sábado, 9 de diciembre de 2023

A DESORDE HUMANA


Xa teño dous temas futbolísticos máis para esta columna semanal, pero non hai maneira; sempre aparecen outros asuntos que están máis á orde día. E por esta vez, a culpa segue a ser toda dese tal Netanyahu, que continua arre que dálle ó exterminio de Gaza.

A maiores, e entendendo que unha guerra case sempre (ou sempre) a forman os homes e loitan, maioritariamente, homes; ó final, quen as paga, son as mulleres e os nenos. Nesta guerra actual coa que nos está acostumando ese bicho raro, sete de cada dez mortos son mulleres e nenos. Coma sempre, pagando o pato con sangue, suor, dolor e morte os que, case se pode dicir, saben menos das guerras.


E sigo dicindo que a ver quen lle tose a Benjamin Netanyahu. Como dicía a semana pasada, quixo tusirlle un pouco o noso presidente Pedro Sánchez e o israelí xa se alporizou de carallo. Agora tocoulle a quenda a António Guterres, porque este seica quere impulsar un alto o fogo en Gaza. Ó secretario xeral da ONU, e por se non lle quedaba claro, tamén lle saíu rosmón os Estados Unidos. Normal, os dous países... xa o dicía aquel: Deus críaos e, eles, xúntanse.

Como Estados Unidos tamén di arre, pois a ver quen frea agora as ganas de xenocidio de Netanyahu. E non fai falta opoñerse de palabra que xa nos simples xestos dalgunhas concentracións en diversos países, estas son prohibidas ou máis que vixiadas. Non vaia ser que se ofenda a ese país xenocida e ó seu pai putativo.

Tamén hai outro país que, a maiores de estar en guerra (Rusia), quere cometer actos que, hoxe en día, xa é imposible entender. Resulta que varios cargos rusos piden que as mulleres rusas, non perdan o tempo na universidade, que, elas, viñeron a este mundo tan só para procrear, ou sexa, para parir. E todo porque seica hai crise demográfica nese gran país. Se piden isto, normal que rexeiten categoricamente o aborto.

Máis sobre a desorde da mente humana. Unha edil de Vox simula dispararlle a outra socialista en Moncada, unha vila de 2.000 habitantes a 14 quilómetros de Valencia. En detalles destes, de pasar á xente polas armas, xa lle teño incluso medo a certas dereitas, imaxinade se tal acción procede de Vox. A estes téñolle pánico. Como está o mundo!


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 9 de decembro de 2023

jueves, 7 de diciembre de 2023

A BADANA


Hai uns días, saíndo dun supermercado da Valenzá, non sei por que se me deu por insultar mentalmente a alguén coa palabra badana, a badana. Eu mesmo quedei un pouco pampo cando me dei conta da palabra que acababa de usar. Creo que desde que venderamos as vacas (en 1986, xa choveu) non a volvera usar e incluso ata me atrevería a dicir que nin oír. Porque, eu, a badana sempre a asimilei ás vacas.


Segundo o RAG (o dicionario da Real Academia Galega), badana ten dúas entradas ou aceptacións. A primeira di que é a pel curtida de carneiro ou de ovella, de baixa calidade, que se emprega para forrar outros obxectos de pel, para encadernar, etc. A segunda entrada di que é a pel que cae pola parte de abaixo do pescozo do gando vacún. E pon de sinónimos barbada, barbadela, papada, papeira, papo. Como expresións, o dicionario sinala correr a badana e zurrar a badana. O meu insulto mental versaba sobre isto precisamente, o de zurrar a badana. Non sei, a alguén imaxinario o ameacei con zurrarlle a badana. Aínda que tamén lembro de rapaz que diciamos moito o de estirar a badana. “Vouche estirar a badana”, en referencia, claro está, a zurrar.

Pero, canto tempo levaba sen saber nada desta palabra. Foi nomeala mentalmente e, zas, os recordos lanzáronse coma lóstregos á época de andar no monte coas vacas e, como non, andar arando ou cos carros de toxos, ou simplemente co gando na corte. Recoñezo que a badana sempre foi unha parte do animal, da vaca que máis me gustaba, polo seu bambán ó andar.


Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 7 de decembro de 2023

martes, 5 de diciembre de 2023

O PARAPENTE


Practiquei o parapente sen saber moi ben o que era. Simplemente me tirei ó baleiro desde as vías do tren da ponte das Cepas, a uns 50 metros, para aterrar sobre as augas do río Arnoia. Realmente aterrei xusto sobre a punta dun penedo. Non rompín a perna de milagre. Digo a perna porque a punta era tan aguda que non collía nada máis; só un pé, neste caso, o dereito.


