viernes, 8 de septiembre de 2023

AS CHANCAS


Cada vez que tardo en conciliar o soño polas noites (moitas veces), recoñezo que neses momentos a miña cabeza ferve. Nun deses instantes veume á cabeza o nome dun daqueles grupos musicais dos anos oitenta, creo: No me pises que llevo chanclas. Confirmado: creouse en 1986.


Como a miña cabeza fervía, non tardei en darlle volta á tortilla: Písame que levo chancas. As chancas. Que calzado! Si, hoxe moi bonito visto en fotos ou en escaparates de zapatarías e mesmo véndollas a alguén levándoas. Pero as chancas, na miña infancia, que se usaban para o monte e para os traballos labregos, eran un auténtico calvario. Si, moi quentes pero, cando se mollaban e cando o coiro da empeña se puña duro, cando se “encartiloxaban” era unha crucifixión meter os pés nelas. Axiña mancaban de tal maneira que os dedos ou calcañares non tardaban en encetarse. Un dos remedios que había para que o coiro non se puxera coma un penedo, era untalas con graxa ou unto, para que a humidade, o orballo esvarase por elas.

O de usalas, mellor aínda, o de telas é un dicir. Os que podían. Non todo o mundo podía ter chancas. Compralas nas feiras era caro. Facelas os zapateiros era caro. Lembro a meu pai facendo unhas que... non sendo zapateiro... Xa sabemos o que pasa con eses “manitas” sen experiencia. As chancas eran moi chulas, moi bonitas e moi útiles os primeiros días. Ata que se mollaban. A partir de aí saían feridas nos pés por todos os lados. Porque, para máis aquel, os calcetíns estaban máis que rotos.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Martes, 29 de agosto de 2023

miércoles, 6 de septiembre de 2023

UN RESUMO MOI SINXELO


O resumo da miña vida é fácil, sinxelo: nacín, vivo e... morrerei. Xa está. Para que quere a xente saber máis? Todos durmimos, erguemos, estudamos ou traballamos ou facemos o parvo, para rematar durmindo outra vez e volta coa ladaíña. Un día detrás doutro. Uns viven mellor, outros peor e outros nin tan sequera saben que están a vivir. Ó final morremos todos e, xa de mortos, que máis dá. Ó morto que lle importa o que veña por detrás. E aínda que lle importe, nada pode facer.


Na miña vida sempre hai un antes e un despois de cada cousa, de cada tempo. E que? A quen lle importa? Se alguén ten interese, que pense na súa propia vida, na que tamén haberá un antes e un despois de cada acción. A maioría das veces complicámonos de máis. Cando todo se resume niso: nacer, vivir e morrer.

Algúns escriben libros a esgalla para deixar constancia dos seus actos ó longo da vida. Seguro que tan só serán recordados polo nome ou alcume, polo lugar no que naceron e na forma de morrer. Nada máis. Tanta loita, tanto esforzo para un simple: morreu (ás veces nin dicimos o nome) o fillo de tal, que casara no quinto inferno, etcétera.

Outros pregoan as súas tarefas con orgullo e sorriso dentífrico, cando na realidade será recordado porque cometeu aquela falcatruada no ano da pera. E todos metemos a pata ata no bulleiro máis espeso. Ante todo isto, quedade con este epitafio: nacín, vivín e... morrerei. Un resumo moi sinxelo.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Luns, 28 de agosto de 2023

martes, 5 de septiembre de 2023

A CULPA É DO GALO


O galo espertoume de mañá cedo. Eses bichos sempre madrugan máis que ninguén. E eu teño un mal espertar. Adoito andar a golpes cos soños, con aqueles que tiven durante toda a noite. Foron varios. Como tamén teño un mal durmir, durmo por varias veces e sempre se soña. Ó espertar intento lembralos todos, e como non recordo moitas cousas, axiña me alporizo e braceo tanto que sempre acabo rompendo obxectos.


Chámome José Souto Penedo, pero todos me chaman Pepe. Así, a secas. Penso que son o único habitante de todo o concello e de toda a comunidade autónoma que non ten ningún alias, ningún alcume. Son O Pepe. Iso si, o fillo dos Troiteiros. Tanto meu pai coma miña nai, logo de arar ou cavar nas leiras, marchaban todas as noitiñas cara ó río Arnoia e andaban “á cachea”. Só collían troitas. A xente, que é lista, non tardaron en bautizalos. Eu, como non destaco en nada, non lles dou opción para que me bauticen de mala maneira.

