lunes, 7 de agosto de 2023

O VESTIDO DA PERCHA


El non tardou en velo a través da ventá. O vestido. Era bonito. Dunha cor azul tirando a verde ou dunha cor verde tirando a azul. O vestido tan só podía ser dela. Ese vestido tan só o podía levar ela. Estaba colgado dunha percha ou alcándara, preparado para caer sobre o corpo dela.


Desde ese momento foi el o que desexou ser colgadoiro. Non lle importaría por uns días, ou por sempre, converterse nun obxecto inanimado. Con tal de que caia sobre si o vestido dela. El, agora mesmo, deixa que colguen sobre a súa cabeza os instantes e os momentos nos que ela os use para vestirse... baixando o vestido polo seu corpo, acariñando a pel, sentindo o suave contacto como a melancolía dunha canción. El baila con ela e co vestido facendo ondas coma os bambáns dos soños.

El soña con ela. A través do vestido. E sabe que a elegancia dela deitará sobre as olladas del, que as costuras serán versos que riman a puntadas e que os ollais, as botoeiras serán como os suspiros del que penetran para acougar sobre o peito dela, sobre a cintura dela, sobre as nádegas dela, sobre as coxas dela, sobre a esencia dela.

El nota, a través da ventá, que o vestido se move, se bambea. Son os latexos del que baten con ansia e estremecen o aire con forza e moito desexo. El ansía o momento de que ela o descolgue, se ispa e o poña. Mentres, o silencio empreñará de emoción e o tempo deixará de pasar. Porque hai momentos nos que os desexos se volven eternos.

El segue o seu camiño e o vestido segue colgado e esperando baixar polo corpo dela.


Café Kibu. A Valenzá. Luns, 17 de xullo de 2023

sábado, 5 de agosto de 2023

DO CHISTE DOS MARCOS ÁS FESTAS AGOSTIÑAS


Seguro que ese home de Samos que matou ó veciño e deixou mal parada á muller deste, se riría máis dunha vez dos chistes que se adoitan publicar ou dicir ou contar sobre os famosos, benditos e malditos marcos. Non foi a primeira vez nin será a última na que tales chistes van moito máis alá do propio chiste e, por suposto, da realidade. O sentido da propiedade está tan arraigado na nosa cabeza que somos capaces de certas falcatruadas; a peor de todas, a de matar por esa propiedade. Fixémolo e seguiremos a facelo, e por moito que nos riamos ou nos burlemos nas conversas dos bares. Creo lembrar nos anos oitenta do século pasado que lera unha noticia, tamén en Lugo, sobre unha morte por culpa dunha galla ou póla de carballo, que, mirándoo ben, aínda semella máis de chiste có asunto dos marcos.


As burlas e mofas son moi divertidas ata que lle tocan a un. Os marcos bailan un chotis en todas as verbenas ata que se meten na festa da túa leira. Cando se meten na túa leira, a festa ponse tan seria que non tarda en converterse en traxedia. Seguro que agora todos estamos dicindo que... mira que, por un marco; por unhas simples lindes, unhas sinxelas estremeiras. Pero que non che toquen as túas. É moi triste, pero é a realidade.


Case non procedía falar de todo iso. Porque estamos no mes de agosto. E neste mes, todo son festas. Hai festas a esgalla. Na nosa Comunidade seguro que non queda ningún día libre sen troula ou sen “paparota”. Algúns axiña saltarán con que... si, a economía arre e a economía xo, pero festas a darlle cun sacho. E por que non; bastante temos durante todo o resto do ano para afogar as penas diante dunha pobre programación televisiva ou sobre a propia almofada recordando, unha e outra vez, o traballo, os problemas sociais, as trapalladas políticas, as derrotas deportivas, a sempre mala economía (aínda que -raras veces- vaia ben) e unha restra máis de atrancos que, pouco a pouco, nos van limando a existencia. É normal entón que, de cando en vez, botemos fóra todas esas angustias, esas ansiedades, esas congoxas asistindo a festas e trouleadas. O problema está, claro, no sentidiño de cada un, que hai veces que é moi pouco. Pero habendo sentidiño, que mellor que unha boa festa para non pensar na calamidade de Samos.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 5 de agosto de 2023

SON DE NOVELA CURTA


Non sei quen me dixo unha vez (a xente non se corta un carallo; como lle gusta meterse na vida dos demais) que a ver cando escribía algo serio, algo político, algo social, algo físico ou matemático ou filosófico, algo esencial, algo auténtico, xenuíno, verídico. Que xa estaba ben de esaxeracións, de burradas, de caralladas, mesmo de esperpentos. Díxome iso de tal forma que pensei que tiña razón. Pero non a ten.