Non obstante, tiven a mala fortuna de que, ó momento de caer, xa esvarei. Iso si, puiden agarrarme con forza ó penedo. Mellor aínda, abraceime ó penedo. Así levo sete días e seis horas. Xa non sinto nin as pernas nin os brazos. As pernas, de levar tanto tempo na auga fría. Os brazos, de abrazarme ó penedo. Nin o Rambo aguantaría tanto. Eu, aquí sigo.

Iso si, levo sete días e seis horas berrando en intervalos de dous minutos. Nada. Quen carallo me vai oír, se por aí non pasa xa ninguén. Agora nin tan sequera o tren. Se alguén se achega de visita turística a algún muíño dos arredores, o ruído da auga do Arnoia fará case imposible a audición. Porén, confío. Confío en que alguén se desvíe dos carreiros habituais e me escoite.

Entendo que por pouco tempo máis poderei seguir berrando, xa que me estou quedando afónico, rouco. Facede a operación matemática: cada dous minutos durante sete días e seis horas, e atinaredes cos berros emitidos. De cando en vez esbardallo sobre o parapente, pero isto non me salva. Só me queda aguantar e non afogar. É que, para máis carallos, non sei nadar.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 1 de decembro de 2023

lunes, 4 de diciembre de 2023

O USO OU NON USO DOS MÓBILES


Andan os colexios e os pais a voltas co uso ou non uso dos móbiles por parte dos rapaces. É complicado o asunto. Os móbiles e Internet son bos sabendo usalos. Pero non lle podes pedir a un rapaz que o use só para os estudos. Se ten o móbil intentará usalo para os seus xogos e as súas mensaxes.


Non meus tempos de rapaz non había móbiles, pero metía as novelas do Oeste por debaixo das pernas e mentres o cura ou o profesor ou a monxa explicaba a lección, un servidor estaba coa cabeza gacha seguindo a peripecia do artistiña de seis pés e medio de alto que puña no seu sitio ós ladróns de gando ou asaltantes de bancos de Texas ou Wyoming ou Colorado.

Agora ferven os móbiles coas mensaxes por guasap ou mesenller ou instagram. Nos meus tempos esgazabamos a gorxa berrando por uns amigos e por outros, polas casa e polas airas. De novo nestes tempos, chamas a un amigo, quedas con el e, xa xuntos, cada un atende ó seu móbil.

Nos colexios, se se permiten os móbiles sempre se buscarán a vida, ou sexa, a trampa, o engano para usalos máis alá dos seus auténticos cometidos. Prohibilos? Sinceramente, non sei. Para certas materias son uns marabillosos aparellos que mesmo son útiles e divertidos para os estudos. O que dicía... sabendo usalos. O que sigo repetindo: non lle podes pedir a un rapaz ou mozo que deixe de manipular nel. A min mandábame a nai só para o monte para que estudase, pero eu buscaba a forma de xuntarme cos demais amigos e veciños noutro monte.


Bar Paco (O Vinteún). Ourense. Xoves, 30 de novembro de 2023

domingo, 3 de diciembre de 2023

NON SE LLE NEGA A NINGUÉN


Díxenlle adeus a aquel co que me crucei. Cando se di adeus é porque, un ou outro, marcha. Ou os dous. Si, ás veces tamén se lle di a un grupo ou mesmo a unha multitude. Pero sempre porque alguén marcha.

Un saúdo ou unha despedida non se lle nega a ninguén. Eu polo menos intento non negarllos, a non ser que estea tan despistado que se me pase. Que todo pode ser. Eu, por saudar, ata saúdo a aqueles que non quero ou non debería saudar. Intento facelo sempre só que sexa para amolalos, para xiringalos. Recoñezo que o fago con mala intención, pero non quero recuar ante o lema de non lle negar a ninguén o saúdo.


O saúdo debería ser enérxico, sen medo, sen vergonza. Un ola, un que hai, un que tal, un que pasa, un como vai... con forza e serenidade! Que non nos saia con voz de pito. O mesmo digo das despedidas... adeus, deica logo, chao, abur, deica mañá. E aquí tamén se pode soltar algo así coma unha broma: marcho pola sombra (cando chove), marcho a ver se me mollo (cando hai sol), marcho para Cachamuíña (cando vou para calquera lugar). O de Cachamuíña é unha ladaíña que me gustou sempre. Porque me gusta o nome de Cachamuíña. Certo que con esta despedida despisto a moitos; pensan que realmente largo para esa aldea do Pereiro de Aguiar. Ás veces chega cun sorriso ou cunha gargallada para deixar caer que o de Cachamuíña é un dicir, unha despedida.