Claro que se chegan a ver os meus espertares, ó mellor non tardan en buscar algún alcume apropiado. Repito, a xente é lista. En principio chámanme O Pepe. Vaia carallada, cando na realidade son José.

Tamén é certo que tan axiña como me lavo, como mollo a cara, estou xa coma unha rosa, apto para iniciar un novo día e aguantar todo o que me boten por enriba. A miña primeira medida do día sempre é a mesma: intentar matar ó puto galo. Non se deixa pillar.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Domingo, 27 de agosto de 2023

lunes, 4 de septiembre de 2023

ENSINANDO LINGUA KUNGALIANA


Debido a que dentro duns días chegará ó noso planeta unha delegación galáctica, con maioría de extraterrestres do planeta Kungala (o planeta do meu amigo alieníxena), a Escola Oficial de Idiomas convocoume a un parladoiro para que lle ensinase ós políticos locais e provinciais algo da lingua kungaliana.


Aceptei de contado porque a lingua dese planeta que está máis alá do infinito é tan sinxela que tan só consta de tres palabras: igggi para dicir si, igggo para dicir non e úngala, que significa depende.

Todo o demais baséase en abaneos de cabeza e acenos coas dúas extremidades. Chamarlles brazos ou mans a estas é unha temeridade. Certo que, en cada moneo ou xesto, deixan escapar algo así como un uuhhh. Algunhas veces un eehhh; moi semellante ó noso saúdo cando entramos nun ascensor, por exemplo. Non obstante, xa o teño comentado: sempre me entendín ben, moi ben co meu amigo.

A proba é que, en vez de buscar calquera outro punto de aterraxe coa súa nave, decantouse, como non, pola Pitediña, en Baños de Molgas. De aí que as autoridades sexan tan só locais e provinciais. Dependendo logo da xuntanza, optarán, ou non, por reunirse con máis terrícolas.

Aínda así, témolle algo ó parladoiro cos políticos. Sabemos da intelixencia destes e non todos están capacitados para aprender esas tres simples palabras. Principalmente a de depende. Eles son máis de si ou non, ou sexa, ordeno e mando. Vou entrar á primeira clase e que sexa o que Deus queira.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Venres, 25 de agosto de 2023

domingo, 3 de septiembre de 2023

FORZA DE VONTADE


Teño a forza de vontade dun cabalo ou máis paciencia aínda que o Job ese dos tempos antergos, dos tempos bíblicos. O 27 de xullo de 1976, o mesmo día que esculpín o escudo do Real Madrid nun penedo de Barricobos, optei por presentarme todas as madrugadas, ás tres, e sentar nese penedo durante media hora, ata que se me presentase o lobo, polo menos a dous metros de distancia. Levo 47 anos con esa espera, con esa rutina.


Todas as noites, antes de deitarme, poño a alarma para as dúas e media, para poder estar sentadiño xusto ás tres, nin un minuto arriba nin un minuto abaixo. Tamén é verdade que, ás tres e media en punto, ergo do penedo. A miña forza de vontade foi e é tan grande que, en momentos claves da miña vida, nunca deixei de asistir ó encontro. O encontro co lobo, claro. E nada. O maldito coma se me presentira, coma se me cheirara. Seguro que me cheira.

Nesas noites de lúa vella, nesas nas que a claridade é tan grande que, por momentos, se ve coma se fora de día, alcanzo a ver algún lobo na distancia, pero nunca ningún se achegou nin a dez metros. E iso que ouleo coma eles, intento poñer postura deles e deitarme coma eles, pero nada.