Todo o que escribo é moi serio. Que viaxo pola inmensidade do universo cun pobre traxe de astronauta? A quen non lle gustaría viaxar polo cosmos? E que non me veñan dicindo uns paspáns que a política é algo serio, Incluso a mesma sociedade. Se somos o reverso de todo o esencial, de todo o básico, de todo o principal,

A seriedade é para aqueles ós que lles custa entender. Non hai como as bromas ben contadas ou as esaxeracións ben esaxeradas. Todo o demais é filosofía barata. Eu son de novela curta. Para os best-séllers deixo a eses adustos, a eses formais que lle dan mil voltas ó mesmo argumento. Co sinxelo que é chegar ó destino sen arrodear. Hai que ser directos... pim, pam, pum e xa está. Todo o demais é matemática podre.

Que por que non escribo algo serio? Se agora mesmo teño un ricto tan serio que mesmo semella que teño cara de ferreiro. Pois síntome máis falso ca nunca. O meu é sorrir, inventar e esaxerar. Esaxerar: presentar ou dicir [algo] facéndoo máis importante ou máis grande do que é. Ou sexa, seriedade dobremente seria.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Xoves, 13 de xullo de 2023

viernes, 4 de agosto de 2023

O NIÁGARA EN BICICLETA


Recibín unha invitación para cruzar o Niágara en bicicleta. Seguro que foi o puto Juan Luis Guerra! Mal sabe el que eu non sei andar en bicicleta. Pero non penso decepcionalo. Marchei correndo a un lugar deses nos que venden aparellos que circulan e preguntei por un triciclo. Tiña que empezar de cero. O vendedor pensou que era para un neto. Por vergonza, non o desenganei.


Durante unhas cantas mañás e algunhas tardes (quéirase que non, o sol non é bo para a miña saúde e estaba a quentar de carallo) practiquei coma se fora un cativo. Menos mal que ninguén me vía. Claro que xa intentaba practicar por pistas acochadas. Non tardei en quitar a rodiña esquerda de apoio e confeso que caín por varias veces. Como volvín caer cando quitei o apoio dereito. Que me fagan caer as dereitas xa me alterou (perdón, foi un inciso).

Resumindo, que trompazo tras trompazo conseguín manterme medianamente ben, en pé. Penso que xa estaba preparado para cruzar o Niágara en bicicleta. Antes, aínda me apuntei ó Tour de Francia e... E que queredes que vos diga, quedei nun honroso posto 131, dos 135 que rematamos.

Chegado o día pillei o avión con destino á fronteira de Canadá con Estados Unidos. Alá estaba, efectivamente, o gran Juan Luis Guerra e, logo das presentacións cos seus correspondentes abrazos, collín a bicicleta sen marca, encomendeime á virxe dos Milagres, alá polo concello de Baños de Molgas, e dei as primeiras pedaladas. Non tardei en afogar, claro. Porque tampouco sabía nadar. Puto Juan Luis Guerra e o seu Niágara en bicicleta!


Cafetaría Urgencias. Ourense. Xoves, 13 de xullo de 2023

jueves, 3 de agosto de 2023

FLOTANDO EN POSICIÓN DECÚBITO SUPINO


Aboiei a dous metros de altura coa calma dun bo espertar. Era o meu aniversario. Era primavera no Corte Inglés, é dicir, era primavera, un abril de primavera. E nunca sentira tal emoción. Nin o día que me tirei desde o campanario da igrexa da miña vila. Nin o ano no que a felicidade preñara a miña alma. Vese que cando floto, floto a conciencia.


