Plutón. Inmensidade polo que oímos e, ás veces, polo que imaxinamos. Mais non conseguimos, na realidade máis real, facernos á idea de tal inmensidade ata que empezamos a saber ou ler de certas distancias.


Resulta que a nebulosa Gato Sorrinte ten uns 150 anos luz, ou o que é o mesmo, 1.419 billóns (con b) de quilómetros e atópase, ollo ó dato, a uns 15.000 anos luz de distancia deste servidor que escribe, na constelación de Monoceros, Non fago a operación matemática en converter eses 15.000 anos luz en quilómetros porque, aínda que soubera facela (que, non sei, non sei...), penso que non sabería lela. Como para non alucinar.

E se aí xa alucino, na seguinte noticia ou inmensidade galáctica xa me perdo. A nave Euclid realizará unha misión espacial planificada pola Axencia Espacial Europea que consistirá en explorar o lado máis escuro do universo, segundo informaba o sábado este mesmo periódico. Durante seis anos observará miles de millóns de galaxias para debuxar un mapa cósmico máis que preciso.

No segundo parágrafo falaba de cantidades inmensas en cuestión de anos luz e quilómetros, agora tal cantidade refírese a galaxias, das que este paspán tan só sabía fixo da nosa, da Vía Láctea. E resulta que hai miles de millóns. É máis, segundo os astrónomos que estudaron o conxunto de imaxes do Hubble (ese famoso telescopio espacial) estiman que hai máis de 1 billón delas. Non 5, nin 6, nin 10... 1 billón. Aquí tamén me perdo xa.

Ante tal inmensidade e descoñecemento, como non me vai gustar todo ese universo galáctico. Non sei, quizais influenciado polas fermosas imaxes e os impresionantes silencios nese espazo sideral de certas películas de ciencia ficción. Logo, para máis aquel, se deixamos libre á imaxinación, ese mundo exterior pode enchernos de asombro e confiar en que, co tempo, poidamos facer turismo por esas estrelas, astros e materia cósmica. A gran pena será que iso non o verán os meus ollos. É igual; subo ó faiado, collo o traxe de astronauta... e soño.


Finca Fierro (Barbadás). Sábado, 1 de xullo de 2023

sábado, 1 de julio de 2023

UN BOCADO SUBLIME


Hai uns días, xa bastantes días, mellor aínda, vaia para un mes que me atopei coa nova neste mesmo xornal sobre a preocupación de que as receitas das ancas de ras están en extinción.


Foi ler iso e lembrar aquelas mañás no monte Medo e aquelas tardes no monte de Pinouzos. Tanto nun coma no outro, sempre había lugares nos que imperaban ese batracios, principalmente no de Pinouzos, onde se atopa a lagoa de Almoite e a charca de Barricobos. Nesas mañás e tardes non tardabamos en planear a caza e captura dunha morea de ras, as suficientes para que as súas ancas nos desen para o almorzo ou para a merenda.

Ben fose coas varas, ben fose coas mans, cazabámolas entre risas e exclamacións. Despois chegaba o proceso da corta das ancas, da esfoladura da súa pel e, por suposto, o seu asado. Armabamos a fogueira, colgabamos os zancos nas mesmas varas ou en calquera caxato e, pouco a pouco, collían color. Había veces nas que xa non esperabamos a ter o menú completo; desde o propio caxato ou vara, e case queimando, pasaban directamente ás nosas bocas e o seu sabor era gloria bendita. Se había pan, comíanse con pan e, se non, pois case daba igual, así saboreábase mellor a súa exquisitez. Era un dos bocados máis bonitos e gustosos que había.

Desde rapaz, desde aquela época non as volvín comer e recoñezo que, a 50 anos daquilo, as sigo botando de menos. Si, unha faena que estean en extinción porque é un bocado máis que rico... sublime!


Cafetaría Urgencias. Ourense. Luns, 19 de xuño de 2023