Non cansarei. A miña forza de vontade segue e seguirá. Todas as noites. Ás tres. Nese penedo. Coma se pasan outros 47 anos máis. Malo será que en algunha madrugada non se presente o licántropo.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Xoves, 24 de agosto de 2023

sábado, 2 de septiembre de 2023

NO ECUADOR DAS NOVENAS


Dicir Os Milagres é dicir as novenas. Para un servidor tamén é dicir colexio, dicir estudos, dicir infancia e dicir xuventude. Pero, si, hoxe toca falar tan só das novenas. Estamos xusto no ecuador delas. Empezaron o 30 e nestes cinco días as estradas da contorna foron un ir e vir de peregrinos, andando e en coche, para cumprir cunha tradición... relixiosa, social ou, simplemente, tradición. Onte, por ser domingo, o bulicio de xente foi constante. Os domingos das novenas xa case ou sen case son os días nos que máis xente se achega ó santuario do Medo, en Baños de Molgas, máis incluso que no Rosario das Antorchas e que no propio Día 8.

Máis xente ós domingos, si, pero máis bonitos e máis impresionantes os dous últimos días: o día 7 por ese rosario e o día 8 por ser o propio día da Virxe e polo remate das novenas.


Aínda que para todos os habitantes da contorna hai tamén outro día especial: o do Rosario da Aurora. Ese no que, por días, unha ou algunhas parroquias saen de mañanciña en peregrinación ó santuario, co cura rezando o rosario e, cos veciños, algúns, facendo que o rezan.

O día 7 foi, é e será sempre a noite máis espectacular e marabillosa de todo o evento relixioso. Empezará o rosario ás 11 da noite e coa Virxe en procesión pola explanada. A fermosura chegará cos milleiros de velas e cirios acendidos na noite. En cada misterio sempre hai un momento no que os frades pedirán que se ergan, que se alcen as velas ó ceo molgués para que o espectáculo sexa aínda máis brillante, máis resplandecente. Rematado o rosario, como non, chegarán os foguetes ou fogos artificiais que, ó ser de luces, farán que as exclamacións saian de boca en boca.


O día 8, o día da Virxe, esta volverá dar unha voltiña pola explanada e as velas (aínda que as haberá) substituiranse polos panos brancos que, tamén, cada pouco, os frades mandarán erguer e bambear para que a devoción baile relixiosamente sobre uns sentimentos que, si, para uns serán máis fortes que para outros, pero que, cada un, cada quen, á súa maneira, sentirá, notará un algo que o emociona. Son momentos nos que, aínda que non se crea moito, aflixen e emocionan. Quedan cinco días, dos que, os dous últimos, son os máis importantes. Aproveitémolos. Aproveitádeos. Paga a pena.


Finca Fierro (Barbadás). Mércores, 30 de agosto de 2023

viernes, 1 de septiembre de 2023

EN PLENA CANÍCULA


Pois si; Satiro Suárez Recaedro foi desde Ramiras ata Vilela pola sombra. Cunha poda na man. Ás tres da tarde. En plena canícula. Satiro, O Fervuras, era un pouco así botado para adiante. Non lle tiña medo a nada. A proba é que ten tractor, ten rozadoira, ten toda a maquinaria agrícola habida e por haber, pero el é de sacho, poda, fouciño e gadaña. E non lle importa poñerse a rozar en plena canícula. Agora mesmo baixa para Vilela, en Castrelo de Miño, pola sombra, iso si, pero baixo un sol de carallo.


No medio do camiño, e aínda que este é curto, nin tan sequera un quilómetro, senta ó pé dun piñeiro para acender un cigarro. Non tarda en erguer o cu porque cae na conta de que a sombra dos piñeiros nin é sombra nin nada que se lle asemelle. O piñeiro case bota aínda máis calor que o propio sol. Ármase de valentía e segue costa abaixo.

Chega á finca suando xa coma un carneiro. Nada lle mete medo. Ó primeiro golpe de poda contra unha acacia -que de mimosa non ten nada-, xa bufa. É igual; el dálle que dálle ata que esgaza o tronco. Nun último golpe, córtaa por completo. Deixa escapar un leve sorriso e bótalle a man a outra. Nun dos golpes, unha condenada silva rabúñalle todo o brazo dereito. O Fervuras acórdase de quen se ten que acordar e os xuramentos retumban por todo Vilela.

Da cara de Satiro xa non se sabe se é suor o que cae pola súa faciana ou se é o regato de Señorín, na mesma parroquia de Macendo. Pero el, tumba que dálle ás mimosas, e ás silvas, e ás cepas vellas, e ós fentos. En plena canícula. Baixo un sol de carallo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 21 de agosto de 2023