domingo, 7 de enero de 2024

O MEDO DA CHUVIA


Saín á rúa e vin o ceo tan gris, tan gris que estaba completamente escuro. A tarde case semellaba noite pecha. Chovía a mares. Pero o que me deixou coa boca aberta e abondo preocupado foi que non me mollaba. E iso que saín sen paraugas nin con cazadora de capucha. Vestía un simple abrigo de cor azul.

A xente recollíase baixo os balcóns, baixo os impermeables, baixo os paraugas e mesmo baixo as árbores, por moito que se diga que o que está por debaixo da folla dúas veces se molla. Eu non me mollaba e andaba a ceo aberto. Mirábanme raro, claro. Eu mesmo tamén me notaba raro. Porque non sabía o que estaba a sucederme. Cheguei incluso a pensar nesas películas de ciencia ficción nas que se simula unha cúpula de cristal ou algo semellante; mais a miña película era real, era a vida patas arriba.


Algúns quixeron preguntarme e preguntáronme que como facía. Estendían os brazos e as mans intentando atoparse con algo que me cubrise das pingas de auga. O asombroso de todo era que conseguían tocarme sen topar con nada e, non obstante, sobre as súas mans si chovía. Eu tamén alucinaba, claro. Non sabía o que estaba a pasarme.

Total, que empezaba a asustarme. Si, moi bonito non mollarme, pero o asunto era máis que raro. Nin son mago, nin son beato, nin son científico e moito menos meteorólogo. Porén, ten que haber algo, teño que ter algo para que a chuvia me teña medo. Non lle atopo outra explicación: que me ten medo. Eu feliz, pero xa cunha ansiedade que me amoca, que me fai suar de angustia. De todas formas, tiro para adiante e... sen mollarme.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 4 de xaneiro de 2024

sábado, 6 de enero de 2024

SÓ SE SALVABA O TURRÓN


Acabouse o que se daba. As vacacións ou estas festas de Nadal. Que, para un servidor, xa non son o que eran. Normal. O tempo pasa e todo cambia. Na miña infancia, o Nadal era máis festa relixiosa, na que aínda non existía o Papá Noel e nin tan sequera o Apalpador. A Noiteboa era para a familia e o Nadal porque nacía o neno; nada máis. Recoñezo que, eu, á Noiteboa sempre a esperaba con ansia por aquilo de que podía comer turrón. Aclarando, por suposto, que comía turrón se nolo mandaba a tía Euma (Emma) desde Éibar, desde o País Vasco, que, por sorte, mandábao case todos os anos. No paquetiño viña algo máis que o turrón, pero a min só me interesaba este doce. No case ese que fallaba, entón si, entón nin turrón nin nada; pasabamos a Noiteboa a velas vir, ou sexa, co da casa, co de todos os días. Ó día seguinte, ó ir á misa, e se tiñamos turrón, sempre deixabamos un cacho para comelo antes de entrar á igrexa, ou sexa, para presumir un chisco... que tiñamos turrón.


Na Noitevella, e con respecto ó turrón, entenderase que había que reservar algún. Aínda que, esta noite, e cando a nai nos deixaba, iamos comer as uvas e escoitar as 12 badaladas ó bar de costume. E tan axiña como estas rematasen, un chisquiño máis de parola e, ale, para a casa. Non fose o demo que a Lola aparecese cunha acha na man.

Segundo esperaba con ansia a Noiteboa, o dos Reis, máis en concreto, o día 5, era xa un día no que se pensaba desde semanas antes. Porque o día 5, pola noite, era cando se cantaban os Reis. Lembro que iamos para o monte e estabamos desexando que chegase a noite para saír polas rúas de Baños de Molgas para darlle ás panxoliñas e ganar as primeiras cadelas, que, por suposto, ían para mercar os Peninsulares ou os Celtas. Había que fumalos todos para non ir cos sobrantes para a casa. Igual os podía ver a Lola e...

Esa noite tamén deixabamos as chancas no balcón (é un dicir, pois sabiamos sempre que non caería a bicoca) e á mañá seguinte, efectivamente, aparecían tesas ou molladas; sen nada. Á mañá seguinte era o propio día de Reis. Quizais o peor día para un servidor. Porque ó ir á misa, os demais nenos tamén querían presumir cos seus agasallos e, claro, o mundo víñaseme encima e o pensamento de miseria pegábaseme á pel durante moitos días. Agora penso con nostalxia naqueles tempos, pero o Nadal era un quero e non podo. Só se salvaba o turrón.

