jueves, 9 de noviembre de 2023

SENSACIÓNS


Cando botei a andar deume a sensación de que non me movía; máis ben que flotaba. Nin unha cousa nin outra... corría coma un galgo, aínda máis que un galgo. Corría á velocidade dun lóstrego. Nese momento caín na conta de que Supermán, ó meu lado, sería un sapoconcho galáctico. Hai que dicir que cando me poño, póñome. Non son dos que digo as cousas e, logo, miro para os biosbardos. Actúo. Actuei sempre. Si, con algo de esaxeración, pero actuei sempre.


Lembro unha vez que quixen imitar a Mad Max facendo do monte Medo o meu deserto particular e buscando gasolina por entre as xestas, piornos, codesos e piñeiros. O único que atopei foi unha impotencia de tal magnitude que de Mad Max pasei a Iron Man. Non conseguín dar nin dous pasos. O carallo da armadura pesaba o triplo ca min.

Como dicía ó principio que corría tanto, nun amén cheguei ó planeta de Kryptón, onde me fartei de esperar polo pánfilo de Supermán, que, como dixen, era máis lento que unha tartaruga. Cando chegou saudeino pero burleime del pola súa lentitude. Volvín ó planeta Terra a tal velocidade que non ten explicación. Porque en vez de correr, boteime de cabeza. Aterrei no pararraios da igrexa de Baños de Molgas.

Hai que borrar todo o que escribín. Tanta parola, tanta lapexada, tanta leria e a realidade estaba na primeira sensación: que non me movía, non me movín. Seguía no portal da casa e, o peor, que agora si teño a sensación de que durmirei á intemperie.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 7 de novembro de 2023

martes, 7 de noviembre de 2023

DOUS LARETAS E O NARRADOR


Son as cinco e cuarto da tarde. Unha hora menos en Canarias, díxolle Gumersindo a Gervasio. Ou sexa, as catro e cuarto, entendiches? Os dous están tomando un café na Valenzá (La Valenzana, para os renegados) e dándolle á lingua. Á nosa lingua, tanto para os dous protagonistas coma para o narrador. Ollo ó dato; este tamén conta.


Fóra chove. Isto dio o narrador. Gumersindo Suárez e Gervasio Outomuro míranse ós beizos porque non se sabe moi ben quen fala máis e máis rápido. A Gumersindo chámanlle O Metrallas porque cospe palabras a gran velocidade. A Gervasio chámanlle O Laretas porque, aínda que poida que non fale tan rápido coma o seu veciño e compañeiro, tamén está sempre tumba que dálle ás palabras. Cando se xuntan os dous, coma agora, hai algo así coma feira.

E nas Canarias case sempre hai bo tempo, foi agora Gervasio o que lle falou a Gumersindo. Si, iso din; nunca estiven alá, contestou o compañeiro. Aquí chove, son eu o que digo agora. Eu son o narrador, xa sabedes. A ver, de cando en vez, gústame meterme nas conversas dos demais. Para que saiban tamén que existen máis seres humanos. Dous laretas xuntos igual pensan que só existen os dous.

Agora son xa as cinco e media da tarde. Unha hora menos en Canarias, onde non sabemos se nestes momentos chove ou reina o sol. Aquí chove. E así o deixo escrito desde unha cafetaría da Valenzá (La Valenzana, para os apóstatas). Os dous amigos erguen da mesa e o narrador marcha. Para que non se diga que non estamos na mesma historia, no mesmo relato.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 3 de novembro de 2023

lunes, 6 de noviembre de 2023

NENOS


Deixade que os nenos se acheguen a min. E achegáronse. Vaia se se achegaron. A centos. Que digo a centos... a miles! Gústanme os nenos, pero ós poucos minutos xa tiña a cabeza coma un bombo. Falaban todos á vez. Berrando. Sen parar. Canta felicidade e canta inocencia xunta. Porén, a miña cabeza xa non distinguía dunha risa a un berro, dun berro a unha queixa.


O asunto íaseme das mans. Optei por contarlles contos e pouco a pouco calaron e atenderon. Faleilles dos tempos floridos e das economías somerxidas. Debuxeilles arados de pau e non sabían distinguir un sacho dunha aixada. Caro lles custaba saber o que era un burro e unha vaca. Conteilles o conto de como se rozaba un carro de toxos e como certos mortos poboaban as cunetas. Faleilles da batalla do Ebro e das ruínas de Teruel.