Ese día de primavera nin me mareei. A ver, notar que estás flotando a dous metros xustos en posición decúbito supino é para marear a calquera. Pois non, eu emocioneime! Sentinme mago por un día e tan de mañá cedo. O de mañá cedo enténdese que eran as seis da madrugada. Non tiña porque madrugar tanto, pero quería aproveitar o día do meu aniversario. E menos mal que na vila non temos Corte Inglés. Ir ó Corte Inglés non é coma ir ó monte coas vacas.

A dous metros de altura (nin un centímetro máis, nin un centímetro menos) xa é unha distancia considerable do chan. E en posición decúbito supino! Que se en calquera momento deixaba de flotar, seguro que partía a columna vertebral.

O problema chegou cando quixen aterrar. Quería preservar as costas. Quería pasar ben o aniversario e, co tempo, achegarme ó Corte Inglés. Non sei se foi polos desexos, pero o caso é que aterrei moi avagariño sobre a cama na que durmira. Eran as seis e media. Botara media hora flotando na calma dun bo espertar.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Luns, 10 de xullo de 2023

miércoles, 2 de agosto de 2023

BERROS


Rachei o silencio cun berro. O silencio racha con ruído, con calquera ruído. Berrei polos que se foron e polos que quedan. Mellor polos que quedan. Os que se foron non saben xa nada de silencios nin ruídos. Berrei por entre os toxos e cando compango no medio do xantar. De cando en cando, berro porque me apetece. Síntome ben cando berro.


Agora mesmo berro polo que non sei e polo que está por vir, polas carreiras que realicei e polos momentos de nugalla. Berro polo punto que vai sobre a i e polo punto final. Por este é polo que máis berro, porque significa que remato, que acabo, que alcanzo a meta, cando, na realidade, me gusta correr sempre.

Rachei o silencio cun berro e todo se volveu ruído. Hai berros que esgazan os sentimentos e berros que choutan desde a Perla Negra ata o mesmo océano. Hai berros nos que o poema se espalla en versos e en cada verso hai un salouco que doe, que manca, que sangra.

Esgacei o silencio cun berro que se esparexeu polas corredoiras da memoria. Desa memoria na que se gardan momentos inmensos e eternos. Por cada instante, un berro. Por cada momento, un anhelo. Hai berros que despegan do máis fondo e aterran nese silencio no que todo é sosego. Agora o sosego rachou en centos de soños de nostalxia ante a potencia do berro, dese berro que se espallou polos capítulos da novela, desta novela.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Luns, 10 de xullo de 2023

martes, 1 de agosto de 2023

PASTOR DE OVELLAS


Quixen estudar para físico nuclear e son pastor de ovellas. Dunha ovella tan só. Ando día e noite detrás dela polos montes de Baños de Molgas. Xa nos coñecemos tan ben que nin ela precisa de beados nin eu necesito berrarlle. Moitas veces chéganos coas olladas ou cun simple aceno meu para executar as accións que lle mando. É moi obediente e eu quérolle moito. Ela compénsame refregándose contra as miñas pernas.


De cando en vez sigo lendo temas relacionados coas bombas de neutróns, por exemplo, pero a maioría do tempo o emprego en analizar as cagalleiras da Lucinda para adiantarme ás súas enfermidades. Si, unha cagalla dela ben estudada descobre todo un mundo. E, si, púxenlle nome e chámolle Lucinda. Foi o primeiro que se me veu á cabeza. Agora mesmo estou pensando en Dionisia, pero xa está. Non lle vou andar cambiando o nome porque si. Non quero poñer tola á miña ovelliña.

Non son especialista en física nuclear, pero xa non me importa. Son feliz coa miña ovelliña e incluso o pasamos ben. Cando vexo que xa paceu o suficiente, poñémonos a xogar: ela pegando brincos e eu escachando coa risa. Canto máis río, máis chouta ela. É unha marabilla! Ó marchar para a casa vén detrás miña coma unha bendita. Non dorme á miña beira porque tampouco quero que se lle suban as miñas amabilidades á cabeza. Tampouco eu me apodero no seu espazo no cortello no que a gardo pola noite. Non son físico nuclear; son o pastor da miña ovella.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Domingo, 9 de xullo de 2023