ASÍ DE AUTÉNTICO


Levanto a cabeza a deixo caer a mirada nun punto calquera. Deixo que pase o tempo. O tempo está gris, case como a conciencia. Non espero nada do berro seco que me lanzan. Sigo cos biosbardos sobre o asfalto, e sabendo que un leve suspiro aloumiña a miña pel. Ás veces quero ser un verso solto e reflíctome na matrícula dun vehículo. Tan só escribo poesía cando a miña alma está perdida. Hoxe está viva.

Quero ir e vir, marchar e volver. Quedo quieto. Coa ollada perdida e cos latexos zumba que dálle contra un espello. Son así de auténtico. Ou de pinga de auga caendo no deserto. Son como a flor de toxo: da cor do desexo, da cor da ansia. Aínda que a conciencia siga gris. Que alguén tire a primeira pedra para dicir que ten a conciencia limpa.


Déixome caer polo bambán do seu pelo e aterro de pé para compoñer un soneto. Un soneto no que o verso solto entra con calzador; pero entra. Nel intento rimar o silencio co albedrío e os seus ollos co seu sorriso. No último verso esgazo o poema enteiro. A rima non me convencía. Volvo ser un verso solto. Sigo, entón, coa ollada perdida e deixando que o tempo pase.

Por esta vez, o tempo pasa e nada cambia. Que é raro. Porque cando o tempo pasa, todo cambia. Estou a formar un nobelo por culpa duns versos ou dalgúns comentarios incertos. Quero sentar á súa beira, no sofá, e aí tan só hai silencio. Alguén me lanza outro berro seco: esperta do teu soño, fogar de Breogán! Non me queda outra que deixar atrás os biosbardos e seguir coa ollada a matrícula que pasa. Marcho na procura dun espello para que a conciencia me devolva a miña alma. Agora si que xa todo cambia.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 3 de xaneiro de 2024

Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 6 de xaneiro de 2024

viernes, 5 de enero de 2024

QUE AGUANTE O GOLPE DO BÚMERANG


Ás veces hai declaracións que se transforman en búmerangs, eses aparellos que, ó tiralos, volven ó lanzador. Igualiño que o que lle pasou á ex alcaldesa de Pamplona, Cristina Ibarrola, cando confesou que antes de apoiar a Bildu, prefería limpar escaleiras. E tal como o dixo, notouse ás leguas que collera tal oficio, tal profesións, tal tarefa en plan denigrante, ou sexa, miserable (Por certo, miserable poida que si, pois non creo que estea moi ben pagado).


Antes de botar a boca a pacer, a lista da muller esa debería saber que en todos os edificios ou casas ou vivendas ou fogares ou domicilios ou moradas se limpan as escaleiras e que, por suposto, alguén ten que limpalas, cobrando e sen cobrar. Como uns limpan a merda dos porcos e outros a merda das propias persoas. E a ninguén se lle ocorre pensar que os celadores ou auxiliares de enfermaría teñen uns traballos denigrantes. Máis ben son uns traballos agradecidos.

A pasmona esa tivo que pensar antes no colectivo ese da limpeza das escaleiras que, en conciencia, deberiamos levantarlles un monumento. Hoxe poida que non sexa un traballo tan escravo como era de antigo. Nel, moitas mulleres converteron os seus xeonllos, as súas costas e as súas almas nun inferno, principalmente ó final das súas vidas. Todos sabemos que os excesos físicos, a longo andar, acábanse pagando. E tal como se fregaban antes os solos e as escaleiras era peor que subir de xeonllos ó monte Calvario.

Tamén, con esas declaracións, Cristina Ibarrola dá a entender que se meteu na política para ganar cartos de forma fácil, sen traballar moito, sen sacrificio, sen esgazar os xeonllos nin escarallar as costas. É normal que, agora, reciba críticas a esgalla. Agora que aguante o golpe do búmerang.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 3 de xaneiro de 2024

jueves, 4 de enero de 2024

A CASA


O dicionario da Real Academia Galega, na súa segunda aceptación -das catro que ten-, di que fogar é a casa familiar. En definitiva, a casa. Porque penso que moi pouquiñas veces usamos o termo fogar para dicir onde vivimos. Quen se leva a palma é casa. Vivimos nun piso e sempre dicimos que marchamos para a casa. Mesmo se usamos un exemplo futbolístico é a casa a que conta. Cando un equipo xoga no seu propio terreo, no seu propio campo de fútbol, dicimos que xoga na casa. E se o fai fóra: xoga na casa de...


Todo está na casa. E como a casa non hai. É máis, non hai como a primeira casa. Podemos vivir en Australia, nunha das súas casas, nunha das súas covas, nun dos seus pisos, cos canguros..., que a nosa casa estará onde nacemos e, polo menos, vivimos a infancia. Din que a vaca non é de onde nace, senón de onde pace. Certo. Pero tamén relativamente. Certo porque, se no momento de nacer, xa a trasladan, vale, é de onde pace. Pero se algúns vivimos, só que sexa a infancia, onde nacemos, creo que esa é e será a nosa alfalfa, a nosa casa, o noso fogar. Sempre.