Ante semellante esperpento, non tardaron en desfilar. Algúns botando xa pestes ou poñéndome de volta e media e outros máis aburridos que un sapoconcho co bandullo cara a arriba. Eu seguín dálle que tumba con temas que sabía que non entenderían. A miña cabeza, ós poucos, empezou a sentirse libre. Aínda que non tardei en botalos de menos. Ós nenos. Gústanme os nenos; ver as cousas que fan, e xogar con eles. Con dous ou tres. Cun formigueiro deles ponse un tolo.

Cando quedei só estudei a posibilidade de correr detrás deles para non quedar coa soidade rabuñándome a alma. Por veces non sei o que desexo e o que quero. Ou si... quero ser neno!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 2 de novembro de 2023

sábado, 4 de noviembre de 2023

PREDICAR NO DESERTO


O gran acontecemento da semana pasada foi, sen ningunha dúbida, a xura da Constitución da princesa Leonor. Por encima incluso do xenocidio palestino. Da guerra de Ucraína xa non digo nada porque xa hai tempo que non nos chama a atención. Sobre tal evento, sobre tal xura aínda non lle oín a ninguén queixarse dos gastos que tiveron que resultar desa trangallada nacional. O mesmo podo dicir do fastoso, pomposo ou suntuoso desfile das forzas armadas no día da Festa Nacional.


Por medio de cartas ó director, por medio de artigos de opinión, por medio de editoriais periodísticas, por medio das redes sociais e por medio das parolas de bar case iniciamos unha guerra (dialéctica si que a houbo) por culpa dos raquíticos gastos dos putos pinganillos a causa do uso das linguas oficiais ou cooficiais (dependendo de quen escriba e desde onde escriba) no Congreso dos Deputados. Porén, e repito, sobre eses dous eventos (máis que patrióticos), non lin nin vin nada en contra en ningún dos medios que citei.

Xa sei que todo iso é como predicar no deserto. Aquí, no noso país, interesa máis a fastosidade que as propias necesidades de cada un, ou de cada Comunidade Autónoma. Pómoslle peros a un coio no camiño e gabamos a inmensidade dun penedo que non nos deixa pasar. Así somos.

Outra das novas que me chamaron a atención -e esta teño que recoñecer que dolorosamente- foi saber da poxa do balneario de Baños de Molgas. Toda unha institución na miña vila. É máis, dicir Baños de Molgas é dicir o balneario e a burga; máis incluso que a ponte vella ou ponte romana. Hai que salientar que por ese balneario pasaron tantas personalidades políticas, culturais, científicas, etc que darían para centos de documentais ou moreas de libros de ensaio e biográficos.


Sobre o poder e remedio das súas augas non era moco de pavo cando, precisamente, esas personalidades volvían unha e outra vez coas súas doenzas. Ata os pobres labregos, que non tiñamos oportunidades (económicas desde logo que non) para os baños do balneario, si sabiamos do beneficio das augas: iamos á burga meter as feridas das mans causadas por algunha fouce e, a cura, acaecía máis cedo que tarde. Oxalá que quen o adquira o empregue para beneficio dunha vila que sempre se miraron de fronte, a vila e o balneario.


Finca Fierro (Barbadás). Sábado, 4 de novembro de 2023

QUE NON SE PARE A MUNDO!


Respiro para non afogar. Canto para non estar calado. E bailo por non estar quieto. Sempre hai que facer algo. Se non fago nada é coma se o mundo se detivera. Que desgraza, que se deteña o mundo! Claro que, tal como se move, case sería mellor que se parase.

Coa pequena culleriña remexo o café. A flor do toxo debúxase no cristal máis fermosa que nunca. O ceo está tan negro que, dun momento a outro, pode descargar. Confío en que me deixe chegar á casa. Ando sen paraugas. Alertan de moita auga. O que significa que o río Arnoia volverá facer das súas ó seu paso por Baños de Molgas. Claro que, nesa vila, para desbordarse o río, chega con que caian catro pingas de orballo.