Saúdo ou despedida, despedida ou saúdo, lembrade, non se lle nega a ninguén. A ninguén.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 30 de novembro de 2023

sábado, 2 de diciembre de 2023

EXTERMINIO HUMANO, EXTERMINIO LINGÜÍSTICO


Tiña intención de falar de fútbol, máis en concreto dos afeccionados ó fútbol, pero os acontecementos semanais, principalmente os da guerra de Israel, fanme cambiar o tema. E iso que xa denunciei varias veces tal guerra, tal xenocidio, pero é que o Netanyahu ese segue dálle que dálle ás súas animaladas. Mentres o exército israelí descansaba por un lado (nesa prórroga acordada con Hamás), atacaba por outro, a Cisxordania. Tivo que atacar porque, segundo propias palabras de Benjamin Netanyahu, “se non se loita contra os bárbaros, ganarán”. Pois case ten razón... hoxe deberían os demais países occidentais atacar a Israel porque xa se demostrou que son moito máis bárbaros que os terroristas de Hamás.


Quen se atreve a atacar a Israel? Quen lle busca as cóxegas ou quen lle cata as pulgas a Estados Unidos? Aínda que é verdade que non fai falta poñer de escusa ós ianquis, cando a nosa dereita española xa se alporizou unha barbaridade porque Sánchez, o presidente do Goberno, insinuou que Israel non estaba a actuar ben. Agora ese país xenocida semella que quere romper relacións co noso, algo que, claro, sería moito peor que unha irritación para o señor Feijóo. Eu, sinceramente, clamo a Deus para que se rompan. Non quero saber nada dun país que fai de Gaza un campo de concentración. Todos sabemos o que é un campo de concentración.

Xa non vou dicir nada máis do que xa dixen con respecto á comunidade internacional (de que mira para outro lado), porque é verdade que sería como predicar no deserto. Tan só queda aguantar e sufrir cos palestinos unha situación que vai máis alá da propia guerra. Iso é un exterminio sabido, escrito, falado e televisado.


E remato con outro exterminio: o lingüístico. A Real Academia Española da Lingua acaba de admitir unha morea de palabras novas nas que entran, faltaría máis, algún anglicismo. Isto dáme pé para criticar unha vez máis a aqueles que case arman unha guerra polo uso das linguas de España no Congreso dos Deputados. Seica era como tirar a casa pola ventá por culpa dos “pinganillos”. Cando resulta que a maioría dos “renegados” enchen os seus escritos e as súas expresións con anglicismos e sen importarlles que estes, non só invadan as linguas minoritarias, senón incluso a esa lingua que tanto aman e defenden. Mesmo os propios medios de comunicación, nos seus titulares!, xa usan os anglicismos a darlle cun saco. De pena.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 2 de decembro de 2023

viernes, 1 de diciembre de 2023

DAQUELA


Daquela souben que todo estaba aí: o carril da bici nun camiño de carros, o pararraios no fondo do pozo da Pillamadoira, a flor do toxo no campanario da igrexa de Baños de Molgas, a nostalxia no calo do pé esquerdo, unha bágoa, tan só unha no título dunha canción, un fouciño colgado da lareira, os chourizos espallados polo pinallo dun carro, un gol entrando por unha canastra, Supermán aterrando na Perla Negra e un espello cheo de bafo deixando intuír un corpo de muller espido, nu. O silencio asenta na algarabía dos meus pensamentos.


Daquela souben que o meu universo si é finito e que o soneto non leva máis alá de catorce versos. Ninguén debería nunca imaxinar que, de cando en vez, chove no deserto ou que as rulas non coñecen nada máis que as gaiolas nas que dormen. Saber, iso si, que despois do día chega a noite e que un vestido azul bambea, cimbra sobre un corpo de muller perfecto. Non todos os saloucos saen do mesmo peito nin todas as argolas serven para reter os becerros. Que chova ou que deixe de chover, sobre o ruído adáptase, axústase, acomódase o silencio.

Daquela souben que a melancolía é o pracer de estar triste; dicía aquel. E o tempo pasa amodiño cando na realidade a tartaruga pega un esprinte polo parque das Mestras. E entre carballo e carballo, entre pedra e pedra a morriña deixa caer a corna sobre a almofada do silencio. Ó final todo é silencio en todo o que estaba aí: no carreiro que se volve estrada, no sacho que fai de aixada, na esperanza que quere traspasar o bafo, na lúa nas súas catro fases e na esaxeración nunha tinta que caeu sobre un papel en branco. Daquela todo acaba.


Café Beker. Ourense. Martes, 28 de novembro de 2023