A casa é algo máis que unha vivenda. É o lugar dos primeiros soños, dos primeiros pasos, dos primeiros recordos, das primeiras palabras e dos primeiros obxectos. A casa é a calor da familia e, si, dos animais tamén. É a morada dos primeiros choros e berros, dos primeiros bicos e sorrisos, das primeiras carraxes e ansiedades, dos primeiros consolos e silencios. A casa é ese lugar ó que sempre queremos volver e do que nunca nos fomos. A casa é onde sempre se quere vivir.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 2 de xaneiro de 2024

martes, 2 de enero de 2024

ANO NOVO, VIDA NOVA


Ano novo, vida nova. Pois si. Noto e vexo que son outro. Non son o de antes, o de hai uns días. O peor de todo é que nin sei como me chamo, nin sei de onde son, nin sei onde vivo. Pregunteille a algúns quen era eu e dixéronme que non me coñecían. Dun ano para outro cambiei tanto que non sei en que me convertín, en que mudei.

Sei que antes escribía versos sobre follas dos loureiros e agora escribo teatro sobre panos vermellos. Dáme que son carpinteiro de pesebres para becerros e, como segunda actividade, un contacontos merdeiro. Claro que isto son intuicións que practicamente non proceden, porque o cambio na miña vida foi tan brusco que penso que nada é real. A ver se vou estar soñando!


Non, non estou soñando. Fago actos que facía antes (tomo café, escribo -aínda que agora mesmo non é teatro nin poesía-, vexo como chove, escoito o ruído dos coches, etc.), pero o gran problema é que sei que non son o que era. Que son outro. E non consigo atoparme con ninguén coñecido para preguntarlles polo meu nome. Para máis aquel, ando sen documentación. Aparecín da noite para a mañá no corpo dun estraño. No meu mesmo corpo, pero sentíndome tan estraño, tan alleo que sigo dicindo que son outro.

Ano novo, vida nova. Antes goldraba os ríos dunha beira á outra e agora pásoos deslizándome polas gallas dos amieiros coma un Tarzán sen taparrabos. Antes sentíame can de palleiro e agora son gavela de toxos para estrar o cortello. Ano novo, vida nova; e a miña está encerellada, enleada, enredada nun feixe de pensamentos, de incertezas. De descoñecemento. Non son eu. Son outro. Ano novo, vida nova.


Café Míster Lois. Ourense. Martes, 2 de xaneiro de 2024

lunes, 1 de enero de 2024

AS INXUSTIZAS DA IGREXA


O meu amigo Aquilino, ese que se enfada cando o chamo algunhas veces e, si, mátolle a cabeza cos meus ruxerruxes, foi el o que me chamou o outro día e, sen saudar nin nada, empezou a esbardallar contra a Igrexa, a causa dunhas declaracións do bispo de Ourense, nas que comentaba que a amnistía famosa esa, era unha inxustiza. Foi a partir desta última palabra cando entrou a matar comigo.


Que o arrepiaba moito que a Igrexa falase de inxustizas. A Igrexa!, me berraba Aquilino. Que non me fai falta falar da Inquisición nin dos abusos a menores para saber das inxustizas deles. Que lembro as veces que lles había que axudar ós cregos das parroquias a sementar as patacas, por exemplo, e logo a apañalas e sen nada a cambio. E todo porque si, ou porque simplemente era o señor abade. Nunca vin nos seus eidos a un rico!, me berrou Aquilino. Sempre eramos os mesmos pombos!

É máis -seguiu-, podo poñer o exemplo do teu propio pai, que lle deixaba o burro para os desprazamentos ó cura de Baños de Molgas e, logo, este, seica nin lle daba un carroucho de millo ó pobre animal. Mentres o Pulido (era boa persoa, pero...) andaba a cabalo do voso burro, teu pai cargaba con feixes de nabos ó lombo... coma un burro!, seguía a berrar Aquilino.

Fala a Igrexa de inxustizas! Ti mesmo tes comentado moitas veces o “asalto” co que acometían as casa o domingo de Pascua, que coa escusa de bendicilas, había que lle ter preparada a canastra, a cesta coa, como mínimo, media ducia de ovos que, por suposto, deixaba de vender túa nai, cando precisamente todo se vendía para subsistir. Mira, é que non me estás vendo, pero teño o corpo estarrecido desde que souben desas declaracións. A Igrexa! Pois si que topamos con ela... E, sen máis, colgoume. Este Aquilino...


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 29 de decembro de 2023