A cantante Buika quere volver; e, eu, dentro dun cacho, quero marchar. Así é a vida: un continuo movemento. Cando a vida non se move, non queda outra que lanzar un requiescat in pace triste e solemne. Non deixemos que a vida se deteña, que nin tan sequera se estanque. A canción de Buika non se detivo e a vida segue con Tom Jones.

Ás tres e media da tarde os coches pasan e, por sorte, sigo respirando. Non canto, pero escribo, que tamén é unha forma de quedar calado. Non bailo, pero movo as pernas ó ritmo do tema musical de Radio Futura. Sigo a facer algo... a contemplar a flor do toxo. Segue o mundo a moverse. Si, case dan ganas de exclamar: paren o mundo que baixo. Porén, os heroes non nos desanimamos nunca. Seguimos dálle que dálle á vida en todas as direccións.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 1 de novembro de 2023

viernes, 3 de noviembre de 2023

O MUNDO ESTÁ PERDIDO


O mundo está perdido. O mundo non é o xardín do Edén. O meu sogro estaba case sempre coa ladaíña esa de que “estamos perdidos”, polo que eu non tardaba en contestarlle cun “xa nos encontraremos”. Ás veces é difícil, moi difícil. Encontrarse, digo. Porque hai tantos camiños inútiles, cegos, sen saída que nos perdemos en lilainas, en trangalladas.

O mundo está perdido. Acaba de saír un informe do Defensor do Pobo no que case 500.000 mil vítimas padeceron abusos deses corvos que predican o sexto mandamento. Sabemos todos da existencia pederasta da Igrexa, pero faciamos de oídos xordos, porque... quen se mete coa Igrexa?


O mundo está perdido. Calculan que Rusia perdeu entre 150.000 e 190.000 soldados en Ucraína. Para que? Por un puñado de metros cadrados? Por un maínzo de territorio? Por unhas arrobas de ansias de poder? Putas fronteiras!

O mundo está perdido. As dereitas aínda máis. Se incluso o PP canario invita ós seus compañeiros a que vexan un desembarco de inmigrantes para que se compadezan un pouco. Se solicita isto parte dun partido que, en ocasións, se mostra mesmo bastante xenófobo, hai que imaxinar como chega esa xente a territorio español. Aquí, en vez de axudalos, xa os catalogamos de terroristas.

O mundo está perdido. En Estados Unidos seguen as matanzas porque a todos os seus habitantes se lles deixa ter armas. Sinceramente, estes non me dan tanta pena. Estes si buscan e atopan as súas propias desgrazas.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Sábado, 28 de outubro de 2023

miércoles, 1 de noviembre de 2023

LECTOR DAS LECTURAS


Estou lendo un libro no que, dous capítulos, os encabezan as lecturas que se realizan na Eucaristía, ou sexa, a primeira lectura e a segunda lectura. Nese momento tiven un chispazo: os momentos aqueles nos que, eu, de rapaz, lía unha ou as dúas lecturas na misa, en Baños de Molgas. Fíxeno moitas veces, moitos domingos e festivos. Porque me gustaba ler e, por que non, para presumir un pouco ou para chamar a atención. Todos temos en algún instante ese egocentrismo que se nos sobe á cabeza.


Pero despois de cincuenta anos ou máis, tal chispazo debeuse máis ó presunto orgullo da miña nai. Nunca pensara niso; no punto de vista de miña nai. Ata hoxe. Que pensaría miña nai (co relixiosa que era) cando me vía instalado xunto ó altar e lendo para todos os da parroquia? Agora mesmo imaxino que sentiría un orgullo “celestial”. A calquera nai se lle inflan as fazulas, se lle inchan as meixelas vendo coma un meniño seu destaca ou intenta destacar en algo.

Eu, non obstante, pasábao mal. Porque era un cagadiño, moi tímido e tíñalle pánico a algún erro na lectura. Mais penso, intúo que se subía ó estrado sería para que me vise aquela nena que me gustaba ou aquel amigo inseparable co que, máis tarde, poder presumir.

Emporiso, sigo alucinado co detalle ese de que nunca pensara (nunca) no presunto orgullo de miña nai. O único pensamento foi sempre tan simple como o de... de cando en vez ou bastante a miúdo, lía as lecturas na misa. Nada máis. Nunca pensaba en que me vira o me escoitara miña nai.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Domingo, 22 de outubro